NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 2-3 ALDEBARÁN SAN SADURNIÑO
(27-25, 28-30, 25-19, 34-36, 15-17)-(2ª Xornada da Superliga 2 Masculina)
Gabriel Del Carmen sacando no encontro do sábado |
Derrota do Náutico, por segundo ano consecutivo, nun dos derbis galegos da categoría de prata que os enfrontaba ós ferroláns do Aldebarán de San Sadurniño. A Cachada, como xa é costume nos últimos anos, vestía as súas mellores galas por motivo doble. A entrega do trofeo de campións de Copa Galicia de mans do presidente da FGVB, José Á. Luna, precedía a un gran espectáculo deportivo que non rematou da maneira que todos desexabamos. A igualdade foi máxima durante os dous primeiros sets, que se decidían nos instantes finais cun parcial para cada equipo. No terceiro o Náutico dominou con claridade. Un gran Gabriel Del Carmen (28 puntos) erixíase en baluarte ofensivo dos de Emilio Palacio, que camiñaban con decisión a por 3 puntos que os catapultarían á parte alta da táboa. Entonces chegaría o momento clave do encontro, o 4º set. Nada máis e nada menos que 45' de xogo e un tanteador de 34-36 levaría o choque ó tie-break logo de malgastar os nosos 2 oportunidades de pechar a contenda por 3-1. Como non podía ser doutra maneira o equilibrio entre as dúas escadras volvería a ser a tónica no set de desempate. Os pequenos detalles foron claves e o Aldebarán marchaba da Cachada con 2 valiosísimos puntos e cunha actuación sobresaínte do seu receptor murciano Francisco Fernández (31 puntos). O vindeiro sábado o Náutico viaxa a Madrid para medirse ó CV Leganés (19:00h, Pavillón Emilia Pardo Bazán). Polos boirenses xogaron de inicio Iván Souto, Emilio Palacio, Cristóbal Álvarez, Gabriel Del Carmen, Fran Dieste, Mario Iglesias e Adrián Alves (líbero). Como suplentes estaban Ismael Martínez, Xian Pérez, Naji Adrián Gatbache, Borja Vilas e Manuel Pérez. Nesta ligazón podes ver a estadística completa do partido.
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-1 ASESORES VILA CASTRO OURENSE
(25-23, 14-25, 25-12, 25-15)-(1ª Div. Aut. Senior Masculina)
Ismael Martínez conectando con Fran Dieste o sábado |
Os 3 puntos correspondentes a está primeira xornada da 1ª Autonómica quedaron na Cachada. Tras dous sets iniciais onde o xogo se mostrou moi apático por parte dos nosos chegouse ó 3º co empate no tanteador xeral. Foi neste momento cando se produxo o punto de inflexión e o JEALSA pasou a dominar con claridade o partido. Unha recepción de calidade permitíalle ós nosos colocadores facer unha óptima distribución do xogo ofensivo e superar claramente ós ourensáns que vían como os branquiazuis pechaban con contundencia as dúas seguintes mangas. A vindeira é semana de descanso para os de Adrián Alves. Polo JEALSA xogaban de inicio Ismael M., Xian P., Naji Adrián G., Diego R., Borja V., Félix R. e Dani G (líbero). Tamén xogaron Daniel V., Pablo R., Fran D., Juan O. e Lois V.
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 CALDARIA VOLEYOURENSE
(15-25, 19-25, 25-27)-(1ª Div. Aut. Senior Feminina)
O JEALSA comeza con mal pé a liga |
Derrota por 0-3 do primeiro equipo feminino ante o potente Caldaria. Foi un encontro de menos a máis por parte das nosas no que o saque visitante dificultaba en gran medida o primeiro toque do JEALSA. As dúas primeiras mangas transcorreron plácidas para as ourensás. Tan só no terceiro se entonaron as de Andrés Martínez gracias a unha sustancial melloría en ataque. Rebeca González e Mariana Díaz comezaron a engrasar a maquinaria ofensiva dun JEALSA que malgastaría dúas oportunidades de pechar o set para ver como o rival se levaba o encontro pola vía rápida. O Zalaeta coruñés, próximo rival das nosas (domingo 18, 10:30h). Polo JEALSA xogaron: Paula V., Rebeca G., Mariana D., Laura O., Alejandra M., Katy S., e Sheila O. (líbero). Paula M., Marta S., Sheila P., Laura P. e Sara T. formaban o banco de reservas.
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 2-3 ASESORES VILA CASTRO OURENSE
(17-25, 14-25, 21-25, 20-25, 13-15)-(1ª Div. Aut. Xuvenil Masculina)
Lance do encontro entre JEALSA e Asesores Vila Castro |
Axustada derrota a sufrida polos xuvenís diante dun dos favoritos a dominar esta edición da 1ª Div. XM. Os ourensáns anotáronse con comodidade os dous primeiros parciais ante un inofensivo JEALSA. Foi no transcurso do 3º cando o esceario do encontro mudou por completo. O bloqueo-defensa dos nosos comezou a carburar e a actuación dos receptores boirenses a cobrar protagonismo. O saque local foi clave para desactivar a construcción do ataque que o Asesores Vila Castro viña desenvolvendo nos dous primeiros sets. Lois Vázquez e Christopher Rodríguez convertíanse nas bazas ofensivas dun JEALSA que conseguía forzar o desempate grazas ó gran traballo de todo o equipo. No 5º a igualdade reinaba pero un erro de ataque que rozaba a varilla ocasionaba a fuxida dos 2 puntos. Polo JEALSA xogaron Ismael M., Borja S., Christopher R., Lois V., Gabriel S., Félix R. e Darío O. (líbero). Tamén xogaron Rubén M., Manu T., Álex V. e Iván G.
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 MGS VOLEYOURENSE
(9-25, 6-25, 14-25)-(1ª Div. Aut. Xuvenil Feminina)
As cadetes, parte importante no equipo xuvenil |
Mal encontro o disputado polas xuvenís do JEALSA diante dun dos favoritos a ocupar praza de play-off unha vez rematada a fase regular desta 1ª División Autonómica Xuvenil Feminina. A potencia e precisión do servicio visitante impedía que as branquiazuis elaboraran con regularidade e comodidade un xogo ofensivo de certas garantías. Desta maneira a defensa ourensá, perfectamente posicionada, recuperaba unha e outra vez balóns para efectuar contras. A reacción boirense non chegou e inevitablemente os dous puntos fuxiron cara a Ourense nesta 1ª xornada de liga. O domingo visita á complicada cancha do Zalaeta para recuperar sensacións. Polo JEALSA xogaron: Paula V., Alejandra M., Luciana V., Laura P., Paula M., Lía V. e Irea T. (líbero). Tamén xogaron Laura O., Ada V., Sara T. e Marta S.
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 AS MARIÑAS OLEIROS
(25-20, 25-23, 15-25, 22-25, 16-14)-(1ª Div. Aut. Cadete Feminina)
Paula Vázquez tentando superar o bloqueo de As Mariñas |
Vitoria no 5º para as cadetes no primeiro encontro desta 1ª CF. O arranque das de Emilio Palacio foi moi bo. Un gran saque e regularidade no cambio foron as armas que empregaron as nosas para colocarse cun 2-0 de inicio. A partires de aquí todo cambiou. Os erros de saque e ataque aumentaban a medida que o saque visitante melloraba. Como consecuencia disto a recepción do JEALSA caía en picado e o xogo ofensivo local desaparecía por completo. Deste xeito se chegaría a un desempate que, nos seus intres iniciais, seguía polos mesmos derroteiros que os sets precedentes. Tan só a receptora debutante Paula Mourís conseguíu, co 8-14 no luminoso, revertir a situación grazas a unha xeira de saques extraordinaria. Polo JEALSA xogaron Ada V., Paula V., Lía V., Laura O., Marta S. e Alejandra R. Tamén xogaron Paula M., Sara T., Laura N., Olaya M. e Lara.
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 ASESORES VILA CASTRO OURENSE
(25-9, 25-13, 25-13)-(1ª Div. Aut. Cadete Masculina)
Debut con vitoria para o JEALSA CM |
Claro triunfo dos cadetes na súa estrea ligueira diante dos ourensáns do Asesores Vila Castro. Á xa coñecida baixa de Pablo Nieto (Concentración Permanente da Selección Española Xuvenil en Palencia) sumábase tamén por lesión a de Daniel Olveira, problemática que non lastrou ós nosos no seu afán por comezar a fase regular con vitoria. A superioridade do JEALSA foi total, marcando o territorio xa desde a liña dos 9 metros. Os visitantes non tiñan argumentos para facer dubidar a nosa defensa, que perfectamente posicionada no campo recuperaba unha e outra vez os envíos materializados polo rival. Como nota positiva queda tamén o debut como branquiazuis dos rianxeiros Juan Ordóñez e Mauro Martínez, recén chegados ó Boiro Voleibol. A vindeira semana viaxe a San Sadurniño para medirse ao Club Aldebarán. Polo JEALSA xogaron Rubén M., Borja S., Christopher R., Darío O., Pablo D., Álex V. e Sergio C. (líbero). Como reserbas agardaban a súa oportunidade Mauro M., Manu T. e Juan O.
JEALSA BARRAÑA VOLEIBOL 0-3 MANUELA RIAL MOUZO
(25-10, 25-17, 25-12)-(1ª Div. Aut. Infantil Masculina)
O saque do Manuela Rial foi demasiado para o JEALSA |
Derrota en tres sets para o noso equipo Infantil Masculino do Barraña ante un equipo cun poderío físico e unha experiencia moito maior. O servicio do Manuela Rial superaba a un JEALSA que contaba con 4 dos rapaces que o ano pasado se proclamaron subcampións galegos alevíns en Lugo (Pepe, Esteban, David e Víctor). O nerviosismo propio dun debut apoderouse dos nosos que en ningún momento foron capaces de mostrar o seu mellor xogo malia que a dinámica foi de menos a máis. A vindeira semana toca viaxe a terras ourensás para medirse ó Asesores Vila Castro, equipo que este sábado caía por 3-2 co noso outro equipo infantil. Ánimo rapaces, iremos a máis. Polo JEALSA formaban de inicio Alexis S., David F., Esteban P., Víctor S., Pepe G. e Eloy P. Como reservas agardando a súa oportunidade atopábanse Marcos S. e os alevíns Carlos V. e Martín Casais.
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 ASESORES VILA CASTRO OURENSE
(25-11, 24-26, 25-22, 22-25, 15-8)-(1ª Div. Aut. Infantil Masculina)
A estrea en competición oficial para os nosos infantís non puido ser mellor nun encontro apaixoante que se anotaron no desempate. Moitos son os que disputaban o seu primeiro encontro, feito que revaloriza as sensacións transmitidas. O partido arrancaba cos boirenses máis atinados. O saque de Daniel Vázquez e os ataques do debutante Alan Davila poñían terra de por medio. No 2º os visitantes melloraron a raíz do seu servicio e chegaron a acadar unha renda que paulatinamente irían perdendo. A igualdade reinou nos dous seguintes parciais onde ambos equipos se mostraron máis erráticos froito do nerviosismo. Chegados ó tie-break os nosos foron máis consistentes, demostrando unhas dotes defensivas notables e pechando con autoridade o encontro. Polo JEALSA xogaron Daniel V., Alberto T., Jaime A., Alan D., Rodrigo M. e Carlos L. Tamén xogaron Manuel A., Jose G., Tomás R., Juan Q., Manuel L. e Jesús O.
Vitoria dos infantís ante o Burgas Volei |
Ningún comentario:
Publicar un comentario