domingo, 1 de decembro de 2013

CATRO VITORIAS E DÚAS DERROTAS SON O BALANCE QUE DEIXA ESTA XORNADA:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 1-3 AD CÁCERES EXTREMADURA
(25-19, 19-25, 25-27, 21-25)-(Superliga 2 Masculina)

Narciso Abalo ataca contra o altísimo bloqueo extremeño
A cuarta vitoria na SM-2 terá que agardar. Ante case 300 espectadores que abarrotaban unha vez máis A Cachada caía o noso primeiro equipo nun encontro que se deixou escapar no desenlace do 3º set. O choque comezaba cun Náutico pletórico. A confianza na súa construcción facía que pouco puidesen facer os extremeños para deter as ofensivas locais. Emilio Palacio, cunha actuación memorable, conseguía unhas cifras ó alcance de poucos centrais que de seguro o situarán entre os destacados da xornada: 12 puntos de ataque sobre 16 intentos (75%) e 3 bloqueos directos. No segundo set a intensidade local baixou. Os visitantes non perdoaron e da man do canario Kevin Medina (15 pts) e do ex internacional Jesús Montero (16) igualaban a contenda. No 3º set a chispa regresaba a campo branquiazul. A melloría en recepción permitía atopar mellores camiños para anotar. Deste xeito os nosos chegaban por diante a tódolos tempos técnicos (8-4, 16-14, 21-16). Xusto no momento de darlle a puntilla ó set as tornas volveron a virar. Despois de desperdiciar un favorable 23-20 e malgastar 2 balóns de set que situarían o luminoso cun 2-1 que aseguraría un punto máis na clasificación o colocador extremeño J.A. Acedo tiraría de repertorio ó servicio para cerrar a manga cun saque corto extraordinario. Tódolos presentes coñecían xa o guión. A historia de dúas semanas atrás ante a CDV Textil Santanderina repetíase. Retornaban á cancha os de Boiro coa moral moi tocada, factor que aproveitarían á perfección os visitantes para salvagardar os 3 puntos da vitoria. Parabéns Cáceres. Consulta aquí a estadística do choque. Polo Náutico xogaron: Iván S., Narciso A., Cristóbal Á., Miguel V., Emilio P., Jesús V. e Adrián A. (líbero). Como reservas estaban Ismael M., Manuel P., Gustavo R., Antón P. e Adrián A. (2º líbero)


REDESYL BOIRO VOLEIBOL 0-3 MEXILLÓN DE OURO VB RIANXO
(22-25, 21-25, 23-25)-(2ª Div. Autonómica Masculina)

Problemas en bloqueo para deter ós receptores rianxeiros
Derrota en tres sets do equipo filial masculino neste derbi rexional da 2ª División Autonómica Masculina. Foi un encontro bastante igualado, marcado polos erros de un e outro equipo no que tan só os receptores rianxeiros conseguían despuntar por riba dos demais xogadores para desequilibrar a balanza ó seu favor. O ex Boiro Voleibol Marcos Figueira mostrouse imparable para a defensa do Redesyl, que vía como o punta rianxeiro anotaba unha e outra vez de maneira contundente para darlle o aire necesario ós seus axudándolles a pechar os parciais. A actuación dos nosos non foi o mala que pode semellar vendo o resultado. Tralo novo tropezo os de Adrián Alves permanecen na 8ª praza igualados a puntos co Burgas Volei e co Ames Voleibol. A vindeira semana toca visita á sempre difícil cancha do EMEVE ÉLIDE B. Polo Redesyl xogaron: Ismael M., Diego R., Adrián G., Adrián A., Lois V., Fran D. e Felipe R. (líbero). Como reservas estaban Daniel V., Pablo R., Juan O., Xian P e Óscar R.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 XAV CAMBADOS
(25-12, 25-19, 25-15)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

Terceira vitoria para as xuvenís nesta 2013-14
Cómoda vitoria das xuvenís que dirixe Mario Iglesias nun encontro controlado de cabo a rabo ante o XAV Cambados, faroliño vermello da LGXF. Lea Gatbache e Sara Castaño facían tremer dende ben cedo a recepción cambadesa con bombardeos constantes dende a liña dos 9 metros, factor que brindaba a posibilidade de tomar rápidamente a iniciativa no luminoso a afrontar en plenitude de confianza o resto do encontro. A reacción visitante non chegaría e o JEALSA camiñaba decidido hacia o seu terceiro triunfo da temporada cunha actuación máis que destacada da colocadora cadete Lea Gatbache, que supliu con garantías a baixa de Sara Bugallo. As nosas ocupan arestora a 7ª praza da táboa clasificatoria da máxima competición a nivel autonómico, visitando a difícil cancha do EMEVÉ Élide o próximo sábado (11:15h). Polo JEALSA xogaron: Lea G., Isa G., Sara C., Ana B., Alejandra G., Antía S. e Sheila O. (líbero). Como reservas estaban Katy S. e Nuria  R. 

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-1 MEXILLÓN DE OURO VB RIANXO
(21-25, 25-18, 25-9, 25-16)-(Liga Galega Cadete Masculina)

Os cadetes superan as baixas e vencen no derbi
Cuarta vitoria da tempada para o cadete masculino nun encontro no que exceptuando o primeiro set dominaron con suma claridade. As baixas de Pablo Nieto e Daniel Olveira por lesión presentaban un panorama adverso para os de Adrián Alves pero o saber facer dos seus sustitutos encarrilaron o triunfo que os catapulta ata a 2ª praza desta LGCM. Os erros non forzados e a incertidume creada polo novo esquema para paliar as baixas foron demasiado lastre no arranque do choque. Os rianxeiros aproveitaron esta situación e adiantáronse nun derbi que se complicaba, e moito, para o JEALSA. A partires de aquí tan só houbo un equipo sobre a pista, e foi o boirense. Cunha melloría en saque extraordinaria e unha vez asimilado o sistema de xogo a maquinaria branquiazul comezou a carburar para anotarse os tres sets seguintes e por conseguinte o encontro. Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Darío O., Manuel T., Christopher R., Gabriel S. e Álex V. Tamén xogaron Antón S. e Pablo D.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 XAV CAMBADOS
(Agardando parciais)-(Liga Galega Cadete Feminina)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 CV XAV CAMBADOS
(25-12, 16-25, 25-10, 22-25, 17-15)-(Liga Galega Infantil Feminina)

A 3 vitoria das infantís chega no tie-break
Axustadísima vitoria das nosas infantís nun vibrante encontro no que o preparador local repartiu minutos de xogo entre tódalas integrantes do equipo. O triunfo permítelles ás pupilas de Emilio Palacio escalar ata a 8ª praza da LGIF. Foi un encontro raro, con alternancia de dominios e onde se puideron ver múltiples caras de ámbolos dous equipos. Cando parecía que un equipo lle tomaba o pulso ó xogo de inmediato os erros botaban por terra os plans anteriormente establecidos e outorgaban unha oportunidade de réplica ó cadro rival. Logo de 4 sets de altos e baixos o tie-break decidiría o gañador do partido entre boirenses e cambadesas. O epílogo, como non podía ser doutra maneira despois do visto momentos antes, estivo marcado polas imprecisións. O saque boirense, máis atinado nestes intres poría a salvo para o JEALSA os dous puntos da vitoria, deixando ás visitantes sen a súa estrea no casilleiro de vitorias. Polo JEALSA xogaron: Paula V., Ada V., Lía V., Laura O., Irea T e Sara T. Luciana V., Verónica P., Marta C. e Marta S.

3 comentarios:

Adrián Alves dixo...

A do motrete no 3º set, outra vez... Mecajiná!!!

Para o #7idealBoiroVoleibol eu voto a Emilio (SM-2) e a Rubi e Gabriel (CM)

FORZA BOIRO VB!!!

Narciso dixo...

A do motrete foi no 4º set. O 3º set foi unha master class de avestruz

Narciso dixo...

No #7idealBoiroVoleibol non pode faltar a "Mamba Negra", que parece que non.....