domingo, 30 de novembro de 2014

O NÁUTICO DA UN PASO ATRÁS EN VIGO. RESULTADOS DA XORNADA:

CLUB VIGO VOLEIBOL 3-2 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(28-26, 18-25, 30-28, 17-25, 15-13)-(Superliga 2 Masculina)

Derrota do Náutico en Coia
Axustada derrota a sufrida polo noso primeiro equipo na súa visita ó Pavillón de Coia vigués. O derbi galego da categoría de prata chegáballes ós de Emilio Palacio nun momento delicado xa que as baixas de Mario Iglesias, Jesús Vázquez e Iván Souto mermaban un cadro de xogadores que foi completado coa convocatoria do central xuvenil Fran Dieste. O encontro arrancaba cos nosos moi irregulares. O desconcerto boirense era aproveitado á perfección polos vigueses que chegaban ós tempos técnicos do primeiro set mandando no luminoso. Co paso dos puntos os nosos foron atando cabos e levando a igualdade ó xogo. Tras un tira e afrouxa e un balón de set marrado polo Náutico os de Vigo adiantábanse nun partido de pouca brilantez ata o momento. No inicio do segundo set o Náutico soltou lastre e mostrou unha cara ben diferente. Narciso Abalo e Gabriel del Carmen eran os estiletes  ofensivos que mantiñan a iniciativa para os seus. Deste xeito chegaba o empate o tanteador. A terceira foi a manga máis igualada de todas. As defensas impoñíanse ós ataques e tras varias oportunidades de gañalo set desperdiciadas os vigueses asegurábanse un punto gracias a un envío fóra de límites dos branquiazuis. De novo a derrota espertaba ós nosos. A presión exercida neste momento polo servicio boirense maniataba ós receptores locais que se mostraban incapaces de comezar a súa construcción con certa claridade levando inevitablemente o encontro ó desempate. O tie-break comezaba co Náutico máis acertado. O saque, xunto co bloqueo defensa, poñía terra de por medio e os 3 puntos de renda acadados polos da Cachada semellaban case que definitivos. Foi neste momento cando o plan de xogo se desmoronou. As imprecisións no saque, sumadas á falta de determinación en momentos tan importantes fixo que os vigueses recuperaran alento e pechasen un encontro que nos deixa unha derrota que afasta ós nosos da clasificación para a Copa Príncipe. Polo Náutico xogaron: Ismael M., Narciso A., Cristóbal Á., Gabriel del C., Emilio P., Germán R. e Adrián A. (líbero). Como reservas estaban Daniel V., Gustavo R., Miguel V., Manuel P. e Fran D.

xoves, 27 de novembro de 2014

VIGO, OURENSE E DUMBRÍA DESTINOS DA PRÓXIMA XORNADA:

SÁBADO 29:

CLUB VIGO VOLEIBOL - NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(18:30h, Pavillón de Coia)-(Superliga 2 Masculina)

DOMINGO 30:

VOLEIBOL DUMBRÍA - REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(10:00h, Municipal de Dumbría)-(2ª Div. Autonómica Masculina)

DOMPA GESTIÓN - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(10:15h, P.M. Los Remedios)-(Liga Galega Cadete Feminina)

DOMPA GESTIÓN - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(11:30h, P.M. Los Remedios)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

VOLEIBOL DUMBRÍA - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(11:30h, Municipal de Dumbría)-(Liga Galega Cadete Masculina)

VOLEIBOL DUMBRÍA - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(13:00h, Municipal de Dumbría)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)

MANUELA RIAL MOUZO - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(13:00h, Municipal de Dumbría)-(Liga Galega Infantil Masculina)

DOMPA GESTIÓN - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(13:30h, A Carballeira)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

mércores, 26 de novembro de 2014

EQUIPO IDEAL BOIRO VOLEIBOL DA XORNADA DO 22-23 DE NOVEMBRO:

Destacados da xornada do 22-23 de novembro
A pasada foi a xornada máis prolífica en canto a resultados do que vai de temporada (5 vitorias en 6 encontros) polo que a pugna por entrar no septeto ideal foi especialmente disputada. Colocadora, Sara Bugallo: extraordinaria labor de dirección no encontro que as xuvenís gañaron pola vía rápida ante CVP. O seu servicio foi un pesadelo para as pontevedresas e a súa entrada no encontro da 2ª Div. Feminina foi clave para o triunfo das de Mario Iglesias no tie-break. Oposto, Daniel Olveira: gran actuación ofensiva unha semana máis a do cadete na vitoria destes por 3-0 ante Narón Volea. Receptor 1, Cristóbal Álvarez: sen ningunha dúbida foi o xogador máis destacado do Náutico na vitoria ante CV Leganés. 19 puntos, mellor receptor (95%), mellor sacador (3 aces) e a inclusión no 7 ideal da xornada na SM-2 avalan ó Diablo. Receptor 2, María Triñanes: imprescindible na vitoria do JEALSA sobre o CVP. Segura en recepción, moi activa en defensa e incisiva en ataque. Central 1, Mario Iglesias: os seus 8 puntos de ataque e 2 bloqueos ante os madrileños do CV Leganés son suficientes para ser un dos mellores xogadores do club nesta xornada. Central 2, Alejandra Galbán: gran actuación preto da rede tanto no encontro xuvenil coma no senior, converténdose nunha das xogadoras máis desequilibrantes dos seus respectivos encontros. Líbero, Darío Outeiral: a súa mestría en recepción e a facilidade que demostrou o pasado sábado para defender balóns comprometidos xustifican a convocatoria nesta formación para o xogador cadete.

sábado, 22 de novembro de 2014

O NÁUTICO RECUPERA O SORRISO NUNHA XORNADA NA QUE ROZAMOS O PLENO:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-1 CVLEGANÉS.COM
(17-25, 25-22, 25-23, 25-23)-(Superliga 2 Masculina)

Un Cristóbal Á. estelar relanza ó Náutico na SM-2
Fíxose de rogar pero a segunda vitoria da temporada para o noso primeiro equipo xa está no peto. As dificultades coas que o Náutico afrontaba este vital encontro para manter vivas as esperanzas de clasificar para a Copa Príncipe de Asturias eran inmumerables pero o ADN loitador do equipo volveu a brindarlle unha gran tarde de volei ós seus siareiros. Á xa coñecida baixa colocador titular Iván Souto sumábase a do central Jesús Vázquez por problemas nun nocello pero os nosos souberon sobrepoñerse a estas ausencias e deixar os 3 puntos na Cachada. Emilio Palacio confiou nos mesmos homes que deron a cara fai 7 días en Palencia ante a selección española júnior. O arranque do choque era desesperanzador para os de Boiro. Cheos de dúbidas, cometendo moitas imprecisións e incapaces de parar ós atacantes madrileños vían como o rival se adiantaba con relativa comodidade gracias á aportación ofensiva do seu oposto Alberto Aparicio (16 pts). Lonxe de borrarse do encontro, os nosos apelaron a súa coraxe e mudaron de faciana tralo descanso entre sets. O servicio branquiazul comezou a carburar e a construcción visitante pasaba por moitos máis apuros que no primeiro acto. A recepción local permitía elaborar o xogo ofensivo en mans do xuvenil Ismael Martínez e a estratosférica actuación ofensiva de Cristóbal Álvarez (19) mostráballe ó Náutico o camiño hacia a vitoria parcial que colocaba as táboas no luminoso. No terceiro o Náutico chegaba ós dous primeiros tempos técnicos a remolque no tanteador (4-8 e 13-16). As imprecisións volvían a lastrar a un equipo que só na parte final do set conseguiría afinar as súas accións para colocar o 2-1 favorable. Este triunfo parcial sentoulles ós nosos coma un soplo de aire fresco. O nivel de recepción era óptimo e o Náutico permanecía puntual ó cambio mentres en bloqueo-defensa arañaba en cada rotación que se dispoñía a sacar. Tras desaproveitar 4 puntos de vantaxe con varias imprecisións Narciso Abalo atopaba un bloqueo-fóra nas mans da primeira liña madrileña que catapultaba ó Náutico hacia 3 puntos importantísimos. Consulta aquí a estadística do encontro. Polo Náutico xogaban: Ismael M., Narciso A., Cristóbal Á., Gabriel del C., Mario I., Emilio P. e Adrián A. (líbero). Como suplentes estaban Daniel V., Miguel V., Germán R., Manuel P. e Gustavo R.

xoves, 20 de novembro de 2014

HORARIOS DO SÁBADO 22 CANDO O CV LEGANÉS VISITA A CACHADA NA SM-2:

JEALSA BOIRO VOLEIBOL - NARÓN VOLEA
(10:00h, A Cachada)-(Liga Galega Cadete Masculina)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL - CVP ALIANZA ESPAÑOLA SEGUROS S.A.
(10:00h, A Cachada)-(Liga Galega Cadete Feminina)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL - CV NARÓN VOLEA
(11:30h, A Cachada)-(Liga Zonal Infantil Feminina)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL - CVP ALIANZA ESPAÑOLA SEGUROS S.A.
(11:30h, A Cachada)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL - CVP ALIANZA ESPAÑOLA SEGUROS S.A.
(13:00h, A Cachada)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL - CVLEGANÉS.COM
(19:00h, A Cachada)-(Superliga 2 Masculina)

DOMINGO 23, ÁS 12:00H NO CENTRO SOCIAL DE BOIRO, ASAMBLEA DO CV CABO DE CRUZ:

Pola presente convócaselle a unha sesión ordinaria da asamblea do CV Cabo de Cruz-Boiro Voleibol, que se celebrará o vindeiro domingo día 23 de novembro ás 12:00 horas, no salón de actos do Centro Social de Boiro, baixo a presidencia de Don Andrés Manuel Martínez Laranga e coa seguinte orde do día:

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Lectura e aprobación, se procede, da memoria da tempada 2013/2014.
  3. Rolda aberta de intervención.
Boiro, 20 de novembro de 2014.

mércores, 19 de novembro de 2014

SEPTETO IDEAL DO BOIRO VB DO 15 E 16 DE NOVEMBRO:

#7IdealBoiroVoleibol da pasada xornada
Malia non ser unha xornada todo o prolífica que quixésemos en canto a resultados houbo actuacións máis que destacadas nos encontros que disputaron os nosos equipos. Desta maneira, o 7 ideal desta xornada é o seguinte: Colocador, Ismael Martínez: tiña a complicadísima misión de suplir a baixa de Iván Souto na visita do Náutico a CyL Palencia 2016 e fíxoo con nota. Foi o xogador do Náutico máis destacado dende a liña de saque e a súa dirección repartiu unha máis que aceptable porcentaxe de acerto entre os seus atacantes. Oposto, Daniel Olveira: Foi o xogador do JEALSA cadete máis destacado en ataque na vitoria que os de Adrián Alves acadaron ante o Club Vigo Vb. Receptora 1, Alejandra Moledo: imparable en ataque durante todo o encontro ante o Xuvenil Teis que acabaría con vitoria boirense por 1-3. A súa aportación en recepción dota de máis seguridade á construcción do JEALSA. Receptor 2, Gabriel del Carmen: os seus 18 tantos ante CyL Palencia (38%) e a súa determinación en momentos claves do choque resérvanlle ó vigués unha praza entre os mellores da semana. Central 1, Mario Iglesias: 13 puntos de remate cun 57% de acerto, 3 bloqueos e 2 aces son as credenciais que presenta o central do Náutico para convertirse nun dos elixidos. Central 2, Lía Villar: non cabe dúbida que as cadetes pasan por un bo momento e un dos reflexos desta situación é Lía. Atinada en ataque e moi certeira desde a liña de saque foi unha das xogadoras máis destacadas no Municipal de Teis na mañá do domingo. Líbero, Christopher Rodríguez: espectacular estrea a do cadete no posto de líbero co equipo xuvenil. Un bo puñado de defensas imposibles e unha predisposición envexable para a defensa convirten a Christopher, sen ningunha dúbida, no mellor líbero desta xornada.

luns, 17 de novembro de 2014

O NÁUTICO CAE EN PALENCIA E SEGUE SEN SALIR DO SEU BACHE PARTICULAR:

CYL PALENCIA 2016 3-1 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(27-25, 25-20, 21-25, 29-27)-(Superliga 2 Masculina)

O Náutico choca contra un altísimo bloqueo
Terceira derrota consecutiva do noso primeiro equipo na Superliga 2 Masculina do voleibol español. A xornada comezaba marcada polo infortunio. Unha luxación nun dedo da súa man dereita no adestramento do viernes apartaba ó colocador Iván Souto dun desprazamento importantísimo para os de Emilio Palacio. O encontro comezaba cos locais máis atinados. A súa presencia en bloqueo intimidaba ós atacantes boirenses que ata 22 veces chocaron co muro palentino. Tras un inicio dubitativo os nosos reaccionaron da man de Narciso Abalo, que a posteriori remataría como máximo anotador do encontro con 20 tantos. Foi un erro en recepción o que afastou ós branquiazuis de poñerse por diante no luminoso. Esta derrota parcial danou moito a moral do Náutico. O central palentino Víctor Rodríguez fortificou o seu terreo de xogo cunha altísima muralla que sería a chave do segundo parcial. O 2-0 tocou a tecla do orgullo dos nosos que tralo descanso entre sets volveu irrecoñecible á pista. Da man dun gran Ismael Martínez os atacantes boirenses comezaron a mostrarse máis efectivos. Mario Iglesias e Gabriel del Carmen (18 puntos cada un) apuntaban unha e outra vez ó firme contrario e os ánimos dos nosos ía en aumento cando se recurtaron as distancias. A inercia do terceiro permanecía intacta no seguinte set. O Náutico tomáralle a medida ó encontro e tras chegar por diante ó primeiro tempo técnico (6-8) o xogo barbanzano volveuse a desmoronar. A primeira liña de defensa dos de Ricardo Maldonado volvía a mostrar a súa calidade e envergadura para levar ó límite un encontro que nese momento se poñía moi costa arriba para os intereses dos nosos (21-16). Unha gran xeira de saques de Ismael Martínez e Gabriel del Carmen igualou o parcial pero dous erros clamorosos do colexiado facían que o xogo caese en saco local logo de estragar os nosos 2 balóns de set que levarían o partido ó desempate. Polo Náutico xogaron: Ismael M., Narciso A., Gabriel del C., Cristóbal Á., Mario I., Emilio P. e Adrián A. (líbero). Como reservas estaban Daniel V., Germán R., Gustavo R., Miguel V. e Manuel P.

xoves, 13 de novembro de 2014

SEIS ENCONTROS NA FIN DE SEMANA QUE O NÁUTICO VIAXA A PALENCIA:

SÁBADO 15:

CYL PALENCIA 2016 - NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(17:30h, Campo de la Juventud)-(Superliga 2 Masculina)

DOMINGO 16:

IBERICAR TURBOTRACCIÓN XUVENIL TEIS - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(09:30h, Municipal de Teis)-(Liga Galega Cadete Feminina)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL - CLUB VIGO VOLEIBOL
(10:30h, A Cachada)-(Liga Galega Cadete Masculina)

IBERICAR TURBOTRACCIÓN XUVENIL TEIS - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(11:15h, Municipal de Teis)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL - CLUB VIGO VOLEIBOL
(12:00h, A Cachada)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)

IBERICAR TURBOTRACCIÓN XUVENIL TEIS - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(13:00h, Municipal de Teis)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

mércores, 12 de novembro de 2014

AMPLA REPRESENTACIÓN MASCULINA NO SEPTETO IDEAL DESTA SEMANA:

Maior representación masculina esta xornada
As vitorias dos nosos equipos masculinos de canteira non pasan desapercibidas e as actuacións individuais nos seus respectivos encontros tampouco. Deste xeito o equipo ideal da xornada queda da seguinte maneira: Colocador, Daniel Vázquez: peza clave na primeira vitoria do noso equipo infantil masculino en Liga Galega. A súa aportación desde a liña de saque e a súa capacidade de xestión foron vitais para que os dous puntos en xogo quedasen na Cachada. Oposto, Daniel Olveira: foi un pesadelo para a segunda liña defensiva do Asesores Vila Castro no encontro que o JEALSA cadete masculino venceu por 3-0. Receptora 1, Paula Vázquez: destacada actuación en recepción e ataque a da boirense na vitoria das cadetes por 3-1. A súa rotación de saque sempre é un soplo de aire fresco para o seu equipo. Receptor 2, Naji A. Gatbache: a súa entrada desde o banco foi vital para que os xuvenís amarrasen 2 puntos máis. Atinado en saque e moi seguro en recepción dotou ó JEALSA da seguridade que necesitaban tras caer no primeiro set do encontro ante o reforzado equipo ourensán. Central 1, Fran Dieste: foi sen lugar a dúbidas o mellor xogador do JEALSA xuvenil masculino na mañá do sábado. Mostrouse imparable en ataque ó longo de todo o partido e un bloqueo directo seu desequilibraría un igualado tie-break. Central 2, Christopher Rodríguez: o seu ataque é unha das bazas que fai do JEALSA un equipo impredecible e o sábado viuse unha nova mostra. Líbero, Darío Outeiral: a súa elevade porcentaxe de recepción positiva permitiulle a Rubén Martínez construir o xogo ofensivo dos nosos con moita comodidade.

luns, 10 de novembro de 2014

O CADETE CHRISTOPHER RODRÍGUEZ POLO MIÚDO, POR DANIEL VÁZQUEZ:

En Almería, coa medalla de bronce
Christopher Rodríguez Soñora (20/08/2000), nado en Rianxo pero afincado en Boiro, é unha das  promesas que nestes últimos anos sobresae na nosa canteira. Nunha primeira ollada, atopámonos a un rapaz educado, cordial e amigable, responsable, que traballa  non só para sí, senón tamén para os demais. Un mozo con ambición e coas ideas moi claras.

- (Daniel Vázquez) Comecemos polos inicios, como chegas ó mundo do volei?
- (Christopher) Con 11 anos, a min apetecíame practicar un deporte de equipo, competitivo, cun balón de por medio, e coma á miña nai non lle chista o fútbol, pois busquei outra saída. Xa tiña visto algúns partidos do actual equipo de Superliga e apaixonoume. Entón esa saída foi o voleibol. Se non fose pola miña nai... non formaría parte disto tan marabilloso.

-Tes practicado algún outro deporte? Facendo logo unha comparativa: que  caracteriza o voleibol respecto doutros?
-Si, practiquei outro "deporte":  o xadrez. Non é para nada comparable co voleibol, nula esixencia física, posición estática, por momentos aburrido... Pero si teñen un punto en común: a concentración. Ámbolos dous esixen máximo nivel nesa faceta, por iso creo que me resulta tan fácil concentrarme na pista. O volei é  complicadísimo. Un mínimo erro, dálle o tanto ao rival, cousa que non pasa no fútbol, no baloncesto... E como todos os deportes de equipo, necesita dun compañeirismo excepcional se queres acadar grandes éxitos.