venres, 27 de xullo de 2012

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE VOLEI PRAIA SUB-15 EN GANDÍA (VALENCIA):

Cartel CEVP sub-15; Gandía (Valencia)
Xa comeza a ser costume ver como xoves deportistas nados no noso club representan a Boiro en campionatos estatales, demostrando deste xeito, o gran traballo que se está a facer cos máis pequenos. Hoxe venres 27 de xullo comeza na localidade valenciana de Gandía o campionato nacional de volei praia por clubes sub-15. Cinco dos nosos guerreiros xa viaxan dende o día de onte camiño do que para moitos será a súa primeira gran experiencia dentro do mundo do voleibol. Rubén, Darío, Pablo, Sergio e Álex representarán ó Barraña Volei Praia en terras valencianas logo de ter acadado o 1º posto no ranking campionato galego sub-15 2012 e a pesares de que todos eles teñen entre 11 e 12 anos. As primeiras pedras de toque para os boirenses serán os combinados de Gandía, Alacante, Illas Baleares e Melilla. Moita sorte rapaces e parabéns polo sacrificio voso, dos vosos pais e familiares e tamén dos vosos adestradores. ¡A por eles!

xoves, 26 de xullo de 2012

ARRANCA NA PRAIA DE COROSO O XII CIRCUITO BARBANZA DE VOLEI PRAIA:

Aumenta cun click
A próxima fin de semana comezará a XII edición do prestixioso torneo polo que todos estabamos agardando, o Circuito Barbanza de Volei Praia. O esceario desta estrea será a praia de Coroso en Ribeira os días 28 e 29 de xullo. Ademais, disfrutaremos doutras catro probas máis: o 4 e 5 de agosto o torneo desprazarase á praia do Ézaro en Dumbria; o 11 e 12 de agosto o turno será para o noso Concello na praia de Barraña; o 18 e 19 de agosto despedirémonos desta edición do CBVP na praia de Cabío, no torneo 24h que se disputa na Pobra do Caramiña. Para rematar e despedir este verán disputaremos o exitoso campionato mixto e de pais e fillos o 25 e 26 de agosto, tendo como protaginista á area de Barraña unha vez máis. Cabe destacar que nesta XII edición do CBVP, as catro probas serán puntuables para o Campionato Galego de Volei Praia e o ranking nacional desta modalidade. Non o dubides máis, anótate e disfruta deste espectacular deporte acompañado do mellor ambiemte posible. ¡Arrancamos!

NOTA: para máis información consulta a web oficial do Circuito Barbanza de Volei Praia na que se poderá atopar información acerca do torneo, galerías fotográficas e datos de inrterese para os usuarios e deportistas.

martes, 24 de xullo de 2012

EN NOME DO BOIRO VOLEIBOL, PARABÉNS PARELLA:

O Boiro Voleibol está de festa no día de hoxe polo enlace de dous membros da súa gran familia. Os protagonistas son o xogador do Náutico Boiro Voleibol Cristóbal Álvarez e a ex do Proboin, a noiesa Luci Paz. En nome do corpo directivo e de todos e cada un dos membros do club desexámoslles a Cristóbal e Luci o mellor dos futuros xuntos. Parabéns!


domingo, 22 de xullo de 2012

ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS DE VOLEI PRAIA 2012:

EDM de volei praia 2012, ¡inscríbete!
Outro ano máis arrancaron as EDM de verán, nas que o volei praia recibe unha extraordinaria demanda por parte dos máis novos da vila. Os técnicos do Boiro Voleibol e do Barraña Volei Praia, a través do Concello de Boiro, recibiron máis de 60 inscripcións nesta emerxente actividade que cada ano que pasa chama en maior medida a atención dos rapaces e rapazas boirenses. Cabe destacar tamén que cada verán recibimos deportistas de máis curta idade, dato que facilita a transmisión de hábitos deste atractivo e saudable deporte. As sesións impártense os luns, mércores e venres de 11:00h-12:30h. na area deportiva da praia de Barraña. Dende aquí animamos a pais e nais a que inicien ós seus fill@s no volei praia, de seguro lles gustará. Aproveitamos tamén para felicitar a Xian P., Ismael M. e Fran D. polo 7º posto acadado recentemente no Cpto. de España de volei praia por clubes sub-17 celebrado en Los Alcázares (Murcia), no que tamén participaron Lois V., Adrián G. e Rubén M. rematando nunha meritoria 15ª posición. Grande ese Barraña Volei Praia.

