“Este equipo lembroume que xogaba para me divertir”
|
Cristóbal Álvarez |
Un crack. Receptor de elite. Potentísimo saque, ataque intelixente e contundente... Quen entende fala marabillas das calidades técnicas que Cristóbal aporta ao equipo. Este vigués, fichaxe militante do Hipescar fai quilómetros para estar cada venres na Cachada, e xunto cos seus compañeiros, para competir todas as fins de semanas da temporada. Para el paga a pena de sobra; desfruta no club como leva facendo co volei desde os catorce anos. Sendo xuvenil quedou segundo nun campionato de España e xa competía na División de Honor. Pasar pola máis alta competición aportoulle experiencia e calidade e non perdeu a humildade e o saber estar. Agora, totalmente integrado no Boiro desfruta desta etapa de veteranía, e non pecha portas a nada, de cara a estar sempre vinculado ao deporte. O Diablo ten moita guerra que dar no volei boirense.
-(Charo) Onde comezaches a xogar?
-(Cristóbal) Empecei a engancharme en Vigo, co meu irmán. E a verdade tiven moita sorte. Comecei no Atlética, e sendo xuvenil xa estaba na División de Honor. Agora Vigo está algo máis “apagadiño” en canto a canteira. De feito aquí estase bastante máis forte nese aspecto.
-Que che aportou ter pasado pola División de Honor?
-Buff, é unha experiencia encantadora. É algo que me quedará. E sorte que tiven, agora por exemplo escapan da xente de menor altura. Tamén é duro; eu de xuveníl adestraba cinco horas e unha e media pasábaa batendo contra a parede, a tocar. Isto é duro e aburrido, pero perfeccionase moito a técnica. Todos os días adestraba varias horas, ás veces varias sesións. A alto nivel coidaste moito ou olvídate. O complicado é compaxinalo co traballo, é unha pelexa constante, de feito por iso tiven que deixalo. Na Superliga é difícil vivir, é un soldo normal, así que hai que ter algo para despois.
Porén aportoume moito, teño mogollón de amigos de aí, e é o que máis queda.
Tiven moita a sorte de pasar por varios niveis: vivín os topes que creo que podo dar e agora a divertirme, gracias a dios, bastante!
-Cales son as principais diferenzas cun equipo como o Hipescar?
-En canto ao grupo a primeira é o trato. O tipo de persoas. Na Superliga es fichaxe, e tes que cumprir, adestrar a diario. Aquí é divertirse. A xente é incrible, no que máis a gusto me sinto con diferenza. De feito, outro dos mellores foi o Ribeira -onde estiven antes de ir para Vigo-, e algúns de nós xa eramos coñecidos: Andrés, Emilio, Iago, Chicho, Eiras, Migui... Frigu... Que non falte Frigu! Eu quítome o sombreiro ante esta xente. É máis Club o Hipescar que moitos da División de Honor.
A nivel técnico, e isto téñoo falado con Emilio, a diferenza son as horas. Se tivésemos máis horas para adestrar xuntos, o nivel pódese conseguir. A diferenza do volei con outros deportes é unha base técnica moi pulida. A praia aínda che permite un pouco máis de cancha, pero a pista é moi específica.
“É máis Club o Hipescar que moitos da División de Honor”
-Este ano coroácheste campión da Primeira División co Hipescar. Como o viviches?
-Este ano foi incrible, saíunos todo redondo. A única pena que me queda é non ter gañado a fase de ascenso co equipo.
-En praia é máis sinxelo saber os campionatos que perdeches que contar todos os que gañaches.
-Buff, non sei, así de recordar... Ponlle arredor de cinco, prefiro quedar curto a pasarme. E que moitos anos non se fixo campionato galego, e houbo algúns nos que eu competía no de España e non xoguei. Cando empecei non había campionato galego nin nada que se lle parecese. Non sei os campionatos de praia que gañei, pero o que máis me gustou foi a final na Pobra con Frigu. Foi a final máis laureada e divertida da miña vida. En moitas sofres máis, pero aquí foi todo tremendo. Ver a Frigu nervioso, ver como lle cambia a cara, que se pon teso (risas). Nestas cousas tamén valoras o que tes, e o que merece a pena esforzarse por estar nunha competición.
“A final da Pobra con Frigu foi a máis laureada e divertida da miña vida”
-Que ten o volei-praia que todo o mundo fala marabillas?
-Si, e que é unha festa. Houbo algúns campionatos xeniais. Reuniámonos un grupo de xente, non só para xogar, toda a fin de semana. A onde imos? Ao sitio libre, porque xa o enchemos. Isto arroupa e xunta moito. E repite até a xente que só viña ver.
Para fomentar a praia, agora en Vigo entre algúns colegas montamos un club: Volei Praia Vigo, (clubvpv@blogspot.com), para poder facer algo por alí, pedir axudas aínda que sexa para unha rede, para os balóns... Temos tido problemas dada a masificación das praias para ter un espazo, os que había tiráronos abaixo. Está Edu, Diego... En praia sempre xoguei con xente de Vigo, porque era quen tiñas a man, saes do choio, e vas xogar con quen colles polo camiño.
-Chicho chivoume que es o xogador máis completo; bo en defensa, en ataque, e a salvación en momentos complicados. Que cres ti que aportas ao conxunto?
-Este Chicho! Mmm...(dubida) Aporto os anos; experiencia, tranquilidade, e a técnica que aprendín de novo. Sendo moi baixo para competir en División de Honor -non sendo líbero- tes que ser moi hábil tecnicamente. Celso Veloso, que agora adestra as rapazas do Turismo de Vigo, é un fenómeno e foi quen me aprendeu. Eu son “un pelín” máis técnico, máis estrito, que o resto.
-Que che aporta o conxunto a ti?
-O equipo apórtame a felicidade. O último ano en Vigo estaba lesionado, pero fixéronme recobrar as ganas, foron quen me lembraron que xogaba para divertirme.
Aquí hai entrega desinteresada e ganas, hai moita xente facendo cousas, até se nota na actitude da canteira: os xuvenís están atentos, escoitan. Noutros sitios queren xogar pero non adestrar.
Ademais, xa o dixera cando estaba en Ribeira: antes de colgar a camiseta pasarei por Boiro.
-Como se leva a veteranía?
-Os anos xa se notan, igual aguanto máis anos en praia, pero en pista quédame pouco. De todos xeitos nunca fun de pechar portas, e hai moitos xeitos de seguir vinculado ao deporte.
-Unha última curiosidade á que non me resisto: De onde che vén o de “Diablo”?
-(risas) Empezou pola praia. O de diablo é porque teño unha tatuaxe dun demo no brazo. Germán, un rapaz de Noia, nun campionato falou co speaker para que me chamara así, e de aí xa me quedou. A el chamábano Toro Romero, porque é un cachimán. De todos xeitos a comarca barbanzá ten moita tendencia a por motes. Ás veces até esqueces os nomes da xente!
Charo López