xoves, 27 de setembro de 2012

O NÁUTICO, NA OBRIGA DE LEVAR AS SEMIFINAIS DA COPA GALICIA A RIANXO:

Cristóbal medirase ós seus ex
Sábado 29 de setembro; 18:00h; Polideportivo Municipal de Rianxo. Estes son os datos da primeira semifinal da Copa Galicia 2012, que enfrontará ós boirenses do Náutico ante o Club Vigo Voleibol, equipo que militará un ano máis na máxima categoría do voleibol español, a Superliga. Dura eliminatoria á que se lles presenta ós rapaces de Emilio Palacio, que deberán mostrar a mellor das súas caras para poder plantar batalla ó dominador histórico desta competición e, a priori, claro favorito a revalidar o título do ano pasado. Será tamén un partido de reencontros: por un lado, o central vigués Óscar Gómez enfrontarase ós que foron os seus compañeiros de equipo en Boiro en temporadas pasadas e cos que axudou a conquistar os dous campionatos da 1ª división nacional. Outro que se medirá aos seus ex será o receptor Cristóbal Álvarez. Tras xogar moitos anos coa elástica viguesa, o 12 do Náutico tentará plantar cara ós seus veciños, desta volta como branquiazul. Especial tamén será o choque para o central rianxeiro Mario Iglesias que, tras incorporarse á disciplina do Náutico esta mesma temporada, volverá á que foi a súa casa para xogar o primeiro encontro oficial como local do Boiro Voleibol nesta temporada 2012-2013. Na outra semifinal, dous conxuntos que competirán na Superliga 2 Masculina pelexarán a dobre partido por un posto na gran final. EMEVE de Lugo e Intasa San Sadurniño decidirán quen será o rival do equipo que saia victorioso do noso emparellamento. Sorte rapaces, que gañe o mellor. Para concluir con este post, dende o Boiro Voleibol queremos facer chegar e  sentímonos na obriga de facer pública unha vez máis a nosa gratitude co  Dpto. de deportes do Concello de Rianxo por cedernos as súas instalacións e permitir que a nosa actividade siga adiante.

Ningún comentario: