luns, 21 de novembro de 2011

ESPAÑA BUSCANDO UN BILLETE PARA O PREOLÍMPICO:

Difícil misión para a vermella
Os homes de Fernando Muñoz intentarán manter vivo o soño olímpico de Londres 2012 cunha máis que complicada reválida. Seis países pelexarán pola única praza en xogo divididos en dous grupos de tres equipos. España quedou encadrada no grupo A e pelexará contra Austria e a anfitriona, Eslovaquia. No grupo B competirán as seleccións de Turquía, Estonia e Montenegro. Tras unha liguilla previa os dous mellores de cada grupo disputarán as semifinais e os vencedores das mismas a gran final do torneo clasificatorio coa única praza para o Preolímpico en xogo. A lista de doce convocados é a seguinte: Guillermo Hernán (Colocador do UWM AZS Olzstyn), J.M. Sugrañes (Central do Caja 3 Vb. Teruel), Sergio Noda (Receptor do Citta di Castello), Manuel Sevillano (Receptor do Caja 3 Vb. Teruel), Marc Altayó (Central do CMA Soria), Gustavo Delgado (Receptor do Unicaja Almería), Daniel Rocamora (Oposto do CMA Soria), Jorge Fernández (Central do Nantes Volley), Francesc Llenas (Líbero do Caja 3 Vb. Teruel), Ibán Pérez (Oposto do Unicaja Almería), Sergi Arranz (Colocador do Caja 3 Vb. Teruel), Marlon Palharini (Receptor do Precura Antwerpen).

domingo, 20 de novembro de 2011

RESULTADOS DO 19 E 20 DE NOVEMBRO

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL 0-3 CLUB VIGO VOLEIBOL
(18-25, 12-25, 8-25)-(Liga galega xuvenil masculina)
Xian Pérez ataca un balón no encontro de onte
Derrota en tres sets do equipo xuvenil masculino nun encontro que se prevía moi complicado para os nosos e no que se contaba coas baixas de última hora de Arsenio Santos e do central Martín Herrera, xa que se atopaba en Oviedo co primeiro equipo. Por todos é coñecido que este equipo aínda ten moito camiño por andar debido á súa extrema xuventude e que en momentos importantes a falta de experiencia faise notar. No primeiro set o bo facer dos xogadores boirenses permitía situarse cerca no luminoso mediado o parcial (12-14) pero a medida que avanzaba o mesmo os vigueses distanciábanse para cerrar con comodidade a manga. Nos dous parciais seguintes a intensidade local decaíu e os rapaces vigueses aproveitaron para anotarse o encontro pola vía rápida. Polo Trillizos Boiro Voleibol xogaron: Daniel Vázquez, Fran Dieste, Xian Pérez, Abel Sánchez, Miguel Lorenzo, Raúl Lojo e Adrián Gatbache (líbero). Como reservas estaba Ismael Martínez, Dani Gey e Lois Vázquez.

REYCA BOIRO VOLEIBOL 0-3 CLUB VIGO VOLEIBOL
(7-25, 14-25, 15-25)-(Liga galega cadete masculina)
O Reyca continúa formándose, ánimo
Derrota do Reyca ante o gran favorito nesta liga galega cadete masculina nun encontro que sirve para que os rapaces do Boiro Voleibol sigan adquirindo experiencia nunha liga tan dura como é a autonómica. A non continuidade do xogo boirense poñía en bandexa a vitoria olívica en tres sets baseándose nunha atinda defensa. Os erros en ataque dos nosos non lles permitían meterse no encontro en ningún momento. Agora o que toca é traballar para que no futuro veñan tempos mellores, que coñecendo o compromiso e a entrega deste conxunto de seguro que así será. Polo Reyca Boiro Voleibol xogaron: Ismael Martínez, Fran Dieste, Raúl Lojo, Óscar Refojo, Xian Pérez, Lois Vázquez e Adrián Gatbache (líbero). Como reservas estaban Dani Gey, Ruben Martínez, Pablo Nieto e Darío Outeiral.

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 1-3 DOMPA GESTIÓN A
(25-19, 23-25, 24-26, 15-25)-(2ª División autonómica feminina)
Leve melloría no xogo de O Secreto
Nova derrota do primeiro equipo feminino do Boiro Voleibol que dirixen Andrés Martínez e Narciso Abalo. Moito teñen que mellorar as nosas para recuperar a versión de tempadas pasadas onde eran un dos conxuntos dominadores da categoría e favoritas para alzarse co título de liga. Melloraron respecto a partidos anteriores, sobre todo na súa actitude e disciplina defensiva pero o bo facer do equipo rival, o cal xogou por encima do nivel esperado, imposibilitou o triunfo local. Cabe destacar a actuación da líbero debutante Sheila Outeiral, que iniciou con bo pé a súa andadura no primeiro equipo. Por O Secreto Boiro Voleibol xogaron: Ángela Triñanes, Elena García, Rebeca González, María Triñanes, Ana Bugallo, Ángela Fernández e Sheila Outeiral (líbero). Como reservas aparecían Sandra Lojo, Andrea Barreiro, Luisa Ferreirós e Evelyn Urrutia.

SALUS VOLEIBOL OVIEDO 0-3 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(14-25, 23-25, 20-25)-(1ª Div. Nacional Masculina)
O Náutico mantense líder tras vencer en Oviedo
Vitoria en tres sets do primeiro equipo masculino do Boiro Voleibol en terras asturianas ante un rival recén descendido da liga FEV española. Comezaba o encontro cun xogo brillante dos de Emilio Palacio, trenzando moi ben as accións de ataque producto dunha boa recepción e dunha excelente dirección do colocador Iván Souto. Rápidamente conseguía o Náutico distanciarse no luminoso e manter unha ampla vantaxe ata o final do parcial no que se anotaron un 14-25 a favor. No 2º xogo os ovetenses apretaron os dentes para darlle unha alegría á súa afección. O xogo dos locais mellorou pero os boirenses demostraron, unha vez máis, ser un conxunto moi sólido e sacar o seu talento nos momentos decisivos dos encontros. O resultado foi dun axustado 23-25. No terceiro set volvía o nivel de xogo do inicio do encontro por parte dos nosos. Presión co servicio e cun forte complexo defensa-contraataque permitían adquirir unha ampla vantaxe que levou o luminoso a un 10-17 favorable para os de Boiro. No tramo final do xogo conseguiron os locais arreglar un pouco o resultado para rematar 20-25. Polo Náutico Boiro Voleibol xogaron: Iván Souto "Pas", Narciso Abalo, Manuel Pérez, Cristóbal Álvarez, Jesús Vázquez, Antón Pérez e Adrián Alves "Chicho". Como reservas estaban Daniel Eiras, Rubén Taibo, Miguel Vázquez, Martín Herrera e Gustavo Romero.


CD CONXO 3-2 BOIRO VOLEIBOL
(9-25, 25-15, 24-26, 25-23, 15-11)-(Liga provincial cadete feminina)
Bo partido das cadetes en Santiago de Compostela
Axustadísima derrota das rapazas que dirixe Emilio Palacio na súa visita ás santiaguesas do CD Conxo. Comezaron moi ben o encontro as nosas no primeiro parcial no que, gracias a unha excelente racha de servicios de Ana Bugallo, dominaban con facilidade de principio a fin. No segundo xogo as locais melloraron moito. Máis atinadas en defensa provocaban moitos erros nas xogadoras boirenses, feito que facía que o set caera en peto local por un claro 25-15. O terceiro foi un continuo ir e vir de ámbolos dous equipos. Non puido resolverse esta igualdade ata o final de set onde o potente saque boirense quebraba o entramado do CD Conxo para anotarse a manga pola mínima. No cuarto set as boirenses volvían a mandar no luminoso, tanto que chegaban a poñerse cun 17-23 no luminoso e a dous puntos de cerrar o partido. Foi neste momento cando os erros das nosas daban folgos ás santiaguesas que conseguirían remontar e levar o encontro o tie-break. Este foi dominado polas locales dende o comezo. Na parte final do set as boirenses conseguiron achegarse un pouco no tanteador (13-11) pero non foi suficiente a acabaron cedendo o set e o partido. Polo Boiro Voleibol xogaron: Sara Bugallo, Ana Bugallo, Alejandra Galbán, Antía Sampedro, Melissa Novoa, Enma Ordóñez e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Marta García, Sara Lojo, Claudia Pinaque, Isabel e Sandra Fungueiriño.

