luns, 29 de abril de 2013

O NÁUTICO BUSCA O ASCENSO A SM-2 COA COLABORACIÓN DO CONCELLO:

Co inestimable apoio económico do Concello de Boiro parten os de Emilio Palacio cara Tarragona tras case dous meses de intensa preparación. Iván Souto e Ismael Martínez como colocadores. Gustavo Romero, Cristóbal Álvarez, Manuel Pérez e Xavier Sarille como receptores. Emilio Palacio e Miguel Vázquez como opostos. Jesús Vázquez, Antón Pérez e Mario Iglesias como centrais e Adrián Alves como líbero serán os nomes propios que tentarán defender o nome da nosa vila nesta terceira fase de ascenso de xeito consecutivo para o Náutico Boiro Voleibol. A expedición voará a mañá do vindeiro xoves dende Lavacolla cara terras catalanas coa intención de acadar unha das dúas prazas que dan dereito a xogar a vindeira tempada na categoría de prata do voleibol español. Universidade de Valladolid (2º clasificado Grupo A), Tarragona 2017 SPiSP (1º Grupo B), Club Voleibol Mediterráneo de Castellón (3º Grupo C), Voley Playa Madrid (1º Grupo C) e Universidad de Granada (2º Grupo C) serán os equipos que pelexarán por conseguir tales méritos. Cómpre recordar que os nosos quedaron encadrados no grupo con Voley Playa Madrid e CV Mediterráneo de Castellón cos que abrirán a competición a mañá do venres día 3 de maio. A posteriori xogaranse os cruces de semifinais que enfrontan ós 2 primeiros clasificados de cada grupo (1º dun grupo contra 2º do outro e viceversa). Por último, a mañá do domingo vivirá a xornada do 3º-4º posto e da gran final. Para seguir os avances dos nosos dende a distancia poderedes consultar a web da RFEVB que dará cobertura ó evento e actualizará os resultados ó término de cada xornada. Moita sorte equipo, á terceira vai a vencida. ¡A por eles!

luns, 22 de abril de 2013

O NARÓN VOLEA APEA DA COPA GALICIA 2013 Ó REDESYL NA 1ª FASE:

REDESYL BOIRO VOLEIBOL 1-3 NARÓN VOLEA
(19-25, 21-25, 33-31, 18-25)-(1ª Fase da Copa Galicia 2013)

O Redesyl pagou a inexperiencia coa eliminación
A Copa Galicia enfrontaba na Cachada ós dous últimos clasificados da 2ª galega. Boirenses e naroneses dirimiron un choque que decidiría o ataque por zona 4 dos visitantes, imposible de contrarrestar por parte do Redesyl. Foi un encontro cunha gran cantidade de erros onde o que soubese intervir esta vía de auga conseguiría dominar a eliminatoria. O Narón Volea aproveitou a inexperiencia dos de Adrián Alves e puxéronse sen problemas cun favorable 0-2. No terceiro set os branquiazuis melloraron. Cun atinado Adrián G. no posto de líbero e un eficiente ataque dos receptores Xian P. e Adrián A., do oposto Fran D. e do central Antón P. conseguían os boirenses recurtar distancias nun final de set de infarto. No cuarto os de Ferrolterra recuperaron a iniciativa e conseguían apear ó noso filial desta edición 2013 da Copa Galicia. Polo Redesyl xogaron: Ismael M., Diego R., Xian P., Adrián A., Lois V., Antón P. e Adrián G. (líbero). Como reservas estaban Andrés M., Fran D., Óscar R., Dani G. e Juan O.

venres, 19 de abril de 2013

O REDESYL COMEZA A SÚA ANDAINA NA COPA GALICIA ESTE SÁBADO 20:

REDESYL BOIRO VOLEIBOL - NARÓN VOLEA
(17:00h, A Cachada)-(1ª Fase da Copa Galicia 2013)

venres, 12 de abril de 2013

EMMA E ANA ADESTRARÁN COS TÉCNICOS DA SELECCIÓN ESPAÑOLA EN SORIA:

Talento boirense exportado a terras sorianas. Sorte!
Emma Ordóñez (28-2-1999) e Ana Bugallo (12-1-1998) están de noraboa. O motivo é a súa presenza nas xornadas de control pertencentes ó programa de tecnificación de deportistas 2013 da RFEVB. En terras sorianas traballarán durante 3 días (12-14 de abril) ás ordes dos técnicos José Miguel Serrato (1º adestrador) e Begoña Sáenz (2ª ad.). O obxectivo destas xornadas non é outro que o de realizar unha supervisión das deportistas con miras a futuras convocatorias da Selección Nacional Xuvenil, Concentración Permanente e tecnificación da categoría Menores. O Polideportivo de "Los Pajaritos", onde realizarán catro adestramentos (viernes tarde, sábado mañá e tarde e domingo mañá) concentrará a rapazas nadas nos anos 96, 97, 98 e 99 que tratarán os seguintes contidos: antropometría, probas físicas, avaliación técnica, adestramentos técnico-tácticos e valoración competitiva.

domingo, 7 de abril de 2013

O INGENIERÍA TRAZOS, UN ANO MÁIS NA MÁXIMA CATEGORÍA AUTONÓMICA:

IES DE AMES A 0-3 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(18-25, 16-25, 11-25)-(Encontro de ida da promoción de descenso da liga galega)

Dominio boirense no encontro de ida da promoción
Cunha máis que merecida vitoria comezaba a serie de encontros de promoción de descenso que as nosas cadetes tiñan que afrontar para tentar acadar a permanencia na liga galega . Presentábanse as de Emilio P. e Narciso A. no Mun. de Bertamiráns cun claro obxectivo: conseguir un bo resultado para encarar o encontro de volta con máis tranquilidade. Foi un choque de claro dominio branquiazul no que o poderoso ataque das nosas foi demasiado para a persistente defensa do CV Bruxas. Lideradas en facetas ofensivas polas receptoras Emma O. e Ana B. conseguía o Ingeniería Trazos desestabilizar o xogo das verdes a base de contundentes envíos que aterrizaban continuamente en campo local. A primeira pedra para manter a categoría estaba posta. Polo Ingeniería Trazos Boiro Voleibol xogaron: Lea G., Claudia P., Emma O., Ana B., Sara L., Antía S. e Irea T. (líbero). Como reservas: Paula V. e Marta S.

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL 3-2 IES DE AMES A
(25-20, 10-25, 20-25, 25-18, 15-10)-(Encontro de volta da promoción de descenso da liga galega)

Emma rexeita un balón no encontro de volta
A Cachada, nesta mañá de domingo, veu como as cadetes do Ingeniería Trazos convertían en realidade o desexo de lograr a permanencia na máxima categoría autonómica. Coa tranquilidade do 0-3 colleitado no encontro de ida a empresa semellaba máis asequible, e así foi. O tino en servicio das locais pecharían a eliminatoria no primeiro set que foi a parar a peto boirense e materializaba deste xeito a salvación das nosas. Con este panorama o preparador boirense daba entrada ás xogadoras infantís que tanto axudaron ás suas compañeiras durante o ano outorgándolle o premio duns minutos que valen o seu peso en ouro formativamente falando. O que restaba de encontro estaría marcado polo acerto dende a liña de saque de un e outro equipo. Parabéns a todo o equipo e adestradores por garantir a presencia do Boiro Voleibol na liga galega cadete feminina un ano máis. Ingeniería Trazos: Lea G., Claudia P., Emma O., Ana B., Sara L., Antía S. e Irea T. (líbero). Tamén Lía V., Ada V., Marta S., Laura O. e Paula V.

sábado, 6 de abril de 2013

AS CADETES XÓGANSE A PERMANENCIA EN LIGA GALEGA A DOBLE PARTIDO:

SÁBADO 6:

IES DE AMES A - INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(18:30h, PM Bertamiráns)-(Ida da promoción de descenso da liga galega)

DOMINGO 7:

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL - IES DE AMES A
(12:00h, A Cachada)-(Volta da promoción de descenso da liga galega)

martes, 2 de abril de 2013

O NÁUTICO XA COÑECE OS HORARIOS DA FASE DE ASCENSO A SUPERLIGA 2:

Fai un click para ver a imaxe máis grande
A web da RFEVB acaba de publicar os horarios do play-off de ascenso a SM-2 no que o sorteo levou ó Náutico a formar parte do grupo B xunto con CV Mediterráneo Castellón (3º clasificado no grupo B da 1ª Nacional) e VP Madrid (campión do grupo C). Os homes de Emilio Palacio, ó igual que o ano pasado no evento celebrado en San Sadurniño onde se estrearon ante os extremeños do Voleibol Almendralejo, abrirán a competición medíndose ós castellonenses do CV Mediterráneo o venres 3 de maio ás 10:00h. Esa mesma tarde (17:00h) os branquiazuis mediranse ó VP Madrid no primeiro duelo entre campións das súas respectivas ligas no que se prevé un choque intenso e de fortes empcións. Trala fase de grupos, a xornada do sábado 4 de maio pola tarde acollerá os encontros de semifinais que enfrontará ó 1º clasificado do grupo B contra o 2º do grupo A (1ª semifinal, 18:30h) e viceversa (2ª semifinal, 20:30h). Os 3º clasificados de ámbolos dous grupos pelexarán pola 5ª-6ª praza (16:30h). O domingo 5 será o turno da gran final (12:00h) e do partido polo 3º-4º posto (10:00h). Cinco son as semanas que restan ata a cita, máis dun mes de duros adestramentos para ser o máis competitivos posibles en Tarragona. ¡Imos Náutico!