sábado, 21 de setembro de 2013

O NÁUTICO DESFAISE DO FISIOTERAPIA CINESIA NOS 1/4 DE FINAIS DA COPA:

FISIOTERAPIA CINESIA NOIA 1-3 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(20-25, 20-25, 25-19, 19-25)-(1/4 de final da Copa Galicia 2013)

Actuación extraordinaria dos centrais boirenses en Noia
Un ano máis o primeiro equipo do Boiro Voleibol volverá a xogar as semifinais da Copa Galicia despois de desfacerse sen atrancos do Fisioterapia Cinesia noiés. Coas baixas de Emilio Palacio e Miguel Vázquez afrontaban os branquiazuis o seu primeiro encontro oficial da temporada, no que ademais se produxo a reaparición de Narciso Abalo trala súa lesión de nocello. Os puntos iniciais de tanteo entre dous conxuntos faltos de ritmo de competición eran o prólogo dun set no que os nosos tomarían vantaxe a partires da decena de puntos e non abandonarían ata o desenlace do mesmo. No segundo parcial o Náutico mandaba dende o comezo. Jesús Vázquez, Antón Pérez e Mario Iglesias mostrábanse imparables polo medio encamiñando a vitoria parcial que poñía o 0-2 no luminoso. No 3º set o nivel dos boirenses baixou considerablemente. Os noieses, actuais campións da 2ª División Autonómica, agarráronse a unha xeira de servicios do seu colocador Agustín Mourís para deixar sen opcións ós de Boiro. Tras este aviso, os nosos concentráronse en recuperar un nivel que, a pesar de non ser brillante en ningún momento do choque, serviría para clasificarse para as semifinais da Copa Galicia onde agarda o Club Vigo da Superliga de Voleibol Masculina. Como nota positiva do encontro queda, por suposto, a clasificación e o debut co equipo de Superliga 2 dos canteiráns Ismael Martínez, Xián Pérez e Diego Romero. Polo Náutico Boiro Voleibol xogaron: Iván Souto, Narciso Abalo, Cristóbal Álvarez, Manuel Pérez, Jesús Vázquez, Antón Pérez e Adrián Alves (líbero). Como reservas estaban Ismael Martínez, Diego Romero, Gustavo Romero, Xian Pérez e Mario Iglesias.

2 comentarios:

Jesus_pivot dixo...

Bo partido chavales,noraboa, os sets nos que mandamos no marcador foron bos. Pouco a pouco temos que coller ritmo para competir nunha liga dura como a SM2.

FORZA BOIRO VOLEIBOL

Adrián Alves dixo...

Trivot spikes!

Pouco a pouco collendo ritmo chavales. E a eses lesionados a recuperarse!

FORZA BOIRO VOLEIBOL!!!