mércores, 21 de marzo de 2012

XENTE DO BOIRO VOLEIBOL, GUSTAVO ROMERO:

Gustavo Romero: “Hai equipos e hai grupos de xente xogando ao volei. Nós somos dos primeiros”

Gus, un dos piares do noso proxecto
Gus xoga ao volei a ritmo de funky, e celebra as vitorias en do maior coa charanga. Non me atrevín a lle preguntar a quen quería máis, se ao saxo ou ao balón, porque hai veces en que se pode ter todo.  Non lle importa implicarse, e por iso tamén participa da Directiva do Club, onde todas as mans son benvidas: “A Xunta Directiva non quere aplausos, pero si que se respecte ese traballo. Antes practicamente era todo por amor de Andrés, pero agora deuselle máis estrutura, con Antón, Emilio, Bugallo, Chicho... Trabállase por dar a coñecer e dignificar o volei”. E estase cumprindo, a xente en Boiro fala de voleibol.
E aínda que a veteranía e os múltiples frentes de implicación do capitán do Náutico ameazan con apartalo da pista, nunca do Club, onde desfruta do xogo, do ambiente e dun proxecto social e deportivo cada vez máis forte.

-(Charo) ¿Ten relación á musica e o deporte?
 -(Gus) A coordinación é moi importante en ambas, tamén a capacidade de moverse en equipo e de controlar os egos, que cada un é do seu pai e da sua nai; e tanto nun grupo como nun equipo é importantísimo saber xestionalos e acoplarse. Especialmente en voleibol, que ou xogas en equipo ou nada.

-¿Que pasa na pista, que te transformas?
-Si, non sei se é por compensar a técnica que perdín, pero hai xente que non me recoñece, porque eu son afable e tranquilo na rúa, pero en pista... encéndeste! Somos seis, e os seis temos que ir a por todas. Concéntrome, enaxénome. E soltas enerxía por un tubo. En ataque: agresivo. En defensa: agresivo. Hai que pegarlle con ganas, con raiba, con atitude. Sen contemplacións.
Pero tamén hai que ser xeneroso, se hai un balón dividido vas, imos todos, e o primeiro que chegue chegou. Iso é compañeirismo. Eu inténtoo, e en xeral todos: Chicho, Pas... están aí ao que cae, e iso fai que o equipo funcione ben, é unha dinámica contaxiosa.

“En ataque agresivo, en defensa agresivo. Sen contemplacións”

-¿Que implica ser capitán?
-É imprimir un carácter e organizar un pouco todo. Dígollo sempre a eles, cando chegamos a un partido e empezamos a quentar, hai unha concentración, un silencio, todos facendo os mesmos exercicios... E se no outro lado ves que cada un vai ao seu, dis: vés, isto é un equipo e iso é un grupo de xente que ven xogar ao volei. E vese no campo e nos resultados. Os preámbulos, os adestramentos e os pospartidos -todos estiramos xuntos-, todo fai un equipo.

-¿Sintes responsabilidade con respecto á canteira?
-Si, moita, pero estou tranquilo. A dinámica é moi boa e os que chegan rapidamente se acoplan a esa dinámica. A xente non é que sexa boa nin mala, simplemente adáptase ao ambiente. E se o ambiente é bo, pois perfecto.
No campo axúdase a recoller, a montan a rede, inténtase que non haxa desplantes con ninguén... Todo iso van facéndoo os novos ao ver que o fan os maiores. De feito a función do equipo senior é ser a punta de lanza para motivar aos nenos. Se ven que a grada se enche, se se viaxa... Iso motívaos para seguir traballando.

-¿Ti tamén ves da canteira. Levas no volei desde a escola, non é?
-Empecei con oito ou nove anos, e estiven até xuvenís, porque en Cabo non había equipo senior. E estiven dous anos xogando ao futbol, que era o que había. Depois fun outros dous anos a Rianxo, a xogar ao volei.

-¿Que tal alí?
 -Moi ben, de feito nos últimos partidos xa era o capitán do equipo. Despois foi cando marchei para Albacete, senón igual me pasaba como a Narci, que estivo anos alí e veu o ano pasado para Boiro.

-¿E foi dificil convencerche para a volta?
-Que va! Cheguei e íame apuntar ao ximnasio ou á piscina. Algo teño que facer, que sen deporte non podo estar, bótoo en falta como comer. E xusto o día antes chamáronme. E que vou comparar, estar pagando por facer algo eu só co que me gusta a min a xente...? Tíveno claro: Boto unha man e a ver que pasa. De feito esperaba que Emilio me deixara no equipo de Segunda, despois de oito anos...  Pero non, curiosamente confiou en min. Ou veu que lle metín moitas ganas, non sei.

-Viviches dúas etapas moi distintas dentro do club, os teus comezos e a volta.
-Si, agora coñezo mellor todo o que hai detrás dun Club. O que custa que veña un árbitro, a equipación, as viaxes... Aprendes a valorar máis todo. Cando cheguei de volta ao Club propuxen “porque non facemos un evento na rúa peonil para xuntar socios?” e xa me dixeron “boa idea, porque non te achegas a unha reunión da directiva?”. Alá fun e xa Bugallo dixo: “Bueno, temos un directivo máis” e apuntoume na acta. Despois, a nivel deportivo a volta á pista foi dura, incluso cambiaron os balóns! Cando o deixei aínda non existía a figura do líbero, por exemplo. Entón atopeime con outras normas, con outros balóns, con outra xente. Pero penso que me adaptei ben.

A volta á pista foi dura, incluso cambiaron os balóns!

-Sodes un dos equipos de volei que máis siareiras e siareiros movedes en Primeira.
-Si, o que hai aquí é dificil atopalo, incluso en campos de Superliga.  A Cachada está moi ben situada e iso tamén axuda. E se se fan ben as cousas a xente engánchase. Se un día traes un regaliño, outro dia traes a charanga... Mira, hai unhas señoras que traballaban comigo e ao principio dicíanme “moi bem esta fin de semana funvos ver e xenial”. Pero agora, de vez en cando xa me espetan “bueno, esta semana... xogastedes regular”; xa empezan a ser críticos! E iso é fantástico. Empeza a haber cultura de voleibol.

-E ti, ¿que lles dis?
-(risas) Bueno, “pois tes razón esta semana...”

-¿Como levas a veteranía?
-A veterania lévoa ben, o que me pesa son os oito anos de parón. Estou loitando por recuperar técnica, e bótolle ganas para compensalo un pouco, pero nunca se está conforme. En saque xa estou ben, en recepción regular...

-¿Que perspectiva tes a medio prazo?
-A medio prazo acabar esta temporada, ir á fase e facer un bo papel. E despois seguir co Club, axudando, pero non sei eu se seguir outra tempada máis. Pero bueno, agora prefiro rematar a tempada e despois falar con calma.
Tamén tiven as miñas tentacións por coller un equipo para adestrar. Pero gústame implicarme ao 100%, e para adestrar un equipo non podes faltar, es o guía; así que tería que pensalo moito. Teño vida privada! (risas) E non teño moito tempo, toco en Phantom Club, en Supersandwich e son o presidente da charanga “Os trompos das nicras”. 
Charo López

6 comentarios:

Adrián Alves dixo...

Que tipo máis grande e que sorte de traballar e compartir vestiario con él. Sin ningunha dúbida un dos maiores culpables do crecemento do club nestes últimos anos. Por moito tempo Buzz!

BOOM-BOOM!!!

P.D: Con xente coma ti "non hai forma humana" de facelo mal. GRANDE

REXISTRÁDEVOS PARA PODER COMENTAR NO BLOG!

FORZA BOIRO VB!!!

Andrés "Araña" dixo...

Que gran persona y que gran amigo. Da gusto trabajar cuanto hay en el mismo carro gente como Gus. Quéreseche moito e esperamos terte con nos moitiño moitiños anos... GRANDE CAPIIII. un abrazoo (Yo de mayor quiero ser como tú...jajaja).

farrucox dixo...

VOU PROBAR A REXISTRARME

farrucox dixo...

Agora xa podo facer comentarios. Maestro, pareces un profesional dos medios. Como dominas a linguaxe!!!! Canta soltura coas autoridades !!!!Que perfil maís fotoxénico !!!! Vaise cabrear o titular, pero eu proporíate para PRESIDENTE.....

Dani dixo...

espectacular entrevista, se nota en gente como gus, que las cosas aqui se hacen bien!!

eres un crack

Dani Agra dixo...

Grande Gus, como siempre, eres bueno fuera y dentro del campo.
con gente como tú da gusto jugar a voley y hacer que este deporte se vaya quedando en la mente de los boirenses poquito a poco...muchas gracias por todo Capi!!!!!