CYL PALENCIA 2016 3-0 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(25-17, 25-22, 25-22)-(Superliga 2 Masculina)
O Náutico non pode co CyL Palencia 2016 |
Dende que o Náutico Boiro Voleibol milita na división de prata do volei nacional, a Selección Española Júnior sempre foi un rival a bater. E así, por terceiro ano consecutivo, a nosa primeira sección masculina dispúxose na tarde do sábado 21 de novembro a traer consigo unha importantísima vitoria, vital para as súas aspiracións copeiras. O comezo do partido foi excelente, todo marchaba segundo o previsto. O K1 funcionaba á perfección, brindando ao Náutico unha vantaxe de catro puntos mediado o 1º set. Non obstante, logo dunha pausa provocada por un choque ente Gabriel e Germán, Palencia faríase arriscadamente forte. Cunha insalvable presión co servizo e un brutal dominio no bloqueo-defensa, os de Benjamín Vicedo levaban un primeiro parcial con relativa facilidade. A partir deste momento, un mesmo patrón rexería o resto do encontro. Os nosos comezan mandando pero de novo, unha e outra vez, o bloqueo pacense condicionábao todo. De pouco servirían os 22 puntos e 50% de efectividade de Gabriel Del Carmen (máximo anotador do encontro), incapaz de liderar aos boirense en dous sets de idéntico resultado. Mais non todo é negativo. A desgraza da derrota sálvaa o triunfo de Playas del Médano sobre Hotel Río Carnaval de Badajoz, rival directo polo 4º posto da SVM2. Ademais do dito, a nota positiva do encontro déixaa a primeira convocatoria do boirense Pablo Nieto nesta competición, debutando contra o seu equipo de formación. Con este resultado, o Náutico Boiro Voleibol pasa a ocupar a 6ª praza da, empatado co Hotel Río Carnaval de Badajoz e os veciños do Intasa San Sadurniño. Polo Náutico Boiro Voleibol xogaron: Iván S., Emilio P., Gabriel Del C., Cristóbal A., Mario I., Germán R. e Adrián A. (líbero). Como reservas estaban: Ismael M., Manuel A., Xian P., Fran D. e Pablo S.
CV RIBEIRA SACRA 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-7, 19-25, 21-25, 18-25)-(1ª Div. Aut. Cadete Feminina)
As cadetes sorprenden ao CV Ribeira Sacra |
Importantísimo triunfo da nosa sección cadete feminina que vencía a domicilio á por aquel entón líder invicta da competición e, de seguro, unha das favoritas a facerse co título desta 1ª División Autonómica Cadete Feminina. Comezaban as nosas con moitos erros e imprecisións que, sumados ao acerto do CV Ribeira Sacra, resolvían rapidamente o primeiro set por un contundente 25-7. No segundo, a entrada en facetas defensivas de Marta Segade e a excelente labor na dirección de Paula Vázquez mudaban as sensacións do JEALSA que, pouquiño a pouco, conseguía tomarlle o pulso ao partido. E así foi como, da man de Paula Mourís e Alejandra Moledo en ataque, as nosas empataban o encontro cun 19-25 no segundo parcial. Esta tónica dominante manteríase ao longo do partido, favorecida pola lesión da colocadora local María, que suporía un baixón anímico das monfortinas incapaces de seguir o ritmo boirense. Deste xeito, con relativa facilidade, as nosas levaron un trascendetal choque por 1-3, sitúandose na loita polos primeiros postos da táboa, empatadas con Pinguela, Liceo e Ribeira Sacra. Polo JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Paula V., Alejandra M., Lía V., Ada V., Paula M., Laura O. e Irea T. (líbero). Como reservas estaban: Laura, Olaya, Sara, Lara e Marta.
CLUB KORBIS 3-0 JEALSA BARRAÑA VOLEIBOL
(25-14, 25-16, 25-7)-(1ª Div. Aut. Infantil Masculina)
O JEALSA Barraña Voleibol segue gañando experiencia |
Contundente derrota do JEALSA Barraña Voleibol contra un duro e sempre complicado Club Korbis. Como en moitas ocasións, o control e presión dende a liña de saque convetíase no aspecto clave á hora de conseguir a vitoria. Desta vez, serían os monfortinos. Así pois, cun notable empuxe dende o servizo, o Club Korbis conseguía facerse rapidamente co control do encontro. As continuas rachas de saque rival, o bo facer en k1 e as imprecisións do JEALSA, condearían aos nosos infantís a unha rápida e contundente derrota. A pesar disto, a melloría partido a partido destes rapaces xa é significativa, pois a falta de experiencia e preparación súplese en gran medida con gañas e unha intensidade que xa quererían moitos equipos. Con este resultado, os nosos sitúanse na 7ª posición desta 1ª División Autonómica Infantil Masculina. Polo JEALSA Barraña Voleibol xogaron: Martín C., Alexis S., Eloy P., David F., Mateo S. e Víctor S. Como reservas estaban: Esteban P., Carlos V. e Pepe G.
JEALSA BOIRO VOLEIBOL B 1-3 IES DE AMES
(21-25, 25-23, 23-25, 19-25)-(2ª Div. Aut. Infantil Feminina)
Primeira derrota da tempada para o Infantil B |
Segundo partido e primeira derrota da tempada para o JEALSA Boiro Voleibol B , que pasa a ocupar o 2º posto desta 2ª División Autonómica Infantil Feminina. A pesar da derrota, o do domingo foi un bo partido das nosas, que mantiveron unha tensa igualdade durante todo o encontro. Non obstante, como xa vimos dicindo, o saque é un factor clave nestas ligas. Quen o domina, por norma xeral, faise coa vitoria. E así foi. O IES de Ames estivo netamente máis atinado dende a liña dos 7 metros, imposibilitando en momentos cruciais a reconstrucción das nosas. Deste xeito, as de Emilio Palacio pouco poideron facer para frear as acometidas a final de set das rivais, perdendo o partido por un combativo 1-3. A vindeira semana, ás 12:00, partidazo na Cachada: JEALSA Boiro Voleibol contra JEALSA Boiro Voleibol B. Polo JEALSA Boiro Voleibol B xogaron: Uxía, Lucía, Alejandra, Laura, Helena e Priscilia. Mentras que coma suplentes estaban: Lucía V., Alba, Cristina e Lucía R.
CLUB KORBIS 3-2 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 20-25, 20-25, 25-21, 15-7)-(1ª Div. Aut. Infantil Masculina)
Os infantís rozan a vitoria en Monforte de Lemos |
Ninguén
pode dubidar da progresión que o JEALSA Boiro Voleibol Infantil masculino experimenta
semana a semana. Estes rapaces medran a pasos de xigante e o camiño quédaselles
pequeno. O do sábado foi un deses partidos para sentarse e disfrutar, toda unha
mostra de gañas, entusiasmo e un facer colectivo que impresiona a calquera. En
fronte estaba o Club Korbis, máis experimentado e fisicamente superior. Na
primeira manga, un gran facer dende a liña de saque sumado á imprecisión do
JEALSA outorgaba aos monfortinos unha “cómoda” vitoria. Na segunda os nosos
repoñeríanse, facendo alarde dun descaro e unha actividade defensiva sen igual.
De novo, como a semana pasada, as accións individuais de Alberto Tubío e Alan
Davila como receptores, e as de Jaime Arjones e Daniel Vázquez como directores
de xogo, comandaban a un colectivo implicado e con ansias de triunfo. Desta
forma, un doble 20-25 adiantaba aos nosos no marcador. O 4º caeu pola mínima e
no tie-break, unha vez máis, o saque foi un obstáculo demasiado pesado para os
infantís que cedían por un axustado 3-2. Polo JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Juan
Q., Jaime A., Jesús O., Daniel V., Alan D. e Albeto T. Como suplentes estaban
Manuel L. e Tomás R.
CV RIBEIRA SACRA 3-1 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(23-25, 25-8, 25-14, 25-15)-(1ª Div. Aut. Xuvenil Feminina)
Complicada visita do JEALSA a Monforte |
Sen dúbida algunha, a cruz do partido cadete. A pesar dun bo e disputado primeiro set que caía por un axustado 23-25 para as visitantes, as nosas non plantaron cara nun partido que perderon de vista moi pronto. Así pois, a falta de intensidade e ritmo condenaba ao JEALSA en tres sets de guión similar cun único protagonista en escena: o CV Ribeira Sacra. Pouco puideron facer as xuvenís, tímidas e faltas de solucións, incapaces de facer dubidar ás monfortinas. Con este panorama, non é difícil prever o resultado final. Un contundente 3-1 sitúa ao JEALSA Boiro Voleibol na 8ª posición desta 1ª División Autonómica Xuvenil Feminina. Para a semana visítanos o CVP Alianza Española Seguros S.A. Polo JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Paula V., Alejandra M., Lía V., Laura P., Paula M., Laura O. e Irea T. (líbero). Como suplentes actuaron: Luciana V., Marta S., Sara T. e Ada V.
SANTA Mª DEL MAR 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(11-25, 15-25, 20-25)-(1ª Div. Aut. Cadete Masculina)
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 A.D. XIRIA ASESORÍA CERVANTES
(16-25, 25-18, 25-18, 21-25, 15-5)-(1ª Div. Aut. Sénior Feminina)
Ningún comentario:
Publicar un comentario