sábado, 6 de decembro de 2014

O FC BARCELONA MARCHA CON 2 PUNTOS DA CACHADA. RESULTADOS DA XORNADA:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 2-3 F.C. BARCELONA
(25-21, 14-25, 25-23, 15-25, 13-15)-(Superliga 2 Masculina)

Gaby e Mario tentan bloquear ó andaluz Germán López
Dolorosa derrota a sufrida polo primeiro equipo ante un rival directo na pelexa por entrar na Copa Príncipe de Asturias que se celebrará en Melilla no mes de xaneiro. As máis de 500 persoas que ateigaban as bancadas da Cachada vían como os homes de Emilio Palacio comezaban mandando no partido gracias á súa puntualidade no cambio de saque e á destacadísima actuación dos centrais neste inicio de choque. Co 1-0 no tanteador xeral o Náutico baixou unha marcha permitíndolle ós culés entrar nun encontro que ata o momento era de cor branquiazul. Cun xogo irregular e a rachas os nosos non estiveron a altura e sufriron un duro castigo que deixaba o partido en táboas. As malas sensacións persistirían no comezo do 3º parcial. Os erros non forzados e a aportación ofensiva do oposto andaluz Germán López (18) e dos receptores Aaron Gámiz e Eric Hernández (13 e 18 puntos respectivamente) facían que os da cidade condal chegasen con 4 puntos de vantaxe ó primeiro tempo técnico (4-8). Tras esta pausa os de Boiro reaccionaron: A combinación do colocador xuvenil Ismael Martínez cos seus centrais era a mellor arma dos nosos que a base de intensidade defensiva revertían a situación para colocarse de novo por diante no marcador. Lonxe de aprender dos erros cometidos durante o transcurso da 2ª manga onde os boirenses non souberon xestionar a súa renda e volveron a tropezar coa mesma pedra no camiño. A falta de determinación volvía a facer que múltiples erros deixasen en bandexa o empate ó F.C. Barcelona, levando o choque a un incerto desempate. Os nosos comezaban máis atinados e a conexión coas bancadas facía que o bloqueo-defensa volvese a cobrar protagonismo. Deste xeito se chegaba á decea de puntos cos nosos tres puntos por riba (10-7) e co partido prácticamente encarrilado. Co 13-11 chegou o momento clave do encontro: un ataque franco de Narciso Abalo que poría un case definitivo 14-11 era defendido con dificultades pola segunda liña catalana, pasando a milímetros das vigas da Cachada para ser culminado na acción seguinte polo Barça. O empate a 13 chegaría despois dun bloqueo directo do mellor xogador do encontro, o central Jordi Marcé que rematou con 20 dianas e decidiu a parte final do choque. A continuación o desconcerto xogoulle unha mala pasada ó Náutico que deixou escapar dous puntos que certificaban a derrota con dúas imprecisións impropias dun equipo de Superliga 2. Consulta a estadística completa do encontro aquí. Polo Náutico xogaron: Ismael M., Narciso A., Cristóbal Á., Gabriel del C., Mario I., Emilio P. e Adrián A. (líbero).


REDESYL BOIRO VOLEIBOL 3-0 EMEVE
(25-18, 26-24, 25-14)-(2ª Div. Autonómica Masculina)

2 de 3 para o Redesyl na 2ª Autonómica
Segunda vitoria consecutiva para o equipo filial masculino. Despois duns minutos de tanteo inicial o Redesyl conseguía adiantarse no marcador da Cachada gracias ó aporte do seu bloqueo-defensa e ó tino en facetas ofensivas do receptor Xavier Sarille. Malia non forzar en exceso desde a liña de saque os de Adrián Alves estaban conseguindo controlar o encontro cos centímetros que colocaban preto da rede. Tan só un baixón momentáneo na orde en primeira liña achegou ós lucenses no segundo set pero tras as corrección pertinentes o 2-0 non se fixo de rogar. No terceiro parcial viuse o mellor Redesyl do encontro. Os boirenses colleron o timón do encontro e puxeron a directa hacia unha vitoria que os deixa con 6 puntos en liga. Visita neste enlace toda a actualidade da 2ª División Autonómica Masculina, na que descansamos a vindeira xornada. Polo Redesyl formaron: Daniel V., Xian P., Xavier S., Adrián G., Borja V., Fran D. e Felipe R. (líbero). Tamén xogaron Ismael M., Pablo R., Juan O., Diego R e Óscar R.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-1 EMEVE
(25-22, 22-25, 25-18, 25-16)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

Rebeca González explorando o bloqueo lucense
Partido incómodo malia a vitoria para o noso primeiro equipo ante o filial do EMEVE da Superliga de Voleibol Feminina. A falta de ritmo no xogo boirense facía que as de Mario Iglesias comezaran o encontro moi conservadoras en ataque. Co paso dos puntos o xogo local entraba en calor e a pesar da boa actuación do bloqueo local as nosas conseguían ir de menos a máis no pistoletazo de saída. Chegado o 3º parcial cun 1-1 no luminoso da Cachada a recepción do JEALSA mellorou exponencialmente e o ataque comezou a ser moito máis nocivo para a defensa do EMEVE. Esto, sumado ás grandes xeiras de saque mostradas polas nosas desequilibraban a balanza en favor das de Boiro, conseguindo deste xeito unha vitoria moito máis dura e traballada do que indica o tanteador final. Consulta na web da FGVB os resultados da xornada na 2ª Autonómica. Polo JEALSA xogaron: Laura M., Mariana D., Rebeca G., María T., Noelia D., Alejandra G. e Paula R. (líbero). Tamén xogaron Sara B., Xiana R. e Sheila O.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 EMEVE
(25-19, 25-23, 25-21)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)

Borja Vilas e Xian Pérez bloquean ante o EMEVE
Vitoria en tres sets para os xuvenís nun encontro no que o preparador local aproveitou para dar rodaxe a algúns dos xogadores cadetes do JEALSA. Os de Adrián Alves, que afrontaban o choque coa baixa de última hora do receptor Marcos Alvite por lesión, empezaron mandando na Cachada. A conexión de Ismael Martínez cos seus centrais fería de gravidade ó EMEVE. No 2º set o nivel da recepción do JEALSA baixou e os centrais interviron en menor medida. Esta situación, sumada ó desacerto dos atacantes de banda impedía que os nosos puntuasen. A entrada do cadete Pablo Nieto mudou a cara do JEALSA qu se anotaba a manga pola mínima. No 3º as sensacións volveron a mellorar e, co colocador cadete Rubén Martínez ós mandos, os xuvenís conseguían amarrar un triunfo que os deixan nunha situación envexable na LGXM. Xogaron: Ismael M., Xian P., Adrián G., Lois V., Borja V., Fran D. e Christopher R. (líbero). Tamén xogaron Rubén M., Daniel O., Félix R., Dani G. e Pablo N.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 EMEVE
(18-25, 21-25, 21-25)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

O JEALSA xuvenil feminino cae ante o EMEVÉ
Derrota en tres sets das nosas xuvenís nun encontro no que foron incapaces de facer fronte a unhas das favoritas desta competición, as lucenses do EMEVE. A presión exercida polas visitantes co seu servicio desbordou por completo á liña de recepción proposta polas locais, desactivando ó longo de todo o choque as opcións de ataque branquiazuis. O saque do JEALSA tampouco foi o de outras citas e o EMEVE campaba ás súas anchas nun encontro que as afianza na parte alta da táboa desta LGXF (igualadas na primeira praza coas coruñesas do Zalaeta). A vindeira semana partido complicado na cancha do Calasancias Coruña, rival directo que marcha dous puntos por debaixo das nosas cun partido menos xogado. Polo JEALSA formaron de inicio: Sara B., Lea G., Lía V., Alejandra G., Alejandra M., Paula V. e Sheila O. (líbero). Como reservas estaban Marta S., Laura O., Ada V., Irea T. e Sara T.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 EMEVE
(25-20, 25-17, 25-23)-(Liga Galega Cadete Masculina)

O JEALSA, líder da Liga Galega Cadete Masculina
Brillante vitoria do JEALSA ante un dos rivais máis fortes desta LGCM. Trala derrota en Dumbría os de Adrián Alves chegaban a un encontro que ía decidir quen era o novo líder da categoría. A chave estivo na intensidade defensiva proposta polos boirenses, neutralizando unha e outra vez os envíos dos potentes atacantes de banda da cidade da muralla. Os receptores Christopher Rodríguez e Pablo Nieto e o oposto Daniel Olveira foron os puñales dun JEALSA que dominou con autoridade os dous primeiros sets. No 3º xogo todo semellaba controlado ata chegar á vintena. Foi neste momento cando dous erros de servicio colocaban a tan só un punto ós lucenses pero de novo os nosos cadetes poñían a salvo un final de set axustado. Polo JEALSA formaron Rubén M., Daniel O., Pablo N., Christopher R., Gabriel S., Álex V. e Darío O. (líbero). Tamén xogaron Sergio C., Álvaro P., Manuel T., Borja S. e Pablo D.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 EMEVE
(11-25, 15-25, 13-25)-(Liga Galega Cadete Feminina)

As cadetes seguen en play-off malia a darrota do sábado
Contundente derrota a sufrida polas nosas cadetes no encontro que as enfrontaba ó líder da LGCF. As lucenses, malia contar coa baixa da receptora Lucía Prol convocada co equipo da SVF, dominaron de cabo a rabo o partido. O servicio visitante desmantelou por completo a liña de recepción das de Emilio Palacio. Na fase de bloqueo-defensa e contraataque o EMEVE estivo sobresaínte. O ataque polas ás das boirenses non foi o doutros días e inevitablemente 2 puntos fuxiron da Cachada con rumbo a Lugo. Tras esta derrota as nosas seguen en postos de play-off (3ª con 16 puntos) a tan só un punto de CV Ribeira Sacra. A vindeira semana viaxe a Coruña para medirse a Calasancias. Polo JEALSA xogaron: Lea G., Ada V., Paula V., Alejandra M., Lía V., Laura O. e Irea T., (líbero). Tamén xogaron Laura L., Laura P., Luciana V., Marta S. e Sara T.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 EMEVE
(17-25, 17-25, 15-25)-(Liga Galega Infantil Masculina)

Os nosos infantís seguen acumulando partidos
Derrota en tres sets a que sufriron os nosos infantís de Liga Galega ante o EMEVE. A maior potencia do servicio visitante foi determinante para que os de Lugo dominasen con claridade o tempo do xogo na pista 3 da Cachada. Os lucenses, cun maior poderío físico non atoparon atrancos malia a boa labor dos boirenses en facetas defensivas para pechar un encontro que deixa ós nosos con 4 puntos na LGIM. A vindeira semana toca viaxe conxunto de tódolos equipos de categorías inferiores a Coruña para rendir visita ó Calasancias. Traballo e máis traballo son os ingredientes que deben empregar os máis cativos para volver a sumar de a 2 como acontecera ante o Burgas ourensá. Consulta neste enlace tódolos resultados da xornada. Polo JEALSA xogaron de inicio Daniel V., Sergio C., Esteban P., Manuel L., David F. e Víctor M. No banco de suplentes agardaban a súa oportunidade Carlos L., Agustín L., Alexis S. e Abel G.

1 comentario:

Boiro Voleibol dixo...

Recordade que necesitamos os vosos votos para conformar o equipo ideal da fin de semana #7IdealBoiroVoleibol