luns, 2 de novembro de 2015

O NÁUTICO SAE DE POSTOS DE COPA PRÍNCIPE TRAS CAER CO F.C. BARCELONA:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 1-3 F.C. BARCELONA
(14-25, 23-25, 25-20, 23-25)-(Superliga 2 Masculina)

Axustada derrota do Náutico ante o F.C. Barcelona
Segunda derrota, e segunda como local do Náutico Boiro nesta edición 2015-16 da Superliga 2 Masculina. O F.C. Barcelona de Sergi Bosch marcharía cos 3 puntos da Cachada tras máis de hora e media de xogo e moita igualdade no tanteador. Os culés comezaron moi fortes sabedores da importancia do encontro conseguindo colocar no luminoso un parcial de 3-12. As accións ofensivas do oposto gaditano Germán López atraían tódalas miradas e os de Emilio Palacio pouco podían facer para evitar que o Barça golpeara primeiro. O inicio da 2ª manga estivo marcada pola aparición espectacular de Iván Souto desde a liña de saque, situando ós nosos cun 7-0 que abría un novo panorama no partido. Paulatinamente os branquiazuis foron perdendo folgos e o bo facer dos da cidade condal en bloqueo-defensa provocaron multitude de erros de ataque para os nosos que definitivamente vían como se lles escapaba o set por 23-25. Aquí estivo probablemente a clave do encontro, xa que do posible 1-1 pasouse a un 0-2 que sentou como unha lousa no estado de ánimo dos nosos. Unha vez máis o espíritu de loita do Náutico volveu a facer acto de presencia e empurrados polos case 600 siareiros que ateigaban as bancadas da Cachada volvían a tomarlle o pulso ó encontro. A efectividade en ataque dos boirenses crecía exponencialmente con Gabriel Del Carmen á cabeza (21 pts e un 54% de acerto) e co 25-20 final conseguían así recurtar distancias. Na reanudación os visitantes recuperarían a iniciativa do xogo ata chegar ó desenlace do set. Co 23-23 chegaría o segundo momento clave do encontro. Cristóbal Álvarez efectuou un saque flotado que  aparentemente caeu de pleno en chan catalán, pero que en cambio o árbitro sinalou como malo levando a primeira bola de set e partido para os blaugranas. 23-24 e tras un tempo morto solicitado por Emilio Palacio o central Iván Lanza conseguiría o bloqueo gañador que levaría os tres puntos a terras catalanas, deixando ó Náutico fóra de postos que dan dereito a xogar Copa Príncipe. O próximo sábado viaxe a Badajoz para medirse a un rival directo. Consulta nesta ligazón a estadística oficial do partido. Polo Náutico xogaron Iván S., Emilio P., Cristóbal Á., Gabriel Del C., Mario I., Germán R. e Adrián A. (líbero). Tamén xogaron Ismael M., Xian P., Adrián G., Manuel P. e Fran D.


MEL-FROR EMEVÉ 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(12-25, 22-25, 14-25)-(1ª Div. Aut. Senior Feminina)

As senior gañan con claridade ao EMEVÉ
Partido sen complicacións para o noso primeiro equipo feminino malia as dúbidas que había pola falta de efectivos dispoñibles para a cita. O saque das nosas ocasionaba moitos problemas no primeiro toque lucense, feito que desequilibraba a balanza a prol das boirenses e lles permitía ás de Andrés Martínez adiantarse no tanteador. Tan só na primeira metade do 2º set o EMEVÉ igualou as forzas para poñer o choque nun escenario máis parello. Pouco duraría a paridade e as boirenses conseguirían a base de accións ofensivas exitosas colocar o 2-0- O 3º set sería un calco do 1º. Presión do JEALSA co saque e aparición en facetas ofensivas de María Triñanes, Rebeca González e Cristina Fernández para pechar o partido. Polo JEALSA xogaron Mariana D., Laura P., Cris F., María T., Rebeca G., Sheila P. e Sheila O. (líbero). Tamén xogaron Laura O. e Luciana V

H. VET ACEÑA EMEVÉ 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(21-25, 13-25, 19-25)-(1ª Div. Aut. Xuvenil Masculina)

Os xuvenís superan con claridade ó EMEVÉ
Contundente e merecida vitoria do JEALSA na casa do sempre complicado EMEVÉ, un dos candidatos a dominar esta 1ª División Autonómica Xuvenil Masculina. A construcción boirense mostrouse impoluta ó longo de todo o partido, cambiando prácticamente cada balón. O acerto e presión exercida desde a liña dos 9 metros por parte do JEALSA ocasionaba serios problemas na liña de recepción local, permitíndolles ós de Adrián Alves posicionarse con criterio no terreo de xogo e mostrar un alto nivel na súa defensa de segunda liña. Tan só no tercio medial do 3º set os nosos perderon momentáneamente o dominio do xogo, para recuperalo minutos máis tarde para non abandonalo xa ata pechar o encontro. Polo JEALSA xogaron de inicio Ismael M., Borja S., Daniel O., Lois V., Félix R., Álex V. e Darío O. (líbero). Como reservas estaban Rubén M., Gabriel S. e Iván G. (2º líbero).

MEL-FROR EMEVÉ 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-18, 25-17, 25-12)-(1ª Div. Aut. Xuvenil Feminina)

O JEALSA cae en Lugo por 3-0
Clara derrota a das nosas xuvenís ante un equipo que cometeu poucos erros e condicionou o xogo do JEALSA desde a liña de saque. Os continuos erros en recepción e ataque castigaban duramente ás nosas no transcurso do primeiro set, deixando en bandexa a vitoria local por 25-18. Foi no inicio do 2º parcial cando as nosas mostraron por primeira vez no encontro un pouco de oposición. Os erros de saque do EMEVÉ outorgaban un respiro ás de Andrés Martínez que colleron impulso para igualar o tanteador ata ben entrada a manga. Minutos máis tarde as augas volveron ó seu cauce e o EMEVÉ xa non pasaría máis apuros en todo o partido para quedarse de xeito claro e merecido cos dous puntos en xogo. Polo JEALSA xogaron Paula V., Alejandra M., Lía V., Laura P., Paula M., Laura O. e Irea T. (líbero). Como reservas estaban Sara T., Luciana V., Ada V., Marta S. e Verónica P.

H. VET ACEÑA EMEVÉ 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(8-25, 13-25, 14-25)-(1ª Div. Aut. Cadete Masculina)

O JEALSA lidera a 1ª Div. Autonómica CM
Vitoria en tres sets para o JEALSA cadete masculino nesta cuarta xornada que lle serve ós nosos para seguir líderes da 1ª División Autonómica Cadete Masculina. Os boirenses comezaban o encontro mandando claramente desde os 9 metros. A liña de recepción do EMEVÉ tiña serios problemas para enviar en condicións o balón a mans do seu colocador. Esta situación ocasionaba que os nosos recuperasen unha e outra vez os envíos lucenses convertindo a maioría dos puntos en fase de contraataque. A tónica persistiría nas dúas mangas seguintes e os de Adrián Alves regresaban a Boiro cos 2 puntos da vitoria e superando as baixas de Mauro Martínez, Pablo Dieste e Christopher Rodríguez. Polo JEALSA xogaron de inicio Rubén M., Manuel T., Darío O., Daniel O., Juan O., Álex V. e Sergio C. (líbero). Tamén xogaron Borja S. e os infantís Alberto T. e Daniel V.

MEL-FROR EMEVÉ 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(21-25, 25-15, 11-25, 22-25)-(1ª Div. Aut. Cadete Feminina)

As cadetes colócanse 3ª na fase regular
Mal partido o ofrecido por EMEVÉ e JEALSA onde os erros foron moeda de cambio para ambos conxuntos. A intensidade das nosas foi de menos a máis e non foi ata ben avanzado o 3º set cando se apreciou certa melloría no xogo para poñer a salvo unha vitoria que lles permita ás de Emilio Palacio seguir invictas nesta 1ª Div. Autonómica. No tramo final do partido o saque do JEALSA mellorou moito e, xunto co acerto ofensivo de Alejandra Moledo, serían as chaves que abrirían a porta do triunfo. A vindeira semana partido contra Calasancias Coruña na Cachada. Unha vitoria mantería ás nosas no grupo de cabeza desta máxima competición autonómica. Polo JEALSA formaban de inicio Paula V., Ada V., Lía V., Lara S., Alejandra M., Sara T. e Irea T. (líbero). Tamén xogarían Laura N., Olaya M., Marta S., Paula M. e Verónica P.

H. VET ACEÑA EMEVÉ 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-16, 25-20, 25-18)-(1ª Div. Aut. Infantil Masculina)

Os infantís chocan ante o servizo do EMEVÉ
Primeiro tropezo do ano para o JEALSA infantil masculino no seu desprazamento á cidade da muralla para medirse ó EMEVÉ. O servizo local marcaría un encontro no que os de Adrián Alves se mostraron moi atenazados, non conseguindo en ningún momento sacar a súa mellor versión e desplegar o xogo tal e como fixeron nos dous primeiros partidos de fase regular ante O Burgas de Ourense e o JEALSA Barraña. Os boirenses perderon claramente a batalla dun elemento do xogo tan diferencial nesta categoría como é o saque, imposibilitando a reacción case que en ningún momento do choque. Unha xeira de 5-6 saques dos lucenses facía acto de presencia en cada set, deixando os dous puntos a salvo para interés do EMEVÉ. Polo JEALSA xogaron Daniel V., Carlos L., Manuel L., Alberto T., Rodrigo M. e Carlos O. Como suplentes estaban desta volta Juan Q., Jose G. e Tomás R.

Ningún comentario: