NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 0-3 CV MEDITERRÁNEO DE CASTELLÓN
(23-25, 27-29, 15-25)-(Superliga 2 Masculina)
Narciso A. ataca ante o bloqueo castellonense |
Axustada derrota dos homes de Emilio Palacio a pesar do 0-3 reflexado no tanteador final. Os boirenses dominaron os dous primeiros sets en case que tódolos tempos técnicos, deixando escapar rendas tales coma un 24-19 no segundo parcial. A falta de mordente nos momentos finais dos sets son unha cara peaxe que está a pagar o Náutico nos últimos tempos, poñendo en bandexa encontros nos que o desenlace podía ter sido ben diferente. O encontro comezaba igualado. O tanteo inicial entre ámbolos dous equipos levaba o encontro igualada ata o primeiro tempo técnico (8-7). Foi a partires de aquí cando o servicio boirense desequilibrou a balanza para abrir unha fenda no tanteador que nos levaría ó segundo parón con 3 puntos de vantaxe 16-13). Tal renda persistiu ata que o Náutico chegou á vintena de puntos, momento no que os castellonenses aproveitaron o pouco instinto depredador dos nosos para poñerse por diante no encontro. O segundo parcial arrancaba con dominio branco e azul. Da man de Narciso Abalo, máximo anotador boirense con 13 puntos, conseguían os nosos superar á defensa do Mediterráneo, chegando ó derradeiro tempo técnico do set cun favorable 21-19. Neste momento chegaba á liña de saque o colocador Iván Souto. Con 3 canonazos imparables conseguía o santiagués o primeiro balón de set (24-19). Desde este momento o infortunio instaurouse en campo do Náutico, que chegou a desperdiciar ata 7 oportunidades de gañar o set. O que perdoa acaba pagando e así foi, o Mediterráneo aproveitou a súa primeiro oportunidade e puxo un pesadísimo 0-2 na Cachada. O terceiro foi un set marcado pola desilusión local. A derrota nos dous primeiros sets era unha carga con demasiado lastre para os nosos que vían como agora os castellonenses levaban a manixa do encontro xogando a favor de corrente. O oposto visitante Álvaro Villalba sería o puñal que acabaría co Náutico cos seus 17 puntos saíndo desde o banco de suplentes e levando ós seus compañeiros á Copa Príncipe que se disputará en Cáceres. Consulta aquí a estadísitica do encontro. Polo Náutico xogaron: Iván S., Narciso A., Cristóbal Á., Gustavo R., Jesús V., Emilio P. e Adrián A. (líbero). Como reservas estaban Ismael M., Fran D., Manuel P., Miguel V. e Antón P. Causou baixa Mario I.
REDESYL BOIRO VOLEIBOL 3-1 CV PONTEVEDRA COMERCIAL DURÁN
(25-19, 18-25, 25-13, 25-23)-(2ª Div. Autonómica Masculina)
Tres puntos máis para o Redesyl |
Segunda vitoria consecutiva para o equipo filial masculino do Boiro Voleibol e 3 puntos máis que afianzan ós de Adrián Alves na 6ª praza desta competición autonómica. O encontro comezaba co Redesyl máis atinado. Os erros dos pontevedreses e o tino en ataque de Xian Pérez ensinaban a vitoria parcial na primeira manga. No segundo set os erros non forzados dos nosos daban a oportunidade de réplica para o Comercial Durán. No terceiro parcial puidose ver a mellor versión dos branquiazuis. Exercendo unha presión elevada dende o servicio e plantando con certeza a defensa de segunda liña o dominio volveu a ser claramente boirense. O cuarto foi o set máis igualado. As alternativas variaban a medida que avanzaba o set, pero o maior potencial en ataque dos nosos sería chave para que a vitoria non fuxise da Cachada. Polo Redesyl xogaron: Ismael M., Diego R., Xian P., Adrián A., Fran D., Lois V. e Felipe R. (líbero). Como reservas estaban Andrés M, Pablo R., Dani G. e Óscar R.
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-1 CV PONTEVEDRA COMERCIAL DURÁN
(28-26, 17-25, 25-16, 29-27)-(2ª Div. Autonómica Feminina)
Quinta vitoria da tempada para o JEALSA |
Importante triunfo das de Mario Iglesias para aumentar a distancia cos seus inmediatos perseguidores e non perder comba co grupo que encabeza esta 2ª División. No inicio de encontro viuse o mellor JEALSA. Atinado en saque e contundente en ataque conseguían as boirenses abrir unha amplísima fenda no tanteador deste primeiro parcial. Pouco a pouco as pontevedresas atoparon o antídoto para frear o xogo local e chegaron igualadas a un desenlace igualadísimo. No segundo set o desconcerto local persistía e o Comercial Durán non desaproveitou a oportunidade para igualar o encontro. O terceiro foi un monólogo das nosas onde as sensacións de comezos de partido volvían. No cuarto vivíronse momentos de nerviosismo, con balóns de set desperdiciados polas nosas pero que remataría con final feliz. Polo JEALSA xogaron: Carla O., Mariana D., María T., Rebeca G., Alejandra G., Andrea B. e Paula R. (líbero). Como reservas estaban Ángela T., Sheila P., Katy S., Sheila O. e Cristina F.
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-1 CV PONTEVEDRA
(22-25, 25-22, 25-18, 25-17)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 ALIANZA ESPAÑOLA SEGUROS S.A. CVP
(25-9, 25-13, 25-12)-(Liga Galega Cadete Feminina)
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 ALIANZA ESPAÑOLA SEGUROS S.A. CVP
(7-25, 15-25, 23-25)-(Liga Galega Infantil Feminina)
Ningún comentario:
Publicar un comentario