NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-1 CLUB VIGO VOLEIBOL
(25-17, 20-25, 25-23, 25-20)-(Superliga 2 Masculina)
O Náutico queda cos 3 puntos en xogo no derbi |
Triunfo boirense neste derbi da Superliga 2 Masculina diante do Club Vigo Voleibol que viviu o debut do cadete Christopher Rodríguez co primeiro equipo e o regreso á Cachada do central noiés Pablo Suárez. Os do sábado foron 3 puntos moi traballados que lles sirven ós de Emilio Palacio para seguir aspirando a ese 4º posto que dá dereito a xogar Copa Príncipe. No arranque o Náutico mostrouse intratable. A presión exercida sobre a liña de recepción olívica e os puntos de ataque de Gabriel del Carmen (21) e Xian Pérez (14) desencadearon no luminoso unha ampla vantaxe coa que se pecharía a primeira manga. Na reanudación os de Suso Penedo reaccionaron. O seu cambio de saque mellorou sobre maneira e a actuación do oposto Nathan Matos (21 pts) foi a culpable principal. Os 9 erros non forzados cometidos polos nosos nesta manga serían unha lousa demasiado pesada que colocaría o empate no tanteador xeral. No 3º set viviríamos o que podemos denominar como momento decisivo do choque. Logo de ir dominando sempre 3 puntos por diante e colocarse en disposición de pechar o set cun favorable 23-20 no marcador, dous bloqueos directos dos vigueses equilibraban a balanza e facían pender o desenlace deste xogo dun fío. Definitivamente dous erros consecutivos en ataque dos visitantes daríanlle a vitoria parcial ó Náutico. A partires de aquí só houbo un equipo sobre a cancha da Cachada. Un comezo fulgurante de 4º set guiado polo acerto en servizo e ataque levaría ós nosos a gozar de rendas tales como un 10-4 ou un posterior 17-9. Co 24-17 no luminoso os vigueses apretaron os dentes para sembrar o nerviosismo en campo boirense pero despois de malgastar 4 balóns de partido conseguirían os nosos anotarse esta importante vitoria que pode servir como empurrón anímico de cara o final desta primeira ronda da competición. Consulta nesta ligazón a estadística oficial do partido. Polo Náutico xogaron Iván S., Xian P., Gabriel Del C., Cristóbal Á., Mario I., Pablo S. e Adrián A. (líbero). Como reservas estaban Ismael M., Fran D., Manuel P., Christopher R. e Germán R.
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-1 FISIOTERAPIA CINESIA NOIA
(24-26, 25-19, 25-21, 25-22)-(1ª Div. Aut. Sénior Masculina)
Xian Pérez destacou en facetas ofensivas no derbi |
Terceira vitoria en tres partidos para o equipo filial masculino do JEALSA. Desta volta a vítima dos de Adrián Alves foi o Fisioterapia Cinesia de Noia, no derbi comarcal da 1ª División Autonómica. Tardaron os nosos en tomarlle o pulso o encontro, como consecuencia disto serían os visitante so que golpearían primeiro na Cachada levándose o set inaugural pola mínima. A partires de aquí foron os boirenses os que levaron o timón do partido en todo momento, tendo no bloqueo-defensa a súa mellor arma. Os puntos en ataque de Xian Pérez e a gran actuación do líbero cadete Darío Outeiral foron as principais credenciais presentadas polos boirenses neste derbi para deixar os 3 puntos en Boiro. A vindeira semana toca visita ó municipal de Dumbría para tentar seguir coa xeira. Polo JEALSA xogaron Ismael M., Xian P., Diego R., Gustavo R., Fran D., Lois V. e Darío O. (líbero). Como reservas estaban Daniel V., Pablo R., Juan O., Naji G. e Félix R.
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 CVP ALIANZA ESPAÑOLA SEGUROS S.A.
(14-25, 28-26, 25-23, 22-25, 11-15)-(1ª Div. Aut. Sénior Feminina)
Dous puntos máis para O JEALSA na mañá do domingo |
Nova vitoria da noso
equipo Senior Feminino nesta Tempada 2015/2016, nun traballado encontro ante un
dos equipo máis fortes da competición. No primeiro parcial, os erros non
forzados do JEALSA e a efectividade no servizo do CV Pontevedra, decantarían a
balanza para estas últimas que se facían cun primeiro set cómodo e sen
dificultades. Lonxe de virse abaixo, as nosas afinarían a puntería da
man de Rebeca González e María Triñanes, principais bazas das nosas en ataque,
que comandarían a igualada do partido nun intenso e emocionante segundo set
(28-26). Como era previsto, a equidade sería unha constante no resto do encontro.
