martes, 27 de agosto de 2013

PABLO BUGALLO FICHA POLO CAMPIÓN DA SUPERLIGA MASCULINA:

Pablo, MVP Cpto. de España 2010
Xa é oficial. O central boirense Pablo Bugallo xogará as dúas próximas campañas no Unicaja Almería. Flamante campión da pasada edición da Superliga de Voleibol Masculina logo de derrotar ó todopoderoso CAI Voleibol Teruel o equipo andaluz conta cun palmarés envexable: 9 Superligas, 8 Copas do Rei, 5 Supercopas de España, 4 Final Four da Copa CEV, 3 Superligas Júnior e 3 Cptos. de España Xuvenís adornan as vitrinas dos almerienses. Esta será a segunda etapa de Pablo no conxunto aforrador despois de que no ano 2010 xa se proclamara campión de España xuvenil e MVP do torneo celebrado na localidade asturiana de Llanes. Tralo seu exitoso paso polo CMA de Soria que o levou a estar citado coa selección absoluta a perla boirense chega ó Moisés Ruiz coa intención de facerse cun posto no equipo e pelexar por tódolos títulos en xogo ás ordes do italiano Piero Molducci. Malia as importantes baixas de Andrés Villena (Tonno Callipo Calabria), Victor Viciana (CAI Vb Teruel) ou Mario Ferrera (Avignon Volley-Ball) Pablo móstrase ledo de participar nun proxecto de futuro baseado nun equipo con xogadores de curta idade e di estar "con moitas gañas de traballar co seu novo adestrador e de volver a compartir equipo con excompañeiros da selección". Moitos son os xogadores ilustres que vestiron a elástica do Unicaja. Pablo Bugallo pasará a aumentar a familia da que formaron parte nomes coma os dos internacionais Cosme Prenafeta, Rafa Pascual, Juanjo Salvador, Israel Rodríguez, Ibán Pérez, Manuel Sevillano ou dos campións olímpicos como o holandés Mike Van de Goor e do estadounidense Riley Salmon. Felicidades veciño, ¡o verde é agora a nosa cor!

xoves, 8 de agosto de 2013

O BARRAÑA VOLEI PRAIA ORGANIZA O CPTO. DE ESPAÑA SUB-17 MASCULINO:

Isma, Félix e Lois actuais campións galegos sub-17
Mañá venres dará comezo na área deportiva do areal de Barraña o Cpto. de España Sub-17 masculino por clubes. O noso irmán pequeno, o Barraña Volei Praia, terá neste evento a representación dos campións galegos da categoría. Ismael Martínez, Félix Romero e Lois Vázquez pelexarán polas medallas contra 11 equipos máis. De CV 7 Islas Vecindario (Canarias), Lledo School L'illa Grau (C. Valenciana 1), Voleibol San Pedro (Andalucía 1), CV Oviedo (Asturias), Bruxas (Galicia 1), Coslada Voley Alcorcón (Madrid), CV Sóller (Baleares), Costa Azahar (C. Valenciana 2), Costa del Vóley (Andalucía 2), Dumbría VP (Galicia 2) e VB Almuñécar (Andalucía 3) sairá o novo campión de España da categoría cadete masculino. Será unha fin de semana de vertixe xa que de xeito paralelo se celebrará tamén a 2ª proba da XIII edición do Circuito Barbanza de Volei Praia. ¡Achégate a Barraña e disfruta do bo tempo e do volei praia!

mércores, 7 de agosto de 2013

¡ESTE SÁBADO DISFRUTAREMOS DO FUNKY DE SUPERSANDWICH NA POUSADA!

A vindeira fin de semana vivirase un axetreo especial na axenda do volei boirense. Deste xeito Suso Santamaría, xerente de "A Pousada das Ánimas", comprométese unha vez máis co noso proxecto e programa un concerto onde parte da recadación se destinará ás arcas do Boiro Voleibol. O grupo, convidado de luxo do que forma parte o noso compañeiro Gustavo Romero (saxofonista), será "Supersandwich". A actuación será o sábado 10 ás 23:00h e o custe da entrada, que podedes adquirir mediante calquera membro do clube (xogadores, directivos, etc) será de tan só 5€. O Boiro Voleibol quere agradecer a Suso e a Supersandwich por estar sempre predispostos a colaborar coa nosa causa. ¡Que non falte ninguén!

luns, 5 de agosto de 2013

EMMA ORDÓÑEZ PASARÁ A FORMAR PARTE DA SELECCIÓN ESPAÑOLA:

O entorno do Boiro Voleibol volve a estar de noraboa. Despois das boas novas que xurdiron nos últimos tempos ó redor da nosa entidade estamos encantados de facer público un segredo a voces froito dun traballo de canteira ben feito e dunha aportación familiar óptima. Unha das nosas, Emma Ordóñez Lojo (Boiro, 28/2/1999) seguirá os pasos do seu veciño Pablo Bugallo e incorporarase no próximo mes de setembro á disciplina da selección española, na súa concentración permanente con sede na cidade castelá-leonesa de Soria. Alí compaxinará estudos e adestramentos de tecnificación para explotar todo o seu talento. A oportunidade chega á vida de Emma despois de participar de xeito consecutivo nas dúas últimas edicións do Campionato de España de Seleccións Autónomas coa selección galega infantil, proclamándose subcampioa na edición do ano 2012 en Lloret de Mar ó lado da tamén boirense e compañeira de equipo Ana Bugallo. Destacando pola súa versatilidade e polivalencia no terreo de xogo e chamando a atención dos técnicos responsables do combinado nacional, Emma di estar "moi ilusionada e con moitas gañas" de afrontar o reto que se lle presenta ás ordes de José Miguel Serrato e Begoña Saenz. Ademais dunha estudante modélica, dende moi cativa destacou polas súas actitudes e aptitudes hacia a práctica do voleibol polo que estamos completamente seguros de que aproveitará ó 100% esta nova aventura que a pode levar a competir a nivel internacional. Os seus adestradores (primeiro nas Escolas Deportivas Municipais apoiadas polo Concello de Boiro e despois nas categorías inferiores do Boiro Voleibol) de contado foron conscientes do potencial desta xogadora que, en menos dun mes preparará as maletas e homenaxeará a Gabinete Caligari e o seu "Camino Soria". ¡Parabéns Emma!

mércores, 31 de xullo de 2013

O NÁUTICO XA COÑECE O CALENDARIO NO ANO DO SEU DEBUT NA SM-2:

O Náutico debutará na SM-2 ante o CyL Palencia 2014
Definitivamente son oito os equipos de toda a xeografía española que serán rivais do noso primeiro equipo masculino nesta nova andaina na categoría de prata do volei español: Intasa San Sadurniño, AD Cáceres Extremadura, CV AA Llars Mundet (Barcelona), CV Mediterráneo de Castellón, CDV Textil Santanderina, CyL Palencia 2014 (Selección española júnior), CV Leganés e FC Barcelona competirán nunha liga que se antoxa moi competitiva e na que os de Emilio Palacio deberán mostrar cada fin de semana a súa mellor versión para plantar batalla a rivais de tanta entidade. O calendario, que hoxe publicou na súa web a RFEVB, foi caprichoso e reservou unha estrea de luxo á vez que esixente para os boirenses: o 19 de outubro de 2013 o Náutico visitará o "Campo de la Juventud" (Palencia) para medirse á todopoderosa Selección Española Júnior, ex-equipo do boirense Pablo Bugallo. Debut inmellorable para unha temporada que se albisca trepidante e chea de emocións fortes. ¡A por eles Náutico!

domingo, 28 de xullo de 2013

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE VOLEI PRAIA, UN BRONCE QUE SABE A OURO.

Bronce para o Barraña VP no Cpto. de España Infantil
Esta fin de semana tivo lugar na praia do Ézaro o Campionato de España Infantil de Volei Praia por clubes. Os mellores xogadores e xogadoras sub-15 do panorama nacional congregábanse en Dumbría nun torneo no que o noso club irmán, o Barraña Volei Praia, volvería cunha merecida medalla de bronce en categoría masculina. Rubén Martínez, Pablo Nieto, Daniel Olveira e Darío Outeiral subíanse ó terceiro escalón do podio tras derrotar nun encontro de infarto ó Voleibol Xátiva da Comunidade Valenciana por 2-1 e por deste xeito a guinda a un torneo no que competiron a un gran nivel. O CV Sóller (Baleares) subiu ó máis alto do caixón tras doblegar ós malagueños do VB San Pedro. No apartado feminino destacar a actuación de Emma Ordóñez, Lea Gatbache, Paula Vázquez, Irea Triñanes e Paula Mourís que alcanzaron un meritorio 8º posto nun torneo que se levarían as rapazas do EMEVÉ de Lugo. 

luns, 1 de xullo de 2013

EMMA, ANA, RUBÉN, PABLO E ISMAEL CONVOCADOS COA SELECCIÓN GALEGA:

5 boirenses no #CESAVB13 de Valladolid
O vindeiro mércores día 3 de xullo dará comezo en Valladolid o Campionato de España por Seleccións Autónomas nas categorías cadete e infantil, tanto masculino como feminino. Unha vez máis, os técnicos da FGVB poñen os ollos nas promesas do volei boirense para confeccionar os conxuntos que representarán a Galicia en pucela. Emma Ordóñez (infantil feminina), Ana Bugallo (cadete feminina), Rubén Martínez e Pablo Nieto (infantil masculina) e Ismael Martínez (cadete masculina) serán os nosos abandeirados neste torneo de ámbito estatal. Mención especial merecen tamén Lois Vázquez (cadete) e Darío Outeiral (infantil), que permaneceron no grupo das súas respectivas seleccións ata a última concentración, quedando ás portas de viaxar a terras castelás. Todo aquel que queira seguir os avances dos nosos rapaces pode premer nos enlaces vermellos anteriormente citados. ¡Moita sorte e a pasalo ben rapaces!

luns, 27 de maio de 2013

O VINDEIRO SÁBADO TENDES UNHA CITA CO BOIRO VOLEIBOL:

Imaxe correspondente ó evento do 2010-2011
Rematadas tódalas competicións oficiais chega o momento de pechar o ano e qué mellor maneira de facelo que con este plan: o próximo sábado día 1 de xuño ás 20:00h o Boiro Voleibol celebrará unha cerimonia que baixará o telón desta 2012-2013. Ó evento, que se levará a cabo no salón de concertos da Pousada das Ánimas de Boiro, están convidados tódolos estamentos da nosa familia (xogadores, socios, autoridades, colaboradores, etc). Xuntos despediremos a tempada mentres desfrutamos dalgunha que outra sorpresa e, por suposto, degustamos un máis que merecido piscolabis. Aproveitar para, en nome da xunta directiva, agradecer por un lado ó xerente do establecemento que nos cede o local no que lle diremos adeus a este curso e por outro ó Departamento de Deportes do Concello de Rianxo por acollernos nas súas instalacións no período no que A Cachada non estivo operativa.

venres, 24 de maio de 2013

PABLO BUGALLO CONVOCADO COA SELECCIÓN ESPAÑOLA ABSOLUTA:

En nome de toda a nosa familia, ¡Felicidades Pablo!
O volei boirense desborda felicidade. O seleccionador nacional absoluto, Fernando Muñoz, deu a coñecer a lista de xogadores seleccionables para disputar coa elástica vermella a Liga Europea 2013. No renovadísimo combinado nacional formará para ledicia de todos nós o xogador referencia da canteira boirense nos últimos anos, o central de 1.96m Pablo Bugallo. Destes 24 citados 12 serán os elixidos para representarnos na competición continental que se celebra o próximo mes de xuño pero o noso veciño acaba de dar o primeiro paso hacia a súa internacionalidade absoluta. A lista de 24 que figura na web da RFEVB é a seguinte: Fran Ruiz, Aarón Gámiz, Sergio Noda, Ángel Trinidad, Marc Altayó, Gustavo Delgado, Pablo Bugallo, Alejandro Vigil, Daniel Rocamora, Jorge Fernández, Jesús Bruque, Gerard Osorio, Toni Llabrés, Miquel Ángel Fornés, Andrés Villena, Carles Mora, Ruimán Artiles, José Manuel González, Adrián Fidalgo, Carlos Cuesta, Víctor Viciana, Jorge Almansa, Mario Ferrera e Ibán Pérez.

xoves, 23 de maio de 2013

ANA, ISMA E LOIS CONCENTRARANSE COA SELECCIÓN GALEGA CADETE:

Ana, Isma e Lois repiten experiencia
Os técnicos da FGVB volven a confiar na canteira boirense e botan man, desta volta, de tres dos nosos para confeccionar as concentracións da selección galega. En representación da sección feminina, Ana Bugallo será a abandeirada do Boiro Vb nas xornadas de adestramento que os días 25 e 26 de maio o combinado cadete levará a cabo na vila de Noia. As rapazas deberán presentarse no Polideportivo Alonso Rodríguez ás 10:45h do sábado. A hora de recollida será ás 18:00h do domingo. Por outra parte, Lois Vázquez e Ismael Martínez pasarán a xornada do sábado concentrados no Municipal de San Sadurniño onde a partires das 10:00h disputarán un torneo contra varios equipos cadetes (Dumbría Volei, Burgas Volei e Suacasa San Sadurniño). A hora de recollida será as 18:30h do mesmo día. Moita sorte a todos e a gozar desta nova experiencia.