mércores, 31 de xullo de 2013

O NÁUTICO XA COÑECE O CALENDARIO NO ANO DO SEU DEBUT NA SM-2:

O Náutico debutará na SM-2 ante o CyL Palencia 2014
Definitivamente son oito os equipos de toda a xeografía española que serán rivais do noso primeiro equipo masculino nesta nova andaina na categoría de prata do volei español: Intasa San Sadurniño, AD Cáceres Extremadura, CV AA Llars Mundet (Barcelona), CV Mediterráneo de Castellón, CDV Textil Santanderina, CyL Palencia 2014 (Selección española júnior), CV Leganés e FC Barcelona competirán nunha liga que se antoxa moi competitiva e na que os de Emilio Palacio deberán mostrar cada fin de semana a súa mellor versión para plantar batalla a rivais de tanta entidade. O calendario, que hoxe publicou na súa web a RFEVB, foi caprichoso e reservou unha estrea de luxo á vez que esixente para os boirenses: o 19 de outubro de 2013 o Náutico visitará o "Campo de la Juventud" (Palencia) para medirse á todopoderosa Selección Española Júnior, ex-equipo do boirense Pablo Bugallo. Debut inmellorable para unha temporada que se albisca trepidante e chea de emocións fortes. ¡A por eles Náutico!

domingo, 28 de xullo de 2013

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE VOLEI PRAIA, UN BRONCE QUE SABE A OURO.

Bronce para o Barraña VP no Cpto. de España Infantil
Esta fin de semana tivo lugar na praia do Ézaro o Campionato de España Infantil de Volei Praia por clubes. Os mellores xogadores e xogadoras sub-15 do panorama nacional congregábanse en Dumbría nun torneo no que o noso club irmán, o Barraña Volei Praia, volvería cunha merecida medalla de bronce en categoría masculina. Rubén Martínez, Pablo Nieto, Daniel Olveira e Darío Outeiral subíanse ó terceiro escalón do podio tras derrotar nun encontro de infarto ó Voleibol Xátiva da Comunidade Valenciana por 2-1 e por deste xeito a guinda a un torneo no que competiron a un gran nivel. O CV Sóller (Baleares) subiu ó máis alto do caixón tras doblegar ós malagueños do VB San Pedro. No apartado feminino destacar a actuación de Emma Ordóñez, Lea Gatbache, Paula Vázquez, Irea Triñanes e Paula Mourís que alcanzaron un meritorio 8º posto nun torneo que se levarían as rapazas do EMEVÉ de Lugo. 

luns, 1 de xullo de 2013

EMMA, ANA, RUBÉN, PABLO E ISMAEL CONVOCADOS COA SELECCIÓN GALEGA:

5 boirenses no #CESAVB13 de Valladolid
O vindeiro mércores día 3 de xullo dará comezo en Valladolid o Campionato de España por Seleccións Autónomas nas categorías cadete e infantil, tanto masculino como feminino. Unha vez máis, os técnicos da FGVB poñen os ollos nas promesas do volei boirense para confeccionar os conxuntos que representarán a Galicia en pucela. Emma Ordóñez (infantil feminina), Ana Bugallo (cadete feminina), Rubén Martínez e Pablo Nieto (infantil masculina) e Ismael Martínez (cadete masculina) serán os nosos abandeirados neste torneo de ámbito estatal. Mención especial merecen tamén Lois Vázquez (cadete) e Darío Outeiral (infantil), que permaneceron no grupo das súas respectivas seleccións ata a última concentración, quedando ás portas de viaxar a terras castelás. Todo aquel que queira seguir os avances dos nosos rapaces pode premer nos enlaces vermellos anteriormente citados. ¡Moita sorte e a pasalo ben rapaces!