venres, 18 de novembro de 2011

Concentración da selección galega cadete:

Fran, Xian, Isma e Naji coa selección galega
Os nosos xogadores Adrián Gatbache, Xian Pérez, Fran Dieste e Ismael Martínez estarán presentes na concentración que a selección galega cadete levará a cabo na vila de Noia o próximo domingo día 20 de novembro. Os xogadores deberán presentarse ás 10:45h no Polideportivo Alonso Rodríguez. A xornada rematará ás 18:00h. En nome de toda a familia do Boiro Voleibol dar os nosos parabéns ós catro agraciados e ós seus adestradores polo traballo que se está a facer na base. Toca aprender e disfrutar.

xoves, 17 de novembro de 2011

Partidos do 19 e 20 de novembro:

SÁBADO:

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL - CLUB VIGO VOLEIBOL
(16:00h, A Cachada)-(Liga galega xuvenil masculina)

REYCA BOIRO VOLEIBOL - CLUB VIGO VOLEIBOL
(18:00h, A Cachada)-(Liga galega cadete masculina)

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL - DOMPA GESTIÓN A
(18:00h, A Cachada)-(2ª División autonómica feminina)

C.V. OVIEDONÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(19:00h, Pol. José Manuel Fuente)-(1ª Div. Nacional Masculina)

DOMINGO:

CD CONXO - BOIRO VOLEIBOL
(12:00h, O Restollal)-(Liga provincial cadete feminina)

sábado, 12 de novembro de 2011

RESULTADOS DO SÁBADO 12 DE NOVEMBRO:

BOIRO VOLEIBOL 1-3 MEX. DE OURO VB RIANXO
(20-25, 23-25, 27-25, 22-25)-(Liga provincial cadete feminina)

BIGMAT SUEIRAS S. SAD. 3-0 TRILLIZOS BOIRO VB
(25-8, 25-17, 25-16)-(Liga galega xuvenil masculina)
O Trillizos cae ante o líder
Clara derrota en tres sets do equipo xuvenil masculino que pereceu na pista do gran favorito nesta liga galega. A diferencia de idades entre os dous equipos quedou patente dende o comezo, véndose nos boirenses un gran número de xogadores moi novos e con menos horas de práctica que os seus rivais. Comezaba o Trillizos moi atenazado, xogando a remolque debido á boa disposición táctica dos ferrolanos. O potente servicio local marcaba o desenlace do primeiro parcial. Nos dous seguintes parciais o xogo dos nosos mellorou. Desperezábanse en defensa e soltábanse un pouco máis en ataque pero non era suficiente para doblegar ó experimentado equipo que dirixe Eloy Mahía. Polo Trillizos Boiro Voleibol xogaron: Ismael Martínez, Fran Dieste, Xian Pérez, Abel Sánchez, Miguel Lorenzo, Martín Herrera e Arsenio Santos (líbero). Como reservas esperaban a súa oportunidade Daniel Vázquez, Adrián Gatbache, Óscar Refojo e Dani Gey.

VOLEYOURENSE.ES 3-0 O SECRETO BOIRO VB
(25-15, 25-20, 25-16)-(2ª Div. Feminina)
Cede O Secreto en Ourense
Clara derrota das xogadoras de O Secreto Boiro Voleibol ante un rival que viña de competir na 1ª división nacional a pasada campaña. Comezou o encontro con dominio boirense no marcador ata o 8-3 gracias á efectividade no servicio de Andrea Barreiro. As ourensás souberon repoñerse e levarse o set con relativa facilidade. Falta de concentración e pasividade na cancha foron as causantes deste parcial adverso. O segundo xogo foi un calco do primeiro. Parcial de comezo 5-1 favorable ás boirenses con Andrea na liña de saque e o mesmo baixón posterior. Erros continuos en recepción presaxiaban un marcador máis abultado, que só conseguiron maquillas gracias á relaxación das locais. Un terceiro set de trámite, que tan só se prolongou durante 16 minutos, deixou os dous puntos da vitoria na cidade das burgas. Por O Secreto Boiro Voleibol xogaron: Ángela Triñanes, Rebeca González, Andrea Barreiro, Katy Sampedro, Elena García, Ángela Fernández e Carla Castro (líbero). Como suplente estaba Sandra Lojo.

INTASA S. SAD. B 3-0 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 26-24, 25-19)-(2ª Div. Masculina)
Derrota do Redesyl en San Sadurniño
Viaxaba o equipo filial masculino do Boiro Voleibol a terras ferrolás coa intención de manterse invicto nesta 2ª división autonómica. Comezaba o encontro cos locais moi atinados. Co seu servicio e con constantes fintas rompían o entramado boirense que se situaba en todo momento 4-5 puntos por debaixo no luminoso. Tal vantaxe foi suficiente para que o primeiro caese de lado ferrolano. O segundo xogo foi igualadísimo e ambos equipos chegaron ó final do mesmo con opcións de vitoria. Un par de erros dos de Felipe García tendíalle a man ó Intasa e este no perdoou a oportunidade de colocarse 2-0. No terceiro e derradeiro set os boirenses saíron ó campo desanimados. Felipe García movía o banco intentando dar coa fórmula pero non servía de nada. Os de Eloy Mahía distanciábanse 8 puntos que o Redesyl non puido recurtar no final de set. Gran rival o que se atoparon os barbanzanos, moi ordeados en todo momento e que non permitiu a habitual superioridade doc centrais boirenses. Polo Redesyl Boiro Voleibol xogaron: Andrés Martínez, Ignacio Cibeira "Frigu", Felipe Resúa, Alén García, Pablo Suárez, Martín Herrera e Adrián Armental (líbero). Como reservas estaban Dani García, Roberto Rodríguez "Tito", Juan "Mande", Fran López e Diego Romero.

ZALAETA 1-3 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(25-22, 18-25, 19-25, 17-25)-(1ª Div. Nacional masculina)
O Náutico segue líder da 1ª división nacional
Viaxaban á cidade herculina os de Emilio Palacio coas importantes baixas de Óscar Gómez, Narciso Abalo, Gustavo Romero e Daniel Agra. Na convocatoria figuraban dous xogadores cadetes: o oposto Fran Dieste e o receptor Xian Pérez. Comezaba o encontro con dúbidas por parte dos nosos e cun Zalaeta extra motivado que pretendía doblegar ós actuais campións da categoría. Os erros do Náutico mantíñan ós coruñeses sempre por riba no luminoso e chegados á parte decisiva do set non puideron os barbanzanos remontar a renda de dous-tres puntos na súa contra. Foi a partires de aquí cando os nosos se concentraban en facer as cousas ben, xogar con tranquilidade e intentar disfrutar na pista. Cunha destacada actuación dos centrais Jesús Vázquez e Antón Pérez o Náutico percutía unha e outra vez no entramado defensivo do Zalaeta e así anotarse os tres seguintes parciais con relativa comodidade. Tras esta sufrida vitoria o noso primeiro equipo mantense no máis alto da clasificación desta 1ª División Nacional. Polo Náutico Boiro Voleibol xogaron: Iván Souto "Pas", Manuel Pérez, Miguel Vázquez, Cristóbal Álvarez, Antón Pérez, Jesús Vázquez e Adrián Alves (líbero). Como reservas figuraban Daniel Eiras, Rubén Taibo, Fran Dieste e Xian Pérez.

xoves, 10 de novembro de 2011

XENTE DO BOIRO VOLEIBOL, EMILIO PALACIO:

Emilio Palacio: “A xente responde ben cando lle das caña”

Emilio Palacio
Xa era hora de falar co mister. Emilio é un auténtico currante, está formado e ten ganas de traballar. Sacrificou a súa participación como xogador para centrarse en preparar o primeiro equipo, e conseguiuno. A temporada pasada levou ao Hipescar ao máis alto da Primeira División. Este argentino sereno e pausado, observa o campo e dá sensación de control só con pousar a mirada sobre a rede.
Antes de ser técnico xa deu proba de capacidade dentro do campo: habilidoso na rede, seguro no ataque e... voador! salta moitísimo, o que lle permitiu competir a nivel profesional malia o seu metro oitenta de estatura. Agora está preparado para transmitir o que sabe: con estudos de INEF, varios cursos de preparador específicos, con experiencia e con moitas ganas, Emilio vai a por todas.

-(Charo) Nun grupo tan cohesionado e familiar como o do Boiro, como fas cando lle tes que tirar a alguén das orellas?
-(Emilio) A verdade é que non temos problema con iso, a xente entende moi ben o esforzo, especialmente cando se ven os progresos. A min de novo gustábame que me deran caña, e penso que iso é o que intento eu agora. Pola miña parte hai que saber ser esixente sen chegar a autoritario, e traballar moito a xestión do grupo a nivel de atitude. En todo isto influe moito a motivación; é fundamental.  O feito de levármonos ben e de manter relación de amizade con moitos dos xogadores non foi nunca un problema, todo o contrario, hai moito respecto.

-Antes de adestrar foches xogador durante anos.
-Si, empezaría arredor dos 10 anos. Da vila de onde eu son, Ingeniero Jacobacci, de 7000 habitantes 100 facían voleibol. É un deporte moi seguido, o terceiro despois do fútbol e do baloncesto. Cando cheguei a Europa estiven uns anos sen practicalo, pero ao vir para Boiro volvín reengancharme.

-Como foi o teu percorrido polo voleibol profesional na Arxentina?
-O sistema alí é similar ao de aquí; de xuvenil estiven xogando na Superliga. Logo pasei uns anos na Primeira División, que equivale á Superliga 2 de aquí. Alá a motivación tamén me influia moito, era moi sacrificado competir; para as viaxes por exemplo tiñamos que atravesar como un deserto para ir xogar a outro sitio. Pero co esforzo tamén se vive de outro xeito, a nivel emocional implícaste moito, eu penso que aumenta a vontade e a entrega.

-Extrañas seguir xogando? Esta foi unha retirada temporal ou xa non tes pensado volver como xogador?
-Si, extraño. Por unha parte lévoo ben, porque como me gusta tanto adestrar olvídome un pouco diso, sobre todo nos partidos, porque estou concentrado. Nos adestramentos ás veces dame envexa, pero bueno... En principio non penso que volva xogar, e non quero dicir que sexa completamente definitivo, ainda que imaxino que si.

-Para ser bo adestrador tes que ser bo xogador?
-Eu non estou moi de acordo con iso, penso que hai moitos máis factores. Para adestrar é moi importante a pedagoxía, por exemplo; saber transmitir os coñecementos, e isto pode facerse con moitos recursos. Ademais o papel de adestrador non só implica o labor de técnico, tamén o traballo no equipo, a xestión da motivación, o control no campo, saber aproveitar o potencial de cada xogador... Hai cousas que si se poden amosar co exemplo, visualmente son máis fáciles de aprender, pero non é o único xeito. A min gústame buscar posibilidades, ser un pouco creativo, pensar sobre as xogadas... Nese sentido, ser autodidacta tamén é importante.

“Eu escollo pista cen veces antes que praia”

-Praia ou pista?
-A praia está ben para non perder o ritmo durante o verán, pero é totalmente distinto como deporte. Eu escollo pista cen veces antes que praia.

-Como te criaches tan lonxe do mar, non?
-(risas) Será iso.

-Cales son os teus retos a medio prazo?
-Coas cadetes creo que vamos facer unha boa temporada, estou moi contento con elas, teñen moito potencial, e agardo que para o ano poidamos subir de categoría.
E co equipo de Primeira, ainda é moi cedo para falar, pero penso que temos posibilidades de estar entre os dous primeiros da clasificación.

“Gañar a Liga o ano pasado foi a maior alegría deportiva da miña carreira”

-Védesvos noutra categoría?
-O de pasar de categoría xa non depende só do equipo, ten que ser unha decisión do Club, porque implica máis cousas. Pero en principio penso en chegar a estar entre os dous primeiros postos da Liga. E até apostaria por gañar outra vez. A ver, haberá que traballalo. A victoria do ano pasado foi a maior alegria deportiva da miña carreira.

-Adestras os máis vellos e os máis novos.
-Si, a min o mellor paréceme apostar pola canteira. Para enraizar o volei hai que traballar nas escolas, empezar por asentar a base. De aquí xa saiu xente como Pablo Bugallo, que agora está en Superliga, e moitos máis que van sair! No equipo de Primeira tamén hai moitos xogadores moi novos. E Boiro é un dos sitios onde máis xente ven ver os partidos, todo isto é resultado do esforzo que se fai por intentar achegar a xente nova ao voleibol, ainda que non saia na tele.
Charo López

mércores, 9 de novembro de 2011

ENCONTROS DO PRÓXIMO SÁBADO 12 DE NOVEMBRO:

BOIRO VOLEIBOL - MEX. DE OURO VB RIANXO
(11:30h, A Cachada)-(Liga provincial cadete feminina)

BIGMAT SUEIRAS S. SAD. - TRILLIZOS BOIRO VB
(11:30h, PM de San Sadurniño)-(Liga galega xuvenil masculina)

VOLEYOURENSE.ES - O SECRETO BOIRO VB
(11:30h, Paco Paz)-(2ª Div. Feminina)

INTASA S. SAD. B - REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(17:00h, PM de San Sadurniño)-(2ª Div. Masculina)

ZALAETA - NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(19:00h, PM Sagrada Familia)-(1ª Div. Nacional masculina)

martes, 8 de novembro de 2011

O CMA DE SORIA NUMANCIA AFIANZA O SEU LIDERATO:

Consulta a estadística do encontro aquí
Partidazo o que se viu no polideportivo de Los Pajaritos entre dous dos equipos equipos máis en forma da SVM española no que o CMA de Soria se impoñia ó Cajasol de Sevilla por 3-1 (22-25, 25-17, 25-16, 25-20). Os máis de 1500 siareiros disfrutaban dun espectáculo no que o boirense Pablo Bugallo tomou protagonismo a partires do 3º parcial, momento no que sustituiu ó central internacional absoluto Marc Altayó e conseguiu anotar para os seus 6 puntos. Non están tendo sorte coas lesións os de José Luis Moltó xa que á baixa xa coñecida de Fran Ruiz uniuse neste partido a de Casilla, tamén receptor que sufriu un desgarro nun dedo. Con este triunfo o CMA é máis líder da máxima competición do noso país e para a familia do Boiro Voleibol é todo un orgullo que un dos nosos forme parte dese proxecto. Parabéns Pablo.

sábado, 5 de novembro de 2011

RESULTADOS DO 5 DE NOVEMBRO:

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL 3-2 XUVENIL TEIS
(29-31, 25-21, 18-25, 25-22, 15-11)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)
Primeira vitoria en liga do Trillizos
Chega a primeira vitoria da temporada para o noso equipo xuvenil masculino nun apretado encontro que se tivo que resolver no tie-break. Comezaba o encontro co Trillizos desconcertado, cometendo un gran número de erros e tímidos no seu xogo. Esta situación permitíalles ós vigueses distanciarse de contado no luminoso do primeiro parcial pero a reacción boirense non se faría esperar. No tramo final deste xogo a orde defensiva mellorou para achegar ós boirenses e incluso permitirlles malgastar 4 puntos de set.  No segundo parcial o Trillizos impúxose ó rival en todo momento. Cunha sólida defensa e cun contraataque moi atinado os de Adrián Alves conseguían anotarse o 2º para alegría dos siareiros que se atopaban na Cachada. No terceiro volvían as pantasmas iniciais: desconfianza local producto da extrema xuventude do equipo (3 cadetes no 7 inicial). O resultado foi dun claro 18-25 para os visitantes. A partir deste momento presenciouse outro encontro. Tras correxir posicións en defensa os rapaces boirenses tomaron o control do xogo. Acertadísimos en defensa capitaneados polo líbero Arsenio Santos e contundentes en ataque da man do oposto Fran Dieste e do central Martín Herrera a balanza desequilibrábase ó noso favor. Tras esta 4ª xornada da liga galega xuvenil masculina a clasificación quedaría así. Polo Trillizos Boiro Voleibol xogaron: Ismael Martínez, Fran Dieste, Abel Sánchez, Xian Pérez, Martín Herrera, Miguel Lorenzo e Arsenio Santos (líbero). Como reservas estaban Adrián Gatbache, Óscar Refojo, Lois Vázquez e Dani Gey. Causaron baixa para o encontro Dani Sieira, Alfonso Rey e Daniel Vázquez.

