FISIOTERAPIA CINESIA NOIA 3-2 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(25-20, 18-25, 14-25, 25-15, 15-8)-(2ª Div. Autonómica Masculina)
O bloqueo boirense vestíu as súas mellores galas no derbi |
Unha vez máis o derbi da 2ª Autonómica entre noieses e boirenses non defraudou ofrecendo un gran espectáculo ós numerosos espectadores que se achegaron ata o Alonso Rodríguez. O encontro comezaba co Redesyl frío, apagado. Os de Agustín Mourís distanciábanse no luminoso froito das imprecisións en recepción dos de Adrián Alves que dificultaban seriamente a construcción do seu xogo ofensivo. Foi pasado o ecuador do primeiro set cando os branquiazuis comezaron a engranar a súa maquinaria e a convertirse nun equipo competitivo. A reacción sería insuficiente e os locais adiantaríanse por 25-20 nun final de set no que ambos equipos mostraban as súas cartas. No 2º as tornas cambiaron dende o primeiro momento. Cunha gran xeira de saques na rotación inicial do colocador Ismael Martínez o Redesyl conseguiría unha renda que xa non ía perder en toda a manga. Froito da melloría dende os 9 metros o bloqueo do filial boirense comezou a mostrarse máis incisivo tendo como resultado o empate no tanteador xeral do encontro. Na reanudación o Redesyl mantiña o mando. A contundencia en bloqueo permitíalles ós nosos gañar nesta faceta un bo puñado de puntos e a aparición extraordinaria en ataque de Xian Pérez facía deste 3º set un monólogo dos boirenses. A partires de aquí este Redesyl xa non volvería. A falta de fame e un baixón físico considerable convertían ós nosos nun equipo previsible, demasiado hándicap para enfrontarse ó campión da categoría que non tremeu para remontar e quedarse cos dous puntos que outorga a vitoria nun tie-break. Polo Redesyl formaban de inicio Ismael M., Xian P., Fran D., Félix R., Pablo N., Adrián G. e Christopher R. (líbero). Como reservas estaban Rubén M., Daniel O., Dani G., Darío O. e Marcos A.