NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-2 CV MELILLA
(26-24, 23-25, 21-25, 26-24, 16-14)-(Superliga 2 Masculina)
Gaby (25 puntos), máximo artilleiro da SM-2 trala primeira xornada |
Na tarde do sábado o polideportivo da Cachada vestía as súas mellores galas para subir o telón desta Superliga 2 Masculina 2014-15. Máis de 400 espectadores vían como os homes que prepara Emilio Palacio se facían cunha traballada vitoria sobre un reforzadísimo rival como é o CV Melilla. O encontro chegaba ó primeiro tempo técnico cunha vantaxe visitante de 5 puntos (3-8) froito dunha recepción deficiente por parte do Náutico que vía como o servicio do central Morabet Abdeselam abría por primeira vez fenda no luminoso. Tralo parón os boirenses reaccionaron e conseguiron igualar o set máis alá do seu ecuador. Chegado este momento o receptor vigués Gabriel Del Carmen erixíuse na auténtica figura dun encontro que o converte no máximo artilleiro da competición despois desta primeira xornada (25 puntos). A súa aportación ofensiva foi clave para colocar ós boirenses por diante nun set que se pechaba cun remate fóra de límites do oposto visitante Ramsés Ballesteros. Lonxe de virse abaixo os melillenses reaccionaron. A mestría na dirección por parte do colocador internacional Cosme Prenafeta atopaba unha e outra vez os ataques centrais dun atinadísimo Morabet Abdeselam que remataría o encontro con 22 dianas e permitiría a igualada dos seus. O terceiro foi un set de alternativas. Os nosos chegaban ó segundo tempo técnico en vantaxe (16-13) pero os erros non forzados sumados ó acerto ofensivo do central Joaquín Lizana volteaban un encontro no que agora o CV Melilla dominaba por 1-2. A faena complicábaselle ós branquiazuis e a figura do receptor arxentino do CV Melilla Leo Porolli emerxía a base de block-outs para levar a igualdade ó tramo decisivo da 4ª manga (24-24). Foi neste intre cando o hombro dereito de Gabriel Del Carmen enviaba ó firme da Cachada un remate por zona 4 e un ace que levaba a ledicia ás bancadas e o choque a un vibrante tie-break. No 5º os nosos, empuxados polos ánimos dos siareiros, comezaban mandando no set con autoridade (8-3 ó cambio de campo). De novo a pantasma dos erros non forzados regresaba para igualar o parcial chegada a decea de puntos. Tralo 11-11 un bloqueo directo e un remate de Leo Porolli colocaban un 11-13 que semellaba definitivo. O Náutico, demostrando unha vez máis o seu instinto de supervivencia, repúxose. Emilio Palacio conseguía nun intrépido rally un bloqueo vital que colocaba o 12-13 e cambiaba o rumbo do choque. Na seguinte acción o bloqueo-defensa local volveu a carburar e colocaba a igualada gracias a un remate fintado de Gaby en contraataque que pasaba entre a antena e as mans do bloqueo melillense como un fío por unha agulla. Na seguinte acción un novo mans-fóra de Leo Porolli por zona 4 outorgaba un balón de partido para os seus que de inmediato neutralizaba o Náutico grazas a un ángulo imposible hacia zona 5 por parte de Emilio Palacio. O propio Emilio dirixíase á liña de saque onde na súa intervención foi vital para que nas dúas últimas accións do encontro o mellor xogador dos visitantes na tarde do sábado se chocase primeiro coas mans de Mario Iglesias e despois coa rede deixando deste xeito a vitoria en Boiro. Preme aquí para consulta tódolos resultados da xornada e aquí para ver a estadística do choque. Formación do Náutico: Iván S., Narciso A., Cristóbal Á., Gabriel Del Carmen, Mario I., Jesús V. e Adrián A. (líbero). Tamén xogaron Ismael M., Emilio P., Germán R., Gustavo R. e Miguel V.
ALDEBARÁN SAN SADURNIÑO 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(17-25, 17-25, 19-25)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)
Dani Gey ataca (Imaxe de arquivo) |
Segunda vitoria ligueira para os xuvenís nunha sempre complicada praza como é o Municipal de San Sadurniño. Desde o comezo os de Adrián Alves tiveron o total control do xogo. A presión desde a liña de saque complicaba a elaboración do xogo ofensivo local, incapaz de puntuar nun encontro onde o preparador boirense deu entrada ós menos habituais. A aportación ofensiva do receptor Marcos Alvite e do oposto Xian Pérez foron demasiado castigo para un San Sadurniño que vía como os dous puntos da vitoria poñían rumbo a Boiro. A vindeira semana toca xornada de descanso. Para coñecer tódolos resultados da LGXM pulsa aquí. Polo JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Ismael M., Xian P., Marcos A., Adrián G., Lois V., Fran D. e Darío O. (líbero). Como reservas estaban Rubén M., Daniel O., Dani G., Óscar R. e Félix R.
CV RIBEIRA SACRA 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-17, 21-25, 21-25, 15-25)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)
As xuvenís seguen invictas na Liga Galega |
Dous de dous, esa é a bagaxe do JEALSA no que vai de Liga Galega. Malia que tardaron un set en tomarlle o pulso ó encontro o do sábado foi un plantexamento serio por parte das que dirixe Mario Iglesias. As dúbidas do inicio eran transformadas en disciplina defensiva e contundencia en ataque da man de Alejandra Moledo e Melissa Novoa. Poucas opcións tiveron as monfortinas de facer fronte a un equipo que as superaba en experienca e idade. Destacar tamén a presión exercida desde os 9 metros por parte de Sara Bugallo, facilitando en gran medida a defensa branquiazul en moitos tramos do partido. Para coñecer os resultados de resto da xornada visita este enlace. Polo JEALSA xogaron de inicio Sara B., Paula V., Melissa N., Alejandra M., Alejandra G., Lía V. e Sheila O. (líbero). Como reservas estaban Lea G, Laura P., Marta S., Sara T. e Irea T.
TOMYMOBILE SAN SADURNIÑO 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(9-25, 19-25, 23-25)-(Liga Galega Cadete Masculina)
Pablo Nieto, principal baza ofensiva do JEALSA en Ferrol |
Segunda vitoria ligueira para o JEALSA na súa visita a Ferrolterra. Foi un encontro controlado polos boirenses excepto no tercio medial do 3º set, onde os locais aproveitaron o baixón do xogo dos de Adrián Alves para tomar unha vantaxe que sería neutralizada nos derradeiros puntos do mesmo. As amplas rendas dos dous primeiros parciais permitíu repartir minutos entre tódolos xogadores. A vindeira fin de semana será xornada de descanso, oportunidade inmellorable para pulir defectos e volver máis fortes tralo parón. Toda a xornada da LGCM aquí. Polo JEALSA xogaron Rubén M., Daniel O., Pablo N., Álex V., Gabriel S., Christopher R. e Darío O. (líbero). Como reservas comezaron Sergio C., Álvaro P., Manuel T., Borja S. e Pablo D.
CV RIBEIRA SACRA 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-21, 25-15, 25-15)-(Liga Galega Cadete Feminina)
As cadetes sufren o seu primeiro tropezo do ano |
A única derrota desta xornada era a protagonizada na mañá do sábado polo JEALSA cadete feminino no seu desprazamento ó PM A Pinguela. As monfortinas, un equipo alto, conxuntado e moi ordeado puxeron un ritmo de xogo que as nosas non puideron seguir en ningún momento do choque. Como notas positivas deste partido queda a boa labor de Marta Segade na dirección desde o posto de colocadora e o tino da nosa líbero Irea Triñanes en facetas defensivas. O próximo sábado as cambadesas do X.A.V. visitan a Cachada nun encontro que se prevé bastante igualado entre dous rivais parellos, toca apretar os dentes e traballar duro. Coñece os resultados desta 2ª xornada da LGCF neste enlace á web da FGVB. Polo JEALSA xogaron de inicio Lea G., Paula V., Alejandra M., Sara T., Laura O., Lía V. e Irea T. (líbero). Desde o banco de reservas saíron Marta S., Verónica P., Ada V. e Laura P.
Ningún comentario:
Publicar un comentario