xoves, 19 de xullo de 2012

SEIS DOS NOSOS, Ó ESTATAL DE VOLEI PRAIA POR CLUBES:

Seis xogadores formados na disciplina das categorías base do noso club e os técnicos correspondentes están de noraboa: Xián Pérez, Fran Dieste, Ismael Martínez, Adrián Gatbache, Lois Vázquez e Rubén Martínez conforman os dous equipos que representarán á nosa vila no Campionato de España de Volei Praia por clubes que se celebrará nos Alcázares (Murcia) a partir de mañá. O dereito a participar neste torneo foi conseguido por ámbolos dous conxuntos tralo éxito acadado nos Campionatos Galegos de categorías inferiores nos que o noso conxunto foi un dos claros destacados. Os xogadores do Barraña Volei Praia xa viaxan dende a mañá cedo para chegar a terras murcianas na tarde-noite de hoxe e poder descansar correctamente no hotel antes de comezar o torneo. En nome de toda a familia do Boiro Voleibol desexarlles unha plácida viaxe e unha exitosa actuación nesta competición a nivel estatal na que se enfrontarán ós mellores xogadores sub-17 do país. Moita sorte rapaces, estaremos atentos ós vosos avances.

domingo, 15 de xullo de 2012

xoves, 12 de xullo de 2012

PLANIFICACIÓN DA TEMPADA 2012-2013:

O Boiro Voleibol planifica a 2012-2013
A tempada 2012-2013 xa está no horizonte dos técnicos do Boiro Voleibol, deste xeito estase levando a cabo a planificación da mesma para evitar imprevistos de última hora. Co obxectivo de concretar efectivos de cara a formación dos planteis do próximo ano celebrarase unha xuntanza con tódolos xogadores e xogadoras do club que estén interesados en participar no noso proxecto. A data fixada polo corpo directivo foi a do vindeiro mércores día 18 de xullo ás 20:00h. tendo como esceario da reunión o Centro Social de Boiro (Rúa Principal). Nesta xuntanza tocaranse temas relativos á estructura e confección dos planteis, normativa de clube, datas de arranque dos adestramentos, etc. Correde a voz para que non falte ninguén. Calquera dúbida que teñades podedes consultala cos responsables do club ou neste mesmo foro. Gracias e ¡forza Boiro Voleibol!

xoves, 5 de xullo de 2012

ANTÓN PÉREZ NO CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB-21 DE VOLEI PRAIA:

Antón xa viaxa cara a Murcia coa selección galega
O xogador boirense Antón Pérez, que milita nas filas do Boiro Voleibol e do Barraña Volei Praia, disputará representando á comunidade autónoma de Galicia o Campionato de España sub-21 de volei praia que se celebrará en Los Alcázares (Murcia) entre o 6 e o 8 de xullo. Antón formará parella co vigués do Club Vigo Voleibol Carlos López, co que nas últimas semanas afinou a súa preparación nas concentracións que a selección galega levou a cabo na praia de Barraña. A estrea da dupla galega agardará ata mañá venres e non será para nada sinxela: debutarán o día 6 ante Castela-León (13:00h). De seguido xogarán contra Canarias 2 (19:00h) e o día 7 mediranse a Andalucía (13:00h). Difíciles emparellamentos os que lles tocaron ós seleccionados de Eloy Mahía pero de seguro que plantarán cara e voltaran á casa cun bo posto debaixo do brazo. Ánimo rapaces, estaremos atentos!