sábado, 29 de setembro de 2012

O NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL CONSEGUE A XESTA. ¡FINALISTAS DA COPA GALICIA!

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-0 CLUB VIGO VOLEIBOL
(25-19, 25-21, 25-23)-(Semifinais Copa Galicia)

Gran tarde para o voleibol boirense. ¡Merecida final!
Unha vez máis este equipo non defrauda. O Náutico Boiro Voleibol cambia a historia da Copa Galicia apeando da final ó gran favorito para gañar o título, o Club Vigo Voleibol que militará outro ano máis na máxima competición do voleibol español. Tres sets de bo xogo. Tres sets mantendo unha altísima intensidade permitiron ós de Emilio Palacio citarse coa historia esta tarde no municipal de Rianxo. Sempre puntuais ó cambio de saque, os boirenses mostraron un ritmo moi elevado dende os primeiros compases do choque. Altísima eficacia no bloqueo, orde e predisposición defensiva, presión dende a liña dos 9 metros e unha maxistral dirección do colocador Iván Souto permitían que o primeiro parcial quedase en saco branquiazul. Igualado comezaba o segundo xogo. Foi a partires do ecuador do mesmo onde o inspirado bloqueo barbanzano marcaba as diferencias para abrir unha senda no luminoso que os olívicos xa non poderían pechar. Cun tanteador favorable para os locais (2-0), era de esperar unha reacción por parte dos vigueses. Así foi. Presentábanse os de Eduardo Sánchez na zona quente do set cunha vantaxe de dous puntos (20-18) pero unha xeira en servicio de Jesús Vázquez devolvía o dominio no tanteador ós seus. Como non hai dous sen tres e retando o dito que di que ninguén é profeta na súa terra, Mario Iglesias cerraba o set e o encontro cun exitoso ataque en primeiro tempo que a medida que se achegaba ó firme da instalación rianxeira se mesturaba cun grito de xúbilo que unía a equipo e afección. Noraboa rapaces, gran tarde. Polo Náutico Boiro Voleibol xogaban: Iván Souto, Narciso Abalo, Jesús Vázquez, Mario Iglesias, Cristóbal Álvarez, Emilio Palacio e Adrián Alves (líbero). Como reservas figuraban Rubén Taibo, Miguel Vázquez, Manuel Pérez, Gustavo Romero e Antón Pérez.

xoves, 27 de setembro de 2012

O NÁUTICO, NA OBRIGA DE LEVAR AS SEMIFINAIS DA COPA GALICIA A RIANXO:

Cristóbal medirase ós seus ex
Sábado 29 de setembro; 18:00h; Polideportivo Municipal de Rianxo. Estes son os datos da primeira semifinal da Copa Galicia 2012, que enfrontará ós boirenses do Náutico ante o Club Vigo Voleibol, equipo que militará un ano máis na máxima categoría do voleibol español, a Superliga. Dura eliminatoria á que se lles presenta ós rapaces de Emilio Palacio, que deberán mostrar a mellor das súas caras para poder plantar batalla ó dominador histórico desta competición e, a priori, claro favorito a revalidar o título do ano pasado. Será tamén un partido de reencontros: por un lado, o central vigués Óscar Gómez enfrontarase ós que foron os seus compañeiros de equipo en Boiro en temporadas pasadas e cos que axudou a conquistar os dous campionatos da 1ª división nacional. Outro que se medirá aos seus ex será o receptor Cristóbal Álvarez. Tras xogar moitos anos coa elástica viguesa, o 12 do Náutico tentará plantar cara ós seus veciños, desta volta como branquiazul. Especial tamén será o choque para o central rianxeiro Mario Iglesias que, tras incorporarse á disciplina do Náutico esta mesma temporada, volverá á que foi a súa casa para xogar o primeiro encontro oficial como local do Boiro Voleibol nesta temporada 2012-2013. Na outra semifinal, dous conxuntos que competirán na Superliga 2 Masculina pelexarán a dobre partido por un posto na gran final. EMEVE de Lugo e Intasa San Sadurniño decidirán quen será o rival do equipo que saia victorioso do noso emparellamento. Sorte rapaces, que gañe o mellor. Para concluir con este post, dende o Boiro Voleibol queremos facer chegar e  sentímonos na obriga de facer pública unha vez máis a nosa gratitude co  Dpto. de deportes do Concello de Rianxo por cedernos as súas instalacións e permitir que a nosa actividade siga adiante.

