martes, 13 de maio de 2014

O JEALSA XA COÑECE RIVAIS NO CAMPIONATO DE ESPAÑA INFANTIL MASCULINO:

Almería agarda polos nosos infantís
O vindeiro mércores 21 de maio dará comezo en Almería o Campionato de España Infantil Masculino de clubes. Os mellores equipos do país cítanse na cidade andaluza co obxectivo de suceder ós murcianos de Voleadores Cieza como campións de España. Os nosos cativos do JEALSA, vixentes campións galegos no playoff disputado en Boiro, xa coñecen a que rivais se medirán na 1ª fase do torneo. O debut dos de Adrián Alves será o mércores 21 (11:30h) ante os subcampións no ano 2013, o Aqualia Sóller das Illas Baleares. Esa mesma tarde (19:00h) o rival será o Escola Freta Mataró catalán. O xoves 22 (11:30h) agárdannos os murcianos do El Tío Pencho Murcia para despedir a fase de grupos. Tres canteiras de tanta tradición como a murciana, a catalana e a balear serán as primeiras pedras no camiño para os boirenses. Boa viaxe rapaces, a disfrutar da experiencia.

luns, 12 de maio de 2014

MERITORIO 4º POSTO NO CAMPIONATO GALEGO CADETE MASCULINO:

Voleibol Dumbría e JEALSA trala semifinal (Vía FGVB)
O pasado domingo día 11 de maio celebrouse na localidade de Dumbría o playoff da Liga Galega Cadete Masculina onde os 4 mellores equipos da fase regular pelexaron polo cetro autonómico. O JEALSA, composto case que na súa totalidade por xogadores en idade infantil, caía en semifinais  ante os anfitrións do Voleibol Dumbría (25-16, 25-14, 25-11). O encontro estivo marcado pola efectividade do servicio local que fixo estragos na liña de recepción boirense. Na outra semifinal o EMEVE de Lugo desfacíase sen atrancos do Calasancias Coruña (25-4, 25-14, 25-20), rival dos nosos no encontro pola medalla de bronce. Nun encontro atípico, de momentos malos alternados con accións brillantes, caían os de Adrián Alves despedíndose do terceiro escalón do podium despois de 5 sets e de plantar batalla a un equipo con máis experiencia e maior poderío físico (13-25, 25-16, 16-25, 25-17, 13-15). Na gran final o EMEVE dominaría por 3-0 ó Voleibol Dumbría (21-25, 23-25, 17-25)

venres, 9 de maio de 2014

AS AUTORIDADES DO CONCELLO DE BOIRO RECIBEN ÓS NOSOS MEDALLISTAS:

Medallas boirenses no Cpto. de España de hai 15 días
Ana Bugallo, Emma Ordóñez, Rubén Martínez, Christopher Rodríguez, Daniel Olveira, Darío Outeiral e Pablo Nieto son os xogadores da canteira do Boiro Voleibol que conquistaron Valladolid hai escasos 15 días e trouxeron cara Galicia 7 medallas do Campionato de España por Seleccións Autónomas representando á Selección Galega. O feito non pasou desapercibido para as autoridades locais que mañá sábado día 10 de maio teñen programada unha recepción na casa do Concello ás 12:00h para homenaxear ós nosos deportistas. Unha vez máis confírmase a perfecta comunión e colaboración constante que existe entre o Departamento de Deportes do Concello de Boiro e o noso clube. Por suposto, agardamos a presencia dos familiares dos rapaces para acompañalos nun momento tan especial.