NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 1-3 CVAA LLARS MUNDET
(26-28, 18-25, 25-23, 22-25)-(Superliga 2 Masculina)
Axustada derrota do Náutico ante o CVAA Llars Mundet |
A Cachada viviu o pasado sábado a última tarde de festa desta primeira temporada do Náutico na categoría de prata do panorama voleibolístico nacional. O rival era o actual campión da Copa Príncipe, o barcelonés CVAA Llars Mundet. Moi intensos e concentrados comezaban a disputa os de Emilio Palacio que, cunha extraordinaria presión dende a liña de saque conseguían frear as embestidas dos potentísimos atacantes cataláns. Os tempos técnicos eran favorables ós nosos (8-4, 16-13) pero o bloqueo-defensa dos de Toni Alemany e a maxistral dirección do colocador internacional e ex CAI Voleibol Teruel Sergi Arranz revertían a situación chegada a vintena no luminoso. Despois de desperdiciar algún punto de set os boirenses cedían ante o poderío físico visitante e perdían a oportunidade de golpear primeiro nesta batalla. Os ánimos locais víronse moi afectados tras esta derrota parcial. Agora eran os da cidade condal os que conseguían esa vantaxe de 3-4 puntos que lles permitiría desenvolver todo o seu repertorio cun nivel de confianza elevado. A muralla catalana seguía a facer dubidar ós atacantes branquiazuis e a actuación do seu oposto Ignacio Calderé (22 puntos) axudaría sobre maneira a colocar un duro 0-2 no tanteador do feudo boirense. Lonxe de baixar os brazos e demostrando unha vez máis a coraxe deste equipo o Náutico reaccionou. Aferrándose ó traballo en equipo conseguirían da man dun atinadísimo Narciso Abalo (22 puntos cun 45% de efectividade) recurtar distancias nun final de set de infarto no que o respetable volveu a conectar co equipo. Tal esforzo pasaría factura entre os nosos e os cataláns volverían a tomar a manixa do encontro no 4º set para pechar un encontro no que foron superiores. A calidade en facetas de reconstrucción dos cataláns foron chaves. Os 14 puntos directos de bloqueo, a capacidade de Sergi Arranz como director e a contundencia ofensiva foron demasiado para un Náutico que a semana que vén viaxa a Castellón coa intención de pechar o curso cun triunfo. Consulta a estadística do encontro aquí. Polo Náutico xogaron: Iván S., Narciso A., Cristóbal Á., Manuel P., Jesús V., Mario I. e Adrián A. (líbero). Tamén xogaron Ismael M., Fran D., Emilio Palacio, Gustavo R. e Miguel Vázquez.
MEXILLÓN DE OURO VB RIANXO 3-1 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(25-20, 25-21, 27-29, 25-9)-(2ª Div. Autonómica Masculina)
Diego Romero, baluarte ofensivo do Redesyl |
O derbi rexional deparou a derrota do noso equipo filial masculino ante os rianxeiros do Mexillón de Ouro. Excepto no 4º set, foi un encontro sumamente igualado onde a resolución chegaba sempre máis alá do punto 20. Xa se sabía de antemán que os ataques do ex Boiro Voleibol Marcos Figueira e de Brais Tubío serían a baza sobre a que os rianxeiros apoiarían o seu caudal ofensivo pero o xoven bloqueo boirense non sería quen de facelos dubidar case que en nigún momento do choque. Do Redesyl, composto case na súa totalidade por xuvenís, cabe destacar a extraordinaria aportación ofensiva do oposto Diego Romero, o prometedor debut do amiense Marcos Alvite e a volta ás convocatorias de Xian Pérez trala súa lesión de nocello. Os de Adrián Alves, tras esta derrota, marchan en 6ª posición. Polo Redesyl xogaron: Ismael M., Diego R., Marcos A., Adrián G., Lois V., Fran D. e Felipe R. (líbero). Como reservas estaban Andrés M., Xian P., Pablo R., Juan O. e Dani G.
XAV CAMBADOS 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(15-25, 19-25, 12-25)-(2ª Div. Autonómica Feminina)
XAV CAMBADOS 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(28-26, 10-25, 14-25, 21-25)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)
O saque móstralle o camiño ó JEALSA en Cambados |
A gran xeira de resultados do noso primeiro equipo feminino continúa. Desta volta a víctima foi o XAV Cambados, equipo que sufriu nas súas propias carnes a contundencia do servicio das de Mario Iglesias e confirmou o bo estado de forma que atravesan as féminas do Boiro Voleibol. Foi un encontro frío, falto de ritmo e onde a inercia foi suficiente para que as nosas regresaran do Salnés cos dous puntos da vitoria que as mantén 5ª na táboa clasificatoria desta 2ª División. Tan só en tramos do segundo parcial reaccionaron as locais que, aproveitando a falta de continuidade na recepción do JEALSA, chegaron a estar por diante no ecuador do mesmo. O resto do choque foi un monólogo das visitantes, que non tremeron para pechar o encontro con autoridade cun parcial de 12-25. Polo JEALSA xogaron: Carla O., Mariana D., Rebeca G., María T., Katy S., Alejandra G. e Paula R. (líbero). Como suplentes estaban Ángela T., Sheila P., Laura M. e Sheila O. (líbero)
XAV CAMBADOS 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(28-26, 10-25, 14-25, 21-25)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)
As xuvenís teñen a tiro a 6ª praza |
Vitoria das xuvenís que dirixe Mario Iglesias no feudo do faroliño vermello desta LGXF. As de Mario Iglesias tardaron en tomarlle o pulso ó choque. A liña de recepción, na que debutaba a cadete Lea Gatbache como líbero, comezaba o encontro dubitativa e mostrando unha desconfianza que se traducía en vitoria parcial para as locais chegando a salvar un balón de set para as nosas. A partires de aquí o encontro mudou de textura. O servicio boirense deu un golpe enriba da mesa e devolveulle ás branquiazuis a iniciativa do partido. Sara Bugallo e Katy Sampedro foron as principais responsables de desmoronar por completo a construcción local, encarrilando deste xeito a vitoria nas tres seguintes mangas. A próxima fin de semana o EMEVÉ visita Boiro en calidade de líder, duro exame para as nosas. JEALSA: Sara B., Isa G., Sara C., Katy S., Alejandra G., Antía S. e Lea G. (líbero). Como reserva estaba a cadete Laura P.
MEXILLÓN DE OURO VB RIANXO 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(15-25, 14-25, 16-25)-(Liga Galega Cadete Masculina)
Daniel Olveira ataca ante o apoio de Rubén Martínez |
O JEALSA deu un pasiño máis hacia a final a catro do Cpto. Galego. O rival, o Mexillón de Ouro, pouco puido facer ante o xogo dos nosos que para este encontro contaban coas baixas de Gabriel S., Antón S. e Pablo N. A calidade do servicio boirense sería o principal protagonista no Municipal de Rianxo.Os locais non podían facerlle fronte ós envíos dos nosos dende os 9 metros,situación que marcaría o camiño da vitoria para os de Adrián Alves. Malia non contar con xogadores cadetes na convocatoria os nosos souberon sobrepoñerse e volver cos dous puntos no peto. A próxima semana agarda a visita do EMEVE (2º clasificado), que vén de derrotar nesta xornada ó que ata agora era o líder invicto da categoría (Voleibol Dumbría). Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Daniel O., Christopher R., Darío O., Álex V. e Pablo D. Tamén xogaron Manuel T. e Borja S.
XAV CAMBADOS 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-20, 18-25, 15-25, 21-25)-(Liga Galega Cadete Feminina)
Vitoria en Cambados antes de recibir ó líder |
Vitoria das cadetes que dirixe Emilio Palacio diante do equipo que marcha en último lugar desta LGCF. O encontro arrancaba con moi malas sensacións, ó igual que rematara o infantil poucos minutos antes. A recepción boirense non estaba atinada e a nosa colocadora Lea Gatbache tiña moitas dificultades para elaborar o xogo ofensivo do JEALSA. Deste xeito as locais adiantáronse no luminoso de O Pombal e colocaban a primeira pedra para o triunfo final. No segundo set o guión do encontro mudou por completo. A regularidade dende a liña de saque, a maior intensidade defensiva e a extraordinaria actuación en ataque da infantil Paula Vázquez porían a salvo os dous puntos dunha vitoria moi necesaria antes de recibir o vindeiro sábado ó líder da categoría, o EMEVÉ. Polo JEALSA xogaron: Lea G., Ada V., Paula V., Sara T., Laura P., Laura O. e Irea T. (líbero). Tamén xogaron Laura S., Lía V. e Marta S.
CV XAV CAMBADOS 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-14, 25-21, 25-16)-(Liga Galega Infantil Feminina)
As infantís caen en Cambados |
Mal encontro das infantís que caeron prácticamente sen presentar batalla ante un equipo ao que aventaxan en 4 triunfos e 2 postos na táboa clasificatoria. Os erros non forzados foron o principal escoio das de Emilio Palacio en terras do Salnés. Os fallos de saque e ataque, sumados ás imprecisións na liña de recepción, foron unha peaxe demasiado cara que o JEALSA non puido pagar e a posteriori lles custaría o partido. Este era o panorama que as locais non desaproveitarían para facerse coa súa terceira vitoria no que vai de ano. A vindeira semana visita A Cachada o EMEVÉ de Lugo, inmediato perseguidor das nosas na fase regular desta Liga Galega Infantil Feminina. Dura semana de traballo nos agarda, ánimo. Polo JEALSA xogaron: Ada V., Marta S., Paula V., Verónica P., Lía V. e Laura O. Como reservas agardando a súa oportunidade atopábanse Sara T., Luciana V. e Irea T.
Ningún comentario:
Publicar un comentario