sábado, 27 de outubro de 2012

MALAS NOVAS, 3 DERROTAS NAS LIGAS AUTONÓMICAS FEMININAS:

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 0-3 CV PONTEVEDRA
(9-25, 13-25, 8-25)-(Liga galega infantil feminina)

O Secreto pagou a inexperiencia coa derrota
Non comezaba con bo pé o carrusel de encontros ante o CV Pontevedra xa que o equipo infantil feminino caía con claridade en 3 sets e menos dunha hora. En ningún momento da contenda puideron as nosas plantar cara ante a solidez mostrada polas pontevedresas, que, cun equipo máis veterano e formado, non pasaron apuros para levar cara o sur os dous puntos da vitoria. A regularidade no servicio e a constancia no manexo de balón foron as chaves que abriron a porta da vitoria visitante. As boirenses deberán seguir co traballo diario para ir aclimatándose á competición novidosa que se lles presenta e, de seguro, que a tendencia irá tornando para mellor ó longo da tempada. Moito ánimo rapazas. Por O Secreto xogaron: Miriam, Emma, Lea, Ada, Marta e Irea. Tamén xogaron Carla, Celia, Lía, Laura Olveira, Paula e Laura Piñeiro.


INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL 1-3 CV PONTEVEDRA
(25-21, 11-25, 14-25, 22-25)-(Liga galega cadete feminina)

Emma ataca ante o doble bloqueo pontevedrés
O cadete feminino non puido ser o punto de inflexión que permitise anotar no casilleiro boirense a primeira vitoria da fin de semana. O esperanzador comezo das de Emilio Palacio presaxiaba un desenlace moito máis ledo para as boirenses que se presentaban neste encontro coas importantes baixas por lesión de Antía Sampedro, Ana Bugallo e Ángela Alves. As pontevedresas foron superiores en case que todo o encontro excepto no tramo final do primeiro set onde unha extraordinaria xeira de saques de Emma Ordóñez permitía ás súas adiantarse no luminoso nun parcial que prácticamente estaba perdido. A paciencia debe ser a arma que empreguen as nosas para retornar ó camiño do bo xogo xa que paseniño irán recuperando os efectivos perdidos na última semana. Polo Ingeniería Trazos xogaban: Lea, Claudia, Lía, Paula, Sara, Emma e Irea (líbero). Tamén xogaban Marta, Ada e Zoila.

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 0-3 CV PONTEVEDRA
(14-25, 21-25, 13-25)-(Liga galega xuvenil feminina)

As baixas mermaron o rendemento de O Secreto
Derrota sen opcións a sufrida polas xuvenís no encontro que baixaría o telón da xornada de enfrontamentos entre boirenses e pontevedresas. A particular plaga de lesións que están a sufrir os nosos equipos femininos castigaron en exceso o seu xogo. Baixas tan importantes como as da colocadora Sara Bugallo a as receptoras titulares Melissa Novoa e Ana Bugallo mermaron as opcións das branquiazuis e imposibilitaron a ruptura do pleno de derrotas que os nosos equipos encaixaron na tarde de sábado. Moito ánimos ás lesionadas e a recuperarse de contado para axudar de novo ó seu equipo. Por O Secreto xogaron: Claudia, Andrea Davila, Katy, Alejandra, Isa, Emma e Sheila (líbero). Tamén xogou Sheila Pouso.

2 comentarios:

Adrián Alves dixo...

Moito ánimo rapazas. Na miña opinión o encontro cadete e xuvenil terían un desenlace ben diferente de ter o equipo ó completo. Forza e paciencia para as lesionadas.

P.D: última semana antes de comezar a 1ª división... ARRANCAMOS!

¡¡¡FORZA BOIRO VB!!!

Jesus_pivot dixo...

Animo pequeñas,sabemos de lo que sois capaces, para la proxima saldrá mejor.