venres, 15 de maio de 2015

O JEALSA VIAXA A LUGO A DISPUTAR O PLAY OFF DO CAMPIONATO GALEGO CADETE:

O noso equipo cadete masculino rematou a fase regular do Campionato Galego en primeiro lugar, polo que se gañou o dereito de participar no play-off polo título que se disputará no Pavillón Municipal de Lugo esta fin de semana (16 e 17 de maio). 17 vitorias e 1 derrota é a bagaxe que deixaron os nosos nunha competición na que só cederon a domicilio no Municipal de Dumbría e na que se lle escaparon únicamente 7 sets. O EMEVÉ de Lugo rematou 2º cun gran 15-3 de balance. Os oleirenses de As Mariñas que dirixe Eloy Mahía ficaron na 3ª praza cun 14-4. O Voleibol Dumbría pechou os postos de play-off acadando un balance de 13 vitorias e 5 derrotas. Dos equipos do JEALSA Boiro Voleibol, EMEVÉ de Lugo, As Mariñas Oleiros e Voleibol Dumbría sairá o representante da nosa Comunidade Autónoma no Campionato de España que se disputará na cidade manchega de Cuenca entre o 17 e o 21 do vindeiro mes de xuño. Albíscase un torneo de moi alto nivel pola igualdade vivida durante toda a tempada e polo máis que meritorio 4º posto que acadou a Selección Galega Cadete Masculina no Campionato de España por autonomías. Os horarios para os nosos cativos serán: sábado (10:00h) ante As Mariñas Oleiros; sábado (17:00h) ante Voleibol Dumbría e o domingo (12:00h) ante os anfitrións do EMEVÉ. Tódolos encontros serán retransmitidos en streaming polo que os que non vaiades a viaxar a Lugo poderedes seguir o play-off desde as vosas casas visitando a WEB do Emevé de Lugo. ¡A por todas rapaces!

Ningún comentario: