luns, 27 de maio de 2013

O VINDEIRO SÁBADO TENDES UNHA CITA CO BOIRO VOLEIBOL:

Imaxe correspondente ó evento do 2010-2011
Rematadas tódalas competicións oficiais chega o momento de pechar o ano e qué mellor maneira de facelo que con este plan: o próximo sábado día 1 de xuño ás 20:00h o Boiro Voleibol celebrará unha cerimonia que baixará o telón desta 2012-2013. Ó evento, que se levará a cabo no salón de concertos da Pousada das Ánimas de Boiro, están convidados tódolos estamentos da nosa familia (xogadores, socios, autoridades, colaboradores, etc). Xuntos despediremos a tempada mentres desfrutamos dalgunha que outra sorpresa e, por suposto, degustamos un máis que merecido piscolabis. Aproveitar para, en nome da xunta directiva, agradecer por un lado ó xerente do establecemento que nos cede o local no que lle diremos adeus a este curso e por outro ó Departamento de Deportes do Concello de Rianxo por acollernos nas súas instalacións no período no que A Cachada non estivo operativa.

venres, 24 de maio de 2013

PABLO BUGALLO CONVOCADO COA SELECCIÓN ESPAÑOLA ABSOLUTA:

En nome de toda a nosa familia, ¡Felicidades Pablo!
O volei boirense desborda felicidade. O seleccionador nacional absoluto, Fernando Muñoz, deu a coñecer a lista de xogadores seleccionables para disputar coa elástica vermella a Liga Europea 2013. No renovadísimo combinado nacional formará para ledicia de todos nós o xogador referencia da canteira boirense nos últimos anos, o central de 1.96m Pablo Bugallo. Destes 24 citados 12 serán os elixidos para representarnos na competición continental que se celebra o próximo mes de xuño pero o noso veciño acaba de dar o primeiro paso hacia a súa internacionalidade absoluta. A lista de 24 que figura na web da RFEVB é a seguinte: Fran Ruiz, Aarón Gámiz, Sergio Noda, Ángel Trinidad, Marc Altayó, Gustavo Delgado, Pablo Bugallo, Alejandro Vigil, Daniel Rocamora, Jorge Fernández, Jesús Bruque, Gerard Osorio, Toni Llabrés, Miquel Ángel Fornés, Andrés Villena, Carles Mora, Ruimán Artiles, José Manuel González, Adrián Fidalgo, Carlos Cuesta, Víctor Viciana, Jorge Almansa, Mario Ferrera e Ibán Pérez.

xoves, 23 de maio de 2013

ANA, ISMA E LOIS CONCENTRARANSE COA SELECCIÓN GALEGA CADETE:

Ana, Isma e Lois repiten experiencia
Os técnicos da FGVB volven a confiar na canteira boirense e botan man, desta volta, de tres dos nosos para confeccionar as concentracións da selección galega. En representación da sección feminina, Ana Bugallo será a abandeirada do Boiro Vb nas xornadas de adestramento que os días 25 e 26 de maio o combinado cadete levará a cabo na vila de Noia. As rapazas deberán presentarse no Polideportivo Alonso Rodríguez ás 10:45h do sábado. A hora de recollida será ás 18:00h do domingo. Por outra parte, Lois Vázquez e Ismael Martínez pasarán a xornada do sábado concentrados no Municipal de San Sadurniño onde a partires das 10:00h disputarán un torneo contra varios equipos cadetes (Dumbría Volei, Burgas Volei e Suacasa San Sadurniño). A hora de recollida será as 18:30h do mesmo día. Moita sorte a todos e a gozar desta nova experiencia.

xoves, 16 de maio de 2013

ISMA E ANA CONVOCADOS COA SELECCIÓN GALEGA SUB-17 DE VOLEI PRAIA:

Os "fillos" de Barraña representarán a Galicia no estatal
Os seleccionadores autonómicos continúan fixándose nos novos valores da canteira boirense para confeccionar os equipos que representarán a Galicia nos campionatos estatais. Desta volta son Ismael Martínez e Ana Bugallo os encargados de levar o nome do noso club irmá (Barraña VP) e da nosa vila ata o Campionato de España Sub-17 de Volei Praia que se celebrará na localidade murciana de Los Alcázares entre os días 17 e 19 de maio. Ismael formará escuadra co lucense Mario Dovale (EMEVE) e co ourensán Víctor Conde (Club Ourense Volei Praia). Pola súa banda Ana formará coas coruñesas Inés Rivas e Carla Rodríguez do CV Zalaeta. En nome de toda a familia do volei boirense queremos desexarlles a ambos a mellor das sortes e que desfruten ó máximo desta nova experiencia que lles permite continuar formándose facendo o que máis lles gusta. A por todas!

luns, 6 de maio de 2013

5º POSTO DO NÁUTICO NA FASE DE ASCENSO A SM-2 CELEBRADA EN TARRAGONA:

Espectacular salto de Emilio Palacio ante o CV Mediterráneo
Non puido ser e á terceira non foi a vencida. Un desafortunado arranque de torneo onde os de Emilio Palacio caían por un axustadísimo 3-2 (23-25, 25-15, 25-13, 21-25, 13-15) ante o que a posteriori sería o campión da fase de ascenso (CV Mediterráneo de Castellón) marcaba a andaina dos boirenses nesta fase final da 1ª División Nacional. Este primeiro encontro, que tamén servía para inaugurar o evento, puido ter un desenlace ben diferente si os de Emilio Palacio soubesen aproveitar unha clara renda no primeiro set de 23-20 que os castellonenses souberon remontar gracias á  extraordinaria actuación do seu receptor internacional xuvenil Óscar Prades. Cos ánimos moi tocados e coa gasolina xusta despois duns intensos cinco sets chegaba o encontro contra VP Madrid, que coas pernas descansadas afrontaban o seu primeiro partido deste play-off. Foi un choque igualado no que o cansancio foi unha muralla infranqueable para os nosos e que se saldaba cun 3-1 desfavorable. Xa sen opcións de entrar nas semifinais o Náutico medíase na loita polo 5º-6º posto ante un vello coñecido, o Universidade de Valladolid. O dominio dos nosos foi claro, demostrando unha enteireza enorme tras o duro revés sufrido na xornada precedente e doblegando ós castelánleoneses por 3-1. As vacacións chegan ó seo do primeiro equipo masculino tras unha tempada que trouxo o 3º título ligueiro e que, a espera das prazas dispoñibles na vindeira edición da SM-2, podería significar o ascenso do Náutico á categoría de prata do voleibol español. Unha vez máis, bo traballo e gracias pola vosa adicación e compromiso rapaces.