domingo, 23 de febreiro de 2014

RESULTADOS DA XORNADA NA QUE O NÁUTICO CERTIFICA A PERMANENCIA:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-1 INTASA SAN SADURNIÑO
(25-16, 25-19, 24-26, 25-20)-(Superliga 2 Masculina)

Foto de Jose Fernández Souto
O Náutico, empurrado polos case 400 espectadores que ateigaban unha vez máis A Cachada, logrou de xeito matemático a permanencia na categoría de prata do volei español. A empresa non ía ser fácil xa que un encontro destas características sempre conleva motivacións adicionais que impiden falar dun claro favorito. O choque arrancaba cos locais mandando de xeito claro no parqué. O dominio de tódalas facetas do xogo por parte dos de Emilio Palacio poñía contra as cordas ós visitantes que pouco podían facer ante o aluvión branquiazul. Presión co saque, recepción sobresaínte, dirección maxistral e contundencia no ataque eran as armas que os boirenses utilizaban para se adiantar no luminoso. Durante a segunda manga todo seguía igual. O servicio dos nosos complicaba tremendamente a fase creativa dos de Eloy Mahía que vían como os do Barbanza sempre atopaban o xeito de enviar ó chan os ataques tras un bloqueo-defensa atinadísimo ata o momento. O oposto Narciso Abalo e o receptor Cristóbal Álvarez foron os canoneiros branquiazuis con cadanseus 14 tantos. O panorama no terceiro set non cambiaba. Un elevadísimo ritmo de xogo parecía levar ós de Boiro hacia unha vitoria cómoda en tres sets pero como bo derbi sempre agardan sorpresas. Tras controlar a manga con parciais tales como 16-12 ou 21-18 a aparición do bloqueo ferrolano co ex Boiro Voleibol Pablo Suárez á cabeza fixo unha extraordinaria labor intimidatoria que recurtaría distancias. As dúbidas instaláronse entre os locais que vían como o Intasa abría fenda no luminoso na primeira metade do 4º parcial. Foi nese momento cando a conexión entre o equipo e a bancada devolveron un dominio que xa non abandonarían ata o derradeiro punto onde Gustavo Romero conseguiría mediante un ace un tanto para a ilusión, un tanto que manterá a un equipo de Boiro entre e elite nacional deste deporte. Consulta aquí a estadística do encontro. Polo Náutico xogaron: Iván S., Narciso A., Cristóbal Á., Miguel V., Jesús V., Emilio P. e Adrián A. (líbero). Ismael M., Fran D., Manuel P., Gustavo R. e Lois V. agardaban a súa oportunidade desde o banco de reservas.

REDESYL BOIRO VOLEIBOL 0-3 INTASA SAN SADURNIÑO B
(13-25, 25-27, 21-25)-(2ª División Autonómica Masculina)

A lesión de Adrián foi demasiada peaxe para o Redesyl
Derrota do equipo filial nun encontro que, a excepción da 1ª manga, foi igualado. Arrancaba o partido con claro dominio visitante. O saque do Redesyl era ineficaz e o ataque ferrolano campaba ás súas anchas na Cachada. No 2º set o saque branquiazul comezou a facer un excelente traballo de desgaste na liña de recepción do Intasa. Froito disto os ataques dos de Eloy Mahía eran máis previsibles e a defensa local raiou a un gran nivel para chegar con tres puntos de vantaxe á recta final da manga. Neste momento o infortunio regresou para castigar ós de Adrián Alves e tras un bloqueo o receptor Adrián Armental sufriu unha fractura do tabique nasal. A situación desconcertou ó equipo local e os de Ferrolterra salvaron unha pelota de set boirense para adiantarse 0-2 no encontro. O 3º foi un calco. Igualdade ata os momentos finais onde o maior nivel ofensivo dos visitantes sería decisivo para pechar a manga. Polo Redesyl xogaron: Ismael M., Diego R., Juan O., Adrián A., Lois V., Fran D. e Felipe R. (líbero). Tamén xogaron Andrés M., Pablo R., Dani G., Adrián G. e Óscar R.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 DOMPA GESTIÓN
(25-16, 25-12, 25-12)-(2ª División Autonómica Feminina)

As sénior miran hacia a parte alta
Vitoria sen complicacións do noso primeiro equipo feminino diante do conxunto que pecha a clasificación desta 2ª División Autonómica. O servicio local exerceu unha terrible presión sobre unha liña de recepción, a ourensá, que non conseguía nutrir de bos balóns a súa colocadora. Esta situación propiciou que as de Mario Iglesias posicionasen a conciencia a súa segunda liña de defensa e tivesen numerosas oportunidades de contraataque que souberon aproveitar e convertir en punto. Esta foi a historia dun partido que afianza ó JEALSA na 5ª posición da táboa clasificatoria e que lles permite mirar hacia cotas máis altas no camiño que queda ata final de temporada. A vindeira fin de semana viaxe ó Paco Paz de Ourense para medise ó Caldaria Voleyourense (3º clasificado) nun encontro que será un importante test para medir o estado de forma das nosas. Ánimo. Polo JEALSA xogaron: Ángela T., Laura M., María T., Verónica C., Andrea B., Alejandra G. e Paula R. (líbero). No banco de suplentes estaban Sheila P., Mariana D., Rebeca G. e Sheila O. (líbero)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 SAN SADURNIÑO
(25-17, 25-22, 25-19)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)

Os xuvenís conseguen a oitava
Vitoria dos xuvenís ante o último clasificado da LGXM. Á xa coñecida baixa de Xian P. sumábase a de Félix R. para afrontar un partido no que non se podía fallar para seguir pelexando por un posto no playoff. A eficacia ofensiva foi o factor que desequilibrou a balanza do choque. Lois Vázquez, Adrián Gatbache e Fran Dieste completaron unha gran actuación para que os nosos non pasaran apuros. Tan só no 2º parcial conseguiron os ferrolanos levar o desenlace do mesmo a un tramo final igualado. O acerto no bloqueo-defensa dos nosos impediría o sobresalto e encarrilaría un encontro que significa a 8ª vitoria do ano para os de Adrián Alves. Unha das notas positivas do choque deixárona os infantís Rubén M. e Daniel O., que volveron disfrutar de minutos. Polo JEALSA formaron Daniel V., Fran D., Adrián G., Lois V., Óscar R., Pablo R. e Jorge D. (líbero). Como reservas estaban Ismael M., Daniel G., Rubén M. e Daniel O.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 CV SANTIAGO
(25-17, 25-23, 25-19)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

As xuvenís tómanse a revancha da primeira volta
Cómodo triunfo das xuvenís nun encontro dominado de principio a fin excepto en momentos puntuais do segundo set. A eficacia do servicio local foi sen ningún lugar a dúbidas a protagonista dun choque onde a construcción do xogo ofensivo sería a asignatura pendiente para as santiaguesas. Neste apartado destacarían a colocadora Sara Bugallo e a receptora Sara Castaño, pesadelos constantes para as visitantes dende os 9 metros. Mención especial merece tamén o acerto e predisposición en defensa das nosas, tendo como principal baluarte á líbero boirense Sheila Outeiral que conseguíu un bo puñado de accións defensivas positivas. Katy Sampedro, pola súa parte, sería o rifle do JEALSA. A súa actuación en ataque axudaría de maneira clara a conseguir a 6ª vitoria do ano para as de Mario Iglesias que arestora ocupan a 7ª praza da LGXF. No JEALSA formaban: Sara B., Isa G., Katy S., Sara C., Alejandra G., Antía S. e Sheila O. (líbero). Como reserva estaba Lea G. e Laura P.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 SAN SADURNIÑO
(25-17, 25-23, 25-18)-(Liga Galega Cadete Masculina)

Rubi volveu a dirixir con tino o xogo do JEALSA
Oitava vitoria da temporada que lles serve ós nosos cativos para seguir pelexando por rematar a fase regular desta LGCM en postos de playoff. Malia que os de Adrián Alves saltaron ó parque con nada máis e nada menos que 5 xogadores en idade infantil levaron en todo momento o peso do encontro e deixaron os dous puntos da vitoria en Boiro sen ceder nin un só set. Unha vez máis o servicio do JEALSA superou a un rival que pouco podía facer para estructurar o seu xogo ofensivo. Tan só no 2º parcial, onde un dos centrais ferrolanos se mostrou fortísimo en ataque, peligrou unha vitoria que finalmente quedaría en peto local gracias a mestría de Rubén Martínez desde os 9 metros. No terceiro acto a tónica do primeiro regresaba para poñer terra de por medio e ver os mellore sminutos de xogo dos nosos. Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Daniel O., Christopher R., Gabriel S., Pablo N. e Darío O. Tamén xogaron Antón V., Borja S., Álex V. e Pablo D.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 DOMPA GESTIÓN
(22-25, 18-25, 9-25)-(Liga Galega Cadete Feminina)

As cadetes caen e achéganse á promoción de descenso
Clara derrota das cadetes ante un rival directo por evitar os postos de promoción de descenso nesta LGCF. O encontro comezaba igualado e con dous equipos que se tanteaban na fase inicial do mesmo. O maior potencial ofensivo das ourensás preto da rede era contrarrestado co tino das nosas desde a liña de saque. Os erros non forzados cometidos polo JEALSA na fase decisiva do primeiro e segundo set poñía o 0-2 no tanteador xeral do encontro e colocaba unha lousa demasiado pesada sobre o xogo das boirenses que vían como a colocadora visitante repartía xogo a pracer. No terceiro parcial tan só houbo un equipo sobre o terreo de xogo. As nosas non conseguirían reaccionar en ningún momento para meterse na pelexa polo partido e verían como 2 puntos máis se fugaban da Cachada. Septeto inicial do JEALSA: Lea G., Marta S., Ada V., Sara T., Laura P., Lía V. e Irea T. (líbero). Como reservas atopábanse Laura S. e Laura O.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 ESCOLA DOMPA GESTIÓN
(25-14, 25-19, 25-20)-(Liga Galega Infantil Feminina)

A melloría das infantís tradúcese en resultados favorables
Triunfo en tres sets das de Emilio Palacio no encontro que as enfrontaba ó faroliño vermello desta LGIF, as ourensás do Escola Dompa Gestión. O servicio do JEALSA foi o trampolín que lanzou ás branquiazuis hacia o triunfo na mañá de domingo, impedindo construir con comodidade o xogo de ataque das visitantes ó longo de todo o choque. En labores ofensivas destacou un nome por riba dos semais, Laura Olveira. Os seus remates polo medio da rede eran a principal baza ofensiva das boirenses para anotarse a que sería a 8ª vitoria no que vai de campaña. Tras este partido as nosas ocupan a 8ª praza da clasificación autonómica e confirman o seu paso adiante en canto ó seu nivel de xogo. A vindeira semana, na que lles tocaría xornada de descanso, disputarán o encontro aprazado contra o Xuvenil de Teis. Polo JEALSA xogaron de inicio: Sara T., Irea T., Marta S., Ada V., Lía e Laura O. Como reserva, agardando a súa entrada desde o banco estaba Verónica P. 

Ningún comentario: