Equipo ideal da xornada do 21 de febreiro |
A pasada non foi unha xornada demasiado prolífica para os nosos equipos en canto a resultados pero as actuacións individuais nos encontros con marcador favorable foron o suficientemente boas como para conformar un equipo de moita calidade. Colocador, Iván Souto: foi probablemente o mellor xogador do Náutico na visita dos de Emilio Palacio a Leganés. 4 puntos de bloqueo e 3 de ataque para un total de 7 son uns números estratosféricos para un colocador cando estamos a falar dun encontro a 3 sets. A xestión do caudal ofensivo por parte de Pas elevou a un 47% a efectividade atacante dos boirenses. Oposto, Juan Díaz-Romeral: 14 puntos de ataque sobre 28 intentos e un bloqueo directo son as credenciais presentadas polo oposto do Náutico para ser o mellor na súa demarcación esta semana. Receptor 1, Daniel Olveira: a baixa de Pablo Nieto levaba a Daniel a desempeñar funcións de receptor e a súa aportación na vitoria dos cadetes en Coia foi máis que satisfactoria. Seguro no primeiro toque durante todo o partido e contundente en ataque Dan gañouse o mérito de ser un dos mellores da xornada. Receptor 2, Manuel Pérez: gran aparición a do santiagués desde o banco conseguindo 3 puntos de ataque (60%) e un extraordinario 88% de recepcións positivas. Central 1, Alejandra Galbán: foi a mellor xogadora das xuvenís na derrota sufrida polas de Andrés Martínez ante o Xuvenil Teis. Durante gran parte do encontro foi o único recurso ofensivo das nosas para tentar manterse na pelexa. Central 2, Mario Iglesias: xunto con Iván, mellor bloqueador da xornada na Superliga 2 Masculina (4). Os seus 5 puntos de ataque cun 56% de acerto redondean unha extraordinaria actuación que lle sirve ó rianxeiro para formar tamén no septeto ideal da semana confeccionado pola RFEVB. Líbero, Darío Outeiral: auténtico faro do JEALSA cadete masculino en defensa. O nivel mostrado por Darío en recepción permitíulle ó seu equipo construir con comodidade o seu xogo de ataque.
Ningún comentario:
Publicar un comentario