luns, 1 de febreiro de 2016

O NÁUTICO, NA PELEXA POLO ASCENSO. CRÓNICAS DA XORNADA:


JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-1 MOCAVI XUVENIL TEIS
(25-20, 25-23, 15-25, 31-29) - (1ª Div. Aut. Cadete Feminina)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 AS MARIÑAS OLEIROS
(25-21, 25-18, 25-22) - (1ª Div. Aut. Cadete Masculina)
O JEALSA segue sen coñecer a derrota
Nova vitoria para a nosa sección cadete masculina, que unha semana copa o máis alto da clasificación desta 1ª División Autonómica Cadete Masculina. En fronte, un dos rivais máis perigosos da competición: As Mariñas Oleiros, 2º clasificado da liga. Sen embargo, os tan só dous puntos que separan a ambos equipos non se reflectiron no encontro, dominado en todo momento polo facer do JEALSA. Así pois, tratouse dun partido moi serio e acertado en facetas ofensivas por parte dos nosos, liderados polo receptor Daniel Olveira, clave dende a liña dos 9 metros cun saque en potencia que desarticulou en momentos clave o k1 do equipo visitante. Esta dinámica de dominio e control plasmaríase na totalidade dos tres parciais, non dando opción en ningún momento a unha posible reacción oleirense. Con este novo triunfo, o JEALSA continúa invicto na categoría, con tan só dous sets en contra. Polo JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Rubén M., Borja S., Daniel O., Chirstopher R., Álex V., Juan O., e Darío O. (líbero). Como reservas actuaron: Mauro M., Manuel T., Sergio C. e Pablo D.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 AS MARIÑAS OLEIROS
(25-19, 25-14, 25-20) - (1ª Div. Aut. Xuvenil Masculina)
Os xuvenís non dan opción As Mariñas
Terceiro triunfo consecutivo no que vai de ano para a nosa sección xuvenil masculina, que pasa a ocupar unha prometedora 3ª praza na División Autonómica Xuvenil Masculina, a tan só un punto do líder: o Asesores Vila Castro de Ourense. Así pois, o 5º clasificado da competición, As Mariñas Oleiros, presentábanse no Pavillón Municipal de A Cachada coa intención de repetir o resultado da primeira volta, que se saldou con 3-2 favorable ao conxunto oleirense. Non obstante, a diferenza de puntos existente entre ambos os dous equipos faría acto de presenza na mañá do sábado 30 de xaneiro,  nun encontro dominado de principio a fin polo JEALSA Boiro Voleibol. O partido estivo marcado pola efectividade en bloqueo- defensa dos nosos, un muro demasiado alto para As Mariñas, que pouco a pouco vía como o bo xogo non era suficiente para deter a un JEALSA encamiñado a zanxar o encontro pola vía rápida. Deste xeito, o dominio xa mencionado unido a un notable traballo colectivo brinda aos nosos a súa oitava vitoria no que vai de tempada. Polo JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Ismael M., Daniel O., Lois V., Christopher R., Félix R., Álex V. e Darío O. (líbero). Como reservas estaban: Rubén M., Borja S., Juan O., Gabriel S. e Iván G. (líbero).

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 2-3 SECRETO GALAICO XUVENIL TEIS
(25-23, 27-25, 14-25, 23-25, 14-16 ) - (1ª Div. Aut. Sénior Feminina)
O JEALSA non pode co Xuvenil Teis
Dura derrota para o noso primeiro equipo feminino contra o penúltimo clasificado da 1ª División Autonómica Sénior Feminina: o Secreto Galaico Xuvenil Teis. O resultado evidencia a igualdade latente durante todo o encontro, marcado polas imprecisións e a falta de continuidade no xogo por parte de ambos os dous conxuntos. Tratouse dun partido puramente errático, lento e falto de dinamismo, características que dende logo favoreceron a que o JEALSA non se achegara ao nivel de xogo requerido en xogos  como o do sábado. Deste xeito, resulta máis que evidente supoñer que gañou o equipo que menos erros cometeu, neste caso: o Xuvenil Teis. Así pois, as nosas non foron capaces de aproveitar un 2-0 inicial, vendo como as visitantes pouco tardaban en enviar o encontro ao tie-break. Unha vez máis, o JEALSA tería a oportunidade de pechar o partido, máis un erro de saque poñería en bandexa de prata o 5º triunfo para as viguesas. Con este resultado, o JEALSA Boiro Voleibol sitúase na 6ª praza da competición. Polo JEALSA xogaron: Paula V., Mariana D., Paula M., Alejandra R., Katy S.,  Alejandra G. e Sheila O. (líbero). Como reservas estaban: Sheila P., Laura P., Laura O., Marta S. e Irea T. (2ª líbero).

