domingo, 5 de febreiro de 2012

RESULTADOS DO 4 E 5 DE FEBREIRO:

XUVENIL TEIS 3-0 TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-22, 25-22, 25-18)-(Liga galega xuvenil masculina)
O Trillizos mostra boa cara a pesares da derrota
Derrota dos xuvenís na cancha do conxunto olívico por 3-0. A pesares do abultado resultado as sensacións do equipo son cada semana mellores, onde se ve o progreso paulatino dos seus xovencísimos xogadores. Comezaban os vigueses moi atinados en bloqueo, faceta que lles permitía distanciarse no luminoso no primeiro tramo do set. Tras un tempo morto o Trillizos volvía a ser competitivo e pelexaba o parcial ata o final do mesmo. No segundo set os boirenses mostraron boa cara dende o comezo. Boa recepción e dirección para poñer en apretos ós locais que, ata ben mediado o set, permanecían totalmente controlados polos nosos cunha renda de 3 puntos. Unha boa racha ó servicio dos vigueses apretaba o final do set e facía que a balanza se desequilibrase de novo a prol do Xuvenil Teis. No terceiro os folgos dos rapaces que dirixe Adrián Alves decreceron. O nivel de recepción caíu e a labor dos colocadores era moi complicada. Os atacantes tampouco encontraban a inspiración de outros días e o desenlace foi de 25-18 na nosa contra. Polo Trillizos Boiro Voleibol xogaron: Daniel Vázquez, Fran Dieste, Alfonso Rey, Raúl Lojo, Xian Pérez, Martín Herrera e Abel Sánchez (líbero). Como reservas estaban Ismael Martínez, Óscar Refojo, Miguel Lorenzo e Dani Gey.

CID JOVELLANOS (Gijón) 3-0 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(25-22, 25-22, 25-17)-(1ª Div. Nacional masculina)
O Náutico cae en Gijón con polémica
Caeron os rapaces de Emilio Palacio neste viaxe a terras asturianas por un contundente á vez que sorprendente tanteador de 3-0. Comezaba o encontro cos boirenses atinados na construcción froito dunha recepción excelente. Esta situación facía que os nosos se mantivesen 4 puntos por riba no luminoso ata ben avanzado o set. Foi a partires de aquí cando a mentalidade do equipo cambiou. Algunha que outra decisión arbitral cuestionable sumadas ós erros cometidos permitían ós asturianos cobrar vida no parcial e facer dano a un Náutico que non soubo manter a calma ante as adversidades que se lles mostraron. No segundo set o equipo seguía pensando en cousas alleas ó propio xogo. Os numerosos erros arbitrais continuaban a desestabilizar ós xogadores barbanzanos que mostrando a peor cara do que vai de ano chegaron a estar 10 puntos por debaixo no luminoso neste segundo set. Tras un pequeno cambio de actitude e a entrada de aire fresco ó campo conseguiuse pelexar o parcial ata o final, pero a renda inicial xa era demasiada. No terceiro parcial a tónica era semellante. Erros do Náutico que os locais aproveitaban para distanciarse no luminoso e poñer sobre os boirenses unha lousa que xa non se poderían quitar de enriba. Polo Náutico Boiro Voleibol xogaron: Iván Souto, Narciso Abalo, Jesús Vázquez, Pablo Suárez, Cristóbal Álvarez, Manuel Pérez e Adrián Alves (líbero). Tamén xogaron Rubén Taibo, Emilio Palacio, Antón Pérez, Miguel Vázquez e Daniel Agra.

XUVENIL TEIS 3-0 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(25-23, 25-12, 25-17)-(2ª Div. Autonómica masculina)
O Redesyl tropeza na cancha do Xuvenil Teis
Contundente derrota a sufrida polo equipo filial masculino nunha visita á cancha dun rival directo na táboa clasificatoria. Os tres sets xogados mostraron os mesmos síntomas que levaron ó equipo a encadear o seu segundo tropezo consecutivo tras caer a xornada pasada ante os ferrolanos do CV Vagalume. Apatía, falta de confianza e ausencia de intensidade no xogo son as características que describen á perfección as actitudes boirenses neste viaxe a Vigo do que só se pode extraer positivamente a aparición do central xuvenil Alfonso Rey. Deste xeito os de Felipe García están un pouco máis lonxe do líder da categoría pero aínda con marxe de maniobra para darlla a volta á situación. Polo Redesyl Boiro Voleibol xogaron: Andrés Martínez, Roberto Rodríguez, Xavier Sarille, Felipe Resúa, Diego Romero, Martín Herrera e Adrián Armental (líbero). Como reservas estaban Dani García, Alén García, Alfonso Rey, Juan Mande e Juan Lorenzo.

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 3-1 CD CONXO
(22-25, 25-12, 25-9, 25-18)-(2ª Div. Autonómica feminina)
Vitoria do primeiro equipo feminino
Vitoria do noso primeiro equipo feminino nesta 2ª división autonómica ante as santiaguesas do CD Conxo. A pesares do susto inicial no que O Secreto cedeu o primeiro parcial os dous puntos da vitoria quedaron na casa para ledicia das nosas. Comezaba o encontro coas boirenses mostrando moitos erros non forzados, sobre todo de servicio e cunha actitude moi pouco agresiva. Esto facía que as visitantes tomaran vantaxe no luminoso para pechar o set. A partires do segundo xogo as nosas concentráronse en cometer menos erros e o resultado non puido ser mellor. A tónica mantívose o resto do encontro onde as de Narciso Abalo e Andrés Martínez dominaron por completo o xogo imposibilitando a reacción santiaguesa. Por O Secreto Boiro Voleibol xogaron: Sara Bugallo, Elena García, Alicia Novoa, Ángela Fernández, María Triñanes, Rebeca González e Sheila Outeiral (líbero). Como reservas estaban Ángela Triñanes, Carla Castro, Sandra Lojo e Ana Bugallo.


BERTAMIRÁNS FC VOLEIBOL 0-3 BOIRO VOLEIBOL
(10-25, 19-25, 11-25)-(Liga provincial cadete feminina)
As cadetes seguen con paso firme
Vitoria en tres sets do equipo feminino do Boiro Voleibol na mañá do domingo no seu desplazamento a Bertamiráns. As rapazas de Emilio Palacio superaron en todo momento ó seu rival gracias á boa actuación en varios apartados do xogo como o servicio e o ataque nos que hai que destacar a Melissa Novoa. A pequenas das irmás Novoa colaborou en gran medida no triunfo do seu equipo, firmando unha gran actuación sobre todo no terceiro parcial. Polo Boiro Voleibol xogaron: Sara Bugallo, Ana Bugallo, Emma Ordóñez, Melissa Novoa, Alejandra Galbán, Antía Sampedro e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Claudia Pinaque, Isabel Gómez, Ángela Alves e Sara Lojo.

2 comentarios:

Adrián Alves dixo...

Dura semana de crónicas que me toca escribir...

Non hai excusa, en Gijón non soubemos ignorar ás "adversidades" e facer o xogo que tiñamos que facer para traer a vitoria para a casa. As decisións non axudaron (certo) pero debemos estar por riba de todo eso. Agora a situación é esta, asi q todo o mundo a arrimar hombro e traballar para levantar a cabeza ó ritmo que recuperamos o noso xogo, que volvera (que ninguén o dubide)

Ánimo a todos xente!!!


FORZA BOIRO VB!!!

Adrián Alves dixo...

Mil disculpas para as cadetes pola tardanza na súa crónica pero non contactei con Emilio ata hoxe. Noraboa polo partido, a seguir así!


FORZA BOIRO VB!!!