sábado, 12 de outubro de 2013

RESULTADOS DA FIN DE SEMANA NA CACHADA (12-10-2013):

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 CALASANCIAS CORUÑA
(25-14, 25-12, 25-13)-(Liga Galega Infantil Masculina)

Pablo Nieto atacando a defensa do Calasancias
O carrusel de partidos da mañá do sábado na Cachada arrancaba con boas novas xa que o noso equipo infantil masculino conseguía poñer a salvo os primeiros dous puntos en xogo da temporada desfacéndose dos herculinos do Calasancias en tres sets. Nada facía presaxiar os malos resultados dos encontros posteriores tras este choque de claro dominio local. A vitoria boirense estivo en todo momento fóra de perigo polo que o preparador local puido repartir puntos de xogo entre tódolos rapaces, incluindo ó debutante Pablo Dieste. Dende ben cedo o servicio branquiazul facía que os nosos nadaran a favor de corrente e mostraran a súa superioridade en facetas ofensivas da man de case que tódolod seus atacantes. Darío Outeiral e Rubén Martínez dirixiron cunha mestría pouco común en rapaces da súa idade a un equipo que non permitiría reacionar ós visitantes. Con moito traballo por facer e cun novo sistema de xogo aínda por afianzar afrontarán os de Adrián Alves o encontro da vindeira fin de semana ante o Sta. María del Mar coruñés a domicilio. Trala primeira xornada de Liga Galega os nosos cativos sitúanse, ó igual que o Manuela Rial Mouzo de Cee, cunha vitoria no seu casilleiro. Polo JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Rubén Martínez, Darío Outerial, Pablo Nieto, Daniel Olveira, Christopher Rodríguez e Álex Velo. Tamén xogaron Manuel Tubío e o debutante Pablo Dieste.


JEALSA BOIRO VOLEIBOL 2-3 CALASANCIAS CORUÑA
(25-22, 12-25, 25-12, 20-25, 11-15)-(Liga Galega Infantil Feminina)

Paula recibe ante a atenta mirada das compañeiras
A primeira derrota da mañá chegaría no encontro infantil feminino. As de Emilio Palacio, equipo en construcción cun gran número de xogadoras noveles deron a cara nun encontro que ben puido ter un enlace diferente nesta primeira xornada da LGIF. Exceptuando o segundo parcial onde as visitantes dominaron o xogo con claridade foi un choque moi igualado. O combinado que conseguía mostrar regularidade no seu servicio era o que dominaba o xogo sobre o parqué da Cachada e a alternancia no tanteador xeral foi froito desta circunstancia. Así se chegou ó 5º e definitivo set. Ás coruñesas non lles tremeu o pulso e bombardearon o campo boirense dende a liña de saque. Polo JEALSA xogaron: Sara, Marta S., Lía, Ada, Laura O. e Paula. No banco de reservas agardaban para entrar Irea, Marta C., Laura P., Luciana e Verónica.


JEALSA BOIRO VOLEIBOL 2-3 CALASANCIAS CORUÑA
(25-19, 5-25, 26-24, 17-25, 9-15)-(Liga Galega Cadete Masculina)

Os cadetes nun tempo morto durante o encontro
Axustada derrota dos cadetes nun encontro no que os de Adrián Alves non lle perderon a cara ó mesmo a pesar de formar con 6 xogadores infantís. Os compases iniciais eran dominados polos boirenses, onde conseguían unha vantaxe inicial que os acompañaría ata o desenlace do parcial. A actuación defensiva do colectivo local permitía ós colocadores do JEALSA abastecer de balóns ós seus atacantes de banda puntuando estes con claridade. No segundo set o saber facer dos sacadores coruñeses facía que o luminoso reflectise un claro dominio visitante. No terceiro set o encontro volvería a vivir unha tónica de igualdade. Os ataques superaban agora ás defensas e nun final de infarto tras salvar un balón de set os nosos adiantábanse no tanteador xeral. A partires de aquí o servicio visitante foi demasiado para os nosos, que incapaces de facer fronte ao bombardeo herculino dende a liña dos 9 m. pelexaban por construir un ataque que xa non chegaría. Polo JEALSA: Rubén M., Darío O.l, Pablo N., Daniel O., Christopher R. e Álex V. Como reservas estaban Antón S., Manuel T. e Pablo D.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 2-3 CALASANCIAS CORUÑA
(14-25, 25-21, 27-25, 18-25, 4-15)-(Liga Galega Cadete Feminina)