martes, 25 de setembro de 2012

O BOIRO VB SUSPENDE A SÚA ACTIVIDADE OS DÍAS 26, 27 E 28 DE SETEMBRO:

O Boiro Vb interrompe a súa programación para o 26, 27 e 28
O Boiro Vb segue padecendo as terribles consecuencias do peche do Complexo Dep. da Cachada, que tanto dano e incertidume está creando ó redor da entidade. Nesta ocasión, o club deberá suspender a súa actividade cotiá os vindeiros 26, 27 e 28 de setembro no PM de Barraña debido a que éste permanecerá pechado por mor dos preparativos e celebración dunhas comidas da terceira idade. Os equipos infantil masculino/feminino, cadete feminino, xuvenil masculino/feminino e o filial do senior masculino non poderán exercitarse, interrompendo a preparación para as competicións autonómicas que dan comezo o 6 de outubro. En nome de toda a xunta directiva pedir desculpas a tódolos nosos deportistas e familiares  por tantas molestias ocasionadas nestes tempos revoltos. Aclarar tamén que se trata dunha problemática totalmente allea ó club e que estamos a traballar a reo para buscar unha solución e que o crecemento deste proxecto siga o seu camiño. Mil desculpas.

domingo, 23 de setembro de 2012

O NÁUTICO XOGARÁ AS SEMIFINAIS DA COPA GALICIA COMO "LOCAL":

O Náutico domina dende os 9 metros
Cara e cruz no desprazamento dos nosos equipos senior ó PM de Coia para medirse nos 1/4 de final da Copa Galicia ó Club Vigo Voleibol. O filial boirense perecía por 3-0 ante o primeiro equipo olívico nun encontro no que os locais dominaron de comezo a fin a un Redesyl que segue buscando a fórmula que lles permita xogar con solvencia. O status dos vigueses foi suficiente para doblegar a un xoven equipo que aínda ten moitas facetas do xogo por mellorar. Polo Redesyl xogaron: Andrés Martínez, Diego Romero, Adrián Armental, Alén García, Miguel Lorenzo, Alfonso Rey e Abel Sánchez (líbero). Tamén xogaron Daniel Vázquez, Fran Dieste, Daniel Sieira, Ismael Martínez e Xavier Sarille. Pola súa banda, o primeiro equipo masculino do Boiro Voleibol conseguía a clasificación pola vía rápida para as semifinais da Copa Galicia derrotando por 0-3 ó equipo filial vigués. A constancia boirense dende os 9 metros danaba gravemente a recepción dos locais que non conseguiron contrarrestar en ningún momento o xogo dos nosos. Polo Náutico xogaron: Iván Souto, Emilio Palacio, Jesús Vázquez, Mario Iglesias, Cristóbal Álvarez, Manuel Pérez e Adrián Alves (líbero). Como reservas estaban Rubén Taibo, Narciso Abalo, Antón Pérez, Gustavo Romero e Miguel Vázquez. Tras este triunfo o Náutico clasifícase para as semifinais da Copa Galicia onde pelexará a vindeira fin de semana por un posto na gran final co Club Vigo Voleibol, equipo da máxima categoría española onde milita un vello coñecido da afección boirense como é Óscar Gómez. O Boiro Voleibol exercerá de anfitrión nun esceario por determinar (probablemente no PM de Rianxo) á espera dunha solución coa problemática da Cachada. Permanecede atentos, ó longo da semana publicaremos sede e horarios para aqueles que vos queirades desprazar a ver o encontro.

xoves, 20 de setembro de 2012

AMIGABLES EN NOIA PARA O CADETE E XUVENIL FEMININOS:

O cadete feminino no torneo internacional de Andorra 2012
Os equipos cadete e xuvenil femininos do Boiro Voleibol terán o vindeiro sábado 22 de setembro os primeiros amigables de preparación para as competicións regulares da 2012-2013. As rapazas que dirixen Emilio Palacio e Narciso Abalo visitarán o Alonso Rodríguez do CV Noia coa mente posta en perfeccionar e sincronizar as pezas dun puzzle con moitas novidades respecto ó ano pasado. Os horarios serán os seguintes: a partires das 16:00h disputarase o encontro correspondente á categoría cadete feminina. Aquí veremos os avances do equipo boirense que o ano pasado acadou no terreo de xogo o ascenso á liga galega. A continuación será o turno do partido xuvenil feminino (17:30h aproximadamente). Tras un ano de paréntese, o Boiro Voleibol volve a contar cun cadro de xogadoras en idade xuvenil, que será completado con compañeiras de equipos de menor idade. ¡Boa sorte rapazas!

mércores, 19 de setembro de 2012

PRIMEIROS PARTIDOS OFICIAIS PARA OS NOSOS EQUIPOS MASCULINOS:

Náutico e Redesyl estréanse en competición oficial
O vindeiro domingo 23 os cuartos de final da Copa Galicia darán o pistoletazo de saída das competicións oficiais para os dous equipos senior masculinos do noso club. Náutico e Redesyl acudirán a terras olívicas coa intención de facer un bo papel ante o decano do voleibol nacional. O esceario de ámbolos dous encontros será o pavillón municipal de Coia (Vigo) e os horarios serán os seguintes: ás 11:00h o Náutico Boiro Voleibol medirase ó Club Vigo Voleibol B. Este encontro significará a estrea do central rianxeiro Mario Iglesias coa branquiazul do Náutico e servirá para engranar as pezas do conxunto boirense de cara a nova tempada que se acerca. Ás 12:30h será o turno do Redesyl Boiro Voleibol que se medirá ó Club Vigo Voleibol da SVM. O filial boirense viaxa coa intención de deixar unha boa imaxe ante un equipo que na 2012-2013 militará na máxima categoría do voleibol español. Boa sorte rapaces, arrancamos.

martes, 18 de setembro de 2012

O FUTURO DO BOIRO VOLEIBOL NO AIRE:

As alarmas no Boiro Voleibol están encendidas. A falla de menos dun mes para o comezo das competicións oficiais os nosos equipos seguen co seu futuro pendendo dun fío e sen coñecer si van a dispor de instalación para levar a cabo os seus adestramentos e partidos oficiais. Os pais e nais dos rapaces que forman os case que 10 equipos (tanto masculinos como femininos) cos que competirá o noso club mostran día tras día a súa preocupación polo desenlace do problema. O peche do complexo deportivo de A Cachada supón unha forte ameaza para o proxecto de presente e futuro que os técnicos do club teñen plantexado cos máis novos onde, de non solucionarse o problema, ós éxitos acadados nas últimas campañas que inclúen numerosas convocatorias coas seleccións galegas e incluso española veríanse detidos de súpeto traendo consecuencias fatais para o volei boirense. Outro dos grandes perxudicados sería o Náutico Boiro Voleibol. Campión nas dúas últimas edicións da 1ª División do voleibol español e único representante galego desta competición na 2012-2013 non poderá seguir colleitando éxitos diante dos seus incondicionais seguidores xa que A Cachada é o único recinto do Concello de Boiro que, por normativa da Real Federación Española de Voleibol, pode acoller competicións de ámbito nacional. O 3 de novembro comeza a competición para eles. Collado Villalba (Madrid), CUV Alcorcón (Madrid), Universidade de Valladolid, Bera Bera (San Sebastián), CV Oviedo e Universidade de Burgos non pisarán Boiro si o problema non se soluciona. O club xa baralla a opción de desprazarse  a un concello veciño para disputar os seus encontros co primeiro equipo, feito que sería un terrible paso atrás para a cultura de voleibol que estes últimos anos se estaba instaurando entre os afeccionados boirenses. Xente, hoxe esta é a realidade. ¿O futuro? nesta ocasión non está nas nosas mans e ogallá o estivera. Loitaremos.



domingo, 16 de setembro de 2012

UNHA VITORIA E UNHA DERROTA NOS AMIGABLES DO SÁBADO:

