luns, 9 de novembro de 2015

O NÁUTICO ARAÑA UN PUNTO EN BADAJOZ. CRÓNICAS DA XORNADA:

HOTEL RÍO CARNAVAL DE BADAJOZ 3-2 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 25-20, 31-33, 23-25, 15-6)-(Superliga 2 Masculina)

Foto de Rober González (Badajoz Deportes)
Derrota en cinco sets do noso primeiro equipo masculino no seu desprazamento a terras extremeñas para medirse ó Hotel Río de Badajoz. Os erros non forzados dos nosos e a presión exercida polos locais desde a liña de saque eran os elementos que se levaban todo o protagonismo no arranque do partido. Empurrados pola confianza que outorga estar sempre 3-4 puntos por riba no luminoso os pacenses mostraban un gran acerto desde os 9 metros da man do seu oposto, o catalán ex do FC Barcelona David Domenech. Deste xeito, e sen oposición ningunha por parte dos boirenses, se levaban os locais as dúas primeiras mangas mostrando solvencia e seguridade. Na reanudación as sensacións mudaron. A recepción boirense mellorou e as dúbidas comezaron a chegar ós potentes sacadores extremeños. Un gran Mario Iglesias (14 puntos de ataque cun magnífico 74% de acerto e 3 bloqueos directos) sería o xogador franquicia dos galegos para empatar un choque que de partida se puxera moi costa arriba. Cabe destacar tamén a aportación ofensiva de Gabriel Del Carmen, que malia xogar con molestias boa parte do encontro acadou a extraordinaria cifra de 22 tantos convertíndose no mellor atacante da xornada. Os folgos non acompañaron ós de Emilio Palacio no tie-break. As imprecisións volveron a maniatar ós nosos na primeira metade do 5º e os locais non tremeron para deixar dous valiosísimos puntos que ben poden valer por unha clasificación para a Copa Príncipe. Desde esta ligazón podes seguir a retransmisión do partido por parte de Canal Extremadura e aquí, as estadísticas oficiais do partido. Polo Náutico xogaron Iván S., Xian P., Gabriel Del C., Cristóbal Á., Mario I., Germán R. e Adrián A. (líbero). Como reservas estaban Ismael M., Manuel P. e Fran D.


JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 CALASANCIAS CORUÑA
(25-18, 19-25, 17-25, 28-26, 16-14)-(1ª Div. Aut. Senior Masculina)

Gran aspecto das bancadas o domingo na Cachada
Importante e traballado triunfo o acadado polo noso equipo filial masculino ante un dos claros favoritos a facerse coa coroa da 1ª División Autonómica Senior. O JEALSA mandaba claramente no primeiro set, onde contrarrestaba o poderío ofensivo herculino cun gran saque e cun posicionamento defensivo sobresaínte. Co 1-0 no tanteador os de Adrián Alves volvéronse nunha presa mansa para os coruñeses, que lle darían a volta ó tanteador gracias á fortaleza física dos seus xogadores de ataque e ao conformismo dos boirenses. Foi co 1-2 desfavorable cando o JEALSA recuperaría o instinto asasino e da man dun gran Xian Pérez en facetas ofensivas levarían o encontro ó tie-break logo dun final de set de infarto. A igualdade reinaría no set de desempate ata que dous bloqueos de Lois Vázquez exercendo tarefas de central desequilibrarían a balanza e afianzarían ó JEALSA no máis alto da táboa. Xogaron Ismael M., Xian P., Diego R., Gustavo R., Fran D., Félix R. e Darío O. (líbero). Como reservas estaban Dnaiel V., Pablo R., Lois V., Juan O. e Daniel G. (líbero)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 1-3 CALASANCIAS CORUÑA
(22-25, 25-15, 20-25, 19-25)-(1ª Div. Aut. Senior Feminina)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 CALASANCIAS CORUÑA
(25-23, 31-33, 31-29, 15-25, 15-13)-(1ª Div. Aut. Xuvenil Masculina)

Gran traballo colectivo dos xuvenís
Vitoria no set de desempate para os xuvenís do JEALSA nun encontro no que regresaba a Boiro un vello coñecido da Cachada, o receptor amiense Marcos Alvite. Os erros non forzados de ambos equipos serían a clave para manter o dominio no encontro, que chegaba ó tie-break logo da alternancia de xeiras de boirenses e herculinos. O maior tino en bloqueo-defensa dos nosos nos momentos decisivos  do 5º set sembrou o nerviosismo entre os visitantes, que non conseguían atopar a maneira de pechar o encontro despois dunha renda inicial de 3 puntos. Non se pode destacar a actuación de ningun dos nosos xa que esta é claramente unha vitoria do traballo en equipo. Polo JEALSA xogaron Ismael M., Daniel O., Darío O., Lois V., Félix R., Gabriel S. e Christopher R. (líbero). Como reservas estaban Rubén M. e Iván G. (líbero).

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-1 CALASANCIAS CORUÑA
(23-25, 25-16, 25-23, 25-22)-(1ª Div. Aut. Xuvenil Feminina)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 CALASANCIAS CORUÑA
(25-19, 26-24, 25-13)-(1ª Div. Aut. Cadete Masculina)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 CALASANCIAS CORUÑA
(25-15, 25-15, 23-25, 22-25, 15-13)-(1ª Div. Aut. Cadete Feminina)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 CALASANCIAS CORUÑA
(12-25, 21-25, 22-25)-(1ª Div. Aut. Infantil Masculina)

JEALSA BARRAÑA VOLEIBOL 0-3 H. VET ACEÑA EMEVE LUGO
(Agardando Parciais)-(1ª Div. Aut. Infantil Masculina)

JEALSA BARRAÑA VOLEIBOL 0-3 CALASANCIAS CORUÑA
(Agardando Parciais)-(1ª Div. Aut. Infantil Masculina)

Ningún comentario: