domingo, 25 de xaneiro de 2015

O NÁUTICO INFRINXE AO CV MEDITERRÁNEO DE CASTELLÓN A SÚA PRIMEIRA DERROTA:

CV MEDITERRÁNEO DE CASTELLÓN 0-3 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(18-25, 24-26, 21-25)-(Superliga 2 Masculina)

O Náutico non estivo só en Castellón
Valiosísimo triunfo o acadado polo primeiro equipo do Boiro Voleibol no seu desprazamento á Comunidade Valenciana para medirse ó líder invicto da Superliga 2 Masculina. O CV Mediterráneo, que ata o sábado só cedera 3 sets en todo o campionato e que hai apenas 15 días se proclamara campión da Copa Príncipe de Asturias, pereceu ante un gran Náutico que por segundo ano consecutivo marchaba cos 3 puntos do feudo valenciano. O encontro comezaba cun tanteo mutuo entre dous equipos que se gardaban moito respeto. Os castellonenses confiaban na altura e potencia de ataque do seu receptor Javier Monfort. Pola súa contra, Gabriel Del Carmen (15 pts) e o debutante coa elástica branquiazul Juan Díaz-Romeral (16) soportaban o ritmo de puntuación boirense para chegar en táboas ó ecuador da primeira manga. Co tanteador igualado e dous equipos que ansiaban golpear primeiro no Pablo Herrera o bloqueo-defensa boirense fixo acto de presencia para poñer a salvo a vitoria parcial para os de Emilio Palacio e crer que a vitoria era posible. No segundo set a igualdade volvía para ser a protagonista ata pasar os tempos técnicos. Fois neste intre cando dous erros na recepción boirense permitían que os locais tomasen unha distancia que semellaba definitiva (24-21). Lonxe de virse abaixo os nosos traballaron a reo para remontar cun parcial espectacular un set que sería unha lanza ó corazón dos valencianos. Co 0-2 o Náutico puido afrontar o panorama con máis tranquilidade. O saque seguía raiando a gran nivel e Iván Souto, Gabriel del Carmen e sobre todo Cristóbal Álvarez desestabilizaban a construcción castellonense para seguir sendo infranqueables en defensa. Froito deste traballo dende os 9 metros chegaría a claves da vitoria neste 3º set, o bloqueo. Os atacantes do CV Mediterráneo envestiron ata en 5 ocasións contra as mans da muralla boirense neste set, que sería o certificado do triunfo por 0-3 na que probablemente sexa a praza máis complicada da categoría de prata. Consulta aquí a estadística do encontro. Polo Náutico formaron de inicio: Iván S., Juan Díaz-Romeral, Cristóbal Á., Gabriel Del C., Mario I., Emilio P. e Adrián A. (líbero). Como reservas estaban Ismael M., Narciso A., Germán R., Gustavo R. e Manuel P.

XAV CAMBADOS 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(23-25, 22-25, 22-25)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

As senior gañan con autoridade en Cambados
Sexto triunfo da tempada para as rapazas que dirixe Mario Iglesias na súa visita a terras do Salnés para medirse ó penúltimo clasificado desta 2ª División, o XAV Cambados. Pódese dicir que os tres sets foron copias exactas en canto á súa historia. As boirenses, malia a baixa por lesión de Rebeca González, dominaban o xogo en O Pombal gracias ó saber facer en ataque da oposta Mariana Díaz e das receptoras María Triñanes e Melissa Novoa. Nos tramos finais de cada parcial as locais aproveitaban os erros do JEALSA e achegábanse no marcador pero non sería suficiente para que as nosas pecharan un partido que as mantén no ecuador da táboa clasificatoria. A próxima semana visita a Cachada o Zalaeta, duro rival que ocupa o 3º lugar da clasificación. Polo JEALSA xogaron: Laura M., Mariana D., Melissa N., María T., Alejandra G., Noelia D. e Sheila O. (líbero)

CV SANTIAGO 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-22, 14-25, 25-27, 15-25)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

O ataque de Melissa volveu a raiar a alto nivel
As nosas xuvenís van a vender cara a súa pel e seguen na loita por entrar nun dos catro postos que dá dereito a xogar o play-off polo título. A esto axuda a vitoria que as de Andrés Martínez acadaron en Santiago na mañá do domingo. Malia que os erros en ataque e a presión exercida polas locais co seu saque ocasionaban a derrota no primeiro set as nosas sobrepuxéronse e trouxeron 2 valiosísimos puntos para A Cachada. A aportación ofensiva de Melissa Novoa sería vital para cambiar o sino do partido e os saques de Alejandra Galbán e Sara Bugallo sentaron como un bombardeo en campo santiagués. A Cachada vivirá na o próximo sábado a visita do líder desta LGXF, o Zalaeta coruñés que porá a proba o nivel actual das nosas. Polo JEALSA xogaron: Sara B., Lea G., Alejandra M., Melissa N., Alejandra G., Laura O. e Irea T. (líbero). Tamén xogaron Sara T. e Laura P.

XAV CAMBADOS 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-22, 25-20, 25-8)-(Liga Galega Cadete Feminina)

As cadetes caen en Cambados e saen de postos de play-off
Encontro para esquecer o das nosas cadetes en Cambados. O alto nivel mostrado pola defensa local ocasionaba que as nosas non conseguiran puntuar con fluidez. Esta situación, sumada ós moitos erros non forzados cometidos polas de Emilio Palacio, desencadeou que as cadetes do XAV Cambados se adiantasen no luminoso. Esta derrota parcial fixo estragos na moral das boirenses, incapaces de mostrarse competitivas en ningún tramo do encontro desde este momento. O servicio local desartellou por completo un a un equipo  que se apagou co paso dos puntos e que mostrou, probablemente, a súa peor versión do ano. Tras esta derrota o JEALSA cae á 5ª praza da LGCF, polo que nestes momentos estaría fóra de postos de play-off. Polas boirenses formaron Ada V., Marta S., Paula V., Alejandra M., Laura O., Laura P. e Irea T. (líbero). Tamén xogaron Sara T. e Luciana V.

Ningún comentario: