A menos de dúas semanas para o arranque da Superliga 2 Masculina, o primeiro equipo do Boiro Voleibol segue coa súa preparación para este novo reto que dará comezo en Palencia o próximo 19 de outubro. Deste xeito, a vindeira fin de semana, os de Emilio Palacio viaxarán á cidade portuguesa de Vila Nova de Famalicao para disputar un torneo internacional que contará coa participación de 3 equipos da II Divisao portuguesa (2ª categoría do país veciño). O obxectivo non será outro que o de adquirir rodaxe competitiva para afrontar o mellor posible a categoría de prata do volei español. Famalicao é unha cidade pertencente ó Distrito de Braga que conta aproximadamente con 130.000 habitantes. Case que 200 km e 2 horas de travesía separan Boiro deste destino no que se seguirá esta orde do día: o sábado día 12 disputaranse as dúas semifinais, na primeira delas (16:00h) xogarán os organizadores do Famalicense AC contra a AA Coimbra. A segunda (21:00h) enfrontará por un posto na final ó CV Oeiras e ó Náutico Boiro Voleibol. O domingo 13 dará cabida ó 3º-4º posto (15:00h) e á gran final (17:00h). Para esta expedición causarán baixa por motivos de traballo dúas importantes pezas no esquema do preparador branquiazul: o oposto de Cabo de Cruz Narciso Abalo e o receptor boirense Miguel Vázquez. Completarán a convocatoria xogadores do equipo filial e xuvenil aínda por determinar. De seguro que será unha experiencia enriquecedora que servirá para afinar puntería de cara futuros compromisos. O último test antes do debut oficial na SM-2 está servido, sorte rapaces.
Ningún comentario:
Publicar un comentario