Excelente actuación de Ana na derrota das cadetes
Cun equipo maioritariamente composto por xogadoras en idade infantil saíron ó terreo de xogo as rapazas do Jealsa Boiro Voleibol para intentar plantar batalla a un equipo máis experimentado e mellor dotado físicamente nesta primeira xornada da LGCF. No transcurso do primeiro parcial pouco puideron facer as de Emilio Palacio ante o vendaval ofensivo das coruñesas. Nos sets seguintes o panorama mudou. As nosas asumiron maior risco no seu servicio, conseguindo complicar a construcción visitante e volteando o adverso resultado inicial da man dunha atinada Ana Bugallo. O 4º foi igualado ata o tramo final, onde o Calasancias se distanciou o suficiente como para pechar o xogo sen atrancos. No desempate o servicio visitante desequilibraría a balanza para traer a segunda derrota da mañá. Polo JEALSA xogaron: Lea, Paula, Lía, Laura P., Ana e Sara. Tamén xogaron Laura S., Laura O., Irea, Marta e Ada.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 CALASANCIAS CORUÑA
(25-17, 25-20, 25-19)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)

Fran e Lois bloquean ante a mirada de Xian
Vitoria en tres sets do equipo xuvenil masculino nun choque marcado polas rotacións efectuadas polo preparador local. Tres eran os xogadores que debutaban coa camisola boirense en competición oficial e todos eles tiveron a oportunidade de disputar os seus primeiros puntos como branquiazuis. Félix Romero, Jorge Dieste e Pablo Redondo viviron unha plácida estrea no pavillón da Cachada. O encontro era frío e os locais, máis regulares en tódalas facetas do xogo, entenderon que para non sufrir neste arranque ligueiro debían meter balóns nos 9x9 do Calasancias e manter unha fiabilidade maior á do seu rival. Malia non mostrar a mellor das súas versións  os de Adrián Alves conseguiron colocar a primeira vitoria desta LGXM 2013-2014 que na vindeira fin de semana os levará a medirse ó IES de Ames. Polo JEALSA xogaron: Daniel V., Fran D., Xian P., Adrián G., Óscar R. e Lois V. Agardaban a súa oportunidade Ismael M., Pablo R., Dani G., Jorge D. e Félix R.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 2-3 CALASANCIAS CORUÑA
(25-21, 25-23, 20-25, 22-25, 15-17)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

As xuvenís deixanse remontar e caen no 4º tie-break da mañá
Igualadísimo o encontro que despedía a xornada de mañá entre boirenses e coruñesas que, como non, tería que decidirse noutro 5º set non apto para cardíacos. Foi un encontro moi igualado onde as nosas dominaron os dous primeiros sets (25-21, 25-23) gracias a un poderoso servicio e a unha boa actuación ofensiva da pequena dos Bugallo. O terceiro e cuarto sets non foron moi diferentes ós seus predecesores. Desta volta eran as herculinas as que se mostraban máis precisas en ataque e conseguían empatar o encontro axudadas tamén pola imprecisión boirense dende a liña dos 9m. O tie-break estivo plagado de imprecisións. As defensas dominaban ós ataques e tras salvar un balón de partido, as coruñesas conseguían anotarse os dous puntos da vitoria. Polo JEALSA xogaron: Sara B., Katy S., Ana B., Sara C., Alejandra G., Antía S. e Sheila O. (líbero). Como reservas estaban Nuria R., Lea G. e Isabel G. 

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 1-3 CALASANCIAS CORUÑA
(21-25, 25-23, 25-27, 21-25)-(2ª División Autonómica Feminina)

As senior caen na primeira xornada de liga
Estrea con derrota do primeiro equipo feminino neste regreso do Boiro Voleibol á 2ª División Autonómica. Foi un encontro moi igualado, onde as imprecisións das boirenses en varias facetas do xogo coma o servicio e o ataque facilitaban a tarefa ó conxunto visitante á hora de pechar os parciais. A falta de rodaxe competitiva das de Mario Iglesias levounas a mostrar dúbidas no complexo de bloqueo-defensa, aspecto no que este o equipo é potencialmente efectivo e no que o marxe de mellora é enorme. Tras este tropezo as nosas afrontarán unha semana de adestramentos pensando xa na saída da vindeira fin de semana, na que visitarán a cancha do CV Bruxas (sábado, 20:00h). Polas boirenses xogaron: Sara B., Mariana D., María T., Cristina, Alejandra M., Andrea B. e Paula (líbero). Como reservas estaban Carla O., Verónica C., Rebeca G. e Sheila P.

Ningún comentario: