NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-1 CLUB VIGO VOLEIBOL
(25-17, 20-25, 25-23, 25-20)-(Superliga 2 Masculina)
O Náutico queda cos 3 puntos en xogo no derbi |
Triunfo boirense neste derbi da Superliga 2 Masculina diante do Club Vigo Voleibol que viviu o debut do cadete Christopher Rodríguez co primeiro equipo e o regreso á Cachada do central noiés Pablo Suárez. Os do sábado foron 3 puntos moi traballados que lles sirven ós de Emilio Palacio para seguir aspirando a ese 4º posto que dá dereito a xogar Copa Príncipe. No arranque o Náutico mostrouse intratable. A presión exercida sobre a liña de recepción olívica e os puntos de ataque de Gabriel del Carmen (21) e Xian Pérez (14) desencadearon no luminoso unha ampla vantaxe coa que se pecharía a primeira manga. Na reanudación os de Suso Penedo reaccionaron. O seu cambio de saque mellorou sobre maneira e a actuación do oposto Nathan Matos (21 pts) foi a culpable principal. Os 9 erros non forzados cometidos polos nosos nesta manga serían unha lousa demasiado pesada que colocaría o empate no tanteador xeral. No 3º set viviríamos o que podemos denominar como momento decisivo do choque. Logo de ir dominando sempre 3 puntos por diante e colocarse en disposición de pechar o set cun favorable 23-20 no marcador, dous bloqueos directos dos vigueses equilibraban a balanza e facían pender o desenlace deste xogo dun fío. Definitivamente dous erros consecutivos en ataque dos visitantes daríanlle a vitoria parcial ó Náutico. A partires de aquí só houbo un equipo sobre a cancha da Cachada. Un comezo fulgurante de 4º set guiado polo acerto en servizo e ataque levaría ós nosos a gozar de rendas tales como un 10-4 ou un posterior 17-9. Co 24-17 no luminoso os vigueses apretaron os dentes para sembrar o nerviosismo en campo boirense pero despois de malgastar 4 balóns de partido conseguirían os nosos anotarse esta importante vitoria que pode servir como empurrón anímico de cara o final desta primeira ronda da competición. Consulta nesta ligazón a estadística oficial do partido. Polo Náutico xogaron Iván S., Xian P., Gabriel Del C., Cristóbal Á., Mario I., Pablo S. e Adrián A. (líbero). Como reservas estaban Ismael M., Fran D., Manuel P., Christopher R. e Germán R.