luns, 15 de decembro de 2014

RESULTADOS DOS NOSOS EQUIPOS NO 13 E 14 DE DECEMBRO:

CV AA LLARS MUNDET 3-0 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(25-12, 25-23, 25-15)-(Superliga 2 Masculina)

O Bloqueo do CVAA Llars Mundet, sobresaínte
Duro correctivo o sufrido polo Náutico no seu desprazamento a Barcelona para medirse a un dos mellores equipos da categoría como é o CVAA Llars Mundet. O colocador Iván Souto e o central Jesús Vázquez seguen causando baixa no conxunto dirixido por Emilio Palacio, que non acaba de atopar a maneira de volver a ser a escadra competitiva de comezos de tempada. No arranque do encontro viuse a peor cara do Náutico. Sen dinamita en ataque e cometendo bastantes imprecisións de tódalas naturezas vían os de Boiro como os cataláns, maxistralmente dirixidos polo colocador Sergi Arranz, de contado poñían a directa hacia a vitoria parcial dominando con claridade o tanteador nos tempos técnicos (8-3, 16-10). No segundo set as sensacións foron totalmente contrapostas. A maior incidencia do noso bloqueo-defensa e a gran actuación ofensiva de Gabriel del Carmen (13) levaban o set a unha igualdade máxima. Deste xeito se chegaba á vintena igualados pero a extraordinaria defensa de primeira liña proposta polos de Tony Alemany desequilibraría un set que significaría a rendición dos boirenses. Durante o transcurso do 3º set os cataláns continuaban mandando con claridade preto da rede. O central ex-Andorra Iván Lanza e o seu compañeiro de posición Alfred Argiles fortificaban unha muralla infranqueable para os galegos. Por si fose pouco o infortunio volveu a facer acto de presenza en forma de lesión. Nos primeiros puntos do set o líbero boirense Adrián Alves sufría unha lesión na súa cadera que o impediría participar no resto do encontro, sendo substituido por un líbero en funcións como foi Miguel Vázquez. Consulta neste enlace as estadísticas oficiais do partido. Polo Náutico xogaron: Ismael M., Narciso A., Cristóbal Á., Gabriel del C., Mario I., Emilio P. e Adrián A. (líbero). Tamén xogaron Gustavo R., Manuel P., Germán R. e Miguel V.

CALASANCIAS CORUÑA 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(Agardando Parciais)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

O JEALSA cae na 2ª Autonómica
Mal encontro o disputado polo noso primeiro equipo feminino ante un rival directo na zona media desta 2ª División. O desacerto en varias facetas do xogo como por exemplo o servicio e o ataque ocasionaban que as coruñesas tiveran case que en todo o choque a iniciativa no tanteador. Pódese dicir que a defensa boirense raiou a un bo nivel pero a pouca mordente das atacantes de Mario Iglesias froito de verse por debaixo no luminoso impedían puntuar con fluidez en situacións de contraataque. Tras esta derrota o JEALSA ocupa a 6ª praza desta competición a nivel autonómico. Se hai algo positivo desta derrota é o tempo que as nosas van a ter para preparar o seu vindeiro envite xa que a próxima semana terán xornada de descanso. Tódolos resultados da xornada da 2ª División aquí. Polo JEALSA xogaron: Laura M., Mariana D., Rebeca G., María T., Alejandra G., Noelia D. e Sheila O. (líbero). Tamén xogaron Sara B., Cristina F., Verónica D., Xiana R. e Katy S.

CALASANCIAS CORUÑA 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 20-25, 22-25, 21-25)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)

Xian Pérez, destacado en ataque ante o Calasancias
Traballadísimo triunfo o conseguido polos xuvenís nun encontro marcado polas baixas que presentaban. Ás xa coñecidas de Marcos Alvite por lesión e Ismael Martínez por viaxar co primeiro equipo sumouse alí a de Adrián Gatbache por unha escordadura de nocello nos primeiros compases do choque. Os locais mostrábanse imparables no seu ataque central pero pouco a pouco o JEALSA foi collendo os mandos do encontro gracias á extraordinaria actuación ofensiva de Xián Pérez e Lois Vázquez. Con 3 cadetes en pista o xogo dos nosos melloraba paseniño. Christopher Rodríguez e Pablo Nieto apuntalaban a defensa de segunda liña boirense e Rubén Martínez xestionaba o caudal ofensivo con mestría para poñer a salvo a 6ª vitoria. Consulta aquí o acontecido nesta xornada da LGXM. Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Xian P., Adrián G., Lois V., Borja V., Fran D. e Christopher R. (líbero). Como reservas estaban Félix R., Pablo N., Dani G. e Óscar R.

CALASANCIAS CORUÑA 3-1 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-22, 25-20, 19-25, 25-15)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

As xuvenís ceden na 10ª xornada da LGXF
Derrota das xuvenís ante as súas inmediatas perseguidoras nesta LGXF. O servicio colocaba ás nosas mandando no tanteador pero dun xeito progresivo o contraataque local comezaba a facer acto de presenza. No segundo parcial a recepción do JEALSA pasou moitos apuros e a derrota fíxose inevitable. Co 2-0 no luminoso as nosas espertaron e conseguiron mostrar a súa mellor versión. Cunhas Alejandra Moledo e Paula Vázquez moi inspiradas en ataque conseguían recurtar distancias con facilidade nun set dominado de cabo a rabo. Tralo parón, as pantasmas de comezos de partido regresaban e o Calasancias impedía que os dous puntos da vitoria fuxisen rumbo a Boiro. Toda a xornada da LGXF premendo aquí. Polo JEALSA formaron: Sara B., Lea G., Alejandra M., Paula V., Alejadra G., Laura O. e Sheila O. (líbero). Como reservas estaba Laura P.

CALASANCIAS CORUÑA 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(17-25, 16-25, 25-21, 20-25)-(Liga Galega Cadete Masculina)

Cobertura do JEALSA a Manuel Tubío
O 8º triunfo da tempada para os nosos cadetes chegou o pasado sábado. O acerto ofensivo de Pablo Nieto e Daniel Olveira marcaba as diferencias nos primeiros compases do partido. Isto, sumado á orde defensiva mostrada polo JEALSA maniataba completamente o ataque herculino, que chocaba unha e outra vez contra Christopher Rodríguez e Darío Outeiral. No 3º set os múltiples cambios realizados levaron a manga a un 21-21 que caería finalmente en saco local. No 4º os nosos volveron ó timón exercendo unha fortísima presión desde a liña de saque. Rubén Martínez e Pablo Nieto conseguían nas súas rotacións de saque rendas suficientes para pechar o set e o partido con comodidade. Consulta neste enlace a actualidade da LGCM. Polo JEALSA xogaron Rubén M., Daniel O., Pablo N., Christopher R., Álex V., Gabriel S. e Darío O. (líbero). Tamén xogaron Sergio C., Manuel T., Pablo D. e Álvaro P.

CALASANCIAS CORUÑA 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(15-25, 23-25, 13-25)-(Liga Galega Cadete Feminina)

As cadetes pisan forte na LGCF
Bo partido das cadetes na cancha do Calasancias para seguir na 2ª praza desta LGCF e expensas do que faga o CV Ribeira Sacra no partido que as monfortinas teñen pendente. As de Emilio Palacio controlaron de comezo a fin o tempo do partido. Unha vez máis o saque volveu a ser clave para levar a iniciativa e da man de Lea G., Paula V. e Sara T. bombardearon as nosas a liña de recepción herculina. Tan só no tramo final da 2ª manga tiveron as locais opcións serias de vitoria parcial, pero o tino do ataque de banda do JEALSA impedíao. Unha semana máis Alejandra M. e Paula V. volveron a ser os referentes ofensivos dun equipo que aposta por rematar a fase regular en postos de play-off. Tódolos resultados da xornada na web da FGVB. Polo JEALSA xogaron Lea G., Ada V., Paula V., Alejandra M., Lía V., Laura O. e Irea T. (líbero). Como suplentes estaban Laura P., Sara T., Lucía P., Marta S. e Luciana V.

CALASANCIAS CORUÑA 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-3, 25-17, 25-8)-(Liga Galega Infantil Masculina)

Os infantís seguen acumulando experiencia
O infantil masculino, equipo de nova creación do Boiro Voleibol, segue acumulando experiencia e minutos de xogo nesta LGIM. Desta volta o rival, o Calasancias Coruña, mostraba un potencial físico e unha maior carga horaria de volei que os nosos. O servicio dos coruñeses mostraba a diferencia que hai a día de hoxe entre ámbolos dous equipos e desequilibraba en todo momento un encontro no que os nosos celebraban o debut dun novo compañeiro, Juan Quelle. Tan só o saber facer de Sergio Castaño e Daniel Vázquez desde a liña de saque facía dubidar ós herculinos durante tramos da segunda manga pero a reacción non sería suficiente e os locais pecharían sen maiores atrancos un encontro que deixa ós de Adrián Alves na 4ª praza desta competición autonómica tendo o 5º (Manuela Rial Mouzo) aínda un partido pendente de xogar. Polo JEALSA viaxaron Rodrigo M., Sergio C., Daniel V., Alexis S., Juan Q., Alberto T., Manuel L. e Esteban P.

Ningún comentario: