sábado, 12 de abril de 2014

O JEALSA, CAMPIÓN GALEGO INFANTIL MASCULINO 2013-14:

Almería agarda polos nosos infantís. ¡Parabéns!
O día 12 de abril de 2014 quedará gravado con letras de ouro nos anais do Club Voleibol Cabo de Cruz xa que tras máis de 22 anos de historia un equipo da nosa canteira conseguiría facerse cunha medalla de ouro nun Cpto. Galego. A xornada comezaba dun xeito inmellorable onde os de Adrián Alves se desfacían sen atrancos dun combativo Sta. Mª del Mar (3-0; 25-15, 25-14, 25-18). O nivel de saque sería chave para desequilibrar a balanza dun choque que servía para colocar ós branquiazuis na final do play-off. Na outra semifinal o 2º clasificado da fase regular, o Voleibol Dumbría, tamén facía os deberes eliminando ó Burgas Volei (3-0; 25-15, 25-18, 25-20) conseguindo facerse un hoco na final. Na pelexa pola presea de bronce os ourensáns soportaron mellor a presión nos finais de set e conseguiron anotarse o encontro en tres axustados sets (22-25, 23-25, 16-25) onde a súa consistencia dende a liña dos 9 metros sería vital. Boirenses e dumbrienses citábanse nunha final para a que A Cachada vestiría as súas mellores galas. Os numerosos siareiros que se congregaron nas bancadas verían como os nosos levantarían a copa de campións galegos despois de 3 sets (13-25, 19-25, 13-25) e conseguían deste xeito un billete para o Campionato de España que se celebrará en Almería entro o 21 e o 25 de maio. A por todas rapaces!

mércores, 9 de abril de 2014

A CACHADA ALBERGARÁ ESTE SÁBADO A FASE FINAL INFANTIL MASCULINA:

Cartaz do torneo (Preme na imaxe para ver en grande)
O próximo 12 de abril A Cachada acollerá o play-off polo título da Liga Galega Infantil Masculina da que o noso equipo, o JEALSA, é campión na súa fase regular sen ceder nin un só set. Manuela Rial Mouzo de Cee (2º), Asesores Vila Castro-Burgas Volei de Ourense (3º) e o Sta. María del Mar coruñés pelexarán na xornada do sábado por ser o equipo que represente a Galicia no Campionato de España Infantil Masculino que se celebrará en Almería entre os días 21 e 25 de maio. A primeira semifinal será a que dispurtarán o Manuela Rial fronte o Burgas Volei (10:00h) e a segunda, que terá como protagonistas ós cativos da nosa canteira ante os nenos do colexio herculino de Sta. María del Mar, celebrarase ás 12:00h. Para a sesión vespertina gardamos os pratos fortes. A partires das 17:00h os equipos que non consigan gañar a súa semifinal pelexarán pola medalla de bronce. Ás 19:00h será o turno da gran final. Agardámosvos a todos. ¡Forza Boiro Voleibol!

luns, 7 de abril de 2014

O JEALSA MEDALLA DE BRONCE NO PLAY-OFF DA LIGA GALEGA XUVENIL:

Só 3 xogadores abandoarán a disciplina do JEALSA por idade
Agridoce final de campaña para o noso equipo xuvenil que tras moitos anos de ausencia volvía a unha fase final dun Cpto. Galego. A derrota chegaba na semifinal das 11:00 ante os anfitrións do EMEVE. Os da muralla contaban coa alta de dous xogadores integrantes da concentración permanente da selección española júnior (Víctor Conde e Mario Dovale). A gran pedra no camiño para os nosos foi a recepción e os numerosos saques errados, en especial nos dous primeiros sets. Tras unha reacción no 3º parcial onde parecía que o JEALSA podía levar o encontro ó tie-break os locais pecharon o encontro por 3-1. A final de consolación agardaba e os boirenses conseguiron doblegar ó Voleibol Dumbría (1-3) para alzarse coa medalla de bronce nesta fase final da LGXM. As bases dun proxecto que de seguro terá continuidade nas vindeiras campañas quedan cimentadas posto que a columna vertebral do JEALSA seguirá competindo en idade xuvenil. Traballo de calidade e humildade son os ingredentes para regresar a un play-off sendo máis competitivos. Ánimo.

xoves, 3 de abril de 2014

O JEALSA VIAXA A LUGO Á FASE FINAL DO CPTO. GALEGO XUVENIL:

O JEALSA buscará un billete para o Cpto. de España
O 3º posto acadado polo noso equipo xuvenil masculino na fase regular da Liga Galege sírvelles para disputar o vindeiro domingo día 6 o play off polo entorchado desta competición. O rival nesta dura semifinal será o anfitrión, o EMEVÉ lucense. Os antecedentes non poden augurar un encontro máis igualado xa que na ida os da cidade da muralla doblegaban ós nosos nun intenso tie-break deixando para a volta a vitoria boirense por 3-0. Na outra semifinal o Club Vigo (1º) e o Voleibol Dumbría (4º) pelexarán tamén por ser un dos representantes da nosa comunidade no Cpto. de España que se celebra na cidade extremeña de Badajoz entre o 30 de abril e o 4 de maio. Ambos encontros se disputarán simultáneamente (11:00h) no Pavillón Municipal Casa do Deporte deixando para a tarde o 3º-4º posto (16:30h) e a gran final (18:00h). Aqueles siareiros que queiran acompañar á expedición boirense poderán facelo nun autocar que partirá desde a marquesina da Cachada a primeirísima hora do domingo (consultar hora con responsables)