martes, 19 de maio de 2015

O JEALSA REMATA 3º NA FASE FINAL DA LGCM DISPUTADA EN LUGO:

Foto de cvemeve.com
Tras rematar a fase regular na primeira posición pódese dicir que o combinado que dirixe Adrián Alves non cumpleu a pasada fin de semana coas expectativas despositadas neste noso equipo cadete. Dúas derrotas e unha vitoria, ese é o bagaxe que nos deixa o play-off polo título na LGCM que converteu ós amigos do Voleibol Dumbría nos novos campións galegos. O debut para os boirenses marcou os acontecementos de toda a competición. A derrota por 3-0 ante As Mariñas Oleiros complicaba, e moito, as opcións dos boirenses nun torneo que se lles poñía costa arriba. Un tanto adurmiñados, e totalmente desatinados no que probablemente foi o peor partido de toda a tempada colocaba trala primeira xornada ós oleirenses de Eloy Mahía compartindo liderato cun Voleibol Dumbría que se desfaría do EMEVE tamén por 3-0. Ó día seguinte agardaba un óso duro de roer, o Voleibol Dumbría. Coñecedores da trascendencia do encontro os boirenses melloraron e conseguiron derrotar ós futuros campións por 3-1. Polo mesmo resultado derrotaba As Mariñas ós anfitrións do EMEVÉ, deixando todo por resolver para a última xornada. No primeiro encontro o Voleibol Dumbría non tremía para proclamarse campión cun 3-0 sobre As Mariñas Oleiros. O JEALSA precisaba unha vitoria por 3-0 ante o EMEVÉ para saír subcampión pero a presión por ter que acadar o resultado e un EMEVÉ moi peleón remataría no segundo set coas opcións dos nosos que acabaría cedendo o encontro por 3-2. Consulta tódolos resultados do play-off neste enlace.

venres, 15 de maio de 2015

O JEALSA VIAXA A LUGO A DISPUTAR O PLAY OFF DO CAMPIONATO GALEGO CADETE:

O noso equipo cadete masculino rematou a fase regular do Campionato Galego en primeiro lugar, polo que se gañou o dereito de participar no play-off polo título que se disputará no Pavillón Municipal de Lugo esta fin de semana (16 e 17 de maio). 17 vitorias e 1 derrota é a bagaxe que deixaron os nosos nunha competición na que só cederon a domicilio no Municipal de Dumbría e na que se lle escaparon únicamente 7 sets. O EMEVÉ de Lugo rematou 2º cun gran 15-3 de balance. Os oleirenses de As Mariñas que dirixe Eloy Mahía ficaron na 3ª praza cun 14-4. O Voleibol Dumbría pechou os postos de play-off acadando un balance de 13 vitorias e 5 derrotas. Dos equipos do JEALSA Boiro Voleibol, EMEVÉ de Lugo, As Mariñas Oleiros e Voleibol Dumbría sairá o representante da nosa Comunidade Autónoma no Campionato de España que se disputará na cidade manchega de Cuenca entre o 17 e o 21 do vindeiro mes de xuño. Albíscase un torneo de moi alto nivel pola igualdade vivida durante toda a tempada e polo máis que meritorio 4º posto que acadou a Selección Galega Cadete Masculina no Campionato de España por autonomías. Os horarios para os nosos cativos serán: sábado (10:00h) ante As Mariñas Oleiros; sábado (17:00h) ante Voleibol Dumbría e o domingo (12:00h) ante os anfitrións do EMEVÉ. Tódolos encontros serán retransmitidos en streaming polo que os que non vaiades a viaxar a Lugo poderedes seguir o play-off desde as vosas casas visitando a WEB do Emevé de Lugo. ¡A por todas rapaces!