O Náutico remata 3º no playoff de ascenso á liga FEV |
Na mañá de onte domingo baixábase o telón da fase de ascenso á liga FEV onde os nosos rapaces do Náutico Boiro Voleibol remataban finalmente na 3ª posición. Tras caer no tie-break na 1ª xornada do sábado ante os alacantinos do Santa Pola agardaba pola tarde o derbi autonómico entre boirenses e ferrolanos. A expectación creada entorno a este partido era máxima e quedaba demostrado no aspecto do Municipal de San Sadurniño momentos antes do comezo do choque. Os nosos comezaban mellor e conseguían anotarse o primeiro set empuxados polos afeccionados boirenses desplazasos ata San Saduniño (charanga incluída). Os de Eloy Mahía empatarían o encontro no segundo apoiados polos seus siareiros e poñendo a emoción por todo o alto. No terceiro xogo os boirenses estiveron máis finos, e gracias ó bo facer en servicio e bloqueo-defensa situábanse por diante de novo no luminoso. No cuarto o Náutico seguía mandando na pista chegando a situarse 4 puntos por riba no tanteador e mostrando unhas sensacións moi boas. A mediados de set, e tras un parón facilitado polos árbitros, os de Emilio Palacio perderon o ritmo do encontro e os locais empataban o derbi nun final de infarto. No tie-break os ferrolanos foron superiores. O Náutico non soubo superar o baixón de finais do cuarto set e cedía o seu segundo encontro neste playoff de ascenso que, para ledicia do Intasa, significaba o seu 1º posto matemático. Deste xeito o encontro ante o CV Melilla xa non era máis que un trámite para ámbolos dous conxuntos. Emilio Palacio rotaba a tódolos seus xogadores pero o cansancio do intensísimo encontro dunhas horas antes pasaba factura e os nosos caían por 3-1. Parabéns ó Intasa San Sadurniño, logro ben merecido e traballado.