REDESYL BOIRO VOLEIBOL 3-2 XUVENIL TEIS
(25-19, 16-25, 13-25, 25-17, 15-8)-(2ª Div. Autonómica Masculina)
O Redesyl mantense líder invicto
Importantísima vitoria do Redesyl Boiro Voleibol ante un moi forte rival que é candidato a todo nesta 2ª Div. Masculina do voleibol galego. Comezaban atínadísimos os de Felipe García, mantendo unha recepción moi boa permitindo deste xeito a cómoda xestión do veterano colocador boirense Andrés Martínez. Co acerto en ataque dos centrais Pablo Suárez e Martín Herrera o parcial caía no saco boirense con relativa comodidade. Desde este momento os nosos desapareceron do campo. Constantes imprecisións froito do nerviosismo e erros infantís permitían ós vigueses distanciarse no luminoso xa nos primeiros compases do 2ª e 3º set. Foi no 4º xogo cando vivimos a primeira reacción de xenio deste equipo. Conxurábanse os xogadores do Redesyl para darlle a volta a este vital encontro e seguir deste xeito no máis alto da clasificación unha semana máis. Baseándose de novo nunha gran liña de recepción, mellorando no K2 e cunha bancada que daba folgos ós boirenses conseguíase revertir a situación e levarse o triunfo nun trascendental e emotivo partido. Polo Redesyl Boiro Voleibol xogaban: Andrés Martínez, Roberto Rodríguez "Tito", Alén García, Felipe Resúa, Martín Herrera, Pablo Suárez e Adrián Armental "Naranxo" (líbero). Como reservas na tarde de onte estaban Dani García, Ignacio Cibeira "Frigu", Xavier Sarille, Juan Lorenzo "Doc" e Diego Romero.

NÁUTICO BOIRO VB. 3-0 CID JOVELLANOS (GIJÓN)
(25-14, 25-18, 25-15)-(1ª Div. Nacional Masculina)
Impresionante ambiente na Cachada
Cómoda vitoria en tres sets do primeiro equipo masculino do Boiro Voleibol ante os asturianos do CID Jovellanos no encontro que servía de presentación ante as autoridades do concello de Boiro, do patrocinador principal do equipo e por suposto da excelente afición local que cada vez responde máis a eventos do club. Os de Emilio Palacio mostraron superioridade en tódalas facetas do xogo e en tódolos momentos do partido. Mantendo un gran nivel de recepción, un alto porcentaxe de acerto en ataque e un fortísimo complexo defensa-contraataque conseguían os boirenses un triunfo pola vía rápida que os mantén unha semana máis no máis alto da táboa clasificatoria desta 1ª Div. Nacional. Cabe destacar a actuación de Narciso Abalo, moi atinado en ataque e inspiradísimo en servicio sendo un constante quebradeiro de cabeza para a recepción asturiana. Polo Náutico Boiro Voleibol xogaron: Iván Souto "Pas", Narciso Abalo, Cristóbal Álvarez, Gustavo Romero, Jesús Vázquez, Óscar Gómez e Adrián Alves "Chicho" (líbero). Como reservas estaban Daniel Eiras, Rubén Taibo "Mechas", Miguel Vázquez, Manuel Pérez e Antón Pérez.

venres, 4 de novembro de 2011

VÍDEO AULE (LEÓN) - NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL:

Xa podedes ver a través de youtube ou deste enlace en vermello o vídeo completo do debut dos nosos na 1ª División Nacional Masculina 2011-2012 en terras castelás. O resultado foi de 0-3 (12-25, 13-25, 19-25) e permítelles ó Náutico Boiro Voleibol disfrutar do privilexio de ocupar o liderato da competición despois desta primeira xornada. Espero que o disfrutedes.

Disfruta da primeira vitoria en liga do Náutico

mércores, 2 de novembro de 2011

PARTIDOS DO SÁBADO 5 DE NOVEMBRO:

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL - XUVENIL TEIS

REDESYL BOIRO VOLEIBOL - XUVENIL TEIS

NÁUTICO BOIRO VB. - CID JOVELLANOS (GIJÓN)
(18:00h, A Cachada)-(1ª Div. Nacional Masculina)