domingo, 8 de decembro de 2013

5 VITORIAS EN 8 ENCONTROS É A BAGAXE QUE NOS DEIXA A VISITA Ó EMEVÉ:

EMEVÉ ÉLIDE B 2-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 21-25, 22-25, 25-20, 8-15)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

A vitoria en Lugo deixa ó JEALSA 6º na 2ª División
Vitoria axustada do equipo senior feminino nun encontro que dende cedo se lles complicara polos erros cometidos en recepción. As luguesas, cunha renda inicial de 5-1 xa non a perderían ata o desenlace do primeiro acto. Chegado este punto tivo lugar un dos acontecementos do día. Ángela Triñanes, colocadora da canteira crucense, volveu a vestir a elástica branquiazul e aportou tranquilidade a un equipo que dominou os dous seguintes sets. Co 1-2 no luminoso favorable para as de Boiro as pantasmas do arranque de partido regresaron. Os erros de recepción sumados á imprecisión en servicio brindáballes ás locais a posibilidade de levar o encontro ó set de desempate. Moi concentradas conseguiron as de Mario Iglesias levar a cabo unha xestión dos seus erros máis intelixente para pechar o encontro no seu favor. Destacable a actuación ofensiva da receptora Rebeca González, conseguindo máis de 20 puntos de ataque e 6 saques directos. Polo JEALSA xogaron: Carla O., Mariana D., María T., Rebeca G., Alejandra G., Alejandra M. e Paula R. (líbero). Como reservas estaban Ángela T., Sheila P., Ana B., Cristina F. e Andrea B.

EMEVÉ ÉLIDE B 1-3 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(27-25, 22-25, 17-25, 20-25)-(2ª Div. Autonómica Masculina)

3 puntos importantísimos para o Redesyl
Tres puntos de ouro os que sumou o noso equipo filial masculino nunha cancha complicadísima para os equipos visitantes desta 2ª Autonómica como é a fría da Casa do Deporte. Os receptores locais eran os homes ós que o Redesyl debía intentar parar si quería regresar cun resultado favorable de terras lucenses. No transcurso do primeiro set, a efectividade destes dous xogadores era suficiente para pechar un set no que os de Boiro mandaran dende o comezo. A partires de aquí o dominio do Redesyl foi patente. Con máis recursos ofensivos que o equipo rival e cun bloqueo-defensa de menos a máis os de Adrián Alves fixeron dubidar ós puntais en ataque dos locais para pechar unha vitoria que os sitúa na zona morna da táboa clasificatoria (6ª praza). Como nota negativa do encontro queda o suspenso en recepción dos xogadores boirenses. Polo Redesyl xogaron: Daniel V., Diego R., Xian P., Adrián A., Lois V., Fran D. e Felipe R. (líbero). Como reservas figuraban Andrés M., Pablo R., Juan O., Adrián G e Óscar R.

EMEVÉ ÉLIDE 3-2 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(26-24, 21-25, 21-25, 25-14, 15-9)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)

Ben en bloqueo, mal en carácter
Derrota no set de desempate dun equipo xuvenil que rendiu moi por debaixo das súas posibilidades na Casa do Deporte lucense ante un rival directo na pelexa por entrar no play-off desta LGXM. O primeiro parcial arrancou cos de Adrián Alves atinados. A efectividade en bloqueo e ataque distanciaba claramente ós nosos na primeira manga. A intensidade era a axeitada e a concentración dos de Boiro máxima. Nos derradeiros puntos do set, a falta de carácter e dúas decisións arbitrais dubidosas deixaban a vitoria parcial en peto lucense, cousa que semellaba imposible minutos antes. O segundo set foi de claro dominio visitante. Malia que a recepción non estaba a ser de calidade os nosos atacantes conseguían penetrar no entramado defensivo lucense e cometer moitos menos erros que os locais. O terceiro foi un calco deste, erros do EMEVÉ e maior certeza ofensiva dos rapaces do JEALSA, que conseguían darlle a volta ó encontro. No 4º set chegou o punto de inflexión. Os de Adrián Alves, sen espíritu competitivo comezaron a cometer erros dun xeito esaxerado. Cos da cidade de muralla moi tocados, os nosos deixaron medrar a un equipo a base de apatía e falta de valentía en momentos cruciais, de este modo chega a primeira derrota do ano para o noso equipo xuvenil. JEALSA: Ismael M., Fran D., Xian P., Adrián G., Óscar R. e Lois V. Como reservas estaban Daniel V., Pablo R. e Daniel G.

EMEVÉ ÉLIDE 3-1 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-14, 23-25, 25-10, 25-22)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

O JEALSA non puido co EMEVÉ en Lugo
A derrota sufrida polo noso equipo xuvenil deixa ás de Mario Iglesias na 8ª posición da Liga Galega con 3 triunfos en 9 partidos. Foi un encontro gris das nosas. Os erros en recepción e a imposibilidade de construcción non daba opción de atacar con comodidade e as colocadoras boirenses sufrían en exceso para trenzar o xogo ofensivo branquiazul. No segundo set os cambios tácticos dotaron de máis chispa ás nosas. Ana Bugallo, faro das boirenses en facetas ofensivas, era a única peza do JEALSA que conseguía puntuar con certa frecuencia. Deste xeito as de Boiro igualaban a contenda no que parecía ser unha clara reacción. Nada máis lonxe da realidade. Os erros en recepción regresaron para non marchar e condearon ás barbanzás a un inevitable tropezo. Polo JEALSA xogaron: Sara B., Katy S., Ana B., Sara C., Antía S., Alejandra G. e Sheila O. (líbero). Como reservas agardaban a súa oportunidade Lea G. e Isa G.

EMEVÉ ÉLIDE 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(23-25, 25-14, 23-25, 28-30)-(Liga Galega Cadete Masculina)

Os cadetes gañan en Lugo con 5 infantís en pista
Traballadísimo o triunfo dos cadetes no que, probablemente, foi o encontro máis apaixoante da xornada. O saque dos boirenses foi a pedra sobre a que se apoiou a vitoria contra todo pronóstico na cancha dun dos favoritos para dominar esta LGCM. O servicio flotante dos nosos era un aténtico pesadelo para o EMEVÉ, que entregou gran cantidade de balóns fáciles. No segundo set o potencial ofensivo local saíu a escea. A contundencia dos remates dos lucenses poucas opcións de resposta deixaban. Parecía que os locais xa lle tomaran o pulso ó encontro pero o cambio de plans que tiña como protagonista a Rubén Martínez no posto de receptor deulle folgos ós de Boiro. Logo de dous disputados sets, xogadas de ida e volta con defensas de ataques espectaculares e dous puntos de partido desperdiciados, un erro en ataque dun receptor do EMEVÉ permitíalles ós de Adrián Alves regresar cunha vitoria que os mantén 2º na clasificación. Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Darío O., Christopher R., Pablo N., Gabriel S. e Álex V. Como reservas estaban Antón V., Borja S., Manu T. e Pablo D.

EMEVÉ ÉLIDE 3-1 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(22-25, 25-19, 25-21, 25-17)-(Liga Galega Cadete Feminina)

Ana Bugallo rendíu a gran nivel no encontro cadete
Bo encontro das cadetes en Lugo a pesar dunha derrota que as mantén na 7ª posición da LGCF. Ante o líder, claro dominador da categoría que mantén a xogadoras que o ano pasado se proclamaron campioas de España de clubes e no seu feudo conseguían as de Emilio Palacio sorprender ás locais  no primeiro set aproveitando o gran número de erros cometidos, a certeza dende a liña de saque e a contundencia dos ataques de Ana Bugallo desde zona 4. A partires de aquí as locais calibraron o seu punto de mira, sobre todo en ataque, e puxeron a salvo os dous puntos da vitoria para seguir invictas nesta tempada. Destacable a actuación das cadetes ó longo de todo o encontro, plantándolle cara a un gran rival e aproveitando os erros que éstas cometían para seguilas de preto no luminoso. A seguir así rapazas. Polo JEALSA xogaban: Lea G., Paula V., Ana B., Sara T., Lía V. e Laura P. No banco de suplentes agardaban por minutos Laura O., Marta S. e Ada V.

EMEVÉ ÉLIDE 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(19-25, 6-25, 10-25)-(Liga Galega Infantil Masculina)

Rubi coloca ante a mirada de Álex
Cómoda vitoria en tres sets dos de Adrián Alves para seguir mandando con autoridade na LGIM. O frío atenazou ós nosos nos compases iniciais do choque. Os erros en saque e as imprecisións en ataque ocasionaban que o EMEVÉ estivera boa parte do primeiro parcial por diante no tanteador. A medida que o JEALSA collía temperatura o seu xogo melloraba. Darío Outeiral estabilizaría os acontecementos desde os 9 metros e Pablo Nieto e Christopher Rodríguez comezaron a carburar en ataque. Nas dúas seguintes mangas tan só houbo un equipo sobre a cancha, e este foi o JEALSA. A liña de recepción do EMEVÉ víase unha e outra vez superada polo servicio branquiazul. Rubén Martínez e Darío Outeiral atopaban sempre a mellor opción de ataque. Sen máis historia os nosos sumarían a quinta vitoria ligueira. Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Darío O., Pablo N., Christopher R., Álex V. e Pablo D. Tamén xogaron Manu T. e Borja S.

EMEVÉ ÉLIDE 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(Agardando parciais)-(Liga Galega Infantil Feminina)

As infantís melloran semana a semana
A melloría nos últimos tempos das nosas infantís queda patente logo do encontro que disputaron na mañá do sábado en Lugo ante un rival directo desta LGIF. Moito máis atinadas que as súas rivais no arranque do choque conseguían as de Emilio Palacio adiantarse nos dous primeiros sets. O saber facer en saque e o tino na construcción debuxaban un panorama inmellorable cunha renda de dúas mangas. No terceiro o EMEVÉ mellorou. Tendo como mellores armas o saque e o ataque as locais complicaban agora a faena ás boirenses, que pouco podían facer nun set no que caeron claramente. No cuarto parcial o bo xogo volvía a cancha branquiazul. As sensacións positivas do arranque do partido regresaban para non irse máis e poñer a bo recaudo unha vitoria que sitúa ás nosas cativas na zona media da clasificación. Polo JEALSA xogaron: Marta S., Sara T., Paula V., Ada V., Lía V. e Laura O. Como reservas estaban Marta C., Verónica P. e Luciana V.

3 comentarios:

Unknown dixo...

Costó lo suyo...Pero lo conseguimos!

Unknown dixo...

Yo voto a Rubi y a Darío del Cadete masculino para el #7IdealBoiroVoleibol por sus saques en el partido.

a10 dixo...

Aínda sendo consciente da pouca validez da miña opinión polo feito de non ver os encontros, cometerei o descaro de propoñer a Ángela para o 7 ideal da xornada. Xustificándome, direi que volve unha "clásica" deste clube e iso xa debe ser motivo de alegría, por outro lado, polo esforzo que fai por ir adestrar e xogar.

Cambiando de tema, duro o pé de foto da imaxe do equipo xuvenil, parece que faltou o espírito de "mandereita". Importante dixerir rápido esta derrota e aprender dos erros cometidos, pois seguramente este sexa un rival co que haberá que xogar máis dunha vez no que queda de tempada.

Forza Boiro Voleibol!!!