mércores, 29 de febreiro de 2012

ENCONTROS DO SÁBADO 3 DE MARZO:

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VB - IES AMES B
(11:30h, A Cachada)-(Liga provincial cadete feminina)

REDESYL BOIRO VOLEIBOL - CV PONTEVEDRA
(17:30h, A Cachada)-(2ª Div. Autonómica masculina)

IES AMES - REYCA BOIRO VOLEIBOL
(18:30h, PM Ames)-(Liga galega cadete masculina)

CV BRUXAS - O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(20:00h, PM Bertamiráns)-(2ª Div. Autonómica feminina)

sábado, 25 de febreiro de 2012

RESULTADOS DO 25 E 26 DE FEBREIRO:

XORNADA DE DEPORTE ESCOLAR
(Benxamín, alevín e infantil)
Os máis pequenos tamén compiten
Os máis pequenos do Boiro Voleibol tamén tiveron na mañá do pasado sábado a súa xornada de competición e convivencia cos outros rapaces e rapazas que se inician no noso deporte. A sede foi nas instalacións deportivas da vila de Noia e representando ó noso clube foron dous equipos alevíns femininos, un equipo alevín masculino e outro equipo infantil feminino. Boa experiencia a que os nosos pequenos viven semana tras semana viaxando e pasando as mañás de sábado cos seus compañeiros.

NARÓN VOLEA 0-3 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VB
(14-25, 15-25, 7-25)-(Liga provincial cadete feminina)
As cadetes clasifícanse para a liguiña de ascenso
Vitoria a domicilio das rapazas que dirixe Emilio Palacio que lles sirve para clasificarse matemáticamente para a liguiña de ascenso á liga galega cadete. Unha semana máis o potente servizo das nosas decantou a balanza nun encontro no que o Ingeniería Trazos foi superior ó rival en todo momento. O preparador boirense aproveitou a ampla diferencia nos parciais para darlle unha oportunidade ás xogadoras menos habituais no 7 inicial e o nivel do equipo non se viu mermado en absoluto. Cabe destacar tamén o debut de Emma Ordóñez na posición de central, cubrindo as baixas de Alejandra Galbán e Sandra Fernández con solvencia. Polo Ingeniería Trazos Boiro Voleibol xogaron: Sara Bugallo, Emma Ordóñez, Ana Bugallo,  Melissa Novoa, Antía Sampedro, Sara Lojo e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Claudia Pinaque, Ángela Alves e Isa Gómez.

CLUB VIGO VOLEIBOL 3-0 REYCA BOIRO VOLEIBOL
(25-10, 25-11, 25-13)-(Liga galega cadete masculina)
Tropezo do Reyca en Coia
Clara derrota do equipo cadete masculino do Boiro Voleibol ante o gran favorito desta liga galega, os olívicos do Club Vigo Voleibol. Os boirenses, condicionados polo bo ataque local non conseguían encadear momentos de bo xogo prolongados. Mentres tanto alternaban entre accións brillantes e imprecisións en case que todo o encontro. Como nota positiva do encontro queda a boa actuación do oposto Fran Dieste, que incomodaba desde o ataque e o servicio ó entramado defensivo vigués. Despois deste tropezo o Reyca visitará a próxima fin de semana ó IES Ames coa intención de volver ó camiño da vitoria tras correxir erros padecidos esta xornada. Polo Reyca Boiro Voleibol xogaron: Ismael Martínez, Fran Dieste, Óscar Refojo, Dani Gey, Xian Pérez, Lois Vázquez e Adrian Outeiral (líbero).

CLUB VIGO VOLEIBOL 3-0 TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-16, 25-13, 25-20)-(Liga galega xuvenil masculina)
O Trillizos non pudo co Club Vigo Voleibol
O Trillizos, equipo xuvenil masculino do Boiro Voleibol caeu no P.M. de Coia ante o Club Vigo Voleibol por 3-0. A pesares do abultado do tanteador pódense extraer moitas conclusións positivas como poden ser a aportación de xogadores moi novos ó equipo xuvenil. Este é o caso dos cadetes Xian Pérez e Fran Dieste que paseniño se van asentando no equipo e mostran un potencial esperanzador para o futuro dos equipos masculinos do noso club. O encontro estivo dominado polos vigueses case que en tódolos momentos do mesmo. Ó Trillizos costáballe moito entrar nas mangas e só a partires da metade delas comezaba a enlazar accións positivas para facer dubidar un mínimo ó potente rival. O mellor xogo por parte dos nosos apreciouse no terceiro e derradeiro set onde en todo o parcial se mantivo unha distancia prudente no luminoso gracias ó bo facer dos centrais boirenses: Miguel Lorenzo e Alfonso Rey. Polo Trillizos Boiro Voleibol xogaron: Daniel Vázquez, Fran Dieste, Miguel Lorenzo, Alfonso Rey, Xian Pérez, Martín Herrera e Abel Sánchez (líbero). Como reservas atopábanse Ismael Martínez, Dani Gey, Lois Vázquez e Óscar Refojo.

AURIA VELLA VOLEYOURENSE 0-3 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(20-25, 21-25, 16-25)-(1ª Div. Nacional masculina)
O bloqueo boirense marca as diferenzas no Paco Paz
Vitoria en tres sets do Náutico Boiro Voleibol na súa visita ó Paco Paz para enfrontarse ó Auria Vella Voleyourense. Os de Emilio Palacio presentáronse na cidade das burgas coas baixas dos receptores Miguel Vázquez por lesión e Gustavo Romero por motivos persoais pero o equipo soubo sobrepoñerse para superar con contundencia ó seu rival. Comezaba o encontro cos boirenses conectados e concentrados en recuperar o bo nivel de xogo mostrado nos inicios da competición. A orde e intensidade defensiva dos nosos propiciaba que chegado o ecuador da primeira manga a distancia fose o suficiente como para pechar o xogo con solvencia. No segundo set o bloqueo boirense multiplicou a súa efectividade. Da man do colocador Iván Souto a primeira liña de defensa boirense fixo que a defensa se posicionara con tino e que os ourensáns non atoparan o camiño de puntuar en toda a manga. O resultado, coma no primeiro foi de vitoria barbanzá. No terceiro xogo os nosos non baixaban as revolucións do xogo a sabendas das imprevistas reaccións que o equipo local acostuma a levar a cabo. Cun inspirado Manuel Pérez no posto de receptor que atopaba sempre mans para puntuar vía block-out o Náutico camiñaba cara unha nova vitoria que os achega un pouco máis á clasificación final para a fase de ascenso á liga FEV española. Polo Náutico Boiro Voleibol xogaron: Iván Souto, Narciso Abalo, Jesús Vázquez, Antón Pérez, Cristóbal Álvarez, Emilio Palacio e Adrián Alves (líbero). Tamén xogaron Rubén Taibo, Daniel Agra, Manuel Pérez e Xavier Sarille


DOMPA GESTIÓN A 2-3 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(25-17, 15-25, 25-17, 22-25, 8-15)-(2ª Div. Autonómica feminina)
Carla Castro, actuou de receptora con éxito no servizo
Sufrida vitoria de O Secreto na súa visita ó Dompa Gestión A nun partido que xa non se antoxaba doado. A falta de concentración no inicio do partido fixo que o primeiro set se decantase da parte ourensá. A partires de aquí as nosas xogadoras sufrían altibaixos e, por momentos, realizábase un xogo vistoso ademais de efectivo pero esta situación non podía ter outro desenlace que non fose o set de desempate. Neste tie-break o inicio non era esperanzador para as boirenses. Un parcial de 6-0 poñía en clara vantaxe ás locais pero as de Narciso Abalo e Andrés Martínez non darían o encontro por perdido. Comandadas por Ángela Triñanes e Carla Castro dende a línea de saque (13 servizos sen erro na derradeira manga) a vitoria viaxou para terras barbanzás. Por O Secreto Boiro Voleibol xogaron: Ángela Triñanes, Katy Sampedro, Sandra Lojo, Ángela Fernández, Andrea Barreiro, María Triñanes e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Carla Castro e Sara Bugallo.

xoves, 23 de febreiro de 2012

NOVO CONTRATEMPO PARA O SECRETO, ÁNIMO REBE!

¡Ánimo Rebe!
O noso primeiro equipo feminino non está tendo sorte coas lesións neste tempada 2011-2012 que corre. Tralas xa coñecidas baixas no pasado de María Triñanes, xa recuperada, e Alicia Novoa, a receptora boirense Rebeca Gónzalez (17-4-1991) estará lonxe das canchas por unha temporada por mor dun esguince do ligamento lateral externo do seu xeonllo esquerdo tras un traumatismo nesa zona no transcurso do encontro que  O Secreto disputou en terras coruñesas ante o Calasancias o pasado 10 de febreiro. En nome de toda a familia do Boiro Voleibol desexámoslle á nosa compañeira unha prontísima recuperación e que poidamos disfrutar das súas actuacións na cancha antes de que remate o curso. Seguro que si, moito ánimo Rebe!

mércores, 22 de febreiro de 2012

PARTIDOS DO 25-26 DE FEBREIRO

SÁBADO 25:

XORNADA DE DEPORTE ESCOLAR
(A partires das 10:00h, Noia)-(Benxamín, alevín e infantil)

NARÓN VOLEA - INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VB
(11:15h, A Gándara)-(Liga provincial cadete feminina)

CLUB VIGO VOLEIBOL - REYCA BOIRO VOLEIBOL
(11:30h, P.M. de Coia)-(Liga galega cadete masculina)

CLUB VIGO VOLEIBOL - TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL
(13:00h, P.M. de Coia)-(Liga galega xuvenil masculina)

AURIA VELLA VOLEYOURENSE - NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(17:00h, Paco Paz)-(1ª Div. Nacional masculina)

DOMINGO 26:

DOMPA GESTIÓN A - O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(12:00h, P.M. Os Remedios)-(2ª Div. Autonómica feminina)

martes, 21 de febreiro de 2012

A SELECCIÓN GALEGA CONVOCA A 5 BOIRENSES:

Ana Bugallo e Emma Ordóñez por parte das rapazas (selección galega infantil feminina) e Xian Pérez, Ismael Martínez e Fran Dieste en representación dos rapaces (selección galega cadete masculina) estiveron a pasada fin de semana concentrados na vila de Noia coa selección galega de voleibol, preparando os seus respectivos campionatos de España de seleccións autonómicas que se celebrarán unha vez se baixe o telón das ligas galegas. En nome de todo o corpo directivo do Boiro Voleibol felicitar ós citados cos combinados autonómicos e animalos a seguir traballando para recoller os froitos no futuro. Por suposto tamén felicitar e agradecer o traballo dos técnicos da base, bo traballo.

Ana (9) e Emma (15) serán a nosa representación feminina

sábado, 18 de febreiro de 2012

RESULTADOS DA XORNADA DO ENTROIDO:

REYCA BOIRO VOLEIBOL 3-0 STA. MARÍA DEL MAR
(25-18, 25-22, 25-18)-(Liga galega cadete masculina)
O Reyca segue medrando
Importante vitoria do equipo cadete masculino no seu afán por meterse entre os catro mellores equipos de galicia e disputar, deste xeito, a fase final da liga galega cadete. Foi un encontro de bo xogo por parte dos de Adrián Alves onde en todo momento houbo sensacións de atoparse máis metidos no encontro que o equipo rival. O bo facer do colocador local Ismael Martínez atopaba sempre vía de escape para o ataque boirense, sobre todo por parte do oposto Fran Dieste e do receptor Xian Pérez. Cabe destacar tamén a actuación do central Óscar Refojo, especialmente atinado na tarde de sábado onde cumpleu á perfección co traballo que o seu preparador lle ordeou. Ademais do triunfo, o encontro deixa tamén outras notas positivas como son as aportacións dos xogadores alevíns Rubén Martínez e Darío Outeiral. Polo Reyca Boiro Voleibol xogaron: Ismael Martínez, Fran Dieste, Óscar Refojo, Dani Gey, Xian Pérez, Lois Vázquez e Adrián Outeiral (líbero). Tamén xogaron Rubén Martínez e Darío Outeiral.

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 0-3 VOLEYOURENSE.ES
(14-25, 19-25, 21-25)-(2ª Div. Autonómica feminina)
A falta de concentración condea a O Secreto
Contundente derrota por 0-3 de O Secreto ante un rival directo, o cal pon moi complicado alcanzar os postos altos da táboa clasificatoria. Mal partido de principio a fin das nosas xogadoras, que en ningún momento tiveron a actitude necesaria para facerlle fronte a un adversario ben ordeado en defensa e cun saque e ataque moi efectivo. Continuos erros en saque e recepción permitían que as ourensás dominasen o tanteador con comodidade nos dous primeiros sets. No terceiro, dúas boas xeiras de servicio de Ana Bugallo e Sandra Lojo permitían alcanzar unha vantaxe de ata dous puntos na recta final da manga pero, como levaba ocorrendo todo o partido, a falta de concentración e varios erros en recepción dinamitaron as posibilidades de anotarse o xogo e seguir na batalla. Por O Secreto Boiro Voleibol xogaron: Ángela Triñanes, Ana Bugallo, Ángela Fernández, Sara Bugallo, María Triñanes, Katy Sampedro e Carla Castro (líbero). Tamén xogaron Sandra Lojo, Andrea Barreiro, Sheila Outeiral, Evelyn Urrutia e Elena García.

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-0 SALUS VOLEIBOL OVIEDO
(25-23, 25-22, 25-23)-(1ª Div. Nacional masculina)
O Náutico gaña por 3-0 ó equipo ovetense
Décima vitoria da tempada para o noso primeiro equipo masculino tendo nesta ocasión como víctima ós asturianos do Salus Voleibol Oviedo. O encontro non será recordado polos pupilos de Emilio Palacio como un choque brillante pero sirve para sumar outros dous puntos no casilleiro xeral da táboa clasificatoria. O encontro comezaba co Náutico desconectado. Ó longo do primeiro parcial cometéronse infinidade de erros en tódalas vertentes do xogo, en especial no servicio. Esta situación non permitía ós locais coller ritmo no choque ata ben entrada a manga, que se cerrou cun axustado tanteador de 25-23. No segundo set a tónica era similar. A pesares de que se conseguiu reducir o número de erros non forzados non foi ata mediado o parcial cando os boirenses conseguiron enlazar uns bos minutos de bo xogo para distanciarse no luminoso da Cachada e pechar o xogo con relativa comodidade. O inicio do terceiro era similar ós últimos momentos do set anterior. Os locais mandaban sen desenvolver o xogo ó que están acostumados e de contado abrían fenda no luminoso. Foi neste momento cando o preparador local dou entrada ós xogadores con menos minutos do plantel, facendo especial mención ó debut como local en 1ª división do receptor cadete Xian Pérez. Polo Náutico Boiro Voleibol xogaron: Iván Souto, Narciso Abalo, Jesús Vázquez, Antón Pérez, Cristóbal Álvarez, Emilio Palacio e Adrián Alves (líbero). Tamén xogaron Rubén Taibo, Daniel Agra, Manuel Pérez, Gustavo Romero e Xian Pérez.


M. DE OURO VB RIANXO 0-3 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VB
(14-25, 22-25, 12-25)-(Liga provincial cadete feminina)
As cadetes seguen en xeira
Vitoria no derbi rexional do noso equipo cadete feminino que dirixe Emilio Palacio nun encontro no que o servicio boirense marcou o destino final do resultado. O bo facer da receptora infantil Ana Bugallo en facetas de servicio e ataque facilitaba ás boirenses distanciarse de contado no luminoso. Cabe destacar tamén a aportación en ataque da tamén xogadora en idade infantil Emma Ordóñez, que imposibilitaba que as rianxeiras tivesen opcións de contra en case que ningún momento do encontro. Con este triunfo as boirenses sitúanse preto da cabeza, da que están a tan só dous partidos de distancia. Polo Ingeniería Trazos Boiro Voleibol xogaron: Ana Bugallo, Melissa Novoa, Sara Bugallo, Emma Ordóñez, Antía Sampedro, Alejandra Galbán e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Isabel Gómez, Claudia Pinaque, Sandra Fernández, Ángela Alves e Sara Lojo.

mércores, 15 de febreiro de 2012

PRÓXIMA XORNADA (18 E 22 DE FEBREIRO):

SÁBADO 18:

REYCA BOIRO VOLEIBOL - STA. MARÍA DEL MAR
(16:00h, A Cachada)-(Liga galega cadete masculina)

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL - VOLEYOURENSE.ES
(16:00h, A Cachada)-(2ª Div. Autonómica feminina)

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL - SALUS VOLEIBOL OVIEDO
(18:00h, A Cachada)-(1ª Div. Nacional masculina)

MÉRCORES 22:

MEX. DE OURO VB RIANXO - INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VB
(16:30h, Mun. de Rianxo)-(Liga provincial cadete feminina)

sábado, 11 de febreiro de 2012

RESULTADOS DA XORNADA (10-11 DE FEBREIRO)

CALASANCIAS CORUÑA 1-3 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(14-25, 16-25, 25-21, 16-25)-(2ª Div. Autonómica feminina)
Vitoria sen problemas de O Secreto neste encontro aprazado
Cómoda vitoria das rapazas de O Secreto no seu desplazamento á cidade herculina para se medir ó Calasancias. Xa desde o comezo as nosas mandaban no luminoso froito dun efectivo servicio e dun ataque que impedía ó equipo contrario reaccionar. Da man das súas receptoras María Triñanes e Rebeca González O Secreto atopaba o xeito de danar o entramado defensivo coruñés que ó largo dos dous primeiros xogos foi perforado unha e outra vez polas nosas xogadoras de banda. Na terceira manga as nosas sufriron un baixón en canto á intensidade no seu xogo. Froito desta circunstancia a porcentaxe de servicios errados aumentou significativamente polo que as coruñesas levaron a iniciativa ata o fin de set grazas, en gran medida, ós ataques dunha das súas centrais. No cuarto set as sensacións do comezo volvían e  as de Andrés Martínez e Narciso Abalo pechaban o encontro para levar os dous puntos da vitoria cara a Boiro. Por O Secreto Boiro Voleibol xogaron: Ángela Triñanes, Elena García, Sandra Lojo, Ángela Fernández, Rebeca González, María Triñanes e Carla Castro (líbero). Tamén xogaron Evelyn Urrutia e Andrea Barreiro.

TRILLIZOS BOIRO VB 0-3 BIGMAT SUEIRAS SAN SADURNIÑO
(19-25, 20-25, 16-25)-(Liga galega xuvenil masculina)
Bo papel do Trillizos na visita do líder
Derrota do equipo xuvenil masculino do Boiro Voleibol ante o líder da categoría nun encontro no que non se lle perdeu a cara ó partido. No comezo do primeiro set o servicio visitante impoñíase á recepción local, polo que os colocadores boirenses non podían encontrar as mellores opcións de ataque. Pasados estes momentos iniciais de apuro o equipo asentouse e conseguiu enlazar minutos de bo xogo. Cun atinado Xian Pérez en recepción e ataque o Trillizos pelexaba a primeira manga. No segundo parcial as boas sensacións persistían. A recepción melloraba e os atacantes de banda locais atopaban vías de escape para anotar. A igualdade persistía ata os momentos quentes da manga, onde a veteranía dos ferrolanos decantaba a  balanza ó seu favor. No terceiro xogo os folgos dos locais decreceron. Volvían as pantasmas iniciais que imposibilitaban puntuar con regularidade debido a unha construcción condicionada polo servicio visitante. O resultado final sería de 16-25 sen que os boirenses puidesen ter tempo a unha posible reacción. Polo Trillizos Boiro Voleibol xogaron: Daniel Vázquez, Fran Dieste, Alfonso Rey, Miguel Lorenzo, Martín Herrera, Xian Pérez e Abel Sánchez (líbero). Como reservas estaban Ismael Martínez, Arsenio Santos, Lois Vázquez e Dani Gey.


INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VB 3-2 FISIOT. CINESIA NOIA
(23-25, 18-25, 25-13, 25-16, 15-10)-(Liga provincial cadete feminina)
As cadetes fanse maiores
Importantísima á vez que axustada a vitoria que o equipo cadete feminino do Boiro Voleibol conseguiu ante o líder da categoría provincial, o Fisioterapia Cinesia Noia. Os primeiros compases do choque estiveron marcados pola igualdade onde os ataques superaban en todo momento ás defensas. Chegado o momento decisivo do primeiro parcial as de Emilio Palacio dominaban o tanteador (23-29) mais unha boa xeira de saque das noiesas decantaron a manga ó seu favor. No segundo set a calidade do xogo boirense decreceu, situación que as noiesas souberon aproveitar para situarse cun favorable 0-2 no casilleiro global. A partires de aquí as nosas meternon unha marcha máis en tódalas accións do xogo. Apoiadas en Ana Bugallo e Melissa Novoa en facetas ofensivas as boirenses distanciábanse no luminoso para pechar os tres seguintes xogos sen pasar excesivos apuros na cancha. Polo Ingeniería Trazos Boiro Voleibol xogaron: Sara Bugallo, Ana Bugallo, Emma Ordóñez, Melissa Novoa, Alejandra Galbán, Antía Sampedro e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Sara Lojo, Sandra Fernández, Claudia Pinaque, Isabel Gómez e Ángela Alves.

REDESYL BOIRO VB 0-3 LANCER-ZENALE SAN SADURNIÑO
(20-25, 21-25, 11-25)-(2ª Div. Autonómica masculina)
A apatía condea ó Redesyl
Derrota do equipo filial masculino en tres sets nun encontro no que non conseguiron desplegar un bo xogo e no que o rival apenas atopou resistencia por parte dos nosos. Xa dende o comezo as sensacións non eran de todo boas. Constantes erros en construcción froito dunha recepción deficiente imposibilitaban entrar en materia ós de Felipe García, que unha e outra vez tropezaban na mesma pedra. Como nota positiva do encontro atopamos o debut en categoría senior do líbero xuvenil Abel Sánchez. Con esta derrota os boirenses fican na 3ª posición da táboa clasificatoria, a unha vitoria do Xuvenil Teis pero con un encontro xogado máis. Polo Redesyl Boiro Voleibol xogaron: Dani García, Roberto Rodríguez, Martín Herrera, Pablo Suárez, Xavier Sarille, Diego Romero e Abel Sánchez (líbero). Tamén xogaron Andrés Martínez, Ignacio Cibeira, Alén García, Juan Mande e o xuvenil Alfonso Rey.

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-0 AUTOS CANCELA ZALAETA
(25-17, 25-17, 25-21)-(1ª Div. Nacional masculina)
O Náutico vence e convence na Cachada
Volven as boas sensacións ó xogo do Náutico nesta vitoria en tres sets ante os herculinos do Autos Cancela Zalaeta. A excelente recepción e a notable melloría no bloqueo-defensa marcaron o destino dun encontro que os nosos dominaron dende o inicio. O encontro comezaba cos locais moi concentrados. Puntuais á súa cita co cambio e mostrando unha orde defensiva destacada os de Emilio Palacio de contado se poñían por diante no luminoso cunha vantaxe que se puido manter con relativa comodidade ata rematar a manga. A situación non mudaba co comezo do novo parcial. Moi seguros na construcción, os boirenses conseguían unha renda mediada o set o suficientemente ampla como para xogar con moita soltura e mostrar a súa mellor versión en ataque. O resultado foi un calco do visto no primeiro set. O terceiro comezaba igualado ata o punto 10, pero a partires de aquí o acerto no servicio dos nosos facilitaban moito as labores defensivas do equipo e poñíase deste xeito a directa a pola novena vitoria da tempada. Polo Náutico Boiro Voleibol xogaron: Iván Souto, Narciso Abalo, Jesús Vázquez, Antón Pérez, Cristóbal Álvarez, Emilio Palacio e Adrián Alves (líbero). Tamén xogaron Rubén Taibo, Daniel Agra, Pablo Suárez, Manuel Pérez e Miguel Vázquez.

mércores, 8 de febreiro de 2012

ENCONTROS DA PRÓXIMA FIN DE SEMANA (10-11 DE FEBREIRO):

VIERNES 10:

CALASANCIAS CORUÑA - O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(21:00h, PM Barrio das flores)-(2ª Div. Autonómica feminina)

SÁBADO 11:

XORNADA DE DEPORTE ESCOLAR
(A partires das 10:00h, Noia)-(Benxamín, Alevín e Infantil)

TRILLIZOS BOIRO VB - BIGMAT SUEIRAS SAN SADURNIÑO
(11:00h, A Cachada)-(Liga galega xuvenil masculina)

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VB - FISIOT. CINESIA NOIA
(16:00h, A Cachada)-(Liga provincial cadete feminina)

REDESYL BOIRO VB - LANCER-ZENALE SAN SADURNIÑO
(16:00h, A Cachada)-(2ª Div. Autonómica masculina)

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL - AUTOS CANCELA ZALAETA
(18:00h, A Cachada)-(1ª Div. Nacional masculina)

martes, 7 de febreiro de 2012

¡ÁNIMOS PARA ALICIA!

Nestes días recibimos a noticia da lesión de Alicia Novoa, xove xogadora boirense do primeiro equipo feminino que estará lonxe das canchas por unha temporadiña debido a unha fractura que padeceu no V metatarsiano do seu pé dereito. Alicia é a maior de dúas irmás adicadas ó volei e pelexa semana tras semana en nome do club que a viu medrar e progresar como xogadora dende ben pequena. O ascenso de Alicia foi tan pronunciado que chegou a proclamarse, xunto co resto das súas compañeiras de equipo, campioa da 2ª división autonómica feminina na tempada 2010-2011. De seguro que se lle botará moito de menos xa que ademais dunha central cun potencial admirable que intentaba axudar a O Secreto a recuperar o terreo perdido e a hexemonía en Galicia, se trata dunha gran compañeira, comprometida co equipo e á que ninguén pode imaxinar sen un gran sorriso na cara para animar e alentar ás súas. En nome de toda a familia do Boiro Voleibol queremos mandar dende aquí unha forte aperta e desexarlle á nosa compañeira unha pronta recuperación  para volver a vela de contado coa elástica do club disfrutando do noso deporte, que é onde lle corresponde estar.

domingo, 5 de febreiro de 2012

RESULTADOS DO 4 E 5 DE FEBREIRO:

XUVENIL TEIS 3-0 TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-22, 25-22, 25-18)-(Liga galega xuvenil masculina)
O Trillizos mostra boa cara a pesares da derrota
Derrota dos xuvenís na cancha do conxunto olívico por 3-0. A pesares do abultado resultado as sensacións do equipo son cada semana mellores, onde se ve o progreso paulatino dos seus xovencísimos xogadores. Comezaban os vigueses moi atinados en bloqueo, faceta que lles permitía distanciarse no luminoso no primeiro tramo do set. Tras un tempo morto o Trillizos volvía a ser competitivo e pelexaba o parcial ata o final do mesmo. No segundo set os boirenses mostraron boa cara dende o comezo. Boa recepción e dirección para poñer en apretos ós locais que, ata ben mediado o set, permanecían totalmente controlados polos nosos cunha renda de 3 puntos. Unha boa racha ó servicio dos vigueses apretaba o final do set e facía que a balanza se desequilibrase de novo a prol do Xuvenil Teis. No terceiro os folgos dos rapaces que dirixe Adrián Alves decreceron. O nivel de recepción caíu e a labor dos colocadores era moi complicada. Os atacantes tampouco encontraban a inspiración de outros días e o desenlace foi de 25-18 na nosa contra. Polo Trillizos Boiro Voleibol xogaron: Daniel Vázquez, Fran Dieste, Alfonso Rey, Raúl Lojo, Xian Pérez, Martín Herrera e Abel Sánchez (líbero). Como reservas estaban Ismael Martínez, Óscar Refojo, Miguel Lorenzo e Dani Gey.

CID JOVELLANOS (Gijón) 3-0 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(25-22, 25-22, 25-17)-(1ª Div. Nacional masculina)
O Náutico cae en Gijón con polémica
Caeron os rapaces de Emilio Palacio neste viaxe a terras asturianas por un contundente á vez que sorprendente tanteador de 3-0. Comezaba o encontro cos boirenses atinados na construcción froito dunha recepción excelente. Esta situación facía que os nosos se mantivesen 4 puntos por riba no luminoso ata ben avanzado o set. Foi a partires de aquí cando a mentalidade do equipo cambiou. Algunha que outra decisión arbitral cuestionable sumadas ós erros cometidos permitían ós asturianos cobrar vida no parcial e facer dano a un Náutico que non soubo manter a calma ante as adversidades que se lles mostraron. No segundo set o equipo seguía pensando en cousas alleas ó propio xogo. Os numerosos erros arbitrais continuaban a desestabilizar ós xogadores barbanzanos que mostrando a peor cara do que vai de ano chegaron a estar 10 puntos por debaixo no luminoso neste segundo set. Tras un pequeno cambio de actitude e a entrada de aire fresco ó campo conseguiuse pelexar o parcial ata o final, pero a renda inicial xa era demasiada. No terceiro parcial a tónica era semellante. Erros do Náutico que os locais aproveitaban para distanciarse no luminoso e poñer sobre os boirenses unha lousa que xa non se poderían quitar de enriba. Polo Náutico Boiro Voleibol xogaron: Iván Souto, Narciso Abalo, Jesús Vázquez, Pablo Suárez, Cristóbal Álvarez, Manuel Pérez e Adrián Alves (líbero). Tamén xogaron Rubén Taibo, Emilio Palacio, Antón Pérez, Miguel Vázquez e Daniel Agra.

XUVENIL TEIS 3-0 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(25-23, 25-12, 25-17)-(2ª Div. Autonómica masculina)
O Redesyl tropeza na cancha do Xuvenil Teis
Contundente derrota a sufrida polo equipo filial masculino nunha visita á cancha dun rival directo na táboa clasificatoria. Os tres sets xogados mostraron os mesmos síntomas que levaron ó equipo a encadear o seu segundo tropezo consecutivo tras caer a xornada pasada ante os ferrolanos do CV Vagalume. Apatía, falta de confianza e ausencia de intensidade no xogo son as características que describen á perfección as actitudes boirenses neste viaxe a Vigo do que só se pode extraer positivamente a aparición do central xuvenil Alfonso Rey. Deste xeito os de Felipe García están un pouco máis lonxe do líder da categoría pero aínda con marxe de maniobra para darlla a volta á situación. Polo Redesyl Boiro Voleibol xogaron: Andrés Martínez, Roberto Rodríguez, Xavier Sarille, Felipe Resúa, Diego Romero, Martín Herrera e Adrián Armental (líbero). Como reservas estaban Dani García, Alén García, Alfonso Rey, Juan Mande e Juan Lorenzo.

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 3-1 CD CONXO
(22-25, 25-12, 25-9, 25-18)-(2ª Div. Autonómica feminina)
Vitoria do primeiro equipo feminino
Vitoria do noso primeiro equipo feminino nesta 2ª división autonómica ante as santiaguesas do CD Conxo. A pesares do susto inicial no que O Secreto cedeu o primeiro parcial os dous puntos da vitoria quedaron na casa para ledicia das nosas. Comezaba o encontro coas boirenses mostrando moitos erros non forzados, sobre todo de servicio e cunha actitude moi pouco agresiva. Esto facía que as visitantes tomaran vantaxe no luminoso para pechar o set. A partires do segundo xogo as nosas concentráronse en cometer menos erros e o resultado non puido ser mellor. A tónica mantívose o resto do encontro onde as de Narciso Abalo e Andrés Martínez dominaron por completo o xogo imposibilitando a reacción santiaguesa. Por O Secreto Boiro Voleibol xogaron: Sara Bugallo, Elena García, Alicia Novoa, Ángela Fernández, María Triñanes, Rebeca González e Sheila Outeiral (líbero). Como reservas estaban Ángela Triñanes, Carla Castro, Sandra Lojo e Ana Bugallo.


BERTAMIRÁNS FC VOLEIBOL 0-3 BOIRO VOLEIBOL
(10-25, 19-25, 11-25)-(Liga provincial cadete feminina)
As cadetes seguen con paso firme
Vitoria en tres sets do equipo feminino do Boiro Voleibol na mañá do domingo no seu desplazamento a Bertamiráns. As rapazas de Emilio Palacio superaron en todo momento ó seu rival gracias á boa actuación en varios apartados do xogo como o servicio e o ataque nos que hai que destacar a Melissa Novoa. A pequenas das irmás Novoa colaborou en gran medida no triunfo do seu equipo, firmando unha gran actuación sobre todo no terceiro parcial. Polo Boiro Voleibol xogaron: Sara Bugallo, Ana Bugallo, Emma Ordóñez, Melissa Novoa, Alejandra Galbán, Antía Sampedro e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Claudia Pinaque, Isabel Gómez, Ángela Alves e Sara Lojo.

mércores, 1 de febreiro de 2012

ENCONTROS DO 4 E 5 DE FEBREIRO:

SÁBADO 4:

XORNADA DE DEPORTE ESCOLAR
(A partires das 10:00h, Noia)-(Benxamín, Alevín e Infantil)

XUVENIL TEIS - TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL
(16:00h, PM de Teis)-(Liga galega xuvenil masculina)

CID JOVELLANOS (Gijón) - NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(17:00h, Pab. La Arena)-(1ª Div. Nacional masculina)

XUVENIL TEIS - REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(18:00h, PM de Teis)-(2ª Div. Autonómica masculina)

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL - CD CONXO
(18:00h, A Cachada)-(2ª Div. Autonómica feminina)

DOMINGO 5:

BERTAMIRÁNS FC VOLEIBOL - BOIRO VOLEIBOL
(12:00h, PM Bertamiráns)-(Liga provincial cadete feminina)