domingo, 14 de outubro de 2012

RESULTADOS DO 13 E 14 DE OUTUBRO NAS COMPETICIÓNS AUTONÓMICAS:

XAV CAMBADOS 3-2 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(22-25, 25-23, 25-23, 14-25, 15-11)-(Liga galega infantil feminina)

As infantís melloran a pasos axigantados. ¡Ánimo!
Derrota pola mínima das infantís en Cambados. A igualdade reinaba nos primeiros compases onde as boirenses aproveitaron os erros locais para adiantarse. No segundo e terceiro set o servicio boirense caiu e a confianza das locais aumentaba a medida que as nosas cometían erros non forzados. No cuarto volvían as boas sensacións. Cunha gran xeira de Emma Ordóñez as boirenses levaban o encontro ó tie break. Na primeira metade do mesmo as boirenses dominaban o tanteador, chegando incluso a situarse 7-8 por encima no cambio de campo. Foi neste momento cando o saque das cambadesas foi a súa mellor arma. Exercendo unha gran presión sobre a recepción de O Secreto dende os 9 metros as locais conseguían pechar o encontro ó seu favor levando a segunda derrota ligueira ó casilleiro das nosas. Por O Secreto xogaron: Lea, Emma, Lía, Carla, Paula e Laura. Tamén xogaron Irea, Marta, Luciana, Celia e Ada.


XAV CAMBADOS 3-0 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 25-19, 25-16)-(Liga galega cadete feminina)

As cadetes sufren as baixas das súas veteranas
Clara derrota das rapazas que dirixe Emilio Palacio nesta segunda xornada da liga galega cadete feminina en terras do Salnés. A irregularidade é o gran lastre co que cargan as boirenses neste arranque do campionato autonómico. Os tres sets foron un calco. O luminoso permanecía igualado ata a metade dos mesmos onde a concentración das nosas caía froito da xuventude e inexperiencia do grupo. Recordemos que moitas son as xogadoras que pasaron por idade ó conxunto xuvenil. O XAV Cambados, un equipo máis veterano, non tremía ante o desafío de pechar os parciais con comodidade e levarse o partido pola vía rápida. A parte positiva é a xuventude e marxe de mellora que presenta este grupo que de seguro que, co traballo do seu corpo técnico, conseguirán semana a semana ir mostrando paseniño unhas versións máis estables. Polo Ingeniería Trazos Boiro Voleibol xogaron: Sara, Antía, Emma, Ana, Lea, Claudia e Ángela (líbero). Tamén xogaron Lía e Paula.


XAV CAMBADOS ESCUMA 0-3 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(17-25, 23-25, 8-25)-(Liga galega xuvenil feminina)

As xuvenís quédanse de novo cos 2 puntos
Triunfo en tres sets nun encontro no que as boirenses comezaban cun elevadísimo ritmo. O servicio das nosas permitía claras situacións de contra para puntuar unha e outra vez baseándose nun atinado e efectivo ataque polas bandas. Debutou Andrea Davila que xunto coas súas compañeiras se anotaban o primeiro parcial. Reaccionaban as locais no segundo onde se mantiveron á fronte do marcador até o punto 18, onde as nosas apretaron os dentes para ampliar a renda (0-2). O terceiro set foi similar ó primeiro. Excelente servicio boirense que as chegou a situar cun claro 1-18. Cabe destacar tamén o debut neste xogo de Sheila Pouso que, nesta ocasión, chegou acompañado dunha vitoria sen demasiados atrancos. Por O Secreto xogaron: Ana, Isa, Katy, Alejandra, Emma, Sara e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Andrea, Claudia, Sheila Pouso e Antía


REYCA BOIRO VOLEIBOL 2-3 MEX. DE OURO VB. RIANXO
(25-20, 15-25, 22-25, 25-6, 12-15)-(Liga galega infantil masculina)

Os infantís aseguran o futuro do volei masculino en Boiro
Emocionante encontro correspondente á primeira xornada da liga galega o vivido na mañá do domingo no PM de Barraña. O Mex. de Ouro visitaba ó debutante Reyca onde moitos eran os xogadores que vivían os seus primeiros minutos neste deporte. En xeral, as sensacións foron boas para os de Adrián Alves que se repartiron equitativamente os puntos en cancha. O servicio era a arma que empregaban ámbolos dous equipos para danar o sistema rival e puidéronse ver momentos de alternativa de uns e outros. Chegados ó tie-break unha falta de posición dos boirenses enchía de folgos e enerxías ós visitantes que aproveitaban a situación para selar o triunfo. Gran potencial o que atesoura o equipo infantil boirense, que a pesares da súa xuventude, xa planta batalla na competición autonómica. A seguir traballando que queda moito camiño por andar. Polo Reyca xogaron: Darío, Rubi, Daniel, Christopher, Jorge, Gabriel. Tamén xogaron Manuel, Brian, Álvaro, Sergio e Pablo.

2 comentarios:

farrucox dixo...

Chicho, quen é o infantil do chandal sen camiseta ??? E novo esta tempada ?????

Adrián Alves dixo...

Ese rapaz vai coma un tiro Buga, pena que peligren as seleccións galegas porque este ano traíamos medalla. "Ponma que la rebiento"