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 AS MARIÑAS OLEIROS
(25-12, 12-25, 26-24, 17-25, 17-15) - (1ª Div. Aut. Infantil Masculina)
Triunfo pola mínima dos infantís
Vitoria pola mínima do JEALSA Boiro Voleibol contra o agora 6º clasificado da competeción: o sempre combativo As Mariñas Oleiros. Tratouse dun encontro vibrante, marcado en todo momento por unha notable igualdade entre dous equipos en ascendente progresión. O partido comezou cos nosos moi atinados. Infranqueables en defensa grazas á labor de Alan Davila e Alberto Tubío os nosos maniataban toda opción de ataque rival. No segundo parcial, o dominio cambiaría de lado froito dun potente e determinante servizo oleirense. Non terceiro set produciríase un momento de vital importancia no trascender do encontro: cun 17-24 en contra, o JEALSA conseguiría da man de Daniel Vázquez unha xeira incrible de saques para remontar o parcial e situar o 2-1 no luminoso para o combinado boirense. Non obstante, a xesta local non inquietaría aos visitantes, que combinando servizo e ataque polo centro voltarían a igualar o marcador. De novo, outro tie-break. Nesta ocasión, a diferencia do partido sénior feminino, o JEALSA soubo controlar os momentos de tensión e tras unha espectacular finta de Jaime Arjones para romper o primeiro punto de partido para As Mariñas, os infantís facíanse co triunfo por 17-15. Polo JEALSA Boiro Voleibol xogaron: Jaime A., Daniel V., Alan D., Alberto T., Rodrigo M. e Tomás R. Tamén xogaron Carlos L., Juan Q., Jose G., Carlos G. e Jesús O.
 
JEALSA BOIRO VOLEIBOL B 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(17-25, 19-25, 28-26, 19-25) - (2ª Div. Aut. Infantil Feminina)

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-0 cvleganes.com
(25-22, 25-17, 28-26) - (Superliga Masculina 2)
Cristóbal Álvarez, clave na tarde do sábado
Nova e cómoda vitoria para o noso primeiro equipo masculino na 14ª xornada da Superliga Masculina 2. Nesta ocasión, o rival que visitaba A Cachada era o cvleganes.com, antepenúltimo clasificado da competición. Os madrileños chegaban a Boiro coa importante baixa do seu oposto titular Ramsés Ballesteros, 6º máximo artilleiro da tempada e xogador referencia dos visitantes. Aínda así, plantexábase un encontro canto menos complicado. Nada máis lonxe da realidade. Dende o primeiro momento, os nosos non deron opción algunha ao cvleganes.com, logrando importantes vantaxes iniciais en todos os parciais, que unicamente perigarían en momentos puntuais do partido, con pequenas remontadas do cvleganés.com que non se chegarían a materializar. Cabe destacar a sempre notable actuación do noso capitán Cristóbal Álvarez (14 puntos, 83% de efectividade en recepción) e do noiés Pablo Suárez (8 puntos e 6 bloqueos directos), ambos incluidos no septeto ideal da xornada pola RFEVB. É de obriga citar tamén a volta á pista de Jesús Vázquez, apartado dos terreos de xogo dende principios da tempada.  Con este triunfo, o Náutico Boiro Voleibol pasa a ocupar unha meritoria 4ª praza na competición. Polo Náutico xogaron: Iván S., Xián P., Gabriel Del C., Cristóbal A., Mario I., Pablo S. e Adrián A. (líbero). Como reservas actuaron: Ismael M., Naji G., Manuel P., Germán R. e Jesús V. 

AS MARIÑAS OLEIROS 3-0 JEALSA BARRAÑA VOLEIBOL
(25-8, 25-10, 25-19) - (1ª Div. Aut. Infantil Masculina)
Os infantís, en continua progresión
Contundente derrota en tres sets do JEALSA Barraña Voleibol na mañá do domingo 31 de xaneiro contra As Mariñas Oleiros, 6º clasificado da 1ª División Autonómica Infantil Masculina. O partido comezou cos nosos fríos, atenazados, con moitas complicacións para frear un servizo local que marcou o devir de todo o encontro. Ademais do dito, o bo facer dos centrais oleirenses en ataque poñían en verdadeiros apuros á defensa do Barraña, que pouco a pouco iba perdendo solidez e consistencia. Sen apenas complicacións, As Mariñas levaban un cómodo primeiro set por 25-8. Pola contra, nos dous xogos seguintes o rumbo cambiou, as sensacións xa non eran as mesmas. Pouco a pouco, os boirenses comezaron a facer dano co saque e a construir xogadas de ataque que, a pesares de non materializarse sempre con éxito, puxo en dificultades a un equipo fisicamente superior. Con este resultado, o JEALSA mantense na última posición da competición, a catro puntos do Asesores Vila Castro de Ourense, 5º clasificado. Polo JEALSA Barraña Voleibol xogaron: Esteban, Víctor, Martín, Carlos, Eloy, Mateo S. e Brais.


Ningún comentario: