martes, 28 de xullo de 2015

UN ANO MÁIS DE "DIABLURAS" NA CACHADA:

Cristóbal completa o elenco de receptores do Náutico
Nas últimas horas confirmouse a continuidade dun dos primeiras espadas do Náutico. O nome do día non é outro que o de Cristóbal Álvarez, receptor as últimas 5 campañas dun equipo que, dende a súa chegada, experimentou un crecemento progresivo espectacular. Xogador cun máster en competitividade, brillante receptor e un brazo dereito demoledor son as súas principais características . O vigués foi un dos ases a seguir na Superliga 2 Masculina as dúas últimas tempadas, chegando a alzarse en algunha ocasión co galardón de MVP da categoría. Por todos son coñecidas as virtudes do 12, que ademais se complementan co seu carácter gañador e coa súa labor de ensinanza ós xogadores máis novos. Desta maneira o posto de receptor queda pechado coa presenza de Manuel Pérez, Gabriel Del Carmen e Adrián Gatbache. Con Cristóbal o espectáculo está garantido, agárrense ós asentos da Cachada porque o Diablo é un dos nosos.

sábado, 18 de xullo de 2015

MANUEL ANDRADE TAMÉN DA O SI Ó PROXECTO DE SM-2 DO NÁUTICO:

Manuel Andrade será branquiazul por 6ª temporada
Xa é oficial. O receptor santiagués Manuel Pérez Andrade (29) acaba de sellar a súa continuidade no primeiro equipo do Boiro Voleibol de cara a vindeira temporada. A carón do agora tamén xogador do Náutico Iván Souto, formaría parte daquel equipo do CV Conxo que dominaría o volei galego de base durante un bo puñado de anos, chegando a participar de xeito destacado en algún Campionato de España infantil e cadete. As portas da selección galega tamén se abrirían para Manuel na súa etapa formativa, estando presente en ata dous Campionatos de España de Seleccións Autónomas. A súa seguridade na recepción e os recursos ofensivos que posee enchen de alternativas a unha pizarra de Emilio Palacio que deberá estar a punto o próximo 3 de outubro. Moito coidado coa man de fóra no bloqueo, ¡Manu non falla!

xoves, 16 de xullo de 2015

IVÁN SOUTO, UN TIMONEL DE LUXO PARA O NÁUTICO 2015-16:

As mans de Pas a servizo do Náutico 2015-16
O noso primeiro equipo xa tén director de orquestra. Trátase do santiagués Iván Souto que, por 6º ano consecutivo, será o xestor do xogo ofensivo do Náutico. Todo equipo con pretensións de ser competitivo debe contar cun colocador experimentado e contrastado, e Pas é un deles. Intelixencia na distribución e un saque en potencia temido en tódalas canchas do territorio nacional son as principais virtudes que Iván volverá a poñer a servizo do equipo que dirixirá Emilio Palacio. As súas destacadas actuacións nas últimas temporadas chegaron a chamar a atención de algún equipo da Superliga, pero o compromiso do 14 coa entidade é máximo. O seu carácter competitivo servirá ademais para aleccionar ós xoves colocadores formados nas categorías inferiores como pode ser o caso de Ismael Martínez, que alternará o primeiro equipo co xuvenil masculino da Liga Galega. Pas, un de nós.

martes, 14 de xullo de 2015

MARIO IGLESIAS, CENTÍMETROS PARA APUNTALAR O MEDIO DA REDE DO NÁUTICO:

Mario Iglesias en imaxe de arquivo (wwiddax)
A confección do plantel para afrontar a esixente competencia da Superliga 2 segue polo bo camiño. O protagonista de hoxe non é outro que o central Mario Iglesias, que repetirá experiencia e volverá a ser unha peza clave no debuxo táctico do Náutico Boiro. A que vén será a 4ª temporada de Mario vestindo a elástica branquiazul desde que chegara do CV Rianxo onde se formou e destacou en tódalas categorías inferiores ata chegar ó primeiro equipo. Malia superar o 1,90 Mario é un xogador áxil, cunha capacidade notable de salto que lle permitíu na 14-15 estar entre os máis destacados na categoría de prata en bloqueo (31 puntos). A renovación do 16 déixanos outra boa nova: nas últimas dúas tempadas por motivos de estudio Mario perdíase un encontro cada mes, pero este ano disfrutaremos ó 100% da súa capacidade intimidatoria preto da rede. Moito ollo rivais, a muralla da Cachada estará ben fortificada.

domingo, 12 de xullo de 2015

GABRIEL DEL CARMEN, RENOVA O SEU COMPROMISO CO PROXECTO DO BOIRO VOLEIBOL:

Gaby encarando o triple do CyL Palencia a pasada campaña
Gabriel Del Carmen (Vigo, 1994) seguirá unha temporada máis ás ordes de Emilio Palacio. Trala súa chegada o pasado verán, Gaby convertiuse en peza fundamental no esquema do Náutico, alzándose incluso co MVP naquela xornada na que o elenco boirense gañaba por 0-3 en Castellón con 15 tantos do receptor vigués. Malia a súa xuventude (21 anos) Gaby é un modelo de compromiso e profesionalidade polo que se convirte nun extraordinario exemplo de cál é o camiño a percorrer polos máis novos que este ano se incorporarán á disciplina do primeiro equipo. Calidade na recepción, técnica de base envexable e un potencial ofensivo sobresaínte son as principais virtudes que, sumadas á súa calidade humana, volverán a disfrutar os siareiros boirenses ó voleibol. Estade atent@s, Gaby é un deses xogadores chamados a marcar as diferencias na vindeira Superliga 2 Masculina 2015-16. Encantados de terche outro ano máis entre nós, esta é a tua casa.

venres, 3 de xullo de 2015

O NÁUTICO, POR TERCEIRA TEMPADA CONSECUTIVA NA CATEGORÍA DE PRATA:

Naji Adrián Gatbache subirá ó primeiro equipo
Na temporada 2015-16 Boiro volverá a contar cun equipo na elite do volei nacional. O Náutico, primeiro equipo masculino do Boiro Voleibol, xa oficializou tódolos trámites para a súa inscripción e disputar deste xeito por 3ª temporada consecutiva a Superliga 2 Masculina. A Real Federación Española de Voleibol deu a coñecer esta mañá os 12 equipos que formarán a categoría de prata: CyL Palencia 2016, CVAA Llars Mundet (Barcelona), FC Barcelona, Aldebarán San Sadurniño (Ferrol), EMEVÉ de Lugo, Club Vigo Voleibol, CV Ca'n Ventura Palma (Mallorca), Club Pacense Voleibol (Badajoz), CV Leganés, Xátiva Voleibol (Valencia) e Playas del Médano (Tenerife) acompañarán ó Náutico Boiro Voleibol na súa nova aventura entre os mellores. Para emprender a andadura os homes de Emilio Palacio comezarán a pretemporada o vindeiro mes de agosto, xa que o 3 de outubro dará comezo a fase regular da SM-2. O plantel boirense sufrirá algún cambio respecto ó da tempada pasada como por exemplo a non continuidade do capitán Gustavo Romero, que deixará paso ó xuvenil Naji Adrián Gatbache (na imaxe), receptor formado nas categorías inferiores do Boiro Voleibol e xogador destacado no xuvenil masculino do JEALSA que fai uns meses viaxou a Almería a disputar o Campionato de España. 

mércores, 1 de xullo de 2015

PABLO NIETO, CONVOCADO COA SELECCIÓN ESPAÑOLA SUB-17:

¡Parabéns Pablo!
Pablo Nieto, receptor de 1.82 do JEALSA cadete masculino está na lista de 14 xogadores convocados para disputar o WEVZA sub-17, torneo internacional que se celebrará este mes de xullo na cidade italiana de Reggio Calabria. O seleccionador nacional, Benjamín Vicedo, deu a coñecer a lista de xogadores que  entre o 5 e o 20 de xullo se concentrarán en terras castelás para acudir á importante cita que agarda en terras transalpinas do 21 ó 25 de xullo. A concentración constará de dúas fases: a primeira delas levarase a cabo na cidade de Palencia entre os días 5 e 14 de xullo para a continuación desplazarse a Valladolid do 15 ó 20. A convocatoria esta formada polos seguintes xogadores: Colocadores: Jaime Monterroso (CEIP La Fuensanta Pizarra), Jaime Santillana (CV San Felipe Neri); Receptores: Pablo Nieto (Boiro Voleibol), Javier Ferri (CV Valencia), Diego Mendoza (CV Coslada), Alejandro Soriano (Voleadores Cieza), Juan Lladó (CV Sóller), Jordi Ramón (CV Sóller), Guillermo de Marcos (EMEVÉ Lugo) Santiago Vives (CV Mediterráneo) e Álvaro Gimeno (San Pere i San Pau); Opostos: Martín de Echevarría (CV Sóller); Centrais: José Villalba (Voleadores Cieza), Annas Hanzaoui (CV Mataró). Para máis información preme nesta ligazón da RFEVB.