Así pois, grazas ás accións defensivas e a seriedade que faltara no 1º set, o
JEALSA levábase tamén o terceiro parcial pola mínima. O C.V Pontevedra, lonxe
de baixar a cabeza, tirou de esforzo e sacrificio para levarse outro apertado
cuarto set, poñendo o 2-2 no luminoso e condenando o encontro ao tie-break. No quinto, as nosas
saíron moito máis concentradas e non tardarían en gañar unha renda de 4-5
puntos, inalcanzables para as visitantes que cedían o encontro por 3-2. Con este
resultado, o JEALSA sitúase na 6ª praza da 1ª División Autonómica Senior. Polo
JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Paula V.,
Rebeca G., María T., Mariana D., Alejandra G., Alejandra M. e Sheila O.
(líbero). Como suplentes estaban: Paula M., Irea T., Laura P., Sheila P. e Katy
S.
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 CLUB VIGO VOLEIBOL
(25-19, 25-18, 25-4)-(1ª Div. Aut. Xuvenil Masculina)
Os xuvenís non abandonan os postos altos |
Triunfo en tres sets para o noso equipo xuvenil diante do actual campión galego da categoría. Foi un choque que os nosos levaron sen atrancos, desequilibrando a balanza desde a liña de saque e impedindo que os visitantes reaccionasen case que en ningún momento o partido. Tan só as dúbidas xeradas pola relaxación en momentos puntuais fixeron dano ós de Adrián Alves pero de contado se volvía á tónica habitual. Foi no 3º set cando se puido ver a mellor cara dos nosos que, cunha gran xeira de servizos de Ismael Marínez, foi quen de colocar o tanteador nun abultado 17-0. A próxima fin de semana partido contra rival directo no Municipal de Dumbría entre dous equipos empatados a puntos na táboa desta 1ª División Xuvenil. Polo JEALSA xogaron Ismael M., Daniel O., Christopher R., Lois V., Félix R., Álex V. e Darío O. (líbero). Tamén xogaron Rubén M., Borja S., Gabriel S. e Iván G. (2º líbero).
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 2-3 CVP ALIANZA ESPAÑOLA SEGUROS S.A.
(25-16, 27-25, 17-25, 23-25, 10-15)-(1ª Div. Aut. Xuvenil Feminina)
O do xuvenil foi outro de tantos partidos que
na mañá do domingo se tivo que decidir no tie-break. Por iso, non resulta
complicado intuír cal foi a tónica deste encontro. Igualdade e intensidade constantes.
Aínda así, é preciso puntualizar que moitas das xogadoras do equipo xuvenil xa
levaban 10 sets ás costas antes de comezar o partido, pois algunhas delas
formaron parte tamén do equipo cadete e sénior femininos. Deste xeito, a outra
constante do encontro foi sen lugar a dúbidas a fatiga das nosas xogadoras.
Mentres as nosas golpeaban sen maiores complicacións nos dous primeiros sets,
as visitantes non tardaban en demostrar a súa superioridade física no partido.
Deste xeito, sen moitas dificultades, as pontevedresas gañaban terreo en
defensa e en ataque,dominando todos e cada un dos aspectos do xogo e levando os dous sets seguintes con relativa comodidade, mandando o encontro ao
tie-break. Neste, a pesar da vantaxe de 8-2 lograda polo JEALSA, o CV
Pontevedra repoñeríase dende a liña de saque levando o set e o partido por un
10-15. Con esta derrota, o JEALSA sitúase na 7ª posición desta 1ª División Autonómica Xuvenil Feminina. Polo JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Paula V.,
Alejandra M., Lía V., Ada V., Paula M., Laura O., e Irea T. (líbero). Como
reservas actuaron: Luciana V. e Marta S.
Derrota no tie-break das xuvenís |
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 CLUB VIGO VOLEIBOL
(25-23, 25-19, 25-22)-(1ª Div. Aut. Cadete Masculina)
Os cadetes seguen mandando na liga autonómica |
Traballada vitoria do noso equipo cadete que, malia o 3-0, tivo que empregarse a fondo para deixar os 2 puntos da vitoria na Cachada. Os erros non forzados e o gran nivel defensivo mostrado polos visitantes fixeron do 1º o set máis igualado do encontro que caería de lado boirense tras dúas accións ofensivas exitosas. A partires de aquí o dominio boirense foi máis claro. A estratexia proposta desde a liña de saque funcionou ás mil maravillas e os visitantes non conseguían ser nocivos co seu K1 no que restaba de partido. Esta vitoria deixa ós nosos como líderes destacados da 1ª División cadete, na que aínda non cederon nin un set. A próxima semana lévanos a Dumbría para medirnos a unha das canteiras masculinas máis fortes de Galicia. Polo JEALSA xogaron Rubén M., Borja S., Daniel O., Christopher R., Álex V., Juan O. e Darío O. (líbero). Tamén xogaron Mauro M., Manuel T., Sergio C. e Pablo D.
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 CVP ALIANZA ESPAÑOLA SEGUROS S.A.
(25-20, 12-25, 25-21, 14-25, 16-14)-(1ª Div. Aut. Cadete Feminina)
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-1 JEALSA BOIRO VOLEIBOL B
(25-15, 25-23, 14-25, 26-24)-(2ª Div. Aut. Infantil Feminina)
Ningún comentario:
Publicar un comentario