domingo, 11 de xaneiro de 2015

OS PRIMEIROS ENCONTROS DO 2015 DEIXÁRONNOS OS SEGUINTES MARCADORES:

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 CV BRUXAS
(25-14, 25-23, 28-26)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

Melissa Novoa remata ante o CV Bruxas
Vitoria en tres sets do primeiro equipo feminino no encontro correspondente á 12ª xornada da 2ª División Autonómica Feminina que enfrontaba ás da Cachada ó CV Bruxas, equipo perseguidor das de Mario Iglesias na táboa clasificatoria. Tras uns primeiros compases de igualdade o JEALSA distanciouse das amienses no luminoso, gracias a un servicio de calidade, a un bloqueo-defensa atinado e a unhas atacantes de banda inspiradísimas na contra. Parciais tan amplos como un 17-9 pasado o ecuador da primeira manga desencadeaban nunha abultada vitoria parcial (25-14). No segundo set as de Ames melloraron sustancialmente. A súa recuperación en saque e a súa mellor versión en defensa de segunda liña obrigáballes ás boirenses a empregarse a fondo en ataque asumindo máis riscos, situación que se convertía en un bo puñado de erros non forzados. Deste xeito as de Dani García colocábanse cun favorable 9-14 cando Mario Iglesias pediu un tempo morto que sería man de santo para as súas. Era un momento no que as defensas superaban claramente ós ataques e as boirenses souberon xestionar mellor o seu caudal ofensivo para, progresivamente, irse achegando no tanteador ata alcanzar o 19-19. O preparador visitante tentou deter a marcha das nosas cun tempo morto e momentáneamente conseguiuno. Gracias a un bloqueo dunha das súas centrais colocábanse nunha situación envexable e inmellorable para pechar o 2º set e igualar o encontro (20-23) pero de novo os erros non forzados en ataque e a calidade da defensa boirense propiciaban un parcial de 5-0 que colocaba o 25-23 para as nosas. No arranque do 3º xogo as nosas sufriron un baixón de nivel coincidindo en tempo cunha nova recuperación das verdes. O xogo a rachas de ámbolos dous equipos durante todo o partido facía prácticamente imposible presaxiar o desenlace dos sets. Desta volta non foi distinto e o CV Bruxas chegaba cunha ampla vantaxe máis alá da metade do mesmo (9-15) gracias á súa mellor xestión de erros. Tal e como pasou no set precedente as visitantes foron incapaces de aproveitar unha renda que semellaba definitiva (12-18) e viron como as boirenses se facían co triunfo despois dun remate largo por zona 4 dunha das receptoras do CV Bruxas. Polo JEALSA xogaron: Laura M., Mariana D., María T., Rebeca G., Noelia D., Alejandra G. e Verónica C. (líbero). Tamén xogaron Sara B., Melissa N., Katy S., Xiana R. e Sheila O (líbero).


XIRIAVOLEI 3-1 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(23-25, 25-23, 25-19, 25-22)-(2ª Div. Autonómica Masculina)

Xavier Sarille durante un lance do encontro en Carballo
Derrota do filial masculino na súa visita a Carballo para medirse a un renovado Xiriavolei. As numerosísimas baixas por lesión no Redesyl ocasionaban a inclusión na convocatoria de dous xogadores en idade cadete, ambos de primeiro ano (Christopher R. e Daniel O). Foi un encontro igualado onde a balanza a desequilibraría en pro dos carballeses o oposto coruñés Ángel Losada, ex xogador do Intasa San Sadurniño na SM-2. Os de Adrián Alves golpearían primeiro no Carballo Calero grazas a unha actuación destacadísima durante o primeiro set dos seus centrais, en especial de Fran Dieste que con dous bloqueos en momentos moi decisivos colocaban por diante ós boirenses. A aportación ofensiva do oposto Pablo Redondo tamén merece mención especial neste tramo inicial de partido. A partires de aquí os erros non forzados lastrarían a un Redesyl que vía como se lle escapaban outros 3 puntos nun encontro moi igualado. Polo Redesyl xogaron Andrés M., Pablo R., Xavier S., Diego R., Fran D., Borja V. e Christopher R. (líbero). Tamén xogaron Daniel V., Daniel O., Dani G., Félix R e Juan O.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 IES DE AMES
(23-25, 25-23, 21-25, 25-23, 15-11)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

O JEALSA aúpase á 5ª praza da LGXF
Sétimo triunfo da tempada para as xuvenís nun encontro onde a igualdade foi a gran protagonista. A alternancia de dominios nos 4 primeiros sets levaban un partido a un desenlace incerto nun tie-break de infarto. Polo JEALSA destacaron en facetas ofensivas as receptoras Alejandra Moledo e Melissa Novoa e a actuación preto da rede da central Alejandra Galbán. Cabe destacar tamén a aportación no desenlace do 4º set das cadetes Sara Tubío e Ada Villar, que axudaron de maneira activa para forzar o desempate. No 5º o JEALSA comezaba mandando gracias á certeira dirección da súa colcadora Sara Bugallo. As amienses conseguirían contrarrestar un 8-4 a prol das boirenses pero o maior tino en saque e ataque das nosas deixaban 2 valiosísimos puntos na Cachada. Polo JEALSA xogaron Sara B., Paula V., Lía V., Alejandra G., Alejandra M., Melissa N. e Sheila O. (líbero). Como reservas estaban Lea G., Ada V., Laura P., Laura O. e Sara T.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 AS MARIÑAS OLEIROS
(25-16, 25-18, 25-23)-(Liga Galega Cadete Masculina)

O JEALSA Cadete segue líder na fase regular
Vitoria por 3-0 do JEALSA para seguir líder da fase regular desta LGCM. O alto nivel de saque e o acerto ofensivo de Daniel Olveira disparaban ó JEALSA nos primeiros compases onde os de Adrián Alves chegaron a disfrutar de rendas como un 19-8 e un 22-10. Tras uns momentos de dúbidas no arranque do 2º onde os erros non forzados do JEALSA coocaban ós de Eloy Mahía cun 10-12 favorable, os nosos recuperaron o timón do xogo e comezaron a carburar de novo. Co servicio como mellor arma para desbaratar a construcción laranxa os nosos volteaban a situación e chegaban ós momentos decisivos da manga con 6 puntos de vantaxe. O guión era o mesmo durante o transcurso do 3º set onde cun 15-9 favorable un parón provocado pola rotura da rede freaba ós nosos para darlle emoción a un final de set que sería o derradeiro. Polo JEALSA xogaron Rubén M., Daniel O., Pablo N., Christopher R., Álex V., Gabriel S. e Darío O. (líbero). Tamén xogaron Daniel V., Álvaro P., Pablo D., Sergio C. e Borja S.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 IES DE AMES
(22-25, 25-21, 25-12, 20-25, 15-6)-(Liga Galega Cadete Feminina)

As cadetes aférranse ó play-off da LG
As cadetes que dirixe Emilio Palacio seguen encaramadas á 3ª praza desta fase regular da LGCF grazas á vitoria que conseguiron na tarde do sábado. Os espectadores presentes na Cachada disfrutaron dun encontro de ida e volta onde o servicio boirense non foi o de outras citas. As amienses exercían unha maior presión co seu saque, feito que impedía que a recepción do JEALSA chegase en condicións ótimas ás mans das colocadoras branquiazuis. A potencia do ataque visitante, en especial polo medio, fixo moito dano na primeira liña do JEALSA. Chegado o tie-break unha sustancial recuperación no servicio boirense sería clave xunto cos erros non forzados que cometeron as rapazas do IES de Ames para poñer a salvo un complicado encontro. Polo JEALSA formaron: Ada V., Laura P., Paula V., Alejandra M., Lía V., Laura O. e Irea T. (líbero). Tamén xogaron Lea G., Marta S., Luciana V., Verónica P. e Sara T.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 AS MARIÑAS OLEIROS
(7-25, 20-25, 15-25)-(Liga Galega Infantil Masculina)

Os infantís seguen acumulando puntos na LG
Sensacións positivas as transmitidas polos infantís malia a derrota. A diferencia física entre ámbolos dous equipos quedaba patente nos primeiros puntos do encontro onde o saque visitante impedía que os nosos elaborasen xogadas. Pouco a pouco o JEALSA lle iba collendo o pulso ó encontro e foi no 2º set cando unha gran xeira de saques do alevín Esteban P. poñía ós nosos cunha vantaxe de 5 puntos pasado o ecuador do set. A potencia do ataque herculino saíu ó rescate dos seus para colocar o 0-2 nun set onde Sergio C. e Daniel V. mostraron unha gran actuación ofensiva. No 3º set os pequenos do Boiro Voleibol seguían competindo ben. Foi de novo o bombardeo desde a liña de saque o que poñería os 2 puntos da vitoria rumbo a Oleiros. Polos nosos xogaron Daniel V., Sergio C., Manuel L., Carlos L., Alberto T. e Alexis S. Tamén xogaron Abel G., Roi M., Víctor M., Esteban P., Juan Q. e David F.

Ningún comentario: