NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-2 CV MELILLA
(26-24, 23-25, 21-25, 26-24, 16-14)-(Superliga 2 Masculina)
| Gaby (25 puntos), máximo artilleiro da SM-2 trala primeira xornada |
Na tarde do sábado o polideportivo da Cachada vestía as súas mellores galas para subir o telón desta Superliga 2 Masculina 2014-15. Máis de 400 espectadores vían como os homes que prepara Emilio Palacio se facían cunha traballada vitoria sobre un reforzadísimo rival como é o CV Melilla. O encontro chegaba ó primeiro tempo técnico cunha vantaxe visitante de 5 puntos (3-8) froito dunha recepción deficiente por parte do Náutico que vía como o servicio do central Morabet Abdeselam abría por primeira vez fenda no luminoso. Tralo parón os boirenses reaccionaron e conseguiron igualar o set máis alá do seu ecuador. Chegado este momento o receptor vigués Gabriel Del Carmen erixíuse na auténtica figura dun encontro que o converte no máximo artilleiro da competición despois desta primeira xornada (25 puntos). A súa aportación ofensiva foi clave para colocar ós boirenses por diante nun set que se pechaba cun remate fóra de límites do oposto visitante Ramsés Ballesteros. Lonxe de virse abaixo os melillenses reaccionaron. A mestría na dirección por parte do colocador internacional Cosme Prenafeta atopaba unha e outra vez os ataques centrais dun atinadísimo Morabet Abdeselam que remataría o encontro con 22 dianas e permitiría a igualada dos seus. O terceiro foi un set de alternativas. Os nosos chegaban ó segundo tempo técnico en vantaxe (16-13) pero os erros non forzados sumados ó acerto ofensivo do central Joaquín Lizana volteaban un encontro no que agora o CV Melilla dominaba por 1-2. A faena complicábaselle ós branquiazuis e a figura do receptor arxentino do CV Melilla Leo Porolli emerxía a base de block-outs para levar a igualdade ó tramo decisivo da 4ª manga (24-24). Foi neste intre cando o hombro dereito de Gabriel Del Carmen enviaba ó firme da Cachada un remate por zona 4 e un ace que levaba a ledicia ás bancadas e o choque a un vibrante tie-break. No 5º os nosos, empuxados polos ánimos dos siareiros, comezaban mandando no set con autoridade (8-3 ó cambio de campo). De novo a pantasma dos erros non forzados regresaba para igualar o parcial chegada a decea de puntos. Tralo 11-11 un bloqueo directo e un remate de Leo Porolli colocaban un 11-13 que semellaba definitivo. O Náutico, demostrando unha vez máis o seu instinto de supervivencia, repúxose. Emilio Palacio conseguía nun intrépido rally un bloqueo vital que colocaba o 12-13 e cambiaba o rumbo do choque. Na seguinte acción o bloqueo-defensa local volveu a carburar e colocaba a igualada gracias a un remate fintado de Gaby en contraataque que pasaba entre a antena e as mans do bloqueo melillense como un fío por unha agulla. Na seguinte acción un novo mans-fóra de Leo Porolli por zona 4 outorgaba un balón de partido para os seus que de inmediato neutralizaba o Náutico grazas a un ángulo imposible hacia zona 5 por parte de Emilio Palacio. O propio Emilio dirixíase á liña de saque onde na súa intervención foi vital para que nas dúas últimas accións do encontro o mellor xogador dos visitantes na tarde do sábado se chocase primeiro coas mans de Mario Iglesias e despois coa rede deixando deste xeito a vitoria en Boiro. Preme aquí para consulta tódolos resultados da xornada e aquí para ver a estadística do choque. Formación do Náutico: Iván S., Narciso A., Cristóbal Á., Gabriel Del Carmen, Mario I., Jesús V. e Adrián A. (líbero). Tamén xogaron Ismael M., Emilio P., Germán R., Gustavo R. e Miguel V.





