luns, 10 de novembro de 2014

O CADETE CHRISTOPHER RODRÍGUEZ POLO MIÚDO, POR DANIEL VÁZQUEZ:

En Almería, coa medalla de bronce
Christopher Rodríguez Soñora (20/08/2000), nado en Rianxo pero afincado en Boiro, é unha das  promesas que nestes últimos anos sobresae na nosa canteira. Nunha primeira ollada, atopámonos a un rapaz educado, cordial e amigable, responsable, que traballa  non só para sí, senón tamén para os demais. Un mozo con ambición e coas ideas moi claras.

- (Daniel Vázquez) Comecemos polos inicios, como chegas ó mundo do volei?
- (Christopher) Con 11 anos, a min apetecíame practicar un deporte de equipo, competitivo, cun balón de por medio, e coma á miña nai non lle chista o fútbol, pois busquei outra saída. Xa tiña visto algúns partidos do actual equipo de Superliga e apaixonoume. Entón esa saída foi o voleibol. Se non fose pola miña nai... non formaría parte disto tan marabilloso.

-Tes practicado algún outro deporte? Facendo logo unha comparativa: que  caracteriza o voleibol respecto doutros?
-Si, practiquei outro "deporte":  o xadrez. Non é para nada comparable co voleibol, nula esixencia física, posición estática, por momentos aburrido... Pero si teñen un punto en común: a concentración. Ámbolos dous esixen máximo nivel nesa faceta, por iso creo que me resulta tan fácil concentrarme na pista. O volei é  complicadísimo. Un mínimo erro, dálle o tanto ao rival, cousa que non pasa no fútbol, no baloncesto... E como todos os deportes de equipo, necesita dun compañeirismo excepcional se queres acadar grandes éxitos.


-Que  ten que pasar para que un rapaz da túa idade escolla xogar ao voleibol?
-É moi difícil, e máis neste país influenciado polo fútbol, todos os rapaces queren ser un Ronaldo ou un Messi, poucos queren ser un Kurek ou un Robertlandy. Para escoller este deporte, tenche que entrar polos ollos á primeira vista como me pasou a min, ou senón influenciado por algunha amizade. Non vexo outra maneira.

“Se non fose pola miña nai... non formaría parte disto tan marabilloso”


-Que é para ti  Boiro Voleibol? e o teu equipo?
-Unha familia, non podería dicilo doutra maneira, todos nos coñecemos e todos nos alegramos de vernos uns aos outros. Un bo rollo excepcional. E ademais diso, unha institución moi seria que pensa no futuro do volei boirense, galego e incluso nacional. E o meu equipo, unha panda de amigos, que andamos xuntos pola rúa, saímos por aí uns cos outros, un ambiente boísimo, que con xogadores coma os que temos, fai un equipazo.

-Sei de primeira man que segues moi de cerca as ligas continentais, como ves de saúde ó voleibol nacional?
-Este país tíñalle que dar máis importancia a este deporte, e non o digo porque o practique eu. É bonitísimo de ver, e nalgúns equipos, coma ocorre no noso club, cada punto celébrase como se fose o último, ese ambiente non cho da calquera cousa. Ti ves a final do mundial en Polonia deste ano, pavillón a estoupar, público entregado e pensas: Por que aquí non? É unha mágoa,  espero que a miña xeración e as que veñen poidamos mudar  a situación.

-Alta carga de adestramentos, viaxes, competicións... estudos, renuncias a algo?
Gustaríame poder visitar máis á miña familia de Buhia, en especial á miña avoa. Pero enténdeno, saben ao que ando e intento visitalos cando podo.

-A nivel persoal, que che aporta este deporte?
-Quédome coas  moitas amizades, non só a nivel de club, senón noutros equipos, no que destaco  a Unai do Voleibol Dumbría. Rival e compañeiro co que teño unha gran relación que espero manter. E isto que nunca se di, co volei lígase moito (risas).


-Sucesivas convocatorias coa Selección Galega, bronce no Campionato de España de volei praia sub-15 en 2013, ouro no Campionato de España de volei praia sub-15 en 2014, bronce no Campionato de España de seleccións autonómicas sub-15 en 2014... Christopher, cal é o camiño para acadar todo isto?
-Traballo, traballo, traballo e... máis traballo. E o que traballes, traballalo ben. Constancia no que fas, concienciarse e botarlle “un par”. Sempre lembrarei un adestramento coa selección galega, no que nos mandaron deitarnos no chan, erguer as pernas e escribir no aire: "Voy a traer una medalla". Iso, sumado aos adestramentos, méteseche no chip.


-En moitas ocasións impresiona vervos xogar, tan xoves e a un tempo tan maduros no campo...estou no certo?
-Á xente gústalle vernos xogar, somos un equipo alegre, que aplaude, berra, xogamos ben... somos doados de animar. Certo é que tivemos e temos unha progresión moi grande, fai dous anos estabamos xogando en uve dobre e hoxe adestramos a bola súper, alma..., o cambio nótase. Dámolo todo para que impresione vernos xogar e, obviamente, para gañar.


-Falemos do máis recente. Que significa ser campión de España no deporte que che gusta, ao que tanto tempo adicas?
-Aínda non sabemos ben a magnitude do que fixemos, creo eu. Ser campión de España implica que eres o mellor do país facendo aquilo  que máis che gusta. É o soño de calquera, e nós cumprímolo. Foi un subidón enorme gañar o campionato, e ademais na casa, unha auténtica tolería. Pero isto non remata aquí, somos xoves e  seguiremos dando guerra.

-Cales son os teus obxectivos a curto e longo  prazo?
-Agora mesmo penso en mellorar día a día individualmente e conseguir entrar de novo na selección galega, aínda que é unha nova categoría, loitarei por estar aí. Colectivamente, desexo ganar a liga e acabar a tempada como o ano pasado, xogando un Campionato de España de Clubs, pero queda moito camiño por andar. Falando xa do futuro, o meu soño é poder xogar algún día en Superliga, e todo o que veña a partir de aí, benvido sexa.


-Algún espello no que reflexarse dentro do Boiro Voleibol?
-Os xogadores do club nos  que máis me miro son  Chicho e na nova incorporación  Gaby. E que... son moi bos, non hai outra forma de dicilo. Chicho co seu entusiasmo, cas súas defensas espectaculares e coas súas recepcións; e Gaby co seu  potente saque, contundencia, bloqueo... Para min, dous xogadores top.

“Pero isto non remata aquí, somos xoves e  seguiremos dando guerra”

-Agora que non está Chicho diante, fálanos do teu adestrador.
-Que dicir de el. Un tío preparado,con estudos, con gañas, que lle gusta o que fai, un apaixonado e que ademais, xoga a alto nivel, só pode ser un adestrador excepcional. Teno todo preparado, non toma unha soa decisión sen pensala e repensala, e iso ten que saír ben, porque non lle queda outra. El dinos que se seguimos o plan de xogo, vénse connosco onde sexa, pero nós imos con el aínda que sexa sen plan. Porque cando me dixo en Barraña, que o sacrificado do campionato ía ser eu, non me importou, porque estaba completamente convencido que o facía para ser campións, e así foi. Non teño palabras para describilo, de verdade, isto non é por facerlle a pelota, é o que penso e o que sinto de verdade. Un conciliador, un motivador, sei que podo confiar nel para o que faga falla. Con outro adestrador, non seríamos nada do que somos, estou seguro. É o mellor.

-E agora Cris, a ver como recibes estes saques:
-Praia ou pista.
-Pista sen dúbida. Ese compañeirismo, o son dos remates, os berros, as gradas, visitar pavillóns... Todo iso encántame.

-Unha aperta para non esquecer.
-A de Chicho nada máis gañar o campionato. Nunca olvidarei as catro palabras que nese momento me pronunciou.

-Unha praia para xogar.
-Onde estea a praia de Barraña que se quiten todas.

-Unha parella.
-Darío, un pracer xogar ao seu lado, é un león, un mago.

-Un rival.
-A nivel galego o EMEVÉ de Lugo, sempre é complicado enfrontarse a eles. E a nivel nacional o CVSóller, un óso moi duro de roer.

-Un punto.
-Os últimos puntos de Pablo tanto na final de Barraña como o do terceiro e cuarto posto en Valladolid, inesquencibles. E un meu, o último contra Coslada en Almería que nos metía nas semifinais, esa había que destruíla.

-Un tempo morto.
-Sen dúbida, o do 10-3 abaixo no tie-break contra Cieza. Estábamos fora. Tivemos a grande sorte da racha de saques de Alex Velo, senón... outro galo cantaría.

-Unha imaxe.
-A foto da selección galega coas medallas. Quén me ía dicir a min que chegaría a ese equipo.

-Unha canción.
-Best Song Ever de One Direction, moi recomendable.

Despois de ter falado con Christopher, non queda dúbida  de que é un tío que traballa, traballa, traballa e que, por suposto, sempre lle bota “un par”.

3 comentarios:

Boiro Voleibol dixo...

Agradecementos especiais para Daniel Vázquez pola súa colaboración. Ademais de boas mans para colocar demostras ter maneiras de gran xornalista. ¡GRACIAS!

Grande Chris!

Andrés "Araña" dixo...

se me saltan las lágrimas campeón... Da gusto ver ese entusiasmo en ti. Genial la entrevista... A seguir trabajando.

farrucox dixo...

Neste club faise algo mais que adestrar e xogar a volei