domingo, 15 de novembro de 2015

O NÁUTICO ACHÉGASE Á COPA PRÍNCIPE TRAS DERROTAR AO CV XÁTIVA. CRÓNICAS:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-0 C.V. XÁTIVA
(25-19, 26-24, 25-20)-(Superliga 2 Masculina)

Emilio Palacio contra o bloqueo do C.V. Xátiva
Segunda vitoria como local para o noso primeiro equipo masculino nesta tempada 2015-2016, nun encontro fundamental á hora de determinar os aspirantes á xa próxima Copa Príncipe 2016. Así pois, coa minúscula vantaxe dun punto na clasificación, o C.V. Xátiva presentábase no Pavillón de A Cachada cun claro e único obxectivo en mente: arrebatar toda aspiración copeira ao combinado boirense. Mais iso non ía ser posible. Nunha exhibición de concentración, firmeza e poderío, os nosos fixeron do partido un auténtico monólogo, que unicamente titubearía no segundo parcial. Con Emilio Palacio (17 puntos) e Gabriel Del Carmen (14 puntos) como referentes ofensivos, o Naútico eclipsaría todos os aspectos do xogo, imposibilitando a correcta reconstrucción da escuadra setabense. Tan só no segundo set, as accións en ataque de Carlos Acedo e Borja Bueno (10 e 8 puntos, respectivamente) serían quen de desequilibrar o bloque boirense, que xa miraba con decisión á pronta resolución do encontro. Desta forma, cos 3 puntos sumados na tarde do sábado, o Náutico sitúase na 6ª praza desta SVM2. Para a semana agarda outro rival directo, o CyL Palencia 2016.   Polo Náutico Boiro Voleibol xogaron: Iván S., Emilio P., Mario I., Germán R., Cristóbal A., Gabriel Del C. e Adrián A. Como reservas actuaron: Ismael M., Xián P., Manuel A., Diego R., e Fran D.


SECRETO GALAICO XUVENIL TEIS 3-1 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-20, 20-25, 25-23, 25-8)-(1ª Div. Aut. Senior Feminina)

O sénior feminino paga a falta de efectivos
Cuarta derrota da nosa primeira sección feminina no que vai de tempada. Cun equipo minguado polas baixas e descomposto pola coincidencia co partido cadete (sección da que se nutre en moitas ocasións), o JEALSA presentábase dubidoso ante o 6º clasificado da 1ª División Autonómica Sénior Feminina. En liñas xerais, non foi o mellor partido das nosas. Todo o contrario. A conexión colocadora- atacantes non funcionaba con efectividade e a presión dende a liña de saque era, canto menos, insuficiente. Deste xeito, unha boa defensa do Xuvenil Teis sumada ao control dos erros non forzados posibilitaba ás viguesas un plácido panorama no que conseguir a súa segunda vitoria consecutiva. Tan só no segundo set, o empuxe de María Triñanes en ataque lograba desestabilizar o muro rival, incapaz de manterse para traer o triunfo a Boiro. Polo JEALSA xogaron: Mariana D., Sheila P., María T., Rebeca G., Laura P., Alejandra G. e Sheila O. (líbero). Como reservas estaban: Olaya M. e Lara S.

AS MARIÑAS OLEIROS 3-2 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(17-25, 21-25, 25-22, 25-17, 18-16)-(1ª Div. Aut. Xuvenil Masculina)

O JEALSA, líder da LGXM
Segunda derrota, e segunda nun tie-break. Ás 13:00 do sábado 14 de novembro, líder e colista medían as súas forzas no Pavillón Valle Inclán de A Coruña, nun encontro que podemos calificar de "intermitente". Os dous primeiros sets foron de dominio boirense. A conexión Ismael- Lois e un K1 máis que efectivo poñían contra as cordas a un Oleiros impreciso, dubitativo e falto de alternativas. Todo parecía zanxado. Non obstante, lonxe de aproveitar o ánimo lóxico que acompaña a unha vantaxe como tal, o Jealsa perdeu a fame e deixou que As Mariñas medrasen. De súpeto, toda acción carecía de voluntade, toda intención era tímida e pasiva. Perigosamente pasiva. As Mariñas crecían a paso de xigante e os nosos, tocados pola inseguridade, sumíanse nun océano de dúbidas e nervios aos que non nos teñen acostumados. Con este panorama, o 5º set era inevitable. Nel voltou o bo xogo e a determinación, pero non foi suficiente. Tras desperdiciar unha bola de partido, Oleiros pechou o partido poñendo fin ás esperanzas boirenses. Malia este resultado, o JEALSA continúa líder da 1ª División Autonómica Xuvenil MasculinaPolo JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Ismael M., Daniel O., Christopher R., Lois V., Álex V., Félix R. e Darío O. (líbero). Como reservas estaban: Rubén M., Borja S., Gabriel S. e Iván G. (2º líbero).

PULPEIRA TRES PUERTAS X. TEIS 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 25-5, 25-16)-(1ª Div. Aut. Xuvenil Feminina)

Duro encontro para o JEALSA no Municipal de Teis
Contundente derrota das nosas xuvenís contra o segundo clasificado desta LGXF: o Xuvenil Teis. Malia a diferenza de puntos existente na clasificación, as rapazas do JEALSA plantaron cara nun primeiro set que, grazas á notable actuación de Alejandra Moledo en ataque, mantívose parello ata o 16-16. A partir dese momento, as de Andrés Martínez perderon a cara ao partido. A defensa e o contraataque baixaron de intensidade, ofrecendo ás viguesas un amplo marxe de error que non desaproveitarían. Así, cun potente servicio e un óptimo k1, o Xuvenil Teis marcou o devir dun partido sen moita historia, condeando ao JEALSA á 8ª posición da 1ª División Autonómica Xuvenil Femenina. A vindeira xornada toca viaxar a Monforte, onde agarda o C.V. Ribeira Sacra. Polo JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Paula V., Alejandra M., Lía V., Laura P.,  Paula M., Laura O. e Irea T. (líbero). Como reservas actuaron: Lara S., Marta S., Sara T., Olaya M. e Ada V.

AS MARIÑAS OLEIROS 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(20-25, 15-25, 20-25)-(1ª Div. Aut. Cadete Masculina)

Os cadetes, invictos na LGCM
Triunfo grupal do noso equipo cadete masculino, que con comodidade se desfixo de As Mariñas Oleiros na mañá do pasado sábado 14 de novembro. Dende o comezo do encontro, a presión dende a liña de saque convertíase nun complexo obstáculo  para As Mariñas, facilitando o bloqueo- defensa e o contraataque boirense. Así, con intelixencia e rigor, o JEALSA non tardaba en conseguir amplas rendas no marcador, insalbables para un Oleiros incapaz de penetrar na defensa dos nosos. Unha semana máis, o traballo colectivo axuda ao cadete masculino a continuar no máis alto da táboa desta LGCM, invictos e sen ningún set en contra.  Polo JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Rubén M., Borja S., Christopher R., Daniel O., Álex V., Juan O. e Darío O. (líbero). Como reservas estaban: Mauro M., Manuel T., Sergio C. e Pablo D.

MOCAVI XUVENIL TEIS 3-1 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(28-26, 19-25, 25-13, 25-17)-(1ª Div. Aut. Cadete Feminina)

As cadetes sofren a súa primeira derrota
Primeira derrota da tempada da nosa sección cadete feminina que na mañá  do sábado caía contra o MOCAVI Xuvenil Teis. O partido comezou cunha igualdade máxima entre ambos conxuntos. As nosas, moi atinadas en todas as facetas, plantaron cara ata o 26-26. Nese intre, dúas boas accións das viguesas definiron o primeiro set pola mínima. No segundo, o JEALSA sobrepúxose, conseguindo unha notoria superioridade que se mantería ata o final do parcial. A partir de aí, o xogo cambiou por completo. Contra todo pronóstico, as nosas viñéronse abaixo con suma facilidade, experimentando momentos de relativa mellora insuficientes para levarse un partido de vital importancia. No cuarto mantívose o mesmo guión: igualdade ata o ecuador do set e renta de cinco puntos insalbable para o JEALSA. Con esta primeira derrota, as cadetes descenden á 5ª posición desta LGCF, empatadas co 4º,3º e 2º clasificado. Polo JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Ada V., Paula V., Alejandra M., Paula M., Lía V., Laura O. e Irea T. (líbero). Como reservas actuaron: Marta S., Sara T., Laura N. e Luciana V.


AS MARIÑAS OLEIROS 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(20-25, 17-25, 12-25)-(1ª Div. Aut. Infantil Masculina)

Os infantís medran a pasos de xigante
Contundente e merecida vitoria do JEALSA infantil masculino contra o colista desta LGIM: As Mariñas Oleiros. Sen dúbida algunha, o partido máis brillante da xornada. Pois estes rapaces, a pesar de estarse adaptando a un novidoso esquema de xogo para eles, son xa todo un exemplo de competitividade e mellora. En resumo, o encontro estivo marcado por unha gran actuación colectiva capitaneada por Daniel Vázquez ao saque, Alberto Tubío en facetas defensivas e Jaime Arjones na distribución do xogo. Coma no partido cadete, o servicio boirense era demasiado para un Oleiros plenamente desarticulado, incapaz de reconstruír e puntuar con facilidade.  Con tal escenario, os de Adrián Alves non tiveron problemas para levar o seu segundo triunfo da tempada pola vía rápida, situándose nunha eloxiable 4ª posición. A vindeira fin de semana agarda o 3º clasificado: o Club Korbis.  Polo JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Daniel V., Jaime A., Alberto T., Alan D., Jesús S. e Jose G. Como suplentes estaban: Juan Q., Tomás R. e Manuel L.

IES DE AMES 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-17, 25-14, 25-16)-(2ª Div. Aut. Infantil Feminina)

Debut con derrota para o JEALSA Boiro Voleibol
Clara derrota do JEALSA Boiro Voleibol infantil feminino na súa visita ao Pavillón Municipal de Ames. O debut en competición oficial non foi o esperado. De novo, o servicio local foi unha presión continuada sobre as de Emilio Palcio, incapaces de construír xogadas que puxesen en perigo a estabilidade do IES de Ames. Non obstante, as infantís competiron, sobre todo da man de Sara Ordoñez, referente ofensivo das pequenas. A tónica dos tres sets foi moi similar: amplas vantaxes iniciais que impedían ao JEALSA volver a meterse no encontro. Con este primeiro tropezo, o JEALSA Boiro Voleibol sitúase na penúltima posición do Grupo A desta 2ª División Autonómica Infantil Feminina. Polo JEALSA xogaron: Sara, Mara, Lourdes, Ana, Lidia e Laura. Como suplentes estaban: Noelia e Helena. 

C.V.A.B. 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(12-25, 19-25, 26-24, 12-25)-(2ª Div. Aut. Infantil Feminina)

Debut con vitoria para o infantil feminino B
Primeiro partido e primeira vitoria. Nun coñecido Pavillón Municipal de Barraña, a nosa sección infantil feminina B doblegaba por un 1-3 ás veciñas do Club Voleibol Atlético Boiro na mañá do pasado domingo. Os nervios dun primeiro encontro non pasaron factura ás nosas xogadoras, que iniciaron o xogo sen cometer practicamente fallo algún. Como nos ten acostumada a liga infantil, o saque marcou a diferencia entre ambos equipos. O servico boirense era unha presión constante que con tino debilitaba a contrucción atlética, incapaz de frear o avance do JEALSA. Desta forma, con relativa comodidade, as de Emilio Palacio puxeron un premonitorio 0-2 incial no luminoso. Tan só no terceiro set, as nosas foron inferiores, cedendo por un axustado 24-26. O último parcial foi un calco do primeiro: dominio dende a liña dos sete metros e control dos erros non forzados. Con este resultado, as nosas sitúanse no 2º posto desta 2ª División Autonómica Infantil Feminina, empatadas co IES de Ames. Polo JEALSA xogaron: Uxía, Lucía R., Laura, Alejandra, Priscila e Cristina. Tamén xogaron: Lucía V., Alba e Helena. 

Ningún comentario: