mércores, 31 de outubro de 2012

O ARRANQUE DA 1ª DIVISIÓN NACIONAL SERÁ A NOVIDADE DESTA XORNADA:

VENRES 2:

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL - CLUB VIGO VOLEIBOL
(12:00h, PM Barraña)-(Liga galega xuvenil masculina)

SÁBADO 3:

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL - MANUELA RIAL MOUZO
(APRAZADO)-(Liga galega infantil feminina)

BIG MAT SUEIRAS SAN SADURNIÑO - TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL
(10:30h, PM San Sadurniño)-(Liga galega xuvenil masculina)

ZALAETA - O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(11:00h, Instituto de Zalaeta)-(Liga galega xuvenil feminina)

STA. Mª DEL MAR - REYCA BOIRO VOLEIBOL
(12:00h, Colexio Sta. Mª del Mar)-(Liga galega infantil masculina)

ZALAETA - INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(12:30h, Instituto de Zalaeta)-(Liga galega cadete feminina)

LANCER ZENALE SAN SADURNIÑO - REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(12:30h, PM San Sadurniño)-(2ª División autonómica masculina)

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL - C.U.V. ALCORCÓN
(18:00h, PM Rianxo)-(1ª División nacional masculina)

martes, 30 de outubro de 2012

ACTUALIDADE: NOVAS DA ASAMBLEA E SEMANA DE ENTREGA DOS SOCIOS

Juan Nepo (esquerda), presidente de honra do Boiro Voleibol
Na asamblea celebrada o pasado domingo 28 de outubro a xunta directiva do Boiro Voleibol en presencia dos seus socios ofreceu a Juan Nepo, por tantos anos de traballo e adicación desinteresada a este proxecto nacido en 1991, a presidencia de honra da entidade. Tras ser neste longo estadío a cabeza visible do club deixa a presidencia en mans dun símbolo do noso deporte na comarca sin o cal o club non sería o que é na actualidade. Trátase do ben coñecido por todos Andrés Martínez, que encabezará o proxecto boirense nos  tempos vindeiros xunto cunha xunta directiva volcada nesta actividade e que recén se reforzou cun novo membro, Juan Segade. Gracias Nepo e moita sorte "Araña". Aproveitamos tamén este post para recordar a tódolos xogadores e xogadoras do Boiro Voleibol que esta semana (mércores 31) remata o prazo para entregar o listado de socios. O procedemento para facelo será similar ó das últimas tempadas: cada xogador entregará a súa recadación ó seu correspondente adestrador. Que ninguén se esquenza, é polo ben de todos e todas.

sábado, 27 de outubro de 2012

MALAS NOVAS, 3 DERROTAS NAS LIGAS AUTONÓMICAS FEMININAS:

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 0-3 CV PONTEVEDRA
(9-25, 13-25, 8-25)-(Liga galega infantil feminina)

O Secreto pagou a inexperiencia coa derrota
Non comezaba con bo pé o carrusel de encontros ante o CV Pontevedra xa que o equipo infantil feminino caía con claridade en 3 sets e menos dunha hora. En ningún momento da contenda puideron as nosas plantar cara ante a solidez mostrada polas pontevedresas, que, cun equipo máis veterano e formado, non pasaron apuros para levar cara o sur os dous puntos da vitoria. A regularidade no servicio e a constancia no manexo de balón foron as chaves que abriron a porta da vitoria visitante. As boirenses deberán seguir co traballo diario para ir aclimatándose á competición novidosa que se lles presenta e, de seguro, que a tendencia irá tornando para mellor ó longo da tempada. Moito ánimo rapazas. Por O Secreto xogaron: Miriam, Emma, Lea, Ada, Marta e Irea. Tamén xogaron Carla, Celia, Lía, Laura Olveira, Paula e Laura Piñeiro.


INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL 1-3 CV PONTEVEDRA
(25-21, 11-25, 14-25, 22-25)-(Liga galega cadete feminina)

Emma ataca ante o doble bloqueo pontevedrés
O cadete feminino non puido ser o punto de inflexión que permitise anotar no casilleiro boirense a primeira vitoria da fin de semana. O esperanzador comezo das de Emilio Palacio presaxiaba un desenlace moito máis ledo para as boirenses que se presentaban neste encontro coas importantes baixas por lesión de Antía Sampedro, Ana Bugallo e Ángela Alves. As pontevedresas foron superiores en case que todo o encontro excepto no tramo final do primeiro set onde unha extraordinaria xeira de saques de Emma Ordóñez permitía ás súas adiantarse no luminoso nun parcial que prácticamente estaba perdido. A paciencia debe ser a arma que empreguen as nosas para retornar ó camiño do bo xogo xa que paseniño irán recuperando os efectivos perdidos na última semana. Polo Ingeniería Trazos xogaban: Lea, Claudia, Lía, Paula, Sara, Emma e Irea (líbero). Tamén xogaban Marta, Ada e Zoila.

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 0-3 CV PONTEVEDRA
(14-25, 21-25, 13-25)-(Liga galega xuvenil feminina)

As baixas mermaron o rendemento de O Secreto
Derrota sen opcións a sufrida polas xuvenís no encontro que baixaría o telón da xornada de enfrontamentos entre boirenses e pontevedresas. A particular plaga de lesións que están a sufrir os nosos equipos femininos castigaron en exceso o seu xogo. Baixas tan importantes como as da colocadora Sara Bugallo a as receptoras titulares Melissa Novoa e Ana Bugallo mermaron as opcións das branquiazuis e imposibilitaron a ruptura do pleno de derrotas que os nosos equipos encaixaron na tarde de sábado. Moito ánimos ás lesionadas e a recuperarse de contado para axudar de novo ó seu equipo. Por O Secreto xogaron: Claudia, Andrea Davila, Katy, Alejandra, Isa, Emma e Sheila (líbero). Tamén xogou Sheila Pouso.

xoves, 25 de outubro de 2012

ASAMBLEA DO C.V. CABO DE CRUZ - BOIRO VOLEIBOL:

Pola presente convócaselle a unha sesión ordinaria da asamblea do CV Cabo de Cruz-Boiro Voleibol, que se celebrará o vindeiro domingo día 28 de outubro ás 12:00 horas, no salón de actos do Centro Social de Boiro, baixo a presidencia de Don Juan Nepo e coa seguinte orde do día:

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Lectura e aprobación, se procede, da memoria da tempada 2011/2012.
  3. Nomeamento do actual presidente como presidente de honra.
  4. Nomeamento do novo presidente.
  5. Rolda aberta de intervención.
Boiro, 25 de outubro de 2012.

PARTIDOS CORRESPONDENTES Á XORNADA DESTA FIN DE SEMANA (SÁBADO 27):

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL - CV PONTEVEDRA
(16:00h, PM Barraña)-(Liga galega infantil feminina)

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL - CV PONTEVEDRA
(17:30h, PM Barraña)-(Liga galega cadete feminina)

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL - CV PONTEVEDRA
(19:00h, PM Barraña)-(Liga galega xuvenil feminina)

sábado, 20 de outubro de 2012

BALANCE POSITIVO: 4 VITORIAS EN 5 PARTIDOS NOS DERBIS ANTE O CV NOIA:

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 3-2 FISIOTERAPIA CINESIA NOIA
(7-25, 25-23, 25-19, 16-25, 15-13)-(Liga galega infantil feminina)

O servicio volve a ser definitivo no encontro infantil
A primeira vitoria nos derbis comarcais chegaba no encontro infantil feminino onde as que dirixe Andrés Martínez variaban un negativo comezo para acadar finalmente o triunfo. Como é tónica xeral nos partidos con xogadoras desta idade o servicio marcaba as diferencias. Así foi nos catro primeiros sets onde boirenses e noiesas alternaban vitorias parciais baseando o seu xogo no saque. O equipo que mantiña a batuta dende os 9 metros mandaba no encontro. Chegados ó tie-break no municipal de Barraña todo parecía indicar que a vitoria viaxaría cara terras noiesas posto que éstas, cun servicio que impedía a construcción boirense, situábanse cunha ampla renda que parecía ser definitiva (3-9). Foi neste momento cando o servicio de Lía Villar foi trascendental conseguindo un parcial de 7-0 para as súas e remontando o 5º set e deixando os dous puntos da vitoria na casa. Por O Secreto xogaron: Emma, Lea, Irea, Marta, Lía, Ada, Marta, Miriam, Paula e Laura.


INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL 3-1 FISIOTERAPIA CINESIA NOIA
(25-23, 26-24, 21-25, 25-15)-(Liga galega cadete feminina)

Estrea no casilleiro de vitorias para as cadetes. Parabéns
Primeira vitoria na 2012-2013 para as que dirixe Emilio Palacio nun encontro no que, en liñas xerais, foron superiores ó rival. O encontro comezaba con igualdade, as imprecisións nun e noutro bando que impedían a calquera dos dous cadros abrir fenda no luminoso. No momento dende o que as boirenses conseguiron entoar a súa construcción, o ataque polas bandas con Emma Ordóñez e Ana Bugallo foi demasiado para o combinado noiés. Cun 2-0 no tanteador, as boirenses baixaron uns minutos a garda, feito que foi aproveitado á perfección polas visitantes para recurtar distancias nun set no que mostraron a súa cara máis consistente. No descanso que afrontaría o 4º e definitivo as nosas tomaron impulso para pechar claramente o encontro cunha vantaxe de 10 puntos que en momentos sinalados chegou a ser maior froito dun atinado servicio. Polo Ingeniería Trazos xogaron: Ana, Emma, Claudia, Antía, Sara, Lea e Ángela (líbero). Tamén Lía, Marta, Irea e Paula.

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 3-1 FISIOTERAPIA CINESIA NOIA
(25-19, 25-18, 24-26, 25-19)-(Liga galega xuvenil feminina)

En nome de toda a familia boirense, un forte abrazo Meli e Ali
Clara vitoria do equipo xuvenil feminino do Boiro Voleibol nun encontro que, exceptuando momentos puntuais do 4º parcial, dominaron de cabo a rabo. O saber facer das boirenses na súa construcción do ataque impedía a resposta do bloqueo-defensa das de Noia que unha e outra vez vían como as nosas atacantes levaban o balón ó firme do Municipal de Barraña. Excelente dirección da colocadora Sara Bugallo que malia ter unha tendinite nunha das súas mans conseguiu distribuir  con clase o xogo das nosas e achegar máis, si cabe, o triunfo ó casilleiro das súas. Con estes dous puntos, as de Emilio Palacio e Narciso Abalo sitúanse líderes da Liga Galega transcurridas tres xornadas da mesma. Causou baixa para o encontro Melissa Novoa á que, ó igual que á súa irmá Alicia Novoa (ex-xogadora do club), mandamos dende aquí todo o noso apoio e un forte abrazo. Por O Secreto xogaron: Sara, Katy, Ana, Emma, Alejandra, Antía e Sheila Outeiral (líbero). Tamén Lea, Andrea, Claudia e Sheila Pouso.

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL 3-0 FISIOTERAPIA CINESIA NOIA
(25-5, 25-15, 25-16)-(Liga galega xuvenil masculina)

O xuvenil masculino arranca a liga galega con triunfo
Tres sets e menos dunha hora precisaron os xuvenís do para desfacerse do Fisioterapia Cinesia Noia neste estreo ligueiro para os boirenses. O Trillizos xa dominaba o choque dende os primeiros compases onde se impoñía en tódalas facetas do xogo ó seu rival. O partido serviu para dar minutos a tódalas pezas do puzzle local exceptuando ós cadetes Ismael e Lois que se atopan de viaxe en Polonia. A pesar do abultado do triunfo, non se poden extraer demasiadas conclusións acerca do nivel que mostrarán os de Adrián Alves neste arranque de campaña posto que o reto que propoñía este encontro era mínimo. Cabe destacar a conciencia colectiva que o conxunto adquiriu en facetas defensivas, aspecto que na tarde de onte identificou ós nosos. Polo Trillizos xogaban: Dani Vázquez, Fran, Xian, Dani Sieira, Alfonso, Óscar e Abel (líbero). Tamén xogaron Dani Gey e Naji.

REDESYL BOIRO VOLEIBOL 0-3 FISIOTERAPIA CINESIA NOIA
(22-25, 14-25, 22-25)-(2ª División autonómica masculina)

A recepción boirense non estivo á altura do derbi
E chegou a única cruz desta xornada de derbis. O Redesyl non foi capaz de desenvolver o seu mellor xogo tras unha semana de boas sensacións. O gran hándicap foi a recepción. Malia que o servicio noiés simplemente se centraba en poñer o balón en xogo, os colocadores locais sufrían moito para reciclar os pases defectuosos que lles enviaban os receptores. Os erros non forzados que cometían os nosos case sempre tiñan a súa orixe nunha deficiente recepción e provocaban que os locais xogasen cada punto a remolque. A confianza do Redesyl caía á par que o facía a súa recepción e os noieses non tremeron para aproveitarse da situación desempeñando un xogo pragmático e concentrándose en non cometer erros para levarse o encontro pola vía rápida. Polo Redesyl xogaron: Andrés, Diego, Xavi, Adrián "Naranxo", Antón, Alfonso e Abel (líbero). Tamén Dani Vázquez, Fran, Miguel Lorenzo, Juan "Mande" e Alén.

xoves, 18 de outubro de 2012

OS DERBIS COMARCAIS FRONTE O CV NOIA CONFORMARÁN ESTA NOVA XORNADA:

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL - FISIOTERAPIA CINESIA NOIA
(Sábado 20, 9:30h, PM Barraña)-(Liga galega infantil feminina)

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL - FISIOTERAPIA CINESIA NOIA
(Sábado 20, 11:00h, PM Barraña)-(Liga galega cadete feminina)

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL - FISIOTERAPIA CINESIA NOIA
(Sábado 20, 12:30h, PM Barraña)-(Liga galega xuvenil feminina)

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL - FISIOTERAPIA CINESIA NOIA
(Sábado 20, 17:00h, PM Barraña)-(Liga galega xuvenil masculina)

REDESYL BOIRO VOLEIBOL - FISIOTERAPIA CINESIA NOIA
(Sábado 20, 18:30h, PM Barraña)-(2ª División autonómica masculina)

domingo, 14 de outubro de 2012

RESULTADOS DO 13 E 14 DE OUTUBRO NAS COMPETICIÓNS AUTONÓMICAS:

XAV CAMBADOS 3-2 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(22-25, 25-23, 25-23, 14-25, 15-11)-(Liga galega infantil feminina)

As infantís melloran a pasos axigantados. ¡Ánimo!
Derrota pola mínima das infantís en Cambados. A igualdade reinaba nos primeiros compases onde as boirenses aproveitaron os erros locais para adiantarse. No segundo e terceiro set o servicio boirense caiu e a confianza das locais aumentaba a medida que as nosas cometían erros non forzados. No cuarto volvían as boas sensacións. Cunha gran xeira de Emma Ordóñez as boirenses levaban o encontro ó tie break. Na primeira metade do mesmo as boirenses dominaban o tanteador, chegando incluso a situarse 7-8 por encima no cambio de campo. Foi neste momento cando o saque das cambadesas foi a súa mellor arma. Exercendo unha gran presión sobre a recepción de O Secreto dende os 9 metros as locais conseguían pechar o encontro ó seu favor levando a segunda derrota ligueira ó casilleiro das nosas. Por O Secreto xogaron: Lea, Emma, Lía, Carla, Paula e Laura. Tamén xogaron Irea, Marta, Luciana, Celia e Ada.


XAV CAMBADOS 3-0 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 25-19, 25-16)-(Liga galega cadete feminina)

As cadetes sufren as baixas das súas veteranas
Clara derrota das rapazas que dirixe Emilio Palacio nesta segunda xornada da liga galega cadete feminina en terras do Salnés. A irregularidade é o gran lastre co que cargan as boirenses neste arranque do campionato autonómico. Os tres sets foron un calco. O luminoso permanecía igualado ata a metade dos mesmos onde a concentración das nosas caía froito da xuventude e inexperiencia do grupo. Recordemos que moitas son as xogadoras que pasaron por idade ó conxunto xuvenil. O XAV Cambados, un equipo máis veterano, non tremía ante o desafío de pechar os parciais con comodidade e levarse o partido pola vía rápida. A parte positiva é a xuventude e marxe de mellora que presenta este grupo que de seguro que, co traballo do seu corpo técnico, conseguirán semana a semana ir mostrando paseniño unhas versións máis estables. Polo Ingeniería Trazos Boiro Voleibol xogaron: Sara, Antía, Emma, Ana, Lea, Claudia e Ángela (líbero). Tamén xogaron Lía e Paula.


XAV CAMBADOS ESCUMA 0-3 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(17-25, 23-25, 8-25)-(Liga galega xuvenil feminina)

As xuvenís quédanse de novo cos 2 puntos
Triunfo en tres sets nun encontro no que as boirenses comezaban cun elevadísimo ritmo. O servicio das nosas permitía claras situacións de contra para puntuar unha e outra vez baseándose nun atinado e efectivo ataque polas bandas. Debutou Andrea Davila que xunto coas súas compañeiras se anotaban o primeiro parcial. Reaccionaban as locais no segundo onde se mantiveron á fronte do marcador até o punto 18, onde as nosas apretaron os dentes para ampliar a renda (0-2). O terceiro set foi similar ó primeiro. Excelente servicio boirense que as chegou a situar cun claro 1-18. Cabe destacar tamén o debut neste xogo de Sheila Pouso que, nesta ocasión, chegou acompañado dunha vitoria sen demasiados atrancos. Por O Secreto xogaron: Ana, Isa, Katy, Alejandra, Emma, Sara e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Andrea, Claudia, Sheila Pouso e Antía


REYCA BOIRO VOLEIBOL 2-3 MEX. DE OURO VB. RIANXO
(25-20, 15-25, 22-25, 25-6, 12-15)-(Liga galega infantil masculina)

Os infantís aseguran o futuro do volei masculino en Boiro
Emocionante encontro correspondente á primeira xornada da liga galega o vivido na mañá do domingo no PM de Barraña. O Mex. de Ouro visitaba ó debutante Reyca onde moitos eran os xogadores que vivían os seus primeiros minutos neste deporte. En xeral, as sensacións foron boas para os de Adrián Alves que se repartiron equitativamente os puntos en cancha. O servicio era a arma que empregaban ámbolos dous equipos para danar o sistema rival e puidéronse ver momentos de alternativa de uns e outros. Chegados ó tie-break unha falta de posición dos boirenses enchía de folgos e enerxías ós visitantes que aproveitaban a situación para selar o triunfo. Gran potencial o que atesoura o equipo infantil boirense, que a pesares da súa xuventude, xa planta batalla na competición autonómica. A seguir traballando que queda moito camiño por andar. Polo Reyca xogaron: Darío, Rubi, Daniel, Christopher, Jorge, Gabriel. Tamén xogaron Manuel, Brian, Álvaro, Sergio e Pablo.

mércores, 10 de outubro de 2012

XORNADA DE TRIPLE ENFRONTAMENTO ENTRE BOIRENSES E CAMBADESAS:

SÁBADO 13:

XAV CAMBADOS - O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(09:30h, O Pombal)-(Liga galega infantil feminina)

XAV CAMBADOS - INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(11:00h, O Pombal)-(Liga galega cadete feminina)

XAV CAMBADOS ESCUMA - O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(12:30h, O Pombal)-(Liga galega xuvenil feminina)

DOMINGO 14:

REYCA BOIRO VOLEIBOL - MEX. DE OURO VOLEIBOL RIANXO
(11:00h, PM Barraña)-(Liga galega infantil masculina)

domingo, 7 de outubro de 2012

O NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL CAE EN LUGO NA FINAL DA COPA GALICIA:

O Náutico é, con moito orgullo, subcampión da Copa Galicia
Malas novas chegan desde o Municipal de Lugo, onde nesta mañá de domingo o primeiro equipo masculino do Boiro Voleibol caía derrotado por 3-0 (26-24, 25-14, 25-21) no encontro que coroaría ó mellor equipo de voleibol da nosa comunidade autónoma, a final da Copa Galicia. Os de Emilio Palacio viaxaban a primeira hora da mañá á cidade da muralla coa intención de regresar coa Copa tras eliminar ó gran favorito ó título nas semifinais (Club Vigo Voleibol). Para elo contarían co apoio dun numeroso grupo de afeccionados boirenses que non querían perderse esta cita histórica para o noso club e case que superaban en número ós siareiros locais. O encontro non foi fácil para o Náutico. Desde o comezo do choque as sensacións non foron de todo boas, sendo os boirenses incapaces de atopar o camiño do bo xogo naquelas facetas coas que adoitan dominar ós seus rivais. Malia todo isto, o resultado do primeiro set ben puido ter sido outro e de seguro que o desenlace do encontro tamén. A derrota parcial fixo dano nos xogadores branquiazuis. No segundo xogo o EMEVE xogou a pracer. A falta de constancia no xogo do Náutico poñía en bandexa un novo punto lucense no tanteador dos sets. No terceiro os nosos conxurábanse para buscar as sensacións que permitiran darlle a volta a esta situación. O nivel mellorou, pero o bo facer do oposto do EMEVE Juan Díaz-Romeral mantiña o partido a salvo para ledicia dos seus. Non puido ser desta. Volverémolo a intentar. Moitas gracias a todos os que acompañaron ó equipo e o apoiaron tamén desde a distancia. Polo Náutico xogaban: Iván Souto, Narciso Abalo, Jesús Vázquez, Mario Iglesias, Cristóbal Álvarez, Emilio Palacio e Adrián Alves (líbero). Como reservas estaban Rubén Taibo, Gustavo Romero, Miguel Vázquez, Manuel Pérez e Antón Pérez.

xoves, 4 de outubro de 2012

2 VITORIAS E 2 DERROTAS NA ESTREA DAS COMPETICIÓNS AUTONÓMICAS 12-13:

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 0-3 LICEO
(13-25, 4-25, 6-25)-(Liga galega infantil feminina)

Primeiro partido oficial para as infantís en liga galega
Derrota en tres sets do equipo infantil feminino do Boiro Voleibol ante un conxunto moito máis experimentado como é o herculino do Liceo. O eficaz servicio das coruñesas condicionou o debut en competición oficial das xoves xogadoras boirenses que dirixen Andrés Martínez e Emilio Palacio. O empuxe das máis veteranas deste grupo como poden ser Emma Ordóñez e Lea Gatbache non bastou para contrarrestar o empaque do equipo visitante que en ningún momento do partido pasou apuros para se anotar a vitoria dun xeito claro neste arranque da liga galega. O do traballo é o camiño que debe seguir este grupo de rapazas que está nunha etapa de total formación e de seguro que no futuro lle dará moitas alegrías o volei boirense.  Moito ánimo para elas. Por O Secreto Boiro Voleibol xogaron: Emma, Lea, Marta, Lía, Irea e Paula. Tamén xogaron Ada, Luciana, Laura, Carla e Celia.

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL 0-3 LICEO
(11-25, 16-25, 12-25)-(Liga galega cadete feminina)

Ana Bugallo, unha das poucas que repite no Ingeniería Trazos
Estreo ligueiro para as de Emilio Palacio nun encontro no que non conseguiron mostrar a súa mellor versión salvo nun curto tramo do segundo parcial. Moitas e importantes son as xogadoras que pasaron neste ano por idade á categoría xuvenil polo que este grupo necesitará tempo para aclimatarse á competición e para interiorizar os sistemas de xogo que o preparador lles require. Comezaba o encontro coas coruñesas firmes dende os 9 metros, faceta que impedía a construcción boirense e lles dificultaba o ataque. Tras un tempo morto no segundo parcial as nosas atopaban o camiño do bo xogo pero de contado as visitantes recuperaban a iniciativa dende o servicio para conseguir pechar o partido en 3 sets. Polo Ingeniería Trazos xogaron: Emma, Lea, Claudia, Ana, Antía, Sara e Ángela (líbero). Como reservas estaban as infantís  Irea, Lía, Marta e Paula.


REDESYL BOIRO VOLEIBOL 3-2 MEX. DE OURO VB. RIANXO
(18-25, 20-25, 25-15, 28-26, 15-13)-(2ª División autonómica masculina)

Estrea con vitoria do filial masculino
Axustadísimo triunfo do equipo filial no derbi rexional correspondente á primeira xornada da 2ª división. Boirenses e rianxeiros facían vibrar ós afeccionados que se desprazaron ata Barraña levando a cabo unha espectacular remontada que se culminaba nos últimos intres do tie-break. No comezo do encontro os nosos mostrábanse inconstantes. Alternando momentos de bo xogo con outros de ausencia total o Mexillón de Ouro situábase cun favorable 0-2. A partires deste momento a cara dos locais mudou. Baixando sustancialmente o número de erros e guiados por unha intensidade defensiva crecente reducían distancias os nosos e acababan anotándose a primeira vitoria da 2012-2013. Merecido premio para o xoven plantel boirense que tanto está a traballar entre semana. Parabéns. Polo Redesyl xogaron: Isma, Fran, Alén, Adrián "Naranxo", Alfonso, Antón e Abel (líbero). Tamén xogaron Andrés, Diego Romero, Xian, Óscar e Juan "Mande".

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 3-2 IES DE AMES
(18-25, 16-25, 25-17, 25-19, 15-5)-(Liga galega xuvenil feminina)

As xuvenís remontan ante o IES Ames un 0-2 adverso
As xuvenís non quixeron ser menos e calcaron o encontro que lles precedía. Desconcerto, desorde e apatía eran os descriptores que retrataban ás de Emilio Palacio no arranque do choque. Cumplindo moi ben co seu traballo as de Ames adiantábanse no luminoso mostrando un xogo pragmático que colocaba o 0-2 no tanteador. Foi neste momento cando o adestrador local atopou o punto de inflexión que as súas precisaban para non perderlle a cara ó partido. Tras unhas acertadísimas palabras do seu preparador as boirenses saían ó terreo de xogo coas pilas cargadas e, apoiadas pola ruidosa afección local, conseguían darlle á volta á situación que se lles presentara minutos antes. Destacable aportación en tódalas facetas do xogo da infantil Emma Ordóñez. Por O Secreto xogaban: Sara, Emma, Alejandra, Katy, Melissa, Ana e Sheila Outeiral (líbero). Como reservas estaban Claudia, Sheila Pouso, Isa, Andrea Davila e Antía.

mércores, 3 de outubro de 2012

FINAL DA COPA GALICIA 2012, SEDE E HORARIOS ASIGNADOS:

Imaxe correspondente ás semifinais 2011 entre EMEVE e Náutico
Xa hai fumata blanca. A Federación Galega de Voleibol fixo públicos os horarios e as sedes para as finais feminina e masculina da Copa Galicia 2012. Ámbalas dúas se celebrarán no Municipal de Lugo o vindeiro domingo día 7 de outubro coincidindo coa festividade local do San Froilán. Ás 12:00h terá lugar a final masculina na que os nosos representantes do Náutico Boiro Voleibol pelexarán por alzarse co prestixioso título autonómico por primeira vez na súa historia. O rival será o EMEVE de Lugo (Superliga 2) que conta nas súas filas con fichaxes de ex-internacionais júnior como son o oposto Juan Díaz-Romeral e o colocador Marco Zayas. Sen ningunha dúbida, difícil empresa para os de Emilio Palacio que terán a dificultade engadida de xogar na casa do contrario. A partires das 17:00h disputarase a final feminina entre dous equipos galegos da Superliga 2: de EMEVE de Lugo e CV Zalaeta de A Coruña sairá o novo campión. Dende o Boiro Voleibol preténdese facilitar ós nosos siareiros a asistencia a este evento polo que se está barallando a opción de repartir os gastos da contratación dun autocar que viaxe a Lugo co equipo entre tódolos interesados. A expedición partiría na mañá do domingo (8:45h aprox.) para retornar tan pronto remate a final masculina (13:30 aprox.). ¿Que vos parece? Agardamos á vosa opinión, si vos atrae a idea deixade neste post un comentario co voso nome para reservar praza e poñédevos en contacto con Andrés no seu teléfono (629824957) ou nas redes sociais. ¡Animádevos!

martes, 2 de outubro de 2012

"¿POR QUE NOS CONDENAN?". NARCISO ABALO, CARTAS Ó DIRECTOR (LVDG):

"Debo confesar que son culpable. Culpable de se me ocorrer golpear coas mans unha pelota cando era un cativo. Alá polo 1988, nun país ofuscado polo balompé e nunha vila mariñeira de tradición remeira, Cabo de Cruz (Boiro), xunto cos compañeiros da escola, comecei a xogar a voleibol. Foron moitos anos de lembranzas, vitorias e derrotas. Un día tocou emigrar, eran malos tempos. Repartímonos polos demais clubs da comarca. Moitos quedaron no camiño. Os máis afortunados puidemos voltar á casa. Desafiando o dito de que ninguén é profeta na súa terra, logramos facernos con dúas ligas consecutivas en 1ª división nacional. Nos máis de 30 anos non lembro maior ledicia, bágoas incluídas, que dúas tardes en terras leonesas e burgalesas. Un iceberg que segue medrando. Ascensos a ligas autonómicas nas categorías inferiores, xogadores convocados coas selecións galegas (medallas incluídas)... ducias de xogadores e centos de socios. Suficiente condena cumplimos xa entregándonos en corpo e alma a un deporte minoritario. E nestes momentos difíciles, voltamos a mirada atrás á espera de ter que emigrar outra vez. Desta volta non pedimos diñeiro, a crise o levou todo, tampouco recoñecemento, a tiranía do mal chamado deporte rei encárgase de arrebatárnolo, só pedimos que nos reabran as instalacións deportivas municipais. Por favor, déixennos xogar" 


La Voz de Galicia publicou a carta que lles enviou Narciso Abalo (abaixo á dereita na imaxe)