luns, 29 de setembro de 2014

O NÁUTICO DA A CAMPANADA NA PRIMEIRA XORNADA DA COPA GALICIA:

Cristóbal Álvarez volveu a ser un dos destacados do Náutico
Fin de semana cheo de partidos de Copa Galicia para os nosos equipos. O JEALSA Boiro Voleibol (cadete feminino) viaxaba na mañá do sábado a Narón para intentar seguir adiante na Copa Promesas Feminina. As de Emilio Palacio golpearon primeiro desfacéndose por 3-0 (25-7, 25-1, 25-7) do CV Narón Volea B. A continuación vencerían por un axustado 2-1 ó CV Pontevedra A (25-18, 25-22, 23-25) e por un claro 0-3 a Narón Volea A (12-25, 16-25, 17-25). Deste xeito clasificábanse as nosas para unha nova ronda onde se medirán na Final A ós equipos do EMEVÉ de Lugo e do CV Ribeira Sacra. Tamén na xornada matutina de sábado entraba en acción o Redesyl na Copa Federación Masculina. A Cachada presenciaba a súa derrota ante o Fisioterapia Cinesia Noia por un axustadísimo 1-2 (22-25, 25-21, 23-25) e o triunfo sobre EMEVE por 2-1 (25-22, 12-25, 25-21). O último equipo de base en entrar en acción sería o JEALSA (cadete masculino) no que a súa expedición a Lugo na mañá de domingo para disputar a Copa Promesas Masculina se saldaría cunha vitoria por 3-0 sobre o Narón Volea (25-14, 25-13, 25-21) e cunha derrota pola mínima ante o EMEVE, 2-1 (25-17, 29-31, 25-22). Todo por decidir nunha última xornada á que os de Adrián Alves chegan como líderes do torneo. O prato forte da fin de semana vivíuse na Cachada na sesión vespertina do sábado coa Copa Galicia Masculina en xogo. Os equipos do EMEVÉ (Superliga) e Intasa San Sadurniño (Superliga 2) chegaban a Boiro coa intención de ser os dominadores do voleibol masculino galego. O primeiro encontro enfrontou a lucenses e ferrolanos, vencendo os primeiros por 2-1 (25-22, 24-26, 25-23) nun encontro máis igualado do agardado. A continuación o Náutico gañaba con comodidade ós de Ferrolterra por 3-0 (25-18, 25-19, 25-20) nun partido onde a afección boirense vería en acción por primeira vez ó novo receptor branquiazul, Gabriel Del Carmen. EMEVÉ e Náutico citábanse para o derradeiro encontro. Os lucenses, con xogadores tan destacados no panorama nacional como son o receptor internacional Marlon Palharini ou o oposto de 2'04 Juan Díaz-Romeral non puideron co bloqueo-defensa local e perecían por 1-2 (25-21, 20-25, 30-28) cun desenlace de infarto. A derradeira xornada (Lugo, 4/10/2014) decidirá que equipo se fai coa hexemonía do volei galego.

xoves, 25 de setembro de 2014

A COPA GALICIA TRAE Á CACHADA ÓS MELLORES EQUIPOS GALEGOS:

Este sábado o Náutico regresa á Cachada coa Copa Galicia
Este sábado pola tarde A Cachada acollerá a 1ª xornada da Copa Galicia Masculina recibindo ós equipos senior que xogan competición nacional: EMEVE de Lugo (SVM) e Intasa San Sadurniño (SM-2). Viviremos dous partidos como pedras de toque para un Náutico que medirá as súas forzas por primeira vez nesta pretemporada. Ás 16:00h poderemos desfrutar do Intasa San Sadurniño-EMEVE co debut en competición oficial do receptor internacional Marlon Palharini nas filas dos lucenses. Ás 17:30h será o turno do Náutico-Intasa San Sadurniño e ás 19:00h do Náutico-EMEVÉ. De seguro que o espectáculo non defraudará. O sábado pola mañá, tamén na Cachada, a Copa Federación Masculina obrigaralle ó Redesyl Boiro Voleibol a empregarse a fondo ante Fisioterapia Cinesia Noia (11:30h) i EMEVE (13:00h). Lucenses e noieses medirán as súas forzas ás 10:00h. O Campo da Serra de Narón será o esceario no que as nosas cadetes disputarán a súa xornada de Copa Promesas. CV Narón Volea B (10:00h), CV Pontevedra A (11:30h) e Narón Volea A (13:00h) serán os equipos ós que se medirán. Pola súa banda o JEALSA Boiro Voleibol desprázase a Lugo o domingo 28 (Casa do Deporte) para xogar a Copa Promesas Masculina. Entrarán en acción ás 11:15 ante Narón Volea e despedirán a xornada xogando o seu encontro fronte a EMEVÉ ás 12:30h. ¡Boiro é volei!

luns, 22 de setembro de 2014

RESUMO DA 1ª XORNADA DA COPA GALICIA:

