domingo, 25 de outubro de 2015

O NÁUTICO AÚPASE A POSTOS DE COPA PRÍNCIPE TRAS DERROTAR A PLAYAS DEL MÉDANO:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-1 PLAYAS DEL MÉDANO
(25-20, 25-22, 18-25, 25-20)-(4ª Xornada da SM-2)

O Náutico soña coa Copa Príncipe 2016
Primeiro triunfo como local para o Náutico nesta recén inaugurada temporada 2015-16 na categoría de prata do volei nacional. O rival, os canarios de Playas del Médano, presentábanse na Cachada buscando un resultado que os devolvese ó camiño da vitoria tralo tropezo ante o Club Vigo Voleibol da semana pasada nas illas. Pola súa contra o Náutico tiña en mente enlazar a súa segunda vitoria consecutiva tras doblegar ó CV Leganés na capital de España fai 7 días e meterse deste xeito na pelexa por disputar a Copa Príncipe 2016. O encontro tardaría uns minutos en ir ó seu sitio. As imprecisións dominaban o xogo na parte inicial do choque e o nerviosismo apoderábase de ambos conxuntos ata ben entrada a primeira manga. Sería a partires do ecuador da mesma cando os de Emilio Palacio pisaron o acelerador e conseguirían unha renda que a posteriori sería decisiva para adiantarse no tanteador. Co 1-0 a prol dos nosos ambos equipos delegaban a responsabilidade ofensiva nos seus canoneiros. Carlos Javier Hernández por parte dos canarios recibiría nada máis e nada menos que 39 balóns de mans do seu colocador, dos que 18 (46%) rematarían en punto. Por parte do Náutico Emilio Palacio e Gabriel del Carmen volverían a ser o sostén ofensivo dos boirenses recibindo 31 e 26 balóns respectivamente. O oposto convertiiría 10 tantos (32%) e o receptor vigués 14 (54%) convertíndose no máximo anotador da categoría. O 2º set foi de dominio boirense desde o comezo. A aparición extraordinaria de Mario Iglesias con 11 puntos de ataque sobre 12 intentos (92%) e 3 bloqueos directos foron determinantes para poñer terra de por medio no encontro. O 2-0 facía presaxiar un desenlace cómodo para os boirenses pero nada máis lonxe da realidade. A entrada do segundo colocador, Vladislad Susickis, cambioulle a cara ós canarios que pasaron a cometer menos erros e mostrarse máis sólidos que o Náutico no 3º xogo. Cun claro 18-25 recurtaban distancias os tinerfeños e sembraban as dúbidas na Cachada. A importancia dos 3 puntos era vital para ambos equipos e de novo a conexión dos xogadores boirenses coa grada volveu a ser determinante. Os de Emilio Palacio traballaron a reo en bloqueo-defensa para deixar a vitoria na Cachada e seguir así soñando coa Copa. Consulta nesta ligazón a estadística oficial do encontro. Polo Náutico xogaron Iván S., Emilio P., Mario I., Borja V., Cristóbal Á., Gabriel Del C. e Adrián A. (líbero). Tamén xogaron Ismael M., Xian P., Manuel P., Lois V. e Fran D.


JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 CV BRUXAS
(22-25, 25-21, 25-22, 15-25, 17-15)-(1ª Div. Aut. Senior Feminina)

O JEALSA estréase nesta 2015-16 tumbando ó líder
Primeiro triunfo do ano para o equipo senior feminino nun intenso e traballado encontro que se tivo que decidir no set de desempate. Os erros en ataque e as indecisións castigaban ás nosas no inicio do choque. Foi no 2º set cando o JEALSA presentou a súa clara candidatura á vitoria. Rebeca González volveu a mostrarse decisiva en ataque e guiou ó JEALSA ó empate. Coas tablas no luminoso o saque sería decisivo para que as boirenses se adiantaran. Laura Olveira destacou nesta faceta ó longo da 3ª manga. O Bruxas tirou de casta e presión desde a liña dos 9 metros para levar o partido ó tie-break pero o JEALSA soportou mellor a presión e pechou o 5º pola mínima (17-15). Polo JEALSA xogaron Paula V., Rebeca G., Lía V., Alejandra R., Paula M., Mariana D. e Sheila O. (líbero). Tamén xogaron Marta S., Sheila P., Laura O., Ada V. e Laura P.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-1 IES DE AMES
(13-25, 25-21, 25-22, 27-25)-(1ª Div. Aut. Xuvenil Feminina)

As xuvenís superaron por 3-1 ó IES de Ames
Que mellor maneira de estrear o casilleiro de vitorias que facelo diante dun rival directo na loita pola permanencia. As imprecisións e a apatía caracterizaban ás boirenses durante o primeiro parcial. As visitantes, ben situadas en defensa i efectivo en ataque aproveitaba as súas oportunidades para adiantarse no luminoso. A partires de aquí a imaxe das nosas mellorou. Paula Mourís e Alejandra Rechou erixíronse nos principais recursos ofensivos dunhas boirenses que de inmediato contestaban no tanteador xeral da Cachada, remontando a derrota parcial de inicio e colocando o 2-1. No 4º o JEALSA chegou a gozar dunha renda de ata 10 puntos, diferencia que sería acurtada polo IES de Ames para apretar un final de set que definitivamente caería en saco branquiazul. Polo JEALSA xogaron de inicio Ada V., Marta S., Lía V., Laura P., Paula M., Laura O. e Irea T. (líbero). Como reservas estaban Paula V. e Alejandra R.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 DISTRIBUCIONES SABÍN-CV NARÓN VOLEA
(25-14, 25-14, 25-14)-(1ª Div. Aut. Cadete Masculina)

3 de 3 para o JEALSA cadete masculino
Terceira vitoria en tres partidos para os cadetes do JEALSA confirmando o bo estado de forma polo que están a atravesar neste arranque ligueiro. A presión desde a liña de saque causaba moitas dificultades ós visitantes na execución do primeiro toque e a orde no posicionamento defensivo dos nosos brindáballes múltiples situacións de contra. O bloqueo-defensa naronés víase superado polo ataque branquiazul, tendo en Daniel Olveira e Borja Santamaría ós seus principais valedores ofensivos. Os tres sets foron de claro dominio local e a derrota en tres sets en ningún momento correu perigo. A vindeira semana toca visitar a cancha do EMEVÉ, rival sempre complicado a domicilio. Polo JEALSA xogaron Rubén M., Borja S., Álex V., Pablo D., Christopher R., Daniel O. e Darío O. (líbero). Como reservas estaban Mauro M., Manuel T., Sergio C., Juan O. e o infantil Daniel V.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 IES DE AMES
(25-15, 25-19, 25-21)-(1ª Div. Aut. Cadete Feminina)

As cadetes seguen con paso firme na 1ª Autonómica
Gran xogo o mostrado polas nosas cadetes no partido correspondente á 3ª xornada da 1ª División Autonómica no que superaron con claridade ó IES de Ames. A regularidade mostrada na liña de saque permitíalles ás de Emilio Palacio situar de xeito óptimo a súa defensa. Desta volta o JEALSA CF non sufriu baixóns en ningún momento do choque, dominando ás amienses con autoridade case que en tódalas facetas do xogo. A destacar a actuación ofensiva da noiesa Alejandra Rechou, moi incisiva en ataque convertíndose nun factor desequilibrante para as nosas. A vindeira semana viaxe a Lugo para medirse a un rival que aínda non coñece a vitoria, o EMEVÉ. Polo JEALSA formaban de inicio Paula V., Alejandra R., Ada V., Marta S., Lía V. e Irea T. (líbero). Tamén xogaron Paula M., Laura N., Olaya M., Sara T. e Verónica P.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 JEALSA BARRAÑA VOLEIBOL
(25-10, 25-17, 25-17)-(1ª Div. Aut. Infantil Masculina)

Foto de familia dos infantís. E os que faltan... ¡tremendo futuro!
Por primeira vez na historia dous equipos do noso clube se mediron entre sí en encontro oficial. Foi na 1ª División Infantil Masculina e saldouse con vitoria para o JEALSA Boiro. A efectividade no servicio volveu a ser a chave da segunda vitoria en dous partidos para este equipo. Daniel Vázquez e Rodrigo Martínez foron os xogadores máis destacados desde a liña de saque. Non cabe dúbida que o resultado é o de menos neste caso, xa que o que realmente si importa é a saúde da que goza unha canteira, a do Boiro Voleibol, garantindo un futuro prometedor neste caso para a sección masculina. Polo JEALSA Boiro xogaron Daniel V., Roi M., Alberto T., Jose  G., Carlos G., Tomás R., Carlos L., Manuel L. e Juan Q. Polo Jealsa Barraña xogaron Alexis S., David F., Martín C., Pepe G., Carlos V., Mateo S., Brais L., Marcos S., Víctor S. e Eloy P.

Ningún comentario: