luns, 29 de setembro de 2014

O NÁUTICO DA A CAMPANADA NA PRIMEIRA XORNADA DA COPA GALICIA:

Cristóbal Álvarez volveu a ser un dos destacados do Náutico
Fin de semana cheo de partidos de Copa Galicia para os nosos equipos. O JEALSA Boiro Voleibol (cadete feminino) viaxaba na mañá do sábado a Narón para intentar seguir adiante na Copa Promesas Feminina. As de Emilio Palacio golpearon primeiro desfacéndose por 3-0 (25-7, 25-1, 25-7) do CV Narón Volea B. A continuación vencerían por un axustado 2-1 ó CV Pontevedra A (25-18, 25-22, 23-25) e por un claro 0-3 a Narón Volea A (12-25, 16-25, 17-25). Deste xeito clasificábanse as nosas para unha nova ronda onde se medirán na Final A ós equipos do EMEVÉ de Lugo e do CV Ribeira Sacra. Tamén na xornada matutina de sábado entraba en acción o Redesyl na Copa Federación Masculina. A Cachada presenciaba a súa derrota ante o Fisioterapia Cinesia Noia por un axustadísimo 1-2 (22-25, 25-21, 23-25) e o triunfo sobre EMEVE por 2-1 (25-22, 12-25, 25-21). O último equipo de base en entrar en acción sería o JEALSA (cadete masculino) no que a súa expedición a Lugo na mañá de domingo para disputar a Copa Promesas Masculina se saldaría cunha vitoria por 3-0 sobre o Narón Volea (25-14, 25-13, 25-21) e cunha derrota pola mínima ante o EMEVE, 2-1 (25-17, 29-31, 25-22). Todo por decidir nunha última xornada á que os de Adrián Alves chegan como líderes do torneo. O prato forte da fin de semana vivíuse na Cachada na sesión vespertina do sábado coa Copa Galicia Masculina en xogo. Os equipos do EMEVÉ (Superliga) e Intasa San Sadurniño (Superliga 2) chegaban a Boiro coa intención de ser os dominadores do voleibol masculino galego. O primeiro encontro enfrontou a lucenses e ferrolanos, vencendo os primeiros por 2-1 (25-22, 24-26, 25-23) nun encontro máis igualado do agardado. A continuación o Náutico gañaba con comodidade ós de Ferrolterra por 3-0 (25-18, 25-19, 25-20) nun partido onde a afección boirense vería en acción por primeira vez ó novo receptor branquiazul, Gabriel Del Carmen. EMEVÉ e Náutico citábanse para o derradeiro encontro. Os lucenses, con xogadores tan destacados no panorama nacional como son o receptor internacional Marlon Palharini ou o oposto de 2'04 Juan Díaz-Romeral non puideron co bloqueo-defensa local e perecían por 1-2 (25-21, 20-25, 30-28) cun desenlace de infarto. A derradeira xornada (Lugo, 4/10/2014) decidirá que equipo se fai coa hexemonía do volei galego.

1 comentario:

Gus dixo...

Si señor!!!!!!!!!