Imaxe de arquivo do Redesyl
A I xornada da Copa Galicia deixounos unhas sensacións moi satisfactorias para os nosos equipos de base. Na mañá do sábado, o JEALSA (cadete masculino) desfacíase no seu primeiro partido na Copa Promesas Masculina do EMEVÉ de Lugo por 3-0. Os de Adrián Alves atoparon no seu ataque a gran baza que lles permitiría dominar con claridade o encontro. No segundo partido repetíase resultado ante o Narón Volea. Na Copa Promesas Feminina o JEALSA vencía por 3-0 os seus 3 encontros ante CV Pontevedra B, Caldaria Voleyourense e XAV Cambados B respectivamente. Na xornada de tarde o Redesyl afrontaba a Copa Federación Masculina no Alonso Rodríguez noiés ante dous sempre complicados rivais. O primeiro deles, o CV Noia, impúxose por 2-1 nun encontro no que os nosos comezaron gañando. O segundo partido enfrontábanos ó EMEVÉ, partido que rematou con vitoria boirense por 3-0.

xoves, 18 de setembro de 2014

INICIO DAS COMPETICIÓNS OFICIAIS PARA @S NOS@S:

Primeiros encontros oficiais da 2014-15 (Foto de Pol)
Esta fin de semana comeza oficialmente a tempada para os nosos equipos de base coa celebración das diferentes modalidades da Copa Galicia. A Cachada albergará desde a mañá do sábado 20 a 1ª xornada da Copa Promesas, tanto masculina como feminina para rapaces e rapazas en idades infantil e cadete. Os rapaces xogarán ás 11:30h ante o EMEVE de Lugo e ás 12:30 ante o Narón Volea (ambos en Pista 1 da Cachada) nun triangular con partidos ó mellor de 3 sets. Pola súa banda as rapazas xogarán ás 12:30h, 17:00h e 18:30 ante Pontevedra B, Caldaria Voleyourense e Xav Cambados B respectivamente (Pista 2 da Cachada). Esa mesma tarde o equipo filial masculino que dirixe Adrián Alves desprazarase ata o Alonso Rodríguez noiés para disputar a Copa Federación Masculina. Os seus rivais serán o Fisioterapia Cinesia Noia (16:00h) e o EMEVE (17:30h).

luns, 15 de setembro de 2014

GERMÁN ROMERO E GABRIEL DEL CARMEN, REFORZOS DE NIVEL PARA O NÁUTICO:

Gaby foi subcampión de España Sub-19 de VP
A un mes do comezo da Superliga 2 Masculina (18 de outubro visita A Cachada o CV Melilla) o Náutico Boiro Voleibol tén o seu cadro de xogadores totalmente configurado para afrontar a que será a súa segunda tempada na categoría de prata do volei español. O plantel da 2013-14, a excepción da baixa do central Antón Pérez e do regreso de Xavier Sarille tras un ano estudiando en Rumanía, será a base sobre a que Emilio Palacio construirá o seu novo equipo. Iván Souto, Narciso Abalo, Manuel Pérez, Gustavo Romero, Cristóbal Álvarez, Miguel Vázquez, Emilio Palacio, Mario Iglesias, Jesús Vázquez e Adrián Alves repetirán experiencia e dúas incorporacións de calidade completarán un plantel que tentará de superar as 6 vitorias acadadas no curso pasado. A primeira delas é a do central de 1'91m Germán Romero. Tralo seu paso polo CV Noia, CV Ribeira e CV Zalaeta cos que encheu de éxitos o seu palmarés particular, o de Lousame chega ó Boiro Voleibol para aportar a súa calidade preto da rede. A segunda alta branquiazul non é outra que a do vigués de 1'92m Gabriel del Carmen, un valor na canteira galega dos últimos anos. Malia a súa xuventude (20), Gaby foi unha das pezas básicas do esquema de Eloy Mahía no Intasa San Sadurniño da pasada campaña, conseguindo ser o máximo anotador do equipo de Ferrolterra (132 tantos) e un dos seus mellores receptores (23%). Xuvenil Teis, Club Vigo Voleibol, AD Cáceres e Intasa San Sadurniño son os equipos nos que formou con anterioridade o noso novo compañeiro. ¡Benvidos!

mércores, 3 de setembro de 2014

PATROCINIOS RENOVADOS PARA ESTA 2014-15:

As empresas JEALSA, Náutico Boiro - Marina Cabo de Cruz e Redesyl acaban de confirmar a súa continuidade no proxecto do Boiro Voleibol de cara a vindeira tempada 2014-2015. En nome de toda a xunta directiva en particular e a familia do volei da nosa vila en xeral queremos enviar a nosa máxima gratitude por seguir apoiando a nosa causa e confiando no traballo que levamos a cabo. Sobra dicir que os nosos éxitos son tamén vosos, mil gracias. ¡O volei está de moda!

JEALSA, Náutico Boiro e Redesyl seguirán co seu apoio esta 2014-15