Fran (dereita) firma unha excelente actuación co equipo sénior B
Sorte dispar para os equipos xuvenil e filial masculino. Boirenses e noieses medíanse na tarde do sábado, colleitando os nosos unha vitoria e unha derrota. O triunfo chegaba da man do equipo xuvenil (3-0). Malia o abultado do resultado o xogo dos nosos non se achegou ó nivel real do equipo, mostrándose conformistas en moitos treitos do encontro e cometendo erros que non acostuman a facer. Por outro lado, xogouse o derbi correspondente á categoría de 2ª división autonómica onde os noieses se levaron o choque por 3-1. A falta de constancia no xogo, a caída en erros non forzados, a pérdida de concentración en momentos puntuais e  os desaxustes tácticos que se repetían set tras set propiciaban a derrota boirense. Destacar a aportación do oposto en idade xuvenil Fran Dieste, quen cumpliu cunha excelente actuación no encontro sénior en facetas de ataque. Ánimo rapaces, a seguir co traballo.

xoves, 13 de setembro de 2012

O INFANTIL MASCULINO, NOVIDADE PARA ESTA 2012-2013:

A pesar da súa xuventude, Darío xa é peza clave no infantil
O Boiro Voleibol en xeral e os técnicos das categorías base en particular están de noraboa. Christopher, Rubi, Daniel, Darío, Álex, Pablo, Sergio, Gabriel, Brian, Jorge... Estes, e agardamos que algún que outro máis, son os nomes propios que conformarán o equipo infantil que competirá por primeira ven na historia recente do noso club na Liga Galega Infantil Masculina. Os técnicos do Boiro Voleibol comezan deste xeito un novo proxecto de futuro cunha prometedora xeración de xogadores que de seguro despuntarán e veremos en equipos superiores nun curto período de tempo. Boa xeración esta do 1999-2000, a traballar rapaces. Aproveitar tamén para animar a nais, pais, irmáns e irmás, prim@s, etc para que inicien ós seus achegados nun deporte tan emerxente en Boiro como é o voleibol convidándoos a participar no noso proxecto. Non se arrepentirán, agardámosvos a tod@s.

martes, 11 de setembro de 2012

NOVOS AMIGABLES, DESTA VOLTA É O BOIRO VB QUEN CONVIDA Ó CV NOIA:

Chegan a Boiro os primeiros amigables da pretemporada
O pasado sábado día 8 os equipos xuvenil e filial masculinos desprazábanse a Noia para xogar sendos amigables contra os conxuntos do club veciño. A travesía deixaba unha vitoria e unha derrota. O triunfo chegou da man do equipo xuvenil que se sobrepuxo ás numerosas baixas que tiña e consegía dobregar ó CV Noia no tie break. Pola súa banda, o renovado equipo filial boirense cedía pola vía rápida ante o primeiro equipo masculino noiés (3-0). Pois ben, para o vindeiro sábado 15 de setembro está programada a visita do CV Noia ó Polideportivo Municipal de Barraña para devolvernos a visita e continuar coa posta a punto dos equipos de cara as competicións autonómicas que arrancarán en menos dun mes. Os horarios serán: ás 16:00h comezará o encontro xuvenil e de seguido o senior (18:00h aproximadamente). A seguir mellorando rapaces.

martes, 4 de setembro de 2012

PRIMEIROS ENCONTROS AMIGABLES DA 2012-2013:

O xuvenil e filial masculinos xogarán os seus primeiros amigables
O inicio das competicións autonómicas xa está á volta da esquina e os equipos do Boiro Voleibol continúan coa súa posta a punto para comezar con bo pé a tempada. Este é o caso dos equipos xuvenil e filial masculinos que o vindeiro sábado día 8 de setembro complementarán a súa preparación con sendos encontros amigables na cancha dos veciños do CV Noia. O encontro xuvenil terá lugar ás 16:00h e o sénior comezará a continuación (Polideportivo Alonso Rodríguez), unha vez remate o partido dos xuvenís. O técnico boirense tratará de ir sincronizando pouco a pouco as pezas dos conxuntos que estarán competindo en cousa dun mes xa que moitas son as novidades que presentará, sobre todo, o equipo filial masculino que mesturará pinceladas de experiencia cunha ampla base de xogadores xoves formados na canteira do noso club. Boa